Saltar ao contido

Cruz de termo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cruz de termo de Forès (Conca de Barberà, Tarragona)
Cruz de termo do antigo camiño Elx-Alacant.

Unha cruz de termo (en lingua catalá: Creu de terme, pedró ou peiró; en lingua aragonesa: cruz de suelo ou cruz de sól) é un tipo de cruz monumental, un fito ou marco chantado noutrora á entrada das vilas e cidades coma mostra de piedade do pobo e para o seu fomento entre os viaxantes. Atópase nalgunhas vilas de Cataluña, Aragón e Comunidade Valenciana.

Consiste nunha cruz monumental, habitualmente de pedra, moi semellante aos cruceiros galegos sobre uns chanzos de planta circular ou poligonal sobre as que se ergue o fuste rematado en nó, broche ou chapitel, que sustenta a cruz de pedra labrada en cantaría. Pode ter por unha das caras da cruz a imaxe de Xesús Cristo crucificado e polo outro a da Virxe María ou santo algún.

Malia seren moi semellantes aos cruceiros galegos e bretóns, as cruces de termo erguíanse con outra finalidade, ás entradas das vilas e non para protexer as encrucilladas de demos e forzas escuras coma no caso dos galegos e portugueses. Foi antigo costume no Reino de Aragón erguer estas cruces en conmemoración de datas ou acontecementos, ou como simples testemuñas de piedade cristiá, xeralmente á beira dos camiños para fomentar a piedade dos viaxeiros, e ás veces fronte a mosteiros e ermidas coma no Mosteiro de Poblet, ou o de Montserrat etc. En principio foron sinxelos monumentos da Reconquista, mais remataron por seren verdadeiras obras de arte gótica e renacentista que inmortalizaron os nomes de mestres canteiros.

De entre as cruces de termo máis antigas que se poden admirar hoxe en día salientan a Creu Verda de Montblanc (que data do século XII) ou as cruces de Sant Guim de Freixenet (s. XII - XII), de Bellver d'Ossó (do s. XIII), de Begues (s. XIV), ou a do Mosteiro de Sant Cugat, de Sant Cugat del Vallès entre moitas outras. Con todo non son tan numerosas coma os cruceiros galegos e portugueses.

Cruces cubertas

[editar | editar a fonte]

A partir do século XV, comezouse a abeirar as cruces de termo cunha especie de alpendre, normalmente a catro augas, sostido por catro piares e chamado de creu coberta. Trátase de pezas maiormente góticas e renacentistas, aínda que tamén atopamos exemplos barrocos.

Construídas ao longo do século XV, consta a existencia de cruces cubertas en Valencia, Vic, Gandesa, a Selva del Camp, Vallfogona de Ripollès, Torà de Riubregós, Corbera de Llobregat, Zorita del Maestrazgo (Creu de la Balma), Barcelona e Xàtiva, algunhas das cales aínda existen hoxe en día.

Tamén existen exemplos en Galicia e Norte de Portugal de cruceiros cubertos.

Cruces monumentais semellantes

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Cruz monumental.

Wayside crosses

[editar | editar a fonte]

Wayside cross é o termo empregado en inglés para se referir ás cruces de pedra nas encrucilladas, como os cruceiros galegos, portugueses e bretóns, as cruces de termo aragonesas e os cruceiros alemáns e dos Alpes. Defínenos coma cruces nas interseccións de camiños, carreiros ou estradas (pero que tamén aparecen en campos e bosques) que poden estar feitos en madeira, pedra ou metal e que adoitan ter a finalidade de protexer aos camiñantes e peregrinos de lugares perigosos (coma os cruceiros galegos)[1]. Tamén inclúe as cruces de conciliación ou (stone crosses), chantadas onde ocorreu unha desgraza, comúns de Centroeuropa, en Alemaña, Polonia e a República Checa.

High crosses

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: High cross.

É o termo inglés para definir os cruceiros das Illas Británicas. Son cruces cristiás feitas de pedra e normalmente moi decoradas que se chantaban en encrucilladas ou leiras. Moitas delas teñen forma de cruz celta cos típicos nós.

Cruceiros

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Cruceiros.

Os cruceiros (cruzeiros en portugués) son cruces grandes de pedra, lisas ou con figuras esculpidas, sobre longas columnas asentadas nunha plataforma, que se sitúan principalmente nas encrucilladas, á beira dos camiños, nos límites das parroquias e nos adros das igrexas, moi comúns en Galicia, Norte de Portugal e a Bretaña francesa.

  1. Sakrale Kleinbauten: Flurkreuze / Wegkreuze Arquivado 30 de outubro de 2014 en Wayback Machine.(PDF; 256KB) Redaktion: ibid Altbau AG, CH-Merkblätter des Bundesamtes für Bevölkerungsschutz, Kulturgüterschutz

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]