Castiñeiro de Indias
Castiñeiro das bruxas | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||
Non está ameazada | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
Aesculus hippocastanum L. 1753 |
O castiñeiro de Indias, castiñeiro das bruxas, ou castiñeiro da India (Aesculus hippocastanum), é unha árbore de gran porte pertencente á familia das sapindáceas. Considérase medicinal. Identifícase comunmente co nome de falso castiñeiro por mor a que os seus froitos presentan unha gran semellanza cos do castiñeiro e outras especies do xénero Castanea da familia das fagáceas. Moi empregada en xardinaría, é común atopala nos parques, alamedas, arboredos das cidades e vilas de toda Galicia.
O seu froito emprégase como amuleto contra o mal de ollo.
Características
[editar | editar a fonte]A árbore acada os 30 metros de altura e difire do castiñeiro bravo en que o seu froito non é comestíbel polo seu amargor. Ten o tronco erecto e desenvolve numerosas pólas. As follas son grandes e opostas, teñen un pecíolo longo e están divididas en 5 ou 7 folíolos que dende lonxe asemellan os dedos dunha man. As flores son brancas e forman acios terminais a xeito de pirámide. A corola ten cinco pétalos e o cáliz ten forma de campá, posúe sete estames con anteras vermellas-acastañadas. O froito é a castaña agre e é unha cápsula recluída nun envoltorio espiñento. Resiste ben a polución, por iso adoita plantarse en rúas e alamedas das cidades.
Distribución xeográfica
[editar | editar a fonte]Orixinario da India, Irán, Asia Menor e os Balcáns, aclimatouse ben nas rexións de clima temperado do globo.
Propiedades
[editar | editar a fonte]- Contén diversos principios activos coma saponinas e taninos.
- Polos seus flavonoides é empregado para tratar flebite, varices, hemorroides e problemas vasculares.
- Por vía externa protexe os cabelos e existen xampós cos seus extractos.
- O seu extracto fluído emprégase en preparacións antisolares para protexer a pel.
- En grandes doses chega ser tóxico, polo que cómpre non subministrarse a persoas de risco.
Principios activos: Na casca: heterósidos cumarínicos (2-3%): esculósido, fraxósido, escopoletósido. taninos catéquicos; leucoantocianósidos, flavonois: glicósidos do quercetol. Alantoína. Fitoesteroises.
No pericarpio: taninos catéquicos, saponósidos, pectina, potasio, calcio, fósforo, aceite etéreo.
Nos cotiledóns: flavonoides (esculina), saponósidos triterpénicos (escina).
Nas follas: heterósidos cumarínicos: esculósido, escopoletósido, fraxósido; flavonois derivados do quercetol, ramnetol e kenferol; taninos leucoantocianósidos. Pequenas cantidades de escina. Fitosterois: sitosterol, estigmasterol, campestrol.[1]
- Acción farmacolóxica
É un tónico venoso ou vasoprotector que consegue diminuír a viscosidade do sangue, tornándoo máis líquido, reduce o tempo de sedimentación provocando unha desconxestión dos vasos sanguíneos e aumenta a resistencia capilar grazas á acción da escina e máis o esculósido. A escina, ademais ten propiedades antiinflamatorias e controla a permeabilidade dos vasos (actividade antiedematosa). En conxunto realiza unha actividade antivitamínica P.
Os saponósidos facilitan a difusión doutros principios activos cando son aplicados por vía tópica. Os taninos dan un efecto adstrinxente.
- Usos medicinais
Pode aplicarse a xeito de pomada por vía externa xa que reduce o diámetro das veas diminuíndo a inflamación provocada por varices, flebite, insuficiencia venosa e outros trastornos circulatorios (como por exemplo edemas, equimose, cuperose rosácea). Por ser un potente vasoconstritor utilízase coas hemorroides para reducir o seu volume (ao ter unha elevada turxencia) e aliviar a súa dor.
O extracto seco prepárase a xeito de cápsulas que se insiren por vía oral en casos de febleza capilar, epistaxe, metrorraxia, dismenorreas etc.[1]
- Usos homeopáticos
Emprégase tamén para tratar problemas circulatorios (varices, flebite, crises hemorroidais etc ...) realizando unha función de drenaxe e normalmente se administra a xeito de gotas e asociada con outras plantas.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Aesculus hippocastanum foi descrita por Linneo e publicado en Species Plantarum 1: 344, no ano 1753.[2]
O nome científico dá pistas sobre a árbore. Aesculus é o nome que en latín se lle dá á unha aciñeira, mentres que hippocastanum significa castaña das bestas ou dos cabalos, xa que na antigüidade o seu froito se empregaba para alimentar o gando. En inglés coñécese como horse-chestnut (castiñeiro de cabalo).
- Aesculus asplenifolia Loudon
- Aesculus castanea Gilib.
- Aesculus hippocastanum var. argenteovariegata Loudon
- Aesculus hippocastanum var. aureovariegata Loudon
- Aesculus hippocastanum var. beaumanii C.K.Schneid.
- Aesculus hippocastanum f. beaumanii (C.K.Schneid.) Dole
- Aesculus hippocastanum var. flore-pleno Loudon
- Aesculus hippocastanum var. incisa Booth ex Loudon
- Aesculus hippocastanum var. pendula Puvill.
- Aesculus hippocastanum f. pendula (Puvill.) Rehder
- Aesculus hippocastanum var. variegata Loudon
- Aesculus memmingeri K.Koch
- Aesculus procera Salisb.
- Aesculus septenata Stokes
- Hippocastanum aesculus Cav.
- Hippocastanum vulgare Gaertn.
- Pawia hippocastanum Kuntze[3][4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Dr. Berdonces I Serra. Gran Enciclopecia de las Plantas Medicinales. Tikal ediciones. pp. 287 – 288. ISBN 84-305-8496-X.
- ↑ Castiñeiro de Indias en Trópicos
- ↑ Sinónimos en Tela Botánica Arquivado 28 de maio de 2009 en Wayback Machine.
- ↑ Castiñeiro de Indias en PlantList
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikispecies posúe unha páxina sobre: Castiñeiro de Indias |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Castiñeiro de Indias |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Flora of China Editorial Committee. 2007. Fl. China 12: 1–534. Science Press & Missouri Botanical Garden Press, Beijing & St. Louis.
- "Plantas Medicinales, bayas, verduras silvestres. Guias de Naturaleza Blume" Ed. Blume 1ª Edición (1985)
- "Enciclopedia de las Plantas Medicinales" Dr. Pamplona Roger Biblioteca Educación y Salud Vol. 2 1ª Edición (1995)
- "Plantas Medicinales. El Dioscórides Renovado" Pio Font Quer Ed Labor 7ª Edición (1981)
- "Guía Práctica de las plantas medicinales y la salud" Vol. 4 Crédito Bibliotecario 2ª Edición (1991)
- "Vademecum de prescripción de plantas medicinales" Ed.Masson 3ª edición (1998)