Biscúter
Biscúter | |
---|---|
Biscúter Comercial 100 | |
Tipo | Sociedade Anónima |
Fundación | 1953 |
Localización | Sant Adrià de Besòs, Barcelona, España |
Fundador | Josep Maria Marcet i Coll |
Persoas clave | Gabriel Voisin Damià Casanova |
Industria | Automóbil |
Produtos | Microcoches |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Biscúter foi un microcoche fabricado en España a mediados do século XX.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]A falta de materia prima e, en xeral, as dificultades económicas de Europa logo da segunda guerra mundial, fixeron populares os coches diminutos en moitos países europeos. En España a situación era máis complicada, xa que o goberno de Francisco Franco era rexeitado por moitos gobernos occidentais e comunistas como un resto do fascismo. En consecuencia, España sufriu un illamento relativo do resto do mundo industrializado, funcionou a uns niveis inferiores de desenvolvemento comparado coa Europa Occidental e tivo que desenvolver substitutos propios de produtos e tecnoloxías de importación difíciles de conseguir. O Biscúter, pequeno, simple e barato, ata en comparación con outros microcoches, foi un produto desta contorna económica e adaptouse ben ao seu tempo e ao seu mercado.
Orixe
[editar | editar a fonte]O coche ten as súas orixes en Francia, a finais dos anos 1940, onde Gabriel Voisin, deseñador de avións e titular da prestixiosa fábrica de automóbiles Voisin, deseñou un coche mínimo chamado Bi-scooter. O nome implicaba que era do tamaño de dúas motos scooter ou ben unha moto scooter con catro rodas. En Francia, a idea non atraeu o interese dos fabricantes nin do público, pero ocorreu todo o contrario na España de posguerra, e finalmente vendeu a licenza á firma española Autonacional S.A. de Barcelona.
Cando se introduciu no mercado en 1953, o coche non tiña nome formal e chamábase simplemente Serie 100, pero pronto pasou a ser coñecido como «Zapatilla», polo seu perfil similar a unha zapatilla. Un dito común era «feo como un Biscúter».
Información técnica
[editar | editar a fonte]O Zapatilla realmente estaba simplificado ao mínimo, sen portas, fiestras nin marcha atrás. O motor Hispano Villiers dun cilindro, 197 cc e dous tempos desenvolvía 9 CV, arrincábase cun tirador e tiña a transmisión soamente á roda dianteira dereita. O freado realizábase cun sistema pouco común de tres puntos, que incluía a transmisión e cables ás rodas traseiras. Unha característica realmente avanzada foi unha carrocería completamente de aluminio, aínda que máis tarde se usase aceiro.
Historia
[editar | editar a fonte]Tras un intento errado de ofrecer o deseño primixenio no mercado francés, Gabriel Voisin recibiu a petición inesperada do seu desenvolvemento e comercialización para España, famenta por aquel entón de todo canto supuxese motorización.
O deseño partía dunha sofisticada vontade de reducir á súa mínima expresión a mobilidade, racionalizar e maximizando así os beneficios do automóbil, e obtendo así velocidades razoables para consumos nunca vistos. Con este propósito empregaba materiais lixeiros que á súa vez nin sequera requirían procesos de pintado, ademais de seguir o esquema entón moi avanzado da tracción dianteira. Era un automóbil sumamente agudo e simple. Esta formulación, aínda que pola súa austeridade non atraeu a suficiente atención alí onde foi proposto, era perfecto para a España de posguerra.
A partir de 1954 A sociedade Autonacional ASA fabricouno con éxito en Barcelona, con medios semellantes aos que usase unha empresa maior, o cal, xunto co acerto do propio deseño, permitiulle construílo en serie e destacar entre a pléiade de micro coches españois, xeralmente producidos de xeito moi precario.
As iconográficas carrocerías empezáronse a construír e redefinir en 'Construciones Metàl·liques Rañé' de San Just Desvern, dirixida polos irmáns Marcelino Rañé e Fernando Rañé chapista e pai do actor e director Ferran Rañé.
A rede de concesionarios estendeuse rapidamente por toda España, e o Biscúter coñeceu un período de esplendor de varios anos, tralos cales desapareceu por completo. A súa gama diversificouse no medio de fortes diverxencias da directiva con versións furgoneta e familiar, e ata unha versión discutidísima con carrocería de plástico que resultou un fracaso comercial e material.
Na fase final, co Seat 600 xa no mercado, o Estado cortou a Autonacional o fornezo de aluminio, o que determinou que gran parte dos Biscúter de entón en diante fosen de aceiro total ou parcialmente. Este aceiro, contribuíndo á heroica idiosincrasia do Biscúter obtíñase de despregar os bidóns de aceite do Plan Marshall.
Máis aló de 1959-60 morre o coche e nace a lenda, pero cabe preguntarse que pasaría si, en lugar de desaparecer, o Biscúter e Autonacional lograsen sobrevivir industrialmente.
O Biscúter floreceu durante aproximadamente 10 anos e converteuse nun visitante habitual das estradas españolas. Aos poucos engadíronselle portas e fiestras e fabricáronse formas de carrocería distintas, incluíndo camionetas, unha elegante furgoneta con caixa de madeira (o Biscúter Comercial 200 C) e un deportivo case de xoguete chamado Pegasín.
O goberno crea en 1950 a empresa pública SEAT, que fabricará desde 1953 baixo licenza coches de Fiat, ademais de autorizar pouco despois o establecemento de fábricas doutras marcas como Renault en 1952 ou Citroën en 1957. Ao principio, incluso os modelos de deseño italiano ou francés máis baratos eran considerados coches de luxo, fóra do alcance do consumidor español medio. Co paso do tempo e o enriquecemento do país, SEAT foi obtendo maiores cotas de vendas e acabou por expulsar do mercado ás marcas de coches pequenos cando, en 1957, empezou a fabricación do modelo 600 a un prezo moi competitivo.
A principios dos anos 1960 terminou a venda e produción de Biscúter, tras unha produción total duns 12.000 coches. Case todos os Biscúter foron finalmente desguazados.
Hoxe
[editar | editar a fonte]Actualmente os Biscúter son curiosidades de museo, aínda que, como moitas outras marcas desaparecidas, ten seguidores entre os entusiastas do automóbil. O nome é relativamente descoñecido fóra de España e a maioría da información sobre a marca está en español. A súa extrema rareza garante que calquera exemplar que sobreviva sexa un obxecto de coleccionista, aínda que non dun valor esaxeradamente alto.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Biscúter |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Biscúter na web dos microcoches españois da posguerra
- Biscúter Voisin, o primeiro utilitario español
- Bruce Weiner Microcar Museum, en Xeorgia (en inglés)
- Historia da firma e fotografías en Autopasión 1/18
- Anuncios e carteis publicitarios do Biscuter en Cartelmotor