Saltar ao contido

Bolina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Navegar de bolina [1] é unha técnica de navegación a vela empregada para zigzaguear contra o vento, o que permite navegar por zonas onde o vento non é favorábel. A proa enfila entre 60° e 37° contra o vento, que sopra contra as amuras, se ben isto depende do tipo de embarcación e da vela.

O termo bolina deriva do inglés bowline (o as de guía), que se usa nas embarcacións de relinga para amarrar a vela na proa durante esta andaina.

Principio físico

[editar | editar a fonte]

O principio físico sobre o que se basea a navegación a bolina é o efecto Venturi, descuberto e estudado por Giovanni Battista Venturi. Segundo este principio, se a velocidade dun fluído aumenta, a súa presión diminúe proporcionalmente.

O perfil dunha vela exposta ao vento divide o fluxo do ar en dous segmentos. Por causa da curvatura da vela, un dos dous (o de barlovento) é máis lento, debido o que debe percorrer un traxecto menor, en canto que o que escorre pola superficie externa da vela (sotavento), acelera e faise máis rápido, dependendo tamén da posición da vela.

As distintas velocidades implican tamén, segundo o principio exposto, que sobre as dúas caras da vela exércense presións distintas. A presión interna (barlovento) é superior á externa (sotavento), polo que se exerce un pulo da vela contra a dirección do vento e, en consecuencia, a embarcación avanza.

Este principio aplicado á vela desenvolve unha forza que permite que a embarcación poida avanzar en bolina ("contra o vento") grazas á forza igual, mais contraria, da orza inmersa no líquido no que navega. Este mesmo principio tamén se aplica no voo aéreo.

[editar | editar a fonte]
Bolina: a frecha azul claro indica o pulo lateral xerado pola presión desde o lado de barlovento da vela; tal pulo pódese descompor en dous vectores, o negro (anulado pola resistencia igual e contraria xerada pola orza submerxida na auga) e o azul escuro, que é a forza resultante do avance da embarcación.

Para navegar contra o vento hai que colocar a vela de modo que o seu plano divida aproximadamente en partes iguais o ángulo formado pola dirección do barco e a dirección do vento. O vento empurra a vela sempre segundo un ángulo perpendicular ao plano que ela define. A forza do vento pode ser descomposta en dous compoñentes: unha forza que obriga o ar a desviarse ao longo da vela ( verde no gráfico) e outra que é a que exerce presión sobre a vela (a azul claro). A resistencia da auga impide que un barco se mova lateralmente. Un barco ten de avanzar na dirección da súa proa. A forza que exerce presión sobre a vela (a azul claro) pode ser descomposta en dous compoñentes: unha forza que tenta deslocar o barco lateralmente mais apenas o consegue inclinar (a negra) e outra que é a que efectivamente fai o barco avanzar (a azul escuro).

Por iso, a maior parte da forza do vento (a verde) fai simplemente que o ar corra pola vela saíndo pola retagarda, e outra parte (a negra) inclina o barco e, finalmente unha pequena parte (a azul escuro) fai que o barco navegue de bolina. O abatemento do barco é maior que cando se navega co vento de través ou en empopada.

Se o obxectivo é situarse nun punto a barlovento (de onde sopra o vento) hai de bolinar até chegar ao obxectivo. Pódense tardar catro horas para vencer unhas 5 millas cando, de se navegar a favor do vento, só se tardaría unha hora ou menos.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]