Saltar ao contido

Cullereiro común

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cullereiro común

Exemplar adulto
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Pelecaniformes
Familia: Threskiornithidae
Subfamilia: Plataleinae
Xénero: Platalea
Especie: P. leucorodia
Nome binomial
'Platalea leucorodia'
Linnaeus, 1758

O cullereiro común,[2] tamén cullereiro[3] (Platalea leucorodia) é unha ave da orde das Pelecaniformes e da mesma familia (Threskiornithidae) cós ibis.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Os cullereiros son aves de aspecto difícil de confundir. Na época de reprodución son case completamente brancos, cunha mancha amarela no peito. As patas son escuras. Na época de cría ten unha crista de plumas na cabeza. Cando non están na época reprodutora perden a crista e a mancha pectoral. As aves inmaturas teñen as puntas das plumas primarias das ás negras. Pero a parte máis característica da súa anatomía é o bico que é longo, chan e de punta ancha, con xeito de culler ou de espátula, forma da que procede o nome vulgar da especie. O peteiro é negro cunha mancha amarela na punta nos adultos e pálido nas aves inmaturas.

Diferénciase do cullereiro africano porque esta última especie ten a cara e as patas vermellas e non ten crista.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Hai tres subespecies de cullereiro:

Os exemplares africanos clasifícanse ás veces coma unha cuarta subespecie: Platalea leucorodia major .

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

Crían no sur de Europa e, en menor número, no leste do continente, dende onde se espallan por Asia e o norte de África. Máis dos exemplares fan unha emigración no inverno. Os que crían en Europa pasan esta estación en África central e oriental. Os exemplares asiáticos voan ó Indostán e a China. Algúns exemplares de zonas mornas de Europa son sedentarios. Viven en zonas pantanosas, lagos de auga doce ou salgada ou en ríos de augas tranquilas. Precisan sempre a presenza de augas abertas de pouca profundidade.

Comportamento

[editar | editar a fonte]

Adoitan vivir en pequenos bandos e voan, coma as cegoñas e a diferenza das garzas, co pescozo estricado. A súa dieta é basicamente zoófaga: comen peixes, ras e outros animais acuáticos. É habitual velos movendo o peteiro dun lado a outro na auga para buscar alimento nas augas pouco fondas.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Crían en colonias, nalgunhas áreas non lonxe das de especies grande de gaivotas, que poden ofrecer alimentación ocasional en forma de polos ou ovos. Fan os niños a pouca altura sobre a auga, en árbores ou arbustos. A cantidade de individuos nunha colonia é moi variable, pode ir de menos de 10 a algo máis de 100 exemplares.

Pito de cullereiro no niño, Frisia do leste
Ovos.

Poñen entre 3 e 6 ovos que son incubados polos dous membros da parella entre 21 e 25 días. Os dous pais ocúpanse da alimentación da niñada. Os polos nacen cun bico brando e grande que non acaba de adoptar a forma característica ata as 5 ou 6 semanas. Pasan 28 días no niño antes de saíren xuntarse cos polos doutras niñadas. Empezan a voar cando teñen uns 49 días de vida.

Situación

[editar | editar a fonte]

A IUCN calcula o número de exemplares da especie entre 58.000 e 59.000, e clasifícaa coma "non ameazada". É unha das especies ás que se aplica o Tratado para a conservación das aves acuáticas migratorias de África e Eurasia (AEWA).

  1. BirdLife International (2012). "Platalea leucorodia". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05. 
  3. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 29 de febreiro de 2020. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]