Filae
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2022.) |
Φιλαί (grc) | ||||
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Estado | Exipto | |||
Gobernación | Assuão (pt) | |||
Xeografía | ||||
Altitude | 144 m | |||
Identificador descritivo | ||||
Fuso horario | ||||
Filae (en textos latinos: Philæ, Philae) era o nome dunha illa situada no río Nilo, a once quilómetros ao sur de Asuán, no Exipto. Foi soado polos templos erixidos durante os períodos tolemaico e romano dedicados ao culto á deusa Isis que se espallou por todo o Mediterráneo, manténdose a súa veneración no templo de File ata que foi prohibido en tempos de Xustiniano I, no ano 535
A illa de Filae ficou mergullada no século XX baixo as augas encoradas polo encoro de Asuán, aínda que baixo patrocinio da Unesco os templos foron desmontados, trasladados e reconstruídos no próximo illote de Agilkia.
Historia
[editar | editar a fonte]Isis foi unha das deusas principais do panteón exipcio, mais só a partir de Nectanebo I, faraón da dinastía XXX, comezaron a erixirse edificacións sacras de certa importancia na illa. Os tolemaicos continuaron ampliando o complexo e, posteriormente, algúns emperadores romanos como Augusto, Tiberio, Traxano e Hadriano, ordenaron construír máis edificacións.
O culto á deusa perdurou ata o século VI, cando o emperador romano de oriente, Xustiniano I, o prohibiu. O conxunto reconverteuse entón en igrexa cristiá dedicada á advocación de Santo Estevo, ata o século XII, época na que o credo islamita xa se impuxera como relixión maioritaria da poboación exipcia.
Patrimonio da Humanidade
[editar | editar a fonte]O conxunto de templos de Filae forma parte do Museo ao aire libre de Nubia e Asuán, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 1979 co nome de Monumentos de Nubia de Abú Simbel a Filae.
O sistema templario en Filae; a gramática do templo
[editar | editar a fonte]O conxunto de templos da illa de Filae non constitúe un sistema illado. Así a todo, está estreitamente vencellado a outros templos próximos (Abatón) e á serie de templos nubios que, dende Filae, fican nas beiras da Baixa Nubia. Cómpre lembrar que o gobernante exipcio (case de xeito continuado en cada reinado) regaloulle "os campos" (o Dodekaschoenos) á deusa (o que é o mesmo que dicir aos seus sacerdotes).
Na illa, existe unha clara gradación nos templos. O templo principal é, naturalmente, o de Isis, e ocupa a posición axial, estando os outros templos (Arensnufis, Imhotep etc.) subordinados ao da deusa, atopándose transversalmente ao eixe principal.
A decoración dos muros dos templos que constitúen o conxunto de Filae realizouse conforme a un sistema descrito por Eleni Vassilika (Ptolemaic Philae), segundo o cal os artistas, seguindo as directrices dos teólogos, elaborarían unha serie de cartóns decorativos a partir dos cales fóronse erguendo as decoracións murais, mantendo estritas normas regradas.
Os templos ergueitos na illa de Filae
[editar | editar a fonte]O conxunto do templo de Isis dispón de varias edificacións:
- O vestíbulo de Nectanebo I, con perpiaños da época de Taharqo.
- O templo de Arensnufis, divindade meroítica, de tempos de Tolomeo IV Filópator e Arqamani II, rei de Meroe.
- As columnatas da época de Augusto e Tiberio.
- A capela de Mandulis, divindade nubia.
- O templo adicado a Imhotep, sabio divinizado da época de Dyeser.
- A porta de tempos de Tolomeo II Filadelfo.
- O primeiro pilono, cos obeliscos de Tolomeo VIII Evérxetes.
- O patio co mammisi, de Tolomeo VIII, rematado por Tiberio.
- O templo de Isis, decorado en época de Tolomeo II, rematado por Augusto e Tiberio.
- O templo de Hathor, de Tolomeo VI Filómetor e Tolomeo VIII Evérxetes.
- Ao oeste está a chamada porta de Hadriano, ao pasar pola cal chégase á capela principal e ao templo da deusa Hathor, ao leste do templo de Isis. Os alicerces están decorados con escenas de músicos, bailaríns e deuses. Ao suroeste está o quiosco de Traxano.
Estancias anexas
[editar | editar a fonte]Entre as principais estancias que abrangue o conxunto, cabe destacar:
- A biblioteca. O templo contaba cunha biblioteca de textos sagrados en papiro, para o uso dos sacerdotes no seu culto diario, así como para depósito de documentos.
- A chamada "Estancia Meroítica". Unha das salas do templo acolle un interesante grupo de inscricións e representacións meroíticas, de extraordinario interese para a historia da zona.
Derradeiros vestixios da antiga escritura exipcia
[editar | editar a fonte]A derradeira inscrición xeroglífica da que se ten evidencias foi gravada nos muros da porta ergueita en tempos do emperador Hadriano, situada no recinto do templo do Isis; gravouse o día 24 de agosto de 394, e consistía nunha invocación ao deus kushita Mandulis.[1]
O derradeiro texto escrito en exipcio demótico datouse no día 11 de decembro do ano 452; trátase dunha frase pintada nos muros do templo do Isis, en Filae.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Devauchelle, Didier: Bulletin de la société française d'égyptologie, 131 (1994), p. 16-18.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Filae |