Saltar ao contido

Fulgurita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fulgurita.

A fulgurita (do latín fulgur, 'lóstrego') é unha rocha metamórfica en forma de tubo composta por lechatelierita (sílice vitrificado) que se pode atopar en areas, arenitas ou materias semellentes. A súa formación débese á caída de raios atmosféricos.

A caída do raio sobre un terreo areoso provoca a fusión dos grans de sílice, xa que a temperatura deste pode chegar aos 4.000 °C, até unha profundidade de máis dun metro, mais nunha zona moi estreita. O sílice queda así vitrificado en forma de tubos de raio, de 2 a 50 mm de diámetro, ás veces retortos ou ramificados. Por isto, as fulguritas adoitan atoparse nos desertos de area e nas dunas litorais.

Poden ser de diferentes cores dependendo da composición da area onde se formaron, incluíndo negro, bronce, verde e branco translúcido. O interior da fulgurita é comunmente liso ou con liñas de pequenas burbullas. O exterior está xeralmente cuberto de partículas rugosas de area. Teñen aparencia rizomorfa e normalmente presentan pequenos buracos. Tamén algunhas veces as fulguritas forman conxuntos vítreos en rochas sólidas.

A formación de fulguritas é un fenómeno pouco frecuente, e extraer unha íntegra é complicado por causa da súa fraxilidade, crebándose facilmente. Posiblemente o exemplar mellor conservado atópase na Academy of Natural Sciences de Filadelfia, descuberto en 1940.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]