Civitas Solis
Civitas Solis | |
---|---|
Título orixinal | La città del sole |
Autor/a | Tommaso Campanella |
Orixe | Italia |
Lingua | lingua latina e lingua italiana |
Tema(s) | utopía |
Xénero(s) | diálogo e literatura especializada |
Data de pub. | 1623 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Civitas Solis (A cidade do sol) é unha obra de Tommaso Campanella que foi escrita en dúas redaccións en italiano (1602 e 1611) e tivo en latín polo menos dúas versións (1613 e 1631). Publicouse por primeira vez en Frankfurt (1623) como parte do Apéndice político á filosofía epiloxística, co título Civitas Solis idea reipublicae philosophica.
Poucos filósofos tiveron unha vida tan axitada como Tommaso Campanella. Na orde dos Dominicos, despertou moi pronto sospeita de herexía polas súas doutrinas, nas que intereses pola maxia e a astroloxía (temas caros para os pensadores do Renacemento) mesturábanse cun orixinal desexo de renovación social e político. Campanella foi acusado polo goberno español de ter organizado unha revolta no seu país natal co obxectivo de realizar nas montañas de Sila un modelo de comunidade perfecta segundo os principios que expoñería na Cidade do sol, o seu texto filosófico máis importante, e condenado a morte. Logrou evitar a fogueira finxindo estar tolo (é dicir, demostrando ós seus xuíces ser insensible á dor, ata o punto de rir e conversar amablemente durante as torturas). A pena de morte foille conmutada pola de prisión perpetua, que se traduciría na practica a vinte e sete anos de prisión.
Análise da obra
[editar | editar a fonte]No ideal da Cidade do Sol teñen grande importancia as técnicas máxicas e astrolóxicas; é un trazo típico do século XVI que fai de Campanella o último autor renacentista. A fonte da súa inspiración, en efecto, está na literatura hermética, en especial no Picatrix[1]
A utopía política da Cidade do Sol foi exposta por Campanella a través dun diálogo entre personaxes ficticios. Para que fale dos ordenamentos perfectos vixentes na fabulosa cidade (situada na illa Trapobana, hoxe Sri Lanka), o autor presenta un almirante xenovés que acaba de dar a volta a terra; o seu interlocutor é un gran Mestre da Orde dos Hospitalarios. Obrigado a tomar terra en Trapobana, o almirante é conducido á Cidade do Sol, situada sobre unha empinada cuíña e cinguida por sete círculos de muralla que van diminuíndo de altura, extremadamente fortificados e case inexpugnables, cada un consagrado a un dos sete planetas. Un admirable templo consagrado ó Sol alzase na cúspide do monte.
O supremo reitor da cidade é un sacerdote ó que os habitantes chaman Hoh, e que na nosa lingua se chamaría Metafísico. É asistido por outros xefes, Pon, Sin e Mor, ós que nós chamaríamos Potencia, Sabedoría e Amor. Destes tres, o primeiro ten o mando de todo o corpo militar; o segundo a dirección dos estudos; este, por orde admirable, mandou decorar as paredes con pinturas que representan todas as ciencias para que cada un poida ter, prontamente, unha imaxe práctica delas, e desde neno, guiado polos mestres, comence a aprendelas en forma de agradable pasatempo; o terceiro maxistrado, Mor, preside a xeración e a puericultura.
Convivencia
[editar | editar a fonte]Os habitantes solares viven unha vida conforme á filosofía, unicamente sometida ós ditados da razón, en conformidade cos cales acordaron adoptar a comunidade de todos os bens; en efecto, a propiedade, ó orixinar o amor propio, é ruinosa para a comunidade. Aquí, en cambio, cada un acepta alegremente as súas propias misións; non existen amos nin criados, senón que todos traballan pola común prosperidade. Os dormitorios e as mesas son comúns e todos visten da mesma maneira, cambiando, segundo as estacións do ano, catro diferentes vestidos cuxas feituras son minuciosamente descritas polo autor. Todos seguen as prescricións dun médico a propósito. Debido ós seus saudables hábitos de vida, os cidadáns de Trapobana son case todos de lonxevos.
Autoridades
[editar | editar a fonte]Para impedir calquera discordia están os maxistrados, que, en número e nome, corresponden ás virtudes, e son elixidos por Pon, Sin e Mor, segundo a súa idoneidade para os diversos oficios. Á dignidade de Hoh ninguén pode aspirar se non posúe innumerables coñecementos de todas as ciencias, en especial das metafísicas e teolóxicas; en Hoh, efectivamente, debe estar incorporada unha inmensa pero orgánica sabedoría; para isto é preciso que posúa moito talento, o cal, na súa múltiple capacidade, resulte apto tamén para o dominio político.
Raza
[editar | editar a fonte]Para obter o melloramento, non só moral senón tamén físico da raza, os habitantes solares coidan a xeración; as mulleres non poden enxendrar antes dos dezanove anos, nin os homes antes dos vinte. Os funcionarios teñen o encargo de combinar as parellas de maneira que dean o mellor resultado. O acto da xeración adquire o carácter dun verdadeiro rito relixioso para o cal os escollidos se preparan con oracións e abstinencias. As mulleres que resultan estériles convértense en comúns para os homes e están privadas de todas as honras reservadas ás matronas.
Educación
[editar | editar a fonte]Os nenos, terminada a lactación, pasan á custodia dos mestres, que comezan a súa instrución, sen distinción de sexo; en efecto, homes e mulleres son igualmente adestrados nas armas e instruídos en todas as artes, inda que ás mulleres resérvanselle as partes menos fatigosas. Grazas ó comezo precoz da instrución e á súa grande habilidade estratéxica os habitantes solares saen sempre vencedores das súas guerras, que emprenden a favor dos pobos oprimidos ou contra tiranos agresores.
Artes
[editar | editar a fonte]Xunto coa guerra, son consideradas artes nobilísimas a agricultura e o pastoreo; en cambio, o tráfico mercantil e as escasas operacións comerciais cúmprense en forma de troco; o diñeiro é empregado soamente polos legados para procurar a subsistencia nos viaxes que fan a países estranxeiros para estudar os seus costumes. É prezada tamén a arte náutico; é máis, os habitantes solares posúen naves que viaxan sen velas e sen remos mediante unha admirable combinación de rodaxes. Teñen tamén aparellos para voar.
Política
[editar | editar a fonte]En canto ó réxime político, todos os maiores de vinte anos toman parte nas asembleas nas que cada cal pode expoñer as súas obxección a certos ordenamentos. As leis son breves e moi claras. Para castigar os delitos tense en conta a Lei do Talión. Os maxistrados, investidos de autoridade sacerdotal, asumen tamén o ministerio da relixión; reciben as confesións dos cidadáns, é deste modo como se coñecen os vicios máis frecuentes, os cales procuran evitar. O ministerio dos poetas é aceptado con tal de que nas súas creacións non mesturen a mentira.
Relixión
[editar | editar a fonte]A relixión dos habitantes solares é unha especie de cristianismo natural; honran ó universo porque o consideran imaxe viva de Deus. Cren na inmortalidade da alma, pero non coñecen con absoluta certeza o que é o premio e o que é a condena, nin se a duración da pena será ou non eterna. Consideran como principios metafísicos ó Ente, que é o Deus, e o Nada, que representa a negatividade, da que son sacadas fisicamente as cousas. Adoran en Deus a trindade de Potencia, Sabedoría e Amor. Admiten a influencia dos astros como forzas nefastas capaces de obrar nos sentidos, turbando a razón. Cunha longa exposición astrolóxica, o almirante remata o seu relato.
Pensamento do autor
[editar | editar a fonte]Campanella construíu a súa obra pensando no concepto dunha sociedade tradicional que se basea na xustiza e na liberdade. O valor da persoa, de feito, non esta relacionado co que un individuo representa nesta sociedade, pero si a súa expresión espiritual e existencial.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Un dos textos fundamentais da maxia renacentista, na que se atisbaba unha cidade máxica (a idea era a dun faro capaz de irradiar luces de diversas cores cas que os sacerdotes podían modificar a calidade da luminosidade solar, manipulando así as influencias astrais da vida dos cidadáns).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Ímaz, Eugenio (2001) [1941]. Utopías del Renacimiento. ISBN 9789681605360.