Atletismo
Atletismo é o nome que recibe un amplo conxunto de probas deportivas divididas en carreiras, saltos e lanzamentos. Pódense practicar en pavillóns ou ao ar libre.
O atletismo é un dos poucos deportes practicados de forma tradicional mundialmente, tanto no ámbito afeccionado como no transcurso de numerosas competicións de todos os niveis. A simplicidade e os poucos medios necesarios para a súa práctica explican en parte este éxito. Os primeiros vestixios de concursos atléticos remóntanse a civilizacións antigas.
Os Xogos Olímpicos son a proba internacional máis coñecida. Celébranse cada catro anos desde 1896 e o atletismo é a disciplina máis importante neles. Desde 1982, a IAAF é o organismo encargado da súa regulamentación, e creou normas para finalizar co período afeccionado da disciplina. O primeiro Campionato do Mundo de Atletismo organizouse en 1983 e teñen lugar cada dous anos desde 1991.
Historia
[editar | editar a fonte]Antigüidade
[editar | editar a fonte]O atletismo existe desde hai miles de anos, considérase o deporte máis antigo do planeta. Deixando de fóra deportes prehistóricos sen regras nin normativa, en Exipto no século XV aC atópase como referencia escrita máis antiga unha inscrición nunha lápida de Amenofis II, na cal se fala de carreiras a pé. Ao mesmo tempo a civilización minoica tamén facía carreiras, e lanzamentos como o de xavelina e disco.[1]
Posteriormente fixéronse os Xogos Olímpicos que iniciaron os gregos en 776 aC. Hai varias teorías que apuntan ao ano 880 aC como data de inicio dos Xogos Olímpicos (por obra do rei de Elida, Ifitos, e en honra ao deus Zeus), pero a primeira referencia escrita é unha listaxe de gañadores do ano 776 aC: Kerobos foi o gañador dunha carreira de 197,27 metros denominada stadion.[1]
Durante os días que duraban os xogos, parábanse todas as guerras (entre estados ou cidades gregas), isto denominábase tregua olímpica.
Entre o 472 aC, e o 350 aC fóronse modificando algúns conceptos para acabar cuns xogos olímpicos semellantes aos actuais: o primeiro día dedicábase á celebración do culto de Zeus, o segundo día levaban a cabo as carreiras individuais e durante o resto de días o resto de probas. Os trofeos que conseguían os atletas eran ofrecidos aos seus deuses: os atletas non recibían ningún premio valioso, como poderían ser xoias ou ouro, senón que só recibían unha coroa feita cunha rama de olivo chamada Kotinos e o recoñecemento de ser os máis rápidos ou os que saltaban máis. Os atletas ían nus durante todo o período, posto que aquilo era unha representación da beleza masculina e tentaban imitar aos deuses, as mulleres tiñan o acceso prohibido.
Os atletas empezaban aos doce anos o adestramento e a preparación física na pista. Ademais había probas diferentes das actuais, por exemplo contemplábase a loita, boxeo, pancracio (unha combinación das dúas anteriores), carreiras de cuadrigas etc. E xa se disputaban outras moitas probas como os lanzamentos de disco e xavelina (nestas dúas había unha modalidade de lanzamento vertical e outra de lanzamento horizontal), carreiras de velocidade, salto de lonxitude etc.
No 394 aC xa se disputaron 293 Xogos Olímpicos, todos eles no Val de Olimpia.
En Roma practícase o atletismo en dúas versións diferentes. A primeira de inspiración etrusca (cursores), e a segunda é unha adaptación das disciplinas gregas (athletae) que son practicadas a Roma a partir do 186 aC, e os romanos continuáronos.[2] Coa chegada do cristianismo os Xogos foron perdendo interese. No ano 394 o emperador romano Teodosio o Grande aboliunos porque eran considerados pagáns.[3]
Irlanda organiza entre o 632 aC e 1169 xogos que comprenden probas descoñecidas polos gregos como salto de pértega, lanzamento de martelo e unha forma de cros country. Estas disciplinas son importadas a Escocia no século IV, pola migración de escoceses. Estes xogos arraigan en terra escocesa e fanse os Highland Games.[4]
Idade media ata o século XIX
[editar | editar a fonte]Desde o século XI, as fontes informan de carreiras a pé en Inglaterra. O entusiasmo é tal que as autoridades locais reservan un espazo dedicado a estas competicións en 1154 en Lord.[4] A descrición dun lanzador de pedras figura nos relatos de Havelock o danés en 1275. Doutra banda, segundo os historiadores, o rei Henrique II de Inglaterra fixo instalar uns terreos de deporte nos arredores de Londres para a práctica de diferentes probas tales como lanzamento de martelo en zorra, lanzamento de barra e pa, así como xogos de pelota. Ao mesmo tempo, os mozos londinienses desafíanse a interminables carreiras a través da cidade.[5]
En 1834 un grupo de ingleses decidiron os mínimos esixibles para participar en determinadas probas. As primeiras reunións atléticas foron da man das universidades de Oxford e Cambridge (1864). O primeiro mitin nacional en Londres tivo lugar en 1866 e o primeiro mitin afeccionado en pista cuberta, celebrado nos Estados Unidos en 1868, o ano no cal se fundou o primeiro club de atletismo. Isto desatou o interese por este deporte tanto en Europa como América.
Amodo o atletismo foi collendo protagonismo, en 1896 celebráronse os Xogos Olímpicos en Grecia impulsados polo barón Pierre de Coubertin, no Estadio Panathinaikó de 333 metros de pista,[6] e a partir de aquí cada 4 anos un país era o anfitrión dos Xogos, excepto en tempos de guerra.
Aínda así non foi ata os xogos de Estocolmo, en 1912 que non se empezaron a cronometrar as carreiras; foi, polo tanto, o primeiro momento no que se contaron as marcas, foi naqueles xogos cando Jim Thorpe gañou dúas medallas de ouro no péntatlon e no décatlon, conseguindo a marca do mundo, seis meses despois retiráronselle as medallas e as marcas porque cobraba 25 dólares semanais xogando ao béisbol, en 1982, unha vez xa morto, o Comité Olímpico Internacional entregou as medallas aos seus fillos e volvérono a inscribir no libro das Marcas.
En 1912 fundouse a Federación Internacional de Atletismo Afeccionado (IAAF) con sede en Londres. Os fundadores foron 17 países, pero actualmente xa o integran 213.[7]
En 1976 acordouse que todas as marcas e probas se indicaran de forma métrica e evitar empregar a palabra milla. Actualmente isto aplícase a todas as probas excepto a de milla.
Probas
[editar | editar a fonte]As probas de atletismo adóitanse clasificar en tres grandes bloques: carreiras (velocidade, medio fondo, fondo, obstáculos, marcha atlética e remudas), concursos (saltos e lanzamentos) e probas combinadas (décatlon e héptatlon).
Probas olímpicas | ||
---|---|---|
Carreiras | ||
Distancia | Data desde a cal é olímpica | |
Homes | Mulleres | |
100 m | 1896 | 1928 |
200 m | 1900 | 1948 |
400 m | 1896 | 1964 |
800 m | 1896 | 1928; vaise recuperar en 1960 |
1 500 m | 1896 | 1972 |
5 000 m | 1912 | 1996 (do 1984 ó 1992: 3000 m) |
10 000 m | 1912 (do 1906 ó 1908: 5 millas = 8047 metros) |
1988 |
Maratón | 1896 | 1984 |
110 mt; Mulleres: 100 mt |
1896 | 1972 (do 1932 ó 1968: 80 mt) |
400 mt | 1900 | 1984 |
3000 obstáculos | 1920 (do 1900 ó 1908 outra distancia) |
2008 |
4x100 m | 1912 | 1928 |
4x400 m | 1912 | 1972 |
Marcha | ||
Distancia | Data desde a cal é olímpica | |
Homes | Mulleres | |
20km marcha | 1956 (1908 ó 1952: 10km marcha) |
2000 (1992 ó 1996: 10km marcha) |
50km marcha | 1932 | - |
Saltos | ||
Disciplinas | Data dende a que é olímpica | |
Homes | Mulleres | |
Salto de altura | 1896 | 1928 |
Salto con pértega | 1896 | 2000 |
Salto de lonxitude | 1896 | 1948 |
Triplo salto | 1896 | 1996 |
Lanzamento | ||
Disciplinas | Data dende a que é olímpica | |
Homes | Mulleres | |
Lanzamento de peso | 1896 | 1948 |
Lanzamento de disco | 1896 | 1928 |
Lanzamento de martelo | 1900 | 2000 |
Lanzamento de xavelina | 1908 | 1932 |
Combinadas | ||
Disciplinas | Data dende a que é olímpica | |
Homes | Mulleres | |
Décatlon | 1896 | - |
Héptatlon | - | 1984 |
Carreiras
[editar | editar a fonte]As carreiras son as probas clásicas. Consisten a correr (excepto no caso da marcha) unha distancia determinada co obxectivo de completala co menor tempo posible. Unha saída será nula se un corredor ou corredora ponse en movemento antes de que se dea o pistoletazo de saída. O atleta que fai unha saída nula é descualificado (en vigor desde o 1 de xaneiro de 2010). As carreiras clasifícanse en:
- 100 m, 200 m, 400 m, 800 m, 1500 m, 3000 m, 5000 m, 10000 m, e o maratón (42,195 km).
- Valos e obstáculos: 100 m feminino, 110 m masculino, 400 m e 3000 obstáculos.
- Marcha: 20 km e 50 Km (masculino)
- Remudas: 4x100 m e 4x400 m.
As carreiras de velocidade son as carreiras onde a distancia a percorrer son 400 metros ou menos. De tal maneira que os 50 metros lisos, os 60, os 100, os 200 e os 400 son categorizadas neste grupo. Afinando máis poderíanse distinguir as carreiras de esprint (distancia inferior aos 100 metros), pero non é necesario. Estas carreiras caracterízanse polo feito de que o atleta empeza a carreira agachado cos pés colocados sobre o bloque de saída (starting ou tacos de saída) que o axudarán a gañar impulso ó comezo da carreira. A saída nestas carreiras pode ser decisiva. O atleta non escatima en ningún momento en velocidade: vai todo o percorrido ao máximo; quizais a única excepción é á proba dos 400 metros, onde o atleta pode rebaixar a velocidade en determinados momentos para esforzarse máis noutras zonas.
Unha vez se da o pistoletazo de saída, o atleta impúlsase co starting e fai os 10 ou 20 primeiros metros lixeiramente agachado, e finalmente pon as costas completamente rectas. Isto permite unha maior apertura de pernas. O atleta tense que impulsar fortemente contra a terra no canto de "apoiarse" como quizais faría nunha carreira de fondo ou medio fondo.
As carreiras de medio-fondo son aquelas comprendidas entre os 600 e os 3.000 metros. As carreiras máis populares son a de 800 metros lisos, a de 1.500 e a de 3.000. Tamén o sería a milla a pesar de non ser olímpica. Nestas carreiras o atleta segue unha estratexia previamente estudada acelerando e reducindo a marcha para poder aguantar toda a distancia, tamén hai atletas que van durante toda a carreira á mesma velocidade. Nestas probas non se empeza con starting, senón que se sae de pé, e colócanse nunha liña curva da pista, sen rúa única; a única excepción son os 800 metros lisos onde si que se empeza con starting e durante unha distancia hai rúa única. O atleta fai unha menor apertura de pernas e a acción dos xeonllos non é tan importante como nas probas de velocidade.
As carreiras de fondo son todas as carreiras dunha distancia superior aos 3.000 metros: 5.000, 10.000, maratón (42.195 metros fóra de pista), o campo a través (fóra de pista) etc. Os atletas destas probas tentan evitar todos os movementos innecesarios, os xeonllos non se moven moito e a apertura de pernas e a forza son menores que nas carreiras de medio-fondo e de velocidade.
As carreiras de valos son de 400 metros ou inferiores en distancia. O atleta ten que superar un conxunto de 10 valos, de diferente altura segundo a categoría e o sexo. A distancia entre os valos é diferente segundo a distancia que se percorra. Para pasar os valos correctamente primeiro tense que estender unha perna, pasar o valo (sen perder o ritmo) e pola rapidamente en terra, a segunda perna pasa dobrada perpendicularmente ao corpo (de tal maneira que queda paralela a terra): a flexibilidade é un elemento chave nestas probas. Se un atleta non pasa por encima dos valos será descualificado; o feito de tombalas non o descualifica nin impide establecer unha marca. As carreiras de obstáculos son parecidas, a distancia máis común son os 3.000 metros, o atleta ten que superar obstáculos que non poden caer e cada volta teñen que superar unha ría.
Nas carreiras de remudas participan 4 atletas do mesmo equipo. Estes van percorrendo unha distancia determinada e pasando un tubo ríxido chamado testemuño ao seguinte do seu equipo, levándoo sempre na man e non está permitido usar luvas. O cambio tense que producir nunha zona de transferencia de 20 metros. Se durante a carreira a un atleta se lle cae o testemuño, este terá que recollelo e non outro do seu equipo. Ademais, á hora de recollelo non se pode entrar noutro carril, se isto pode interferir a un atleta contrario. Será motivo de descualificación se a entrega do testemuño se fai fóra da zona de transferencia.
Na marcha os atletas teñen que ter sempre un pé en contacto coa terra, ou aparentalo a primeira ollada, aínda que a miúdo non se cumpra completamente esta norma, serve para evitar que os atletas corran. Só se sancionará se se incumpre claramente, o atleta que o faga recibirá os cartóns dos xuíces. As distancias comprenden desde os 1.500 metros ata os 50 km.
Concursos
[editar | editar a fonte]Os concursos son aquelas probas do atletismo que non son nin carreiras nin combinadas: os saltos e os lanzamentos. As probas que conforman este gran grupo son moi variadas e diversas. Os saltos son: salto de altura, salto con pértega, salto de lonxitude e triplo salto, e os lanzamentos: o peso, disco, martelo e xavelina.
- No salto de altura o atleta ten que superar un listón saltando por riba del. A técnica empregada actualmente é a de fosbury.
- O salto con pértega ten aspectos comúns co salto de altura: o obxectivo é pasar por riba dun un listón, neste caso, pero, os atletas axúdanse dunha barra flexible chamada pértega.
- O salto de lonxitude consiste a facer o salto a maior distancia horizontal do punto de batida.
- O triplo salto é igual agás que desde o punto de batida ata a fosa pódense dar dous pasos para acabar cun salto (que sería como o terceiro paso).
- O lanzamento de peso consiste a lanzar un peso de 7,26 kg os homes e 4 kg as mulleres o máis lonxe posible sen saír dun círculo de lanzamento. Hai dúas técnicas para lanzar o peso: unha con desprazamento lineal e unha con desprazamento rotatorio. O desprazamento realízase para elevar a velocidade final do peso o máximo posible e aproximarse ao colector que é a zona máis próxima na zona de caída do artefacto. A forma lineal realízase facendo un salto en liña recta e a rotativa supón facer unha rotación sobre un mesmo ao mesmo tempo que se despraza.
- O lanzamento de disco é moi parecido ao lanzamento de peso con desprazamento rotatorio coa diferenza da colocación do artefacto, posto que o disco lévase co brazo completamente estirado.
- O lanzamento de martelo consiste, tamén, a lanzar o máis lonxe posible un disco ou un martelo respectivamente, sen saír do círculo de lanzamento. Este realízase dando tres ou catro voltas sobre un mesmo para acelerar o artefacto o máximo posible. O martelo lévase cos brazos estirados e a diferenza dos outros lanzamentos é o único que se realiza de costas á zona de lanzamento na súa parte final.
- O lanzamento de xavelina no canto de desenvolverse no círculo de lanzamento faise nun corredor, tamén se ten que tentar lanzar o máis lonxe posible a xavelina. A técnica do lanzamento consta dunha carreira previa como desprazamento e o lanzamento final.
Combinadas
[editar | editar a fonte]Trátanse de "conxuntos" dalgunhas das probas mencionadas anteriormente. Son o décatlon e héptatlon. Nestas competicións cóntanse os puntos gañados en cada proba, que varían segundo a marca conseguida, contando como 10.000 a marca ideal, no caso do décatlon.
- No décatlon realízanse as seguintes probas: (primeiro día) 100 m lisos, salto de lonxitude, lanzamento de peso, salto de altura, 400 m lisos; (segundo día) 110 m valos, lanzamento de disco, salto con pértega, lanzamento de xavelina e 1500 m. Esta proba só é masculina.
- No héptatlon realízanse as seguintes probas: (primeiro día) 100 m valos, salto de altura , lanzamento de peso, 200 m lisos; (segundo día) salto de lonxitude, lanzamento de xavelina e 800 metros lisos. Esta proba só é feminina.
Pista
[editar | editar a fonte]O atletismo, normalmente lévase a cabo nunha pista ovalada descuberta formada por un mínimo de 4 carrís (adoitan ser 8, a recta de chegada ten que ter un mínimo de 6 carrís) onde se realizan as carreiras, e unhas zonas onde se fan os saltos e os lanzamentos, pero ás veces fanse nunhas zonas próximas. Aínda así, tamén se pode disputar en pistas cubertas, que son máis pequenas e caracterízanse para non estar ao aire libre. Todas as pistas teñen que pasar un control da IAAF para controlar a calidade. Finalmente, algunhas probas desenvólvense en espazos exteriores como camiños ou estradas.
A superficie das pistas denomínase tartán e é un material sintético. Adóitase a pintar de cor vermella ou nalgúns casos azul. Algunhas pistas non oficiais ou actualmente en desuso poden ser de terra mineral, de arxila, de cinza ou mesmo de herba.
As pistas ao longo da historia variaron moito. Ao principio eran de area para dificultar a velocidade dos atletas, actualmente isto é diferente e están deseñadas para facilitala. Os materiais cambiaron, cada vez as infraestruturas son máis resistentes. A distancia dunha volta, ademais, variou continuamente: 1896 (Atenas) - 333,33 m; 1900 (París) - 500 m; 1904 (St. Louis) - 536,45 m (un terzo de milla); 1908 (Londres) - 536,45 m; 1912 (Estocolmo) - 383 m; 1924 (París) - 500 m; actualmente son de 400 metros.
Carreiras
[editar | editar a fonte]Nunha pista oficial, a rúa 1 (o interior) fai 400 metros cada volta. Hai dúas rectas paralelas (duns 84 metros) e dúas curvas co mesmo raio cada unha (duns 36,5 m), estas medidas ás veces poden variar, mantendo a pista simétrica por 2 eixos. As voltas que fan os corredores son no sentido contrario das agullas do reloxo, é dicir, das dúas partes irán sempre pola da dereita. Ao comezo da recta ten que haber un espazo con tartan duns 3 metros e ao final duns 17 para que os atletas non teñan problemas á hora de frear. No interior da rúa 1, para separar a zona de carreiras e as outras probas, hai un bordo duns 5 centímetros de altura e 5 de anchura que adoita ser metálico. Aínda así tamén debe haber unha liña branca que delimite a zona, e en caso de terse que mover o bordo pola realización de concursos ou determinadas carreiras, terase que marcar con conos ou bandeiras (de 20 centímetros de altura como mínimo) o percorrido orixinal da pista, aínda así non poderán estar a máis de 4 metros entre un e o outro.
Fórmula matemática da pista:
- 84,39 m (distancia de cada recta) x 2 = 168,78 m (as dúas rectas)
- 36,80 (raio dunha das curvas) x 3,1416 (número pi, aprox.) = 115,61 m
- 115,61 (distancia de cada curva) x 2 = 231,22 m (as dúas curvas)
- 168,78 (as dúas rectas) + 231,22 (as dúas curvas) = 400 m
A distancia das rúas cóntase dende a liña externa. Cada rúa ten 1,22 metros de anchura (cunha variación posible de 1 centímetro), marcada por ambas as bandas por liñas brancas de 5 centímetros de anchura. A inclinación da pista non pode superar 1:100 (normalmente cara ao interior) e o desnivel o 1:1.000 cara á dirección da carreira. As zonas de seguridade son de máis dun metro no interior e de aproximadamente un metro no exterior, onde non pode haber material, obstáculos etc. Ademais, tódolos sistemas de drenaxe que haxa nesta zona terán que estar ao mesmo nivel que a pista. A "ría" empregada na probas de obstáculos ten que estar no interior ou exterior da segunda curva e ten que ter unhas dimensións de 3,66 m x 3,66 m x 0,70 m.
Xusto antes da saída da recta ten que estar o número de cada rúa pintado de cor branca, de máis de medio metro de altura e lexibles na dirección da carreira. Á chegada pódense pór dous paus brancos ríxidos, a máis de 0,30 metros de distancia da pista sempre que non dificulten o traballo da foto-finish, as súas medidas terán que ser duns 1,40 x 0,08 x 0,02 metros. Nas carreiras onde se empeza con carril propio, pero acaban con rúa libre (como os 800 metros lisos) deixaranse uns prismas ou conos xusto na zona onde se produza o cambio.
Tamén ten que haber un corredor especial para enlazar as probas que saen da pista (maratón, medio maratón, marcha atlética) e que acaban dentro.
Saltos
[editar | editar a fonte]- O salto de lonxitude desenvólvese nunha rúa duns 40 metros de lonxitude da mesma anchura que as rúas de carreiras (1,22 m). A táboa de batida é de 0,20 m ± 0,02 x 0,10 m ± 0,01. A fosa de caída terá que estar chea de area e non poderá ter menos de 2,75 metros de anchura e non poderá estar máis preto de 10 metros da táboa de batida.
- O triplo salto realízase nas mesmas instalacións que o salto de lonxitude, cun único cambio: en competicións internacionais a batida sitúase a 13 metros da fosa no caso dos homes e a 11 no das mulleres.
- O salto de altura faise nun corredor semicircular cun mínimo de 20 metros de raio e un colchón dun mínimo de 3 x 5 metros. O listón é unha barra feita de metal, madeira ou fibra de vidro cos extremos plans para obter unha maior estabilidade nos apoios. O obxectivo do saltador é saltar por riba do listón sen facelo caer. Pode pesar, como máximo 2 kg e ter 4 metros de lonxitude.
- O salto con pértega conta cunha rúa duns 40 metros x 1,22, un caixón onde pór a pértega e un colchón de caída de 6,50 m x 5 m.
Lanzamentos
[editar | editar a fonte]- O lanzamento de peso desenvólvese nun círculo de lanzamento de 2,135 metros, un colector de 1,22 m ± 0,01 x 0,112 x 0,10 m ± 0,02 e o sector de caída de 25 metros de raio e 17,10 de corda.
- O lanzamento de disco conta cun círculo de lanzamento de 2,50 m, unha gaiola protectora e un sector de caída de 80 metros de raio e 54,72 de corda.
- A instalación do lanzamento de xavelina consiste nun corredor de 30 a 36,50 metros cunha anchura de 4, un arco cun raio de 8 m e un sector de caída de 100 metros de raio e 50 de corda.
- A instalación do lanzamento de martelo é un círculo de lanzamento de 2,135 de diámetro, gaiola protectora e un sector de caída de 90 metros de raio e 61,56 de corda.
Algunhas veces algúns destes lanzamentos poden desenvolverse en descampados adxacentes á pista, normalmente para non botar a perder o céspede do interior, que moitas veces se utiliza como campo de fútbol, rugby ou hóckey sobre herba.
Pista cuberta
[editar | editar a fonte]Tamén pode ser que se desenvolva en pistas cubertas, onde a recta ten só 50 metros, a metade dunha pista normal, non se poden facer probas como o lanzamento de disco ou xavelina polo escaso espazo do que se dispón. Unha característica destas pistas é que no interior non hai céspede e que xusto na metade hai unha recta para desenvolver os 60 metros lisos.
Exteriores
[editar | editar a fonte]Aínda así hai probas como o cross, algunhas carreiras de marcha e os maratóns que se desenvolven en camiños ou estradas. Os maratóns moitas veces rematan dando unha volta á pista.
Equipamento e material
[editar | editar a fonte]O material necesario é moi variado segundo a proba que se queira facer. Nas carreiras de velocidade é imprescindible dispor dos tacos de saída (tamén chamados starting). No salto con pértega e o de altura necesítase un colchón para parar as caídas. Nos lanzamentos, loxicamente necesítanse os artefactos que se lanzarán. Todas as pistas, ademais teñen que contar con valos e obstáculos para poder desenvolver as probas.
O material que teñen que traer os xuíces tamén varía segundo a proba e segundo o papel que teñen. Por exemplo nun salto de lonxitude, uns encargaranse de alisar a area, outros de medir, e outros de verificar que o salto é válido. Polo tanto é moi difícil facer unha lista de todo o material que se pode necesitar á hora de facer de xuíz.
Probas máis importantes
[editar | editar a fonte]- O Campionato do Mundo organízao a Federación Internacional de Atletismo (IAAF) desde 1983. Nun principio disputábase cada catro anos, pero debido ao grande eco nos medios e económico que tivo a competición, a partir da súa terceira edición, en 1991, pasouse a disputar cada dous anos.
- Os Xogos Olímpicos de verán son unha competición internacional multideportiva disputada cada catro anos e organizada polo Comité Olímpico Internacional. Trátase dunha das competicións máis prestixiosas e con máis audiencia en todo o mundo. Os competidores participan representando o seu Comité Olímpico Nacional respectivo, que adoitan representar estados independentes, a pesar de que tamén toman parte diversas nacións sen estado.
- A Golden League é unha serie de competicións anuais que organiza a Federación Internacional de Atletismo (IAAF) desde 1983. Esta competición formouse para mellorar a eficiencia das mellores competicións atléticas. Os atletas que gañan nas seis competicións comparten un premio dun millón de dólares.
- A Copa do Mundo de Atletismo, é unha competición internacional de seleccións continentais de probas en pista.
- O Campionato de Europa de Atletismo é un acontecemento atlético organizado pola Asociación Europea de Atletismo (EAA), e que se celebra cada catro anos nunha cidade diferente, previamente designada. A primeira edición celebrouse en 1934 na cidade de Turín, Italia, e ata o 2006 disputáronse 19 edicións. Unicamente se deixou de disputar a edición de 1942 debido á segunda guerra mundial.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Corredor no paseo marítimo da Coruña
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 O nacemento do primeiro estadio Arquivado 05 de xaneiro de 2018 en Wayback Machine. (en francés)
- ↑ Jean-Paul Thuillier, Lle sport dans la Rome antique, París, Errance, 1996, páx.115-116, ISBN 2877721140
- ↑ Resumo historía do atletismo Arquivado 30 de maio de 2015 en Wayback Machine. (en castelán)
- ↑ 4,0 4,1 Wojciech Liponski (s.d.), L'encyclopédie des sports, Poznan, Atena, 2003 (éd. fra., París, Grund et UNESCO, 2005), páx.33, ISBN 2700012275
- ↑ Robert Parienté et Alain Billouin, La Fabuleuse Histoire de l'Athlétisme, París, Minerva 2003, páx.192, ISBN 2830707273
- ↑ E. Martin, David; Gynn, Roger W. H. (2000). The Olympic marathon (en inglés). Human Kinetics. pp. p.56. ISBN 0880119691.
- ↑ Historia da IAAF (en inglés)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Atletismo |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Xogos Olímpicos
- Deporte
- Campionato do Mundo de Atletismo
- Diamond League
- Marcas do mundo de atletismo