Enrique Múgica
Enrique Múgica Herzog, nado en Donostia o 20 de febreiro de 1932 e finado o 10 de abril de 2020[1][2] foi un avogado e político vasco e membro histórico do Partido Socialista Obrero Español. Ostentou cargos como Ministro de Xustiza (1988-1991), deputado no parlamento español (1977-2000) e Defensor do Pobo de España entre 2002 e 2010.[3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]O seu pai era un violinista vasco que faleceu durante a Guerra Civil e a súa nai era unha francesa de orixe xudía-polaca.[4]
Estudou, do mesmo xeito que os seus irmáns e fillos, no colexio católico marianista Santa María de Donostia. Licenciouse en Dereito na Universidade de Madrid,[5] onde iniciou a súa actividade política participando nas revoltas antifranquistas, en contra da ditadura. Foi un dos creadores do Congreso Universitario de Escritores Novos, decisivo nos sucesos de febreiro de 1956, e por isto foi encarcerado durante tres meses aquel mesmo ano.
Foi militante clandestino do PCE, dende 1953[1] e durante 10 anos e por iso estivo varias veces en prisión (catro meses e medio en 1959). En 1962 foi condenado, de novo, por un consello de guerra a 6 anos de cárcere dos que cumpriu 22 meses.[2] Na súa última estancia no cárcere, na que pasou tres anos en total, abandonou o PCE e, en 1963, ingresou no PSOE.[6] Foi defensor de opositores en xuízos celebrados no Tribunal de Orde Pública.[7]
Situouse no Congreso de Suresnes de 1974 como figura importante na ascensión de Felipe González. Alí foi elixido secretario de Coordinación do PSOE.[1][2]
Durante a Transición española representou o PSOE na Platajunta,[1] o organismo unitario da oposición ao réxime de Francisco Franco creado o 26 de marzo de 1976 e integrado polos partidos na clandestinidade e por personalidades independentes. Múgica atópase entre os dirixentes do PSOE que acusaron o seu coordinador xeral, Antonio García-Trevijano, de beneficiarse da ditadura de Francisco Macías Nguema en Guinea Ecuatorial durante o seu proceso de descolonización.[8][9]
Foi incluído na lista de partido do PSOE ao Congreso dos Deputados pola circunscrición de Guipúscoa nas eleccións xerais de 1977. Tras esta primeira elección sería reelixido neste cargo noutras sete ocasións consecutivas, ata o ano 2000. Tamén foi nomeado presidente da Comisión de Defensa[6][10][11] e vicepresidente da Comisión Constitucional.[6]
En vésperas do golpe de estado do 23 de febreiro de 1981, como presidente da Comisión de Defensa estivo nun xantar con varios comensais entre os que se atopaba o futuro xeneral golpista Alfonso Armada. Houbo certa polémica sobre devandito xantar xa que algúns golpistas aludiron a que nela se comentou entre os políticos presentes que era necesario un golpe de temón. Múgica foi chamado a declarar por iso no xuízo contra os golpistas, negando tales acusacións. Aínda que non foi a máis, aquela polémica contribuíu a manter a Múgica nun discreto segundo plano durante algúns anos. Ricardo Pardo Zancada, comandante que actuou como enlace de Milans del Bosch no errado golpe de Estado, no seu libro 23 F. La pieza que falta, situaba a Múgica na lista de Goberno a impoñer que levaba Alfonso Armada.
En outubro de 2009 o político catalán Jordi Pujol revelou que Múgica se puxera en contacto con el no verán de 1980 para «preguntarme como veriamos que se forzase a dimisión do presidente do Goberno e a súa substitución por un militar de mentalidade democrática»[12]. Múgica desmentiu varias veces as alegacións de Pujol, achacándoas á aversión dos nacionalistas cataláns a conta de que, como Defensor do Pobo, interpuxese un recurso de inconstitucionalidade contra o novo Estatuto de autonomía de Cataluña.[13] Pujol, con todo, reiterou as súas afirmacións.[14] Alfonso Guerra, vicesecretario xeral do PSOE no ano do golpe de Estado, nas súas memorias Dejando atrás los vientos (Espasa 2006) desmente a Pujol e outros políticos que, por unha cuestión de vinganza persoal, puxeron en cuestión a honorabilidade de Múgica.
Tanto Enrique Múgica, xudeu, como o seu irmán Fernando (asasinado por ETA en 1996), destacáronse sempre como firmes defensores do establecemento de lazos de amizade entre España e Israel. A achega de ambos foi decisiva para o establecemento de relacións diplomáticas entre España e Israel en 1986. O 11 de xullo de 1987, o Consello de Ministros aprobou o real decreto 1131/97 polo que Enrique Múgica era nomeado presidente da Comisión de Investigación das Transaccións de Ouro procedentes do Terceiro Reich durante a Segunda guerra mundial.
Ministro de Xustiza
[editar | editar a fonte]De xullo de 1988 a marzo de 1991 foi ministro de Xustiza. Durante o seu mandato aprobáronse, entre outras leis, a de Demarcación e Planta Xudicial, a de Sociedades Anónimas e as reformas procesais e penais que deron lugar á creación dos xulgados do penal.[15] Foi ademais un claro defensor das penas de prisión aos insubmisos acusándoos de «utilizar a obxección de conciencia para desestabilizar o Estado democrático e estar apoiados polos radicais e violentos» e advertiulles de que «todo o peso da lei» caería sobre eles.
O asasinato por parte de ETA en febreiro de 1996 do seu irmán Fernando, retirado por entón da política activa, marcou un punto de inflexión notable na traxectoria política de Enrique Múgica. A partir dese momento, destacouse como un dos políticos do seu partido máis críticos non só co terrorismo de ETA, senón tamén co nacionalismo vasco. Chegou a acuñar o termo de euskonaziak (euskonazis en castelán) para referirse á esquerda abertzale. Tamén é famoso o seu «que apodrezan no cárcere» referíndose aos presos de ETA.
Uns meses logo de ser elixido, por oitava vez consecutiva, deputado ao Congreso pola circunscrición electoral de Guipúscoa nas eleccións xerais de marzo de 2000,[1] foi designado Defensor do Pobo polo goberno do Partido Popular de José María Aznar. A súa designación foi considerada como de consenso entre o partido gobernante e o principal partido da oposición (PSOE). En 2010 cesou no cargo, sendo substituído de xeito interino por María Luisa Cava de Llano y Carrió.[1] Faleceu aos oitenta e oito anos o 10 de abril de 2020 durante a pandemia da COVID-19.[2]
Polémicas como defensor do Pobo
[editar | editar a fonte]En 2004 defendeu a construción da barreira israelí de Cisxordania polo Goberno de Israel, argumentando que era o terrorismo palestino o que "lexitimaba o valo", o que xerou unha gran controversia debido ao cargo que ocupaba.[16]
Así mesmo, pódese destacar: a súa controversia co movemento antitaurino, a súa reprobación do Estatuto de Autonomía de Cataluña (contra o que presentou un recurso de inconstitucionalidade),[1][2] as súas declaracións contra a Lei de Memoria Histórica, a súa negativa a recorrer a Lei de Estranxeiría do ano 2000[2] (que posteriormente o Tribunal Constitucional si emendaría) ou a oposición aos contactos entre o goberno de José Luis Rodríguez Zapatero e ETA.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "Muere el exministro socialista Enrique Múgica con coronavirus a los 88 años". eldiario.es (en castelán). 11-4-2020. Consultado o 11-4-2020.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Gorospe, Pedro (11-4-2020). "Muere el histórico dirigente socialista Enrique Múgica". elpais.com (en castelán). Consultado o 11-4-2020.
- ↑ "Historia del Defensor". defensordelpueblo.es (en castelán). Consultado o 11-4-2020.
- ↑ Moreno, Víctor; Ramírez, María E.; Oliva, Cristian de la; Moreno, Estrella (11-4-2020). "Enrique Múgica Herzog". buscabiografias.com (en castelán). Consultado o 11-4-2020.
- ↑ ""La revuelta de 1956 en la universidad española"". elpais.com (en castelán). 14-2-1981. Consultado o 11-4-2020.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Alonso Olea, Eduardo José (2020). "Múgica Herzog, Enrique". aunamendi.eusko-ikaskuntza.eus (en castelán). Consultado o 12-4-2020.
- ↑ "Juicios por manifestación no pacíficay propaganda ilegal". Diario Vasco (en castelán). 28 de maio de 1967. p. 3. Consultado o 11-4-2020.
- ↑ "Un 'Dossier' sobre las vinculaciones de Trevijano con el dictador de Guinea acaba con la carrera política del portavoz de la 'Platajunta'". lahemerotecadelbuitre.com (en castelán). 21-9-1976. Consultado o 11-4-2020.
- ↑ González, Santiago (14-8-2016). "Con los trevifans hemos topado". elmundo.es (en castelán). Consultado o 11-4-2020.
- ↑ "I Legislatura (1979-1982) - Múgica Herzog, Enrique". congreso.es (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 28-05-2020. Consultado o 12-4-2020.
- ↑ Ramírez, Pedro J. (11-4-2020). "Enrique Múgica en el portal de la Casa de los Espejos". elespanol.com (en castelán). Consultado o 12-4-2020.
- ↑ "Pujol confirma que el socialista Múgica le habló de un militar para sustituir a Suárez". elpais.com (en castelán). 3-10-2009. Consultado o 11-4-2020.
- ↑ "Enrique Múgica: "No sé de pacto alguno en el 23-F"". intereconomia.com (en castelán). 9-10-2009. Archived from the original on 30-10-2010. Consultado o 11-4-2020.
- ↑ "Jordi Pujol: "Si les coses es fan bé, l'independentisme agafarà molt de gruix"". vilaweb.cat (en catalán). 8-10-2009. Consultado o 11-4-2020.
- ↑ "El Defensor del Pueblo lamenta la muerte de Enrique Múgica". lavanguardia.com (en castelán). 11-4-2020. Consultado o 11-4-2020.
- ↑ "El Defensor del Pueblo defiende el muro de Cisjordania". Las Vanguardia. (Actualizado a 31-05-2006). 2-03-2004. Consultado o 11-4-2020.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Enrique Múgica |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Entrevista en La 1 de RTVE, no programa La Galería
- Ficha no Congreso dos Deputados Arquivado 28 de maio de 2020 en Wayback Machine.
Predecesor: Fernando Ledesma |
Ministro de Xustiza de España 1988 - 1991 |
Sucesor: Tomás de la Quadra-Salcedo |
Predecesor: Fernando Álvarez de Miranda |
Defensor do Pobo de España 2000 - 2010 |
Sucesor: María Luisa Cava de Llano y Carrió (interina) |
- Nados en 1932
- Finados en 2020
- Finados pola COVID-19 en España
- Políticos do PSOE
- Defensores do Pobo
- Deputados do Congreso dos Deputados polo PSOE
- Ministros de España
- Españois de ascendencia francesa
- Alumnos da Universidade Central de Madrid
- Deputados no Congreso dos Deputados (Lexislatura constituínte)
- Deputados no Congreso dos Deputados (I Lexislatura)
- Deputados no Congreso dos Deputados (II Lexislatura)
- Deputados no Congreso dos Deputados (III Lexislatura)
- Deputados no Congreso dos Deputados (IV Lexislatura)
- Deputados no Congreso dos Deputados (V Lexislatura)
- Deputados no Congreso dos Deputados (VI Lexislatura)
- Deputados no Congreso dos Deputados (VII Lexislatura)
- Nados en Donostia
- Avogados de España