Saltar ao contido

Congreso de Viena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Congreso de Viena por Jean-Baptiste Isabey, 1819.

O Congreso de Viena foi unha conferencia entre embaixadores das grandes potencias europeas que tivo lugar na capital austríaca, entre o 1 de outubro de 1814 e o 9 de xuño de 1815, cuxa intención era a de restablecer as fronteiras de Europa tras a derrota de Napoleón I a primavera anterior, e reorganizar a forma e ideoloxía políticas do Antigo Réxime.

Os acordos tiveron vixencia nos territorios de Europa Central e do Leste até o final da primeira guerra mundial. Con todo, a paz conseguiuse mediante o estabelecemento do absolutismo. Viena converteuse no eixo central de Europa Occidental durante trinta anos grazas a este congreso.

Foi convocado polo emperador de Austria Francisco I, dicindo este ao final do congreso que a nova Europa era a Europa da Restauración. A pesar das medidas que se concertaron para manter baixo control os inimigos do Antigo Réxime, non se puido evitar a difusión das ideas liberais que provocaron as revolucións de 1830 e 1848.

Do Congreso xurdiu a Santa Alianza, formada por Austria, Prusia e Rusia, que dicían procurar os bens dunha mesma relixión, malia que estes tres non compartían crenzas. Logo formaríase o que se coñecería como a cuádrupla alianza, formada por Gran Bretaña, Prusia, Rusia, e Austria.

Participantes

[editar | editar a fonte]

Houbo dous protagonistas destacados. Dunha banda Klemens von Metternich, que malia presidir a conferencia e ser un mediador entre todas as nacións integradas no congreso, buscaba principalmente territorio para o seu país natal, Austria. Doutra banda Charles Maurice de Talleyrand, que actuaba en representación de Lois XVIII, e que conseguiu varios éxitos para Francia a pesar da derrota.

O tsar Alexandre I de Rusia tivo un papel clave no Congreso, acompañado polos seus conselleiros Karl Nesselrode e o conde Andrey Razumovsky, co obxectivo de unificar os Estados alemáns e implantar un réxime constitucional en Polonia.

Estiveron presentes tamén Francisco I de Habsburgo e Federico Guillerme III de Prusia (acompañado de Hardenberg e Humboldt), xunto con representantes do Reino Unido, primeiro Lord Castlereagh e despois o Duque de Wellington (quen tivo que saír ao auxilio de Europa cando Napoleón escapou da illa de Elba mentres se estaba celebrando o congreso en 1815) e antigos aliados de Napoleón, como os reis de Saxonia e de Dinamarca. Tamén houbo españois (Pedro Gómez Labrador), portugueses (Pedro de Sousa Holstein, Conde de Palmela; António Saldanha da Gama; Joaquim Lobo da Silveira), Estados xermánicos (Hannover, Baviera e Württemberg), eslavos, nórdicos (Suecia) e enviados dos Estados Pontificios. Todos coincidiron en estar unidos e permanecer vixiantes contra os liberais, os republicanos e os ateos.

No tempo que durou o congreso, os participantes estiveron por Viena en residencias palacianas, dando paseos por parques e bosques. Todo estes lugares foron escenarios de lecer, banquetes e bailes; destes feitos naceu a frase do príncipe de Ligne: Le Congrés ne marche pas, il danse, e chegábanse a xuntar até máis de 2.000 cabalos e outros tantos cans nas cazarías que celebraban. Unha destas actividades de lecer contou cun concerto dunha cantata de Beethoven titulada O momento glorioso.

Estados independentes tras o Congreso de Viena
País Capital
Imperio austríaco Imperio Austríaco Viena
Reino de Baviera Múnic
Reino de Sardeña Turín
Reino das Dúas Sicilias Nápoles
Reino de España Madrid
Estados Pontificios Roma
Reino de Francia París
Reino de Hannover Hannover
Territorio Británico do Océano Índico Imperio Otomán Constantinopla
Reino Unido dos Países Baixos Ámsterdan
Reino de Portugal Lisboa
Reino de Prusia Berlín
Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda Londres
Dinamarca Reino de Dinamarca Copenhague
Imperio Ruso Imperio Ruso San Petersburgo
Reino de Suecia Estocolmo
Confederación Suíza Berna
República de Cracovia Cracovia

Cambios territoriais

[editar | editar a fonte]

Como resultado das negociacións sostidas no Congreso tomáronse as seguintes decisións:

Principios básicos

[editar | editar a fonte]
  • Restauración do absolutismo. Acordouse restabelecer o poder absoluto dos soberanos.
  • Lexitimismo monárquico. Devolveuse o trono ás monarquías tradicionais, consideradas únicas despositarias da lexitimidade política.
  • Equilibrio internacional. Para evitar que unha potencia impuxese a súa hexemonía en Europa, coma pasara coa Francia napoleónica.
  • Intervencionismo. As potencias asinantes arrogáronse o dereito de intervir militarmente naquel territorio que puxese en perigo os principios da Restauración. Para iso creáronse a Santa Alianza (Austria, Rusia e Prusia) e a Cuádrupla Alianza (á que se sumou o Reino Unido).
  • Sistema de congresos. O congreso de Viena inaugurou unha nova concepción política exterior en Europa baseada na celebración de congresos para resolver os problemas internacionais.[1]
  1. Fernández Bulete, Virgilio (2010). Ciencias sociais: Historia. SM Xerme. ISBN 9788498542653. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]