Saltar ao contido

Fayan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fayan
Título orixinal法言
Autor/aYang Xiong
OrixeChina
LinguaChinés clásico
Data de pub.9
editar datos en Wikidata ]

O Fayan ou Ditos exemplares (chinés tradicional e simplificado: 法言; pinyin: Fǎyán; Wade-Giles: Fa3-yen2) é un texto chinés clásico do poeta Yang Xiong. Foi redactado arredor do ano 9, durante a dinastía Han. Está composto por unha colección de diálogos e aforismos sobre filosofía, política, literatura, ética e outros temas académicos.[1]

Datación

[editar | editar a fonte]

O Fayan inclúe ao remate unha referencia a Wang Mang como duque de Han.[2] O nobre tivo este título durante apenas unha década, entre os anos 1 e 9 d.C.[2] Ademais, na obra indícase que a dinastía Han levaba 210 anos reinando, polo que o texto debe ser necesariamente posterior ao ano 8.[2] En consecuencia, a datación do Fayan é bastante segura, arredor do ano 9 d.C.[2]

O estilo da obra está deliberadamente inspirado no Lunyu ("Analectas") de Confucio, considerado polo autor como o máis grande dos comentarios.[1][2] Neste sentido, preséntase na forma de diálogos entre Yang Xiong e un interlocutor anónimo que lle fai preguntas, ás que Yang responde de maneira breve e con autoridade, empregando unha linguaxe arcaizante.[2] Destaca o uso do enxeño e os xogos de palabras sobre a argumentación ou demostración lóxica.[3]

O Fayan está dividido en trece capítulos. Yang intentaba refutar as visións do confucianismo que el consideraba heterodoxas, e contrarias ás ensinanzas dos sabios antigos.[1] Entre os seus temas principais, destacan a cultivación do espírito, as virtudes humanas, a importancia da amizade e da aprendizaxe, e o exercicio dos ritos e a música.[2] Así, a vida social destaca sobre as preocupacións soteriolóxicas, espirituais ou supersticiosas, en liña coa visión de Confucio.[2]

Por outra banda, Yang Xiong fai referencia ao debate sobre o xing 性 ou natureza humana.[2] Yang Xiong disentía tanto da filosofía de Mencio, quen coidaba que a natureza humana era inherentemente boa, como da de Xunzi, que consideraba que era en esencia mala.[2] A súa opinión estaba a cabalo entre ambas, dado que pensaba que a educación exercía un papel fundamental na transformación das persoas en individuos virtuosos ou corrompidos.[2] En palabras do autor:[2][4]

A natureza humana é unha mestura de tendencias boas e malas. Cultivar o as primeiras fai que unha persoa sexa boa. Cultivar as segundas fai que unha persoa sexa depravada. Esta forza, non é acaso coma un cabalo que nos conduce cara o bo ou cara o malo?

No referente á política, o texto defende unha visión reformista, propugnando a frugalidade do goberno e a preocupación polos desamparados.[2] Así, opónse aos reformistas que, seguindo o exemplo da antiga filosofía legalista, procuraban o aumento do poder e a riqueza do goberno e os poderosos.[2]

  1. 1,0 1,1 1,2 Knechtges, David R. (2010). Ancient and Early Medieval Chinese Literature: A Reference Guide, Part One (en inglés). Brill. ISBN 978-90-04-19127-3. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 "Yang Xiong (Yang Hsiung) - Internet Encyclopedia of Philosophy" (en inglés). Consultado o 2023-12-17. 
  3. Knechtges, David R. (1993). Early Chinese Texts: A Bibliographical Guide (en inglés). Institute of East Asian Studies (University of California Berkeley). ISBN 1-55729-043-1. 
  4. "Yangzi Fayan : Cultivating the Self - Chinese Text Project". ctext.org (en chinés). Consultado o 2023-12-17. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]