Fulmarus glacialoides
Fulmarus glacialoides | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Fulmarus glacialoides é unha especie de ave mariña procelárida do hemisferio sur do xénero Fulmarus, o cal comparte co fulmar do hemisferio norte Fulmarus glacialis.[1]
É principalmente de cor gris clara por riba e branca por debaixo cunha distintiva mancha branca na á. Reprodúcese nas costas da Antártida e nas illas que a rodean, movéndose ao norte en inverno. Aniña en colonias en cantís, e pon un só ovo nun saínte ou oco do cantil. Come krill, peixes e luras que captura na superficie da auga.
Descrición
[editar | editar a fonte]É unha ave bastante grande e voluminosa, cunha lonxitude entre 45 e 50 cm e unha envergadura alar de 110 a 120 cm.[2] O macho ten un peso medio de 795 g e a femia, que é menor, de 740 g. Estes pesos increméntanse ata os 1005 e 932 g ao principio dunha quenda de incubación de ovos.[3] A lonxitude dunha á do macho é de 34 cm, a lonxitude do peteiro é de 44,6 mm, a lonxitude do tarso é de 52,1 mm e a lonxitude da cola de 12,4 cm. A femia ten unha á que mide 33,9 cm, un peteiro de 43 mm, un tarso de 51,5 mm e unha cola de 12,1 cm.[3]
O voo desta ave é unha mestura de batidos pouco profundos e longos planeos, a miúdo mirando para abaixo para examinar a superficie da auga. As ás son bastante anchas e arredondadas e mantéñense ríxidas. A plumaxe é principalmente clara de cor gris prateada por arriba e branca por debaixo. A cabeza é branca cun píleo gris claro. As puntas das ás son anegradas cunha gran mancha branca e as ás teñen uns bordos escuros traseiros. As patas e pés son azuis claros. O peteiro é rosa cunha punta negra e naricornos azuis escuros. As aves no seu primeiro ano de vida teñen un peteiro máis delgado que os adultos.[4]
Xeralmente son silenciosos pero poden producir chamadas altas grallando, que emiten no niño ou nas bandadas de alimentación. As aves en cortexo producen chamadas baixas grallando de forma gutural e rumbante.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]A especie foi descrita primeiramente en 1840 polo naturalista escocés Andrew Smith baseándose nun espécime recollido no cabo de Boa Esperanza. Orixinalmente recibiu o nome binomial de Procellaria glacialoides, mais despois foi trasladada ao xénero Fulmarus xunto co seu parente próximo do norte F. glacialis. Os datos moleculares suxiren que as dúas especies diverxeron durante o Plistoceno.[3]
Distribución
[editar | editar a fonte]Hai colonias desta especie en varias illas que rodean a Antártida, como as illas Sandwich do Sur, Orcadas do Sur, Shetland do Sur, Bouvet e de Pedro I. Tamén se reproduce en varios lugares das costas continentais da Antártida.[5]
No mar, aparece principalmente ao longo do límite das placas de xeo flotantes en verán con temperaturas da auga de −1,5 a 0,5 °C.[3] En inverno, regularmente chega máis ao norte ata uns 40° S de latitude. Aparece aínda máis ao norte nas augas frías como as da corrente de Humboldt, chegando ata o Perú. Poden verse en pequenas cantidades nas costas de Suráfrica, no sur de Australia e Nova Zelandia. Moitas destas aves poden ser arrastrads ás praias despois das tormentas. Hai varios informes non confirmados da súa aparición na costa oeste de América do Norte.[6]
É unha especie común cunha poboación de polo menos 4 millóns de individuos.[3] Aproximadamente un millón de parellas reprodúcense nas illas Sandwich do Sur.[7] A especie non se considera en risco de extinción e está clasificada como en status "pouco preocupante" por Birdlife International.[8]
Comportamento
[editar | editar a fonte]Reprodución
[editar | editar a fonte]As colonias reprodutoras poden contar con centos de aves e están situadas en cantís en áreas libres de xeo ás que as aves chegan en outubro. A exhibición de cortexo consiste en que a parella se sitúa unha a carón da outra mentres emiten vocalizacións, moven as cabezas e peteiran e acicálanse unhas a outras. O niño é unha depresión escarvada pouco fonda forrada con pequenas pedras. Constrúeno nun lugar abrigado do vento sobre un saínte ou pendente de derrubios ou nun oco. Poñen un só ovo branco a finais de novembro ou principio de decembro, que mide 76×51 mm e pesa uns 103 g.[4] É incubado durante 45 días e ambos os proxenitores fan quendas que duran de 3 a 9 días. O penuxe das crías é inicialmente branco agás un ton gris azulado no manto. O segundo conxunto de penuxe é gris na parte superior e flancos, mentres que o resto da parte inferior e fronte permanecen brancas.[4] As crías empluman aos 52 días de vida. O mal tempo pode causar unha alta mortalidade entre os ovos e polos e ademais son depredados por papamerdas e Chionis.[9] O éxito reprodutor aumenta a medida que os pais maduran, mellorando desde só o 48% á idade de 6 a 8 anos ata o 87% á idade de 18 a 20 anos.[3]
Alimentación
[editar | editar a fonte]Os fulmares austrais reúnense con frecuencia en bandadas, a miúdo con outras especies de aves mariñas como os Daption capense, cando hai unha concentración de alimento como un banco de krill ou arredor dos barcos baleeiros e arrastreiros. O krill e outros crustáceos son o compoñente máis importante da dieta pero a especie tamén se alimenta de pequenos peixes como Pleuragramma antarcticum e luras como Psychroteuthis, Gonatus e Galiteuthis.[9] O alimento recólleno normalmente na superficie da auga, pero ás veces poden tamén megullarse.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "Fulmarus glacialoides". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 November 2013.
- ↑ Pizzey, Graham; Knight, Frank (1997). The Graham Pizzey & Frank Knight Field Guide to the Birds of Australia. London, UK: HarperCollins.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Brooke, M. (2004). "Procellariidae". Albatrosses And Petrels Across The World. Oxford, UK: Oxford University Press. ISBN 0-19-850125-0.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Watson, George E. (1975). Birds of the Antarctic and Subantarctic. Washington, D.C. USA: American Geophysical Union.
- ↑ Harrison, Peter (1987). A Field Guide to Seabirds of the World. Lexington, Massachusetts: The Stephen Greene Press.
- ↑ Banks, Richard C. (1998). "Supposed northern records of the Southern Fulmar". Western Birds 19 (3): 121–124.
- ↑ Heather, Barrie D.; Robertson, Hugh A. (1997). The field guide to the birds of New Zealand. Oxford, UK: Oxford University Press.
- ↑ BirdLife International (2009). "Southern Fulmar – BirdLife Species Factsheet". Data Zone. Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020. Consultado o 17 Jul 2009.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 del Hoyo, Joseph; Elliot, Andrew; Sargatal, Jordi (1992). Handbook of the Birds of the World. Vol. 1, Ostrich to ducks. Barcelona, Spain: Lynx Edicions.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Fulmarus glacialoides |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Fulmarus glacialoides |