Bloqueo (ferrocarril)
O bloqueo é o sistema que permite organizar a circulación dos trens, de maneira que non choquen durante a súa marcha. Isto conséguese evitando que dous trens coincidan simultaneamente nun mesmo punto, xa sexa por choque frontal, alcance do tren precedente, ou no ángulo de converxencia de dúas vías.
Unha liña férrea está sempre dividida en tramos, denominados cantóns, cuxa lonxitude e tipo dependerán, entre outros factores, do sistema de bloqueo existente no devandito tramo. En condicións normais, en cada cantón, só pode haber un tren circulando. Para evitar que dous ou máis trens accedan ao mesmo cantón, utilízanse precisamente os sistemas de bloqueo.
A forma na que se realiza o bloqueo depende da tecnoloxía dispoñible, desde simples acordos verbais para evitar que dous trens accedan á mesma vía, ata complexos sistemas informatizados que comproban en todo momento a posición dos trens.