Bíatlon
O bíatlon é un deporte de inverno que combina o esquí de fondo e o tiro con carabina.
O bíatlon fai parte dos Xogos Olímpicos dende Squaw Valley 1960. Outras competicións de bíatlon son o Campionato Mundial, a Copa Mundial e o Campionato Europeo.
Historia
[editar | editar a fonte]A primeira aparición dun deporte parecido ao bíatlon foron as competicións militares na rexión de Escandinavia nos séculos XVIII e XIX. As competicións organizadas por militares constaban de varias categorías como tiro con carabina mentres se esquiaba a alta velocidade, carreiras de ascenso e descenso cargando un rifle e accesorios militares. A partir do século XX pasou a ser un deporte tamén practicado por civís. Nos Xogos Olímpicos de Inverno de 1924 foi incluído como deporte de exhibición, chamado entón "patrulla militar"; foi incluído oficialmente como deporte olímpico en 1960 e en 1992 incluíuse a modalidade feminina. En 1958 celebrouse o primeiro Campionato Mundial de Bíatlon e en 1984 as mulleres tiveron as súas propias competicións;[1]
En 1948 fundouse a Union Internationale de Pentathlon Moderne et Biathlon (UIPMB), que estandarizou as regras do deporte. En 1993 creouse a Unión Internacional de Bíatlon e converteuse no corpo gobernante oficial do deporte en 1998.[2]
As competicións celebradas entre os anos 1958 e 1965 empregaban rifles de cartuchos .30-06 Springfield e 7,62 × 51 mm OTAN, ata que en 1978 se estandarizou o uso do cartucho .22 Long Rifle para rifles e carabinas para tiro deportivo.[3] Os biatletas disparaban a distancias de entre 100 e 250 m, e para o ano 1968 a distancia foi reducida a 50 m. Esta nova distancia foi usada xunto con novos obxectivos mecánicos nos Xogos Olímpicos de Lake Placid 1980.[3] Os esquís, que ao principio eran completamente de madeira, foron substituídos por plástico; máis adiante creáronse con materiais como fibra de vidro e cambiaron de forma a unha lonxitude menor e maior rixidez. Outro dos cambios no equipamento do biatleta son as ataduras das botas, que empregan un novo mecanismo que permite maior movemento, máis flexíbel e con botas e esquís máis lixeiros. Os traxes actuais son de lycra e están deseñados para unha maior flexibilidade.[3]
Especialidades
[editar | editar a fonte]Hai diferentes probas e modalidades dentro do bíatlon: individual, esprinte, persecución, remudas e saída en masa.
Nome | Distancia | Saída | Serie de tiros* |
Penalización |
---|---|---|---|---|
Esprinte | 10 km (M) 7,5 km (F) |
Intervalos 30 s | 2 | 1 fallo = 1 rolda de 150 m |
Persecución | 12,5 km (M) 10 km (F) |
Por quendas con respecto ao tempo final do esprinte | 4 | 1 fallo = 1 rolda de 150 m |
Individual | 20 km (M) 15 km (F) |
Intervalos 30 s | 4 | 1 fallo = 1 min máis |
Saída en masa | 15 km (M) 12,5 km (F) |
Conxunta | 4 | 1 fallo = 1 rolda de 150 m |
Remudas | 4×7,5 km (M) 4×6 km (F) |
Conxunta | 8 | 1, 2, 3 fallos = 1, 2, 3 recargas. A partir do 4.º fallo, 1 fallo = 1 rolda de 150 m |
- (*) - Cada esquiador realiza a metade da serie de tiros en posición deitada e a metade de pé
- (M) - Proba masculina
- (F) - Proba feminina
Individual ou triindividual
[editar | editar a fonte]É a proba de bíatlon por antonomasia. As mulleres corren 15 km e os homes 20 km. É unha competición contra o reloxo en que os participantes parten por intervalos. No percorrido hai catro estacións de tiro, para tirar alternativamente de pé e deitado; por cada disparo que fallou penalízase cun minuto ao tempo total.
Esprinte
[editar | editar a fonte]A proba feminina é de 7,5 km e a masculina de 10 km. Os participantes saen a intervalos de 30 segundos e dan tres voltas a un circuíto. No percorrido teñen que realizar dúas series de tiros, de cinco albos cada unha, primeiro deitados e despois de pé. Por cada fallo, teñen que realizar unha rolda de penalización de 150 metros adicionais. Gaña o mellor tempo.
Persecución
[editar | editar a fonte]As mulleres fan 10 km e os homes 12,5 km. A saída é por quendas segundo o cómputo de tempos que se obtiveron no esprinte, e o primeiro que cruza a meta gaña a carreira. Os participantes teñen catro paradas para tirar a un albo onde teñen que facer cinco dianas con cinco balas. Por cada tiro fallado, os atletas deben facer unha volta de penalización sobre un circuíto de 150 metros preparado ao efecto e despois continuar o percorrido da proba.
Remudas
[editar | editar a fonte]É unha proba que se realiza por equipos de catro, correndo cada un dos participantes 7,5 km en categoría masculina e 6 km na feminina. A proba comézana os primeiros remudistas de cada equipo. Cada corredor ten que realizar dúas paradas de tiro, unha deitada e unha de pé. En cada parada de tiro debe acertar cinco dianas para as que dispoñen de oito balas. Por cada diana sen completar o corredor ten que facer un percorrido de penalización de 150 metros e despois continuar a proba.
Existen dous formatos de remudas mixtas. Na remuda por equipos mixtos, dúas mulleres percorren 6 km cada unha, e despois dous homes percorren 7,5 km cada un, sumando 27 km. Nas remudas por parellas mixtas, unha muller e un home alternan quendas de 3 km, agás a quenda final masculina, que é de 4,5 km, sumando 13,5 km. En ambos, cada corredor debe realizar dúas paradas de tiro en cada quenda.
Saída en masa
[editar | editar a fonte]É a modalidade máis recente e incluíuse por vez primeira nos Xogos Olímpicos de Turín 2006. A proba masculina é de 15 km (cinco voltas a un circuíto de 3 km) e a feminina de 12,5 km (cinco voltas a un circuíto de 2,5 km). Nesta proba saen todos os participantes xuntos, e o primeiro en cruzar a meta gaña a carreira. Hai catro estacións de tiro con cinco albos cada unha, dúas para disparar deitados e as outras dúas de pé. Como na proba de esprinte, por cada fallo o competidor debe percorrer 150 metros máis de penalización. Para evitar as aglomeracións de participantes na zona de tiro, ademais do posíbel perigo que iso implica, a participación nesta proba está limitada aos 30 mellores participantes das probas anteriores. Por iso nos Xogos Olímpicos dispútase nos últimos días.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Biathlon: historia, reglas y modalidades olímpicas" (en castelán). Marca.com. 8 de febreiro de 2018. Consultado o 19 de decembro de 2018.
- ↑ "IBU Congress: Olle Dahlin (SWE) elected as new IBU President" (en inglés). International Biathlon Union. Consultado o 19 de decembro de 2018.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "Biathlon: a sport on the cutting edge" (en inglés). Olympic.org. 23 de febreiro de 2015. Consultado o 19 de decembro de 2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bíatlon |