Celia Gámez
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Celia Gámez y Carrasco 25 de agosto de 1905 Buenos Aires, Arxentina |
Morte | 10 de decembro de 1992 (87 anos) Buenos Aires, Arxentina |
Causa da morte | Alzhéimer |
Lugar de sepultura | Cemiterio de La Chacarita |
Residencia | Arxentina España |
Actividade | |
Ocupación | actriz, vedete, cupletista |
Período de actividade | 1920 - |
Familia | |
Parella | Afonso XIII de España José Millán-Astray |
Celia Gámez Carrasco, nada en Buenos Aires o 25 de agosto de 1905 e finada na mesma cidade o 10 de decembro de 1992, foi unha actriz e bailarina hispano-arxentina. Foi unha das máis populares estrelas da España na primeira metade do século XX e a ela débese gran parte do esplendor da revista musical española.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]A súa primeira actuación sobre os escenarios produciuse á temperá idade de catorce anos, participando como vicetiple na montaxe da revista Las corsarias que pouco antes se estreou en Madrid. Con motivo da baixa da actriz principal do espectáculo, Rosario Pacheco, tivo ocasión de substituíla. Nos seguintes anos, continuo a súa carreira na capital arxentina ata que en 1925 se trasladou a España xunto ao seu pai para cobrar unha herdanza.
Co patrocinio da marquesa de La Corona[2] actuou no Teatro Pavón de Madrid nun espectáculo de tangos. Seguidamente foi contratada para o Teatro Romea polo empresario José Campúa e en 1926 debutou como vedete no Teatro Eslava.[3] Seguiron as súas actuacións en Las burladoras del amor de José Padilla e Carnet de Eslava, a comedia musical Las castigadoras (1927), de Francisco Alonso e outras pezas sicalípticas como Las lloronas (1928), no teatro Romea, Roxana, la cortesana (1928), ¡Por si las moscas! (1929), Luna, El antojo (1929), La Martingala (1929), Las cariñosas (1930), Las pantorrillas (1930), Las guapas (1930) e Me acuesto a las ocho (1931).
Considerouse que a cima da súa popularidade foi a estrea, o 12 de novembro de 1931, de Las leandras,[4] da que se fixeron especialmente populares números como "El Pichi" ou "Los nardos".
Durante os seguintes anos, sucedéronse as montaxes que tiñan a Celia Gámez como cabeza de cartel, sempre dentro do xénero da revista musical española: Los laureanos (1932), Las tentaciones (1932), de Jacinto Guerrero, ¿Qué pasa en Cádiz? (1933), Las de Villadiego (1933), a opereta El baile del Savoy (1934), La ronda de las brujas (1934), de Franz Lehár, Las siete en punto (1935) ou Ki-kí (1936), de Enrique Ronsel e Guillermo Cases.
Durante a guerra civil española regresou ao seu país natal levando alí algúns dos éxitos que alcanzara previamente en España e debutou no cinema rodando dous filmes: Murió el sargento Laprida (1937) e El diablo con faldas (1938). Regresou a España a finais de 1938 antes de que finalizase a guerra, instalándose na zona controlada polo exército franquista. Trala toma de Madrid, gravou para ese bando a canción "Ya hemos pasao" ("Xa pasamos"), como réplica á consigna da República "Non pasarán".[5]
Limitado o seu perfil de vedete sicalíptica polos imperativos relixiosos do novo réxime, e tras unha pequena xira polo país con operetas como El conde de Luxemburgo ou La viuda alegre, instalouse de novo en Madrid a finais de 1939. Despois de repor El baile del Savoy, volveu ao xénero da comedia musical con La Cenicienta del Palace (1940), con libreto do dramaturgo Luis Escobar e música de Fernando Moraleda. Despois de rodar o filme Rápteme usted, regresou aos escenarios madrileños coa comedia Yola (1941), que se converteu nun dos maiores triunfos da súa carreira artística, sendo especialmente lembrado o número "Mírame".
Durante o resto da década de 1940 e a de 1950, sucedéronse novos éxitos como: Si Fausto fuera Faustina (1942), Hoy como ayer (1945); La estrella de Egipto (1947), co soado tema "El beso (La española cuando besa)", La hechicera en palacio (1950) ou El águila de fuego (1956).
A pesar de que o xénero da revista iniciaba na década de 1960 un certo declive, a artista aínda levou aos escenarios montaxes como La estrella trae cola (1960), a modo de recompilación da súa carreira, ou Colomba (1961), ¡Aquí, la verdade desnuda! (1965) ou A las diez en la cama estés (1966), coa que se retirou como cabeza de cartel dos escenarios.
Con posterioridade interveu en pequenos papeis en comedias como La miniviuda (1967), de Juan José Alonso Millán, Es mejor en otoño (1968), de Alfonso Paso ou El último de Filipinas (1972), de Manuel Baz. Tamén interveu na versión cinematográfica de Las Leandras, protagonizada por Rocío Dúrcal. A súa última aparición sobre un escenario foi no espectáculo Nostalgia (1984), xunto a Olga Guillot e Sara Montiel.
Regresou a Buenos Aires, onde faleceu dunha insuficiencia cardíaca, tras padecer a enfermidade de Alzheimer. Foi enterrada no cemiterio de La Chacarita da capital arxentina.
Vida privada
[editar | editar a fonte]A súa vida privada sempre deu moito que falar na sociedade española da época, dende os seus rumoreados amores de mocidade co rei Afonso XIII,[6][2] ata a súa longa colección de amantes reais ou supostos. Un dos máis famosos foi o xeneral José Millán-Astray. Ao comezar a guerra civil, Gámez atopábase de xira coa súa compañía por territorio baixo control da sublevación, ao que apoiou durante a contenda.[5] Isto permitiulle continuar cos seus éxitos e popularidade e creáronlle indubidable mala fama entre os opositores ao réxime. Unha canción súa, "Ya hemos pasao", búrlase do "Non pasarán" das milicias republicanas, e con sarcasmo cara aos derrotados chámaos "miserables" á vez que se autoproclama "facciosa".[7]
Tal como pedían os tempos do nacionalcatolicismo, nos seus espectáculos era coidadosa coa exhibición carnal das súas vedetes e dela mesma, recorrendo á malla axustada e á moderación en escotes e "shorts". Aspiraba a que a revista fose tamén frecuentada polas mulleres, co que daba un cambio en canto ao seu público.[5] Talvez por garantirse un estatuto de respetabilidade nos puritanos tempos da posguerra, casou o 1 de xullo de 1944 na igrexa dos Xerónimos de Madrid cun médico chamado José Manuel Goenaga, nunha voda que no canto de respectable resultou en extremo escandalosa, tanto pola afluencia e a actitude dos curiosos como polo feito de que o padriño fose o mesmo xeneral Millán-Astray. O matrimonio foi de moi curta duración e a parella separouse, aínda que non houbo divorcio, que era entón legalmente imposible. De feito, sempre se rumoreou tamén o suposto lesbianismo da estrela,[8] alentado por unha certa ambigüidade que se compracía en cultivar: aparecía vestida de home en moitos números e facía que cortexaba as coristas ou que as bicaba. Sexa como for, sempre fixo por ter amantes e acompañantes masculinos ata idade moi avanzada.
Como tantas outras vedetes da súa época, o xenio de Celia para montar espectáculos e entreter o público non ía acompañado do mesmo xenio financeiro: tiña fama de desbaldidora e extravagante e parece que se viu en dificultades económicas ao final da súa vida, complicadas pola amargura de ser practicamente esquecida, especialmente nas circunstancias da transición española á democracia, durante a que as súas anteriores amizades non a facían especialmente popular. A penuria económica e a antipatía de moitos fixérona retornar a Buenos Aires. Os seus últimos anos viviunos modestamente nunha residencia de anciáns coa razón perdida por mor dun progresivo mal de Alzheimer.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Julia María Labrador Ben y Alberto Sánchez Álvarez-Insúa, ed. (2005). "Teatro frívolo y Teatro selecto" (en castelán). Consultado o 6 de maio de 2015.
- ↑ 2,0 2,1 José María Zavala, ed. (2011). "Bastardos y Borbones: Los hijos desconocidos de la dinastía" (en castelán). Consultado o 9 de setembro de 2015.
- ↑ Martínez Olmedilla, Augusto (1947). Los Teatros de Madrid (en castelán). p. 258. OCLC 568723216. Consultado o 18 de setembro de 2015.
- ↑ Pedro Manuel Víllora, ed. (2007). "Teatro frívolo" (en castelán). Consultado o 9 de setembro de 2015.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Daniel Arasa, ed. (2008). "Historias curiosas del franquismo" (en castelán). Consultado o 9 de setembro de 2015.
- ↑ Ricardo de la Cierva, ed. (1992). "Victoria Eugenia, el veneno en la sangre". Consultado o 9 de setembro de 2015.
- ↑ Sílvia Martínez y Héctor Fouce, ed. (2013). "Made in Spain: Studies in Popular Music" (en inglés). Consultado o 9 de setembro de 2015.
- ↑ Sergio del Molino, ed. (2014). "Lo que a nadie le importa" (en castelán). Consultado o 9 de setembro de 2015.