Saltar ao contido

Atentados do 11 de setembro de 2001

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Atentados do 11 de setembro
De arriba a abaixo: o incendio do World Trade Center, sección colapsada do Pentágono, o voo 175 estrelase no WTC 2, un bombeiro pide axuda na Zona Cero, recupérase un motor do voo 93 e, o voo 77 estrélase contra o Pentágono.
LugarNova York, Condado de Arlington (Virxinia), Shanksville (Pensilvania)
Estados Unidos de América Estados Unidos
Branco(s)Civís e militares
Data11 de setembro de 2001
08:46 – 10:28 (UTC-4)
Tipo de ataqueAtentado terrorista, asasinato masivo, Ataque suicida
Arma(s)Voo 11 de American Airlines
Voo 175 de United Airlines
Voo 77 de American Airlines
Voo 93 de United Airlines
Mortos3016 mortos (incluíndo os 19 terroristas e os 24 desaparecidos)
FeridosMáis de 6000
Perpetrador(es)Al-Qaeda
MotivoXihadismo
editar datos en Wikidata ]
Vista dos ataques.

Os atentados do 11-S ou ataques do 11S foron unha serie de ataques suicidas coordinados, realizados nos Estados Unidos o 11 de setembro de 2001. Segundo o Informe oficial, 19 terroristas pertencentes á organización Al Qaida, dirixida por Osama bin Laden, secuestraron catro avións comerciais, e fixeron chocar dous avións coas Torres xemelgas do World Trade Center en Manhattan, Nova York; pouco despois as dúas torres viñéronse abaixo. O terceiro avión chocou contra o Pentágono, cuartel xeral de defensa dos Estados Unidos, en Arlington, Virxinia. Un cuarto avión caeu nunha zona rural, preto de Shanksville, Pensilvania, presumiblemente despois de enfrontárense os pasaxeiros aos terroristas.

Os ataques foron os atentados terroristas máis mortíferos efectuados nos Estados Unidos, morreron 2.986 persoas, e afectou económica, social, cultural e militarmente aos Estados Unidos e o resto do mundo. Tras estes atentados os Estados Unidos comezaron a Guerra contra o terrorismo, que supuxo a fin do goberno talibán de Afganistán.

Os ataques

[editar | editar a fonte]
13 de setembro de 2001: bombeiro de Nova York olla para o que sobrou da Torre Sur do World Trade Center.
Paisaxe incrible do fume envolvendo os rañaceos.
Momento do impacto contra o Pentágono.

Os atentados comezan a mañá do 11 de setembro de 2001 cando 19 membros da organización terrorista Al Qaida (entre os cales había catro adestrados para pilotar avións) secuestraron catro voos comerciais que partían dende diversos aeroportos da costa leste dos EUA. Os catro aeroplanos tiñan como destino California polo que os seus depósitos de combustible ían cheos cuns 91.000 litros, 65.455 kg, converténdose así en auténticas bombas incendiarias guiadas.

  • 8:46.30 hora local (12:46.30 UTC): O voo 11 de American Airlines, un Boeing 767-223, incrústase por completo na Torre Norte do World Trade Center (WTC).
  • 9:02.59 hora local (13:02.59 UTC): O voo 175 de United Airlines, un Boeing 767-222, choca contra a Torre Sur. O feito é transmitido en directo por diversas cámaras de televisión que enfocaban ás torres xemelgas a causa da densa fumareda que xurdía da Torre Norte, a primeira en recibir o impacto.
  • 9:37.46 hora local (13:37.46 UTC): O voo 77 de American Airlines, Boeing 757, estrélase no Pentágono.
  • 9:59 hora local (13:59 UTC): Cae a Torre Sur.
  • 10:03.11 hora local (14:03:11 UTC): O voo 93 de United Airlines cae nun campo de Pensilvania cando tripulación e pasaxeiros forcexearon cos terroristas para retomar o control do aparello. (Baseada neste feito, 5 anos máis tarde estreouse unha película titulada United 93).
  • 10:28 hora local (14:28 UTC): Cae a Torre Norte.
  • 13:04 hora local (17:04 UTC): George W. Bush declara a Alerta Máxima.
  • 17:25 cae o edificio 7 de 47 pisos do World Trade Center.[Cómpre referencia]
  • 19:00 Bush chega á Casa Branca.[Cómpre referencia]
  • 20:30 Bush fala á nación dende a Casa Branca.[Cómpre referencia]

Ningún dos pasaxeiros dos avións secuestrados sobreviviu.

As mortes contáronse por miles, perecendo exactamente 2.973 persoas, incluíndo 246 mortos nos catro aparatos estrelados, 2.602 en Nova York mortos tanto dentro das torres xemelgas como ós seus pés, e 125 mortos dentro do edificio do Péntagono. Entre as vítimas encontrábanse 343 bombeiros, 23 policías do departamento de policía de Nova York e 37 policías da autoridade portuaria de Nova York e Nova Jersey. A día de hoxe aínda permanecen 24 persoas máis entre a lista de desaparecidos[1].

Á parte das dúas torres xemelgas de 110 plantas cada unha, cinco edificios do World Trade Center resultaron destruídos ou seriamente danados, entre eles o edificio 7 do WTC e o hotel Marriott, catro estacións de metro de Nova York e a igrexa cristiá ortodoxa de San Nicolás. En total, en Manhattan 25 edificios recibiron danos e sete edificios do complexo de negocios de World Trade Center foron arrasados. Máis tarde, un oitavo edificio, o Deutsche Bank Building situado na rúa Libery street tivo que ser demolido por mor de que quedou en condicións que o facían inhabitable. Actualmente está á espera de ser reconstruído. Varios equipos de comunicacións tamén sufriron danos. Sen ir máis lonxe as antenas de telecomunicacións da Torre Norte caeron co seu derrubamento, outras antenas de radio de torres lindeiras resultaron tamén gravemente danadas. En Arlington unha porción do Péntagono foi severamente danada polo lume e o impacto do avión. Ó cabo dun rato unha sección enteira do edificio derrubouse.

Algúns pasaxeiros e membros da tripulación dos avións secuestrados puideron chamar cos seus teléfonos móbiles. Eles informaron de que había varios secuestradores en cada avión. Un total de 19 foron máis tarde identificados polo FBI, catro no voo "United 93" e cinco nos outros tres voos.

Segundo revelaron os testemuños desde dentro do avión os secuestradores tomaran o control dos avións usando simples navallas coas que mataron a azafatas de voo e polo menos a un piloto ou pasaxeiro. Segundo as investigacións da comisión do 11-S tense constancia tamén de que foi usado algún tipo de spray para reter ós pasaxeiros na cabina de primeira clase. Tamén se ameazou coa presenza dunha bomba en tres dos avións, non foi así no American Airlines 77. De acordo coa comisión, pénsase que os avisos de bomba eran probablemente falsos.

No cuarto avión, a caixa negra revelou que os pasaxeiros, despois de coñecer que o resto de avións foran estrelados deliberadamente, trataron de retomar o control dos aparatos ó que os secuestradores reaccionaron movendo o avión nun errado intento para someter ós pasaxeiros. De acordo coa gravación 9-1-1, un dos pasaxeiros, Todd Beamer, pediu ó seu interlocutor que rezara con el antes de que os pasaxeiros intentaran retomar o mando do aparato. Despois de rezar simplemente dixo "Let's roll". Pouco despois o avión estrelouse nun campo próximo a Shanksville en Pensilvania ás 10:03.11 am hora local (14:03.11 UTC). Existe un debate arredor do momento exacto no que o avión chocou contra o chan xa que segundo os rexistros sísmicos o impacto foi rexistrado ás 10:06 am. Posteriormente o líder de al-Qaeda capturado Khalid Shaikh Mohammed dixo que o voo 93 tiña como obxectivo o Capitolio dos Estados Unidos.

Os atentados estenderon a confusión en todos os Estados Unidos. Ó longo do día sucedeuse a publicación de todo tipo de informes e noticias sen confirmar e contraditorias. Unha das máis persistentes foi a de que estalara un coche bomba na sede central do Departamento de Estado dos Estados Unidos, o edificio Trumann de Washington, D.C.. Esta falsa noticia pasou polas axencias de noticias e chegou a ser publicada por varios xornais ese día. Outro informe difundido pola axencia Associated Press afirmaba que o voo 1989, un avión Delta 767 fora tamén secuestrado. A noticia resultou ser tamén un erro, o avión fora considerado brevemente como en risco de secuestro pero finalmente respondeu ós controladores aéreos e finalmente aterrou a salvo no aeroporto de Cleveland, Ohio.

Os secuestradores

[editar | editar a fonte]

19 homes árabes embarcaron nos catro avións, cinco en cada un, excepto o Voo 93 de United Airlines, que tivo catro secuestradores. Dos atacantes, quince eran de Arabia Saudita, dous eran dos Emiratos Árabes Unidos, un era de Exipto, e un do Líbano. En xeral, eran xente con estudos e de familias acomodadas [2].

A lista completa é: No Voo 11 de American Airlines:

  • Mohamed Atta (exipcio e suposto piloto)
  • Waleed al-Shehri (saudita)
  • Wail al-Shehri (saudita)
  • Abdulaziz al-Omari (saudita)
  • Satam al-Suqami (saudita)

No Voo 175 de United Airlines:

  • Marwan al-Shehhi (dos Emiratos Árabes Unidos e suposto piloto)
  • Fayez Banihammad (dos Emiratos Árabes Unidos)
  • Mohand al-Shehri (saudita)
  • Hamza al-Ghamdi (saudita)
  • Ahmed al-Ghamdi (saudita)

no Voo 77 de American Airlines:

  • Hani Hanjour (saudita e suposto piloto)
  • Khalid al-Mihdhar (saudita)
  • Majed Moqed (saudita)
  • Nawaf al-Hazmi (saudita)
  • Salem al-Hazmi (saudita)

No Voo 93 de United Airlines:

  • Ziad Jarrah (Libanés)
  • Ahmed al-Haznawi (saudita)
  • Ahmed al-Nami (saudita)
  • Saeed al-Ghamdi (saudita)

Ataques con ántrax maligno

[editar | editar a fonte]

Unha semana despois do 11-S comezaron unha serie de atentados terroristas empregando ántrax, unha bacteria mortal. Durante o curso de varias semanas, os terroristas empregaron o correo para expor ó ántrax a xornalistas, políticos e empregados civís en Nova York, Nova Jersey, Washington DC e Florida. Un total de 22 persoas foron contaminadas con ántrax, das que cinco resultaron mortas.

Estes ataques acentuaron a inseguridade cidadá e o clima de terror producidos polos atentados do 11 de setembro.

Os autores dos ataques nunca puideron ser identificados. O vicepresidente dos Estados Unidos, Dick Cheney, afirmou que non lle sorprendería atopar a Osama bin Laden detrás destes atentados e sostivo que:

O único xeito de mostrar responsabilidade é actuar considerando que podería haber un nexo. Sabemos que Bin Laden intentou a través dos anos obter armas de destrución masiva, tanto biolóxicas como químicas.[3]

Se ben os organismos de seguridade dos Estados Unidos non puideron identificar ós terroristas, o Procurador Xeral John Ashcroft mencionou ó Dr. Steven Hatfill como unha "persoa de interese" potencialmente relacionada cos mesmos, aínda que non se lle levantaron cargos.

Derrubamento das torres

[editar | editar a fonte]
Puntos de impacto dos avións a ollo de paxaro.
Puntos de impacto dos avións nunha vista vertical.

A estrutura de construción das torres 1 e 2, tramados de aceiro soldados ás vigas mestras, foron os maiores responsables da forma en que as torres colapsaron. A maior parte do peso de cada edificio descansaba nas vigas centrais, onde estaban as escaleiras e ascensores. O resto do peso distribuíase no perímetro exterior. Aínda que cada piso en si mesmo non soportaba ningún peso, queda clara a súa función de manter dereitas as columnas principais.

A investigación posterior levada a cabo polos expertos finalmente concluíu que ó impactar o avión contra a torre a escuma antiincendios que recubría as vigas principais e que as illaba da calor saíu desprendida polo que tras horas de quecemento estas colapsaron. O inferno desatado dentro dos edificios, polo combustible dos avións subiu a temperatura ata o punto de expor os soportes dos pisos máis danados a temperaturas que, se ben non chegarían a derretelos, debilitáronos de tal forma que xa non puideron soportar o peso dos pisos que sostiñan. O impacto tamén derrubou os muros secos que debían evitar a propagación de incendios no interior do edificio polo que este puido afectar a toda a zona danada con rapidez. As vigas que aguantaron o punto de impacto debían soster un peso moito maior xa que moitas rompéranse ou torcéranse polo choque. Así, coa deformación producida pola calor terminaron por ceder. O derrubamento das torres debeuse pois ó efecto combinado do impacto e do incendio posterior.

A medida que os tramados de cada piso cedían, medraba de xeito alarmante a presión sobre o perímetro exterior e sobre a mesma base central. O peso era soportado por cada vez menos vigas, e as que quedaban en pé cada vez perdían máis resistencia polo efecto da calor contra a que non estaban protexidas debido ó desprendemento da escuma illante. Chegou un momento no que o peso dos pisos que tiñan enriba foi o suficientemente forte, as columnas e vigas externas cederon de maneira explosiva derivando no choque dos pisos superiores contra os pisos inferiores, que iniciaron un derrube graduado no que os pisos ían cedendo a medida que lles caía enriba o peso dos bloques superiores.

Unha das consecuencias máis dramáticas do choque é que ámbalas torres as escaleiras de acceso quedaran cortadas impedindo así toda posibilidade de salvación ás persoas que quedaran atrapadas nos pisos superiores ós puntos de impacto dos avións.

A parte das torres xemelgas, outros cinco edificios foron destruídos ou se derrubaron de forma parcial; 23 edificios adicionais recibiron danos. Actualmente á área ocupada polos restos materiais das Torres xemelgas coñéceselle como Ground Zero ou Zona Cero.

11 de setembro

[editar | editar a fonte]

Normalmente as persoas refírense aos ataques como o 11 de setembro. Era martes, e os voos domésticos nos Estados Unidos cargan poucos pasaxeiros no medio da semana, e polo tanto tornando o voo máis doado de ser secuestrado.

Responsabilidade

[editar | editar a fonte]
Mohamed Atta, un dos líderes dos atentados terroristas.

O 29 de outubro de 2004, Osama bin Laden asumiu explicitamente a responsabilidade dos ataques. El afirmou que "nós decidimos destruír as torres en América ... Deus sabe que non se nos ocorreu orixinalmente esa idea, mais a nosa paciencia esgotouse diante da inxustiza e inflexibilidade da alianza entre Americanos e Israelís contra o noso pobo en Palestina e no Líbano, e entón a idea xurdiu na miña mente."

O grupo militante Islámico Al Qaida eloxiou os ataques e os líderes do grupo deran previamente a entender que participaran nos ataques. De feito, pouco despois dos ataques, o goberno dos Estados Unidos declarounos, xuntamente co líder deles, Osama bin Laden, como principais sospeitosos. No 2004, a comisión do goberno norteamericano que investigou os ataques oficialmente concluíu que os ataques foron concibidos e postos en funcionamento por persoal de Al Qaida[4]. A comisión que investigou os ataques relatou que, aínda que tiveran existido contactos con Iraq durante a presidencia de Saddam Hussein, non se encontraran "relacións colaborativas" entre Iraq e Al Qaida. Namentres as entidades ligadas á Casa Branca afirmaron que Al Qaida tiña conexións con grupos iraquís dende o inicio da década de 1990[5][6]. Porén a veracidade desas afirmacións é cuestionada pola sociedade civil mundial.

Consecuencias do 11 de setembro

[editar | editar a fonte]

Consecuencias económicas

[editar | editar a fonte]

Os ataques tiveron impactos significativos nos mercados dos Estados Unidos e mundial. A Bolsa de Valores de Nova York, o American Stock Exchange e a NASDAQ non abriron o 11 de setembro e permaneceron pechados até o 17 de setembro. As instalacións e centros de procesamento de datos remotos da Bolsa de Valores de Nova York (“NYSE”) máis as empresas participantes, consumidores e mercados foron incapaces de se comunicar debido ós danos ocorridos á instalación de chaveamento telefónico próxima ó World Trade Center. Cando os mercados de accións reabriron o 17 de setembro de 2001, após o maior período no que estiveron pechados dende a Gran Depresión no 1929, o índice do mercado de accións Dow Jones Industrial Average (“DJIA”) caeu 684 puntos, o 7,1 % para 8.920 puntos, a súa maior caída nun único día. Na fin de semana, o DJIA caera 1369, 7 puntos (14,3%), a súa maior caída nunha semana na historia. O mercado de accións americano perdeu 1,2 billóns de dólares de valor nunha semana.

Salvamento e rescate

[editar | editar a fonte]
Bombeiros traballando nun escenario caótico.
Edificios ó redor do World Trade Center seriamente danados pola caída das torres xemelgas.

Apenas un pequeno número de sobreviventes e sorprendentemente poucos restos mortais de vítimas foron atopadas no entullo do WTC.

As forzas liberadas na desintegración das torres foi tan grande que moitos dos que ficaron presos nas proximidades foron simplemente pulverizados no colapso. Algunhas vítimas foron identificadas por cousas mínimas como restos de músculos ou dentes mesturados ó cascallo. Moitos corpos xamais foron atopados, presumiblemente por que a calor das chamas teríaos incinerado. O 18 de xaneiro de 2002, o último supervivente hospitalizado do ataque ó World trade Center recibiu a alta do hospital.

Os máis de 1,5 millóns de toneladas de lixo producidos pola caída do WTC mostraron ser problemas incribles de limpeza. As consecuencias socioambientais e para a saúde de tal evento eran descoñecidas. Por volta de 100 toneladas de amianto usados na construción do WTC aínda non foron totalmente removidos [1] Arquivado 31 de agosto de 2006 en Wayback Machine.. Os ataques liberaron densas nubes de poeira contendo cemento pulverizado, fibra de vidro, amianto e outras substancias contaminantes. No 2004, por volta da metade dos máis de 1000 traballadores e voluntarios de rescate relataron problemas respiratorios persistentes e máis da metade relataban problemas psicolóxicos.[2] Por causa do grande período de latencia entre exposición ó amianto e o desenvolvemento de doenzas relacionadas, os residentes de Manhattan, especialmente os traballadores do salvamento, poden ter problemas futuros de saúde.

Seis meses despois do ataque, os 1,5 millóns de toneladas de lixo foi removido do local do WTC e o traballo continuou baixo o chan, a pesar das preocupacións de que as fundacións puidesen vir abaixo. As cerimonias marcando a clausura do traballo de eliminación de rebo foron realizadas no final de maio de 2002.

Entullo do World Trade Center.
Número de mortos
World Trade Center Torres 2.595
Voo 11 de American Airlines 92
Voo 175 de United Airlines 65
Pentágono Edificio 125
Voo 77 de American Airlines 64
Pensilvania Voo 93 de United Airlines 45
Total 2.986

Os atentados supuxeron o primeiro ataque terrorista de importancia contra os Estados Unidos de América superando o ataque levado a cabo por células de Al Qaida en 1998 contra embaixadas sitas nos EUA.

Este atentado caracterizouse polo uso de avións como armamento, creando unha situación de temor maior en todo o mundo.

Superviventes

[editar | editar a fonte]

Preto de 16.000 persoas estiveron na área afectada polo atentado, 13.000 sobreviviron segundo fontes oficiais.

A resposta estadounidense

[editar | editar a fonte]
Foto aérea do Voo 93 de United Airlines, derrubado sobre Pensilvania.

Busca de superviventes, recuperación de corpos e indemnizacións

[editar | editar a fonte]

Nas horas seguentes ós ataques, iniciouse unha operación de busca e rescate a grande escala con máis de 350 cans especialmente adestrados.[7] Só se conseguiu sacar a un puñado de superviventes malferidos, e nas semanas posteriores fíxose evidente que non se acharían máis superviventes.

A recuperación de cadáveres levou meses. Simplemente o apagar todas as lapas que ardían entre o entullo demorouse semanas, mentres que o desentullo completo non terminou até maio de 2002. Instaláronse miradoiros provisonais para observar o traballo dos equipos, que foron retirados o 30 de maio de 2002.

Ademais, iniciáronse moitas recollidas de fondos para axudar ás vítimas dos atentados e ós familiares dos falecidos. Unha vez cumprido o prazo para pedir as indemnizacións (11 de setembro de 2003) 2.833 persoas recibiran o pago.[8]

Resposta pública

[editar | editar a fonte]

Os atentados do 11 de setembro tiveron un efecto abafador sobre a poboación. Os corpos e forzas de seguridade (coñecidos como "os primeiros en responder") que interviñeron nos labores de rescate e auxilio, especialmente os bombeiros, foron aclamados como heroes. Policías e membros de equipos de rescate de todo o país concentráronse en Nova York para a recuperación de corpos. As doazóns de sangue experimentaron un auxe.[9]

Outra resposta supostamente patriótica menos loable foi o aumento do racismo e hostigamento contra as persoas de orixe árabe. Outros grupos orixinarios de Oriente Medio foron frecuentemente confundidos cos árabes e vítimas desta xenofobia, particularmente os sikhs, que teñen a tradición de levar turbantes, signo que en Occidente adóitase asociar ó islam. Balbir Singh Sodhi foi asasinado dun disparo o 15 de setembro, confundido cun musulmán. Polo menos outras 8 persoas sufriron a mesma sorte.[10]

Politicamente, a poboación apoiou masivamente ó goberno no seu labor antiterrorista. Así, o índice de aprobación do presidente George W. Bush alcanzou o 86%. O 20 de setembro, o presidente falou ante a nación e a sesión conxunta do Congreso dos Estados Unidos, explicando os sucesos do día, a actuación do seu goberno nos 9 días transcorridos e os seus plans de resposta. O alcalde de Nova York Rudy Giuliani foi aclamado tanto en Nova York como en todo o país pola súa reacción á catástrofe terrorista.[11]

Medidas de seguridade interna nos Estados Unidos

[editar | editar a fonte]

Tralos ataques, rexistráronse as pegadas dactilares de 80.000 árabes e musulmáns baixo a Alien Registration Act de 1940. 8.000 deles foron entrevistados e 5.000 estranxeiros foron detidos baixo a resolución conxunta do Congreso dos Estados Unidos 107-40, que autorizou o uso de forza militar para deter e previr terrorismo internacional nos Estados Unidos."[12]

Por mor dos atentados, a opinión pública centrouse sobre todo en materia de seguridade nacional, e até se creou unha nova axencia federal a nivel de gabinete, o Departamento de Seguridade Nacional, reorganizando así a loita antiterrorista.

Así mesmo aprobouse a Lei Patriótica (USA PATRIOT Act), suspendendo e limitando algunhas liberdades e dereitos constitucionais co fin de aumentar a seguridade interna dos Estados Unidos. Esta medida foi duramente criticada por defensores dos dereitos civís, que ven nela unha violación da privacidade dos cidadáns, ademais dunha relaxación do control xudicial sobre os corpos de intelixencia.

O 11-S foi tamén o argumento utilizado polo goberno de Bush para iniciar unha nova operación da Axencia de Seguridade Nacional co obxectivo de rexistrar as comunicacións de cidadáns estadounidenses co estranxeiro.[13]

Os cambios na vida cotiá da poboación e a esixencia dun compromiso directo coa seguridade foron considerables. En cada medio de transporte colocáronse carteis e altofalantes que repiten a consígna "If you see something, say something" ("se ves algo, di algo").

Informe da Comisión do 11-S.

Comisión do 11-S

[editar | editar a fonte]

A Comisión Nacional sobre os Atentados Terroristas contra os Estados Unidos (en inglés National Commission on Terrorist Attacks Upon the United States e máis vulgarmente a Comisión do 11-S), presidida polo ex-gobernador de Nova Jersey Thomas Kean, foi formada a finais de 2002 para preparar un informe completo dos atentados e das circunstancias con elas relacionadas, incluíndo dende a preparación á resposta inmediata das autoridades estadounidenses. Dito informe foi publicado finalmente o 22 de xullo de 2004.

Repercusións internacionais

[editar | editar a fonte]

Os ataques tiveron ramificacións globais. Gobernos, asociacións e medios de comunicación condenáronos en todo o mundo[14] . Especialmente famoso foi o titular do xornal francés Le Monde: Nous sommes tous Américains (Somos Todos Estadounidenses)[15]

Tralos atentados, o goberno americano declarou a chamada guerra contra o terrorismo, cos obxectivos de levar a Osama bin Laden e al-Qaeda á xustiza e previr a acción de redes terroristas anti-norteamericanas. Estes obxectivos conseguiríanse a través de sancións económicas e militares contra estados percibidos como protectores de terroristas e aumentando a vixilancia e intelixencia global.

Aproximadamente un mes despois dos ataques, os Estados Unidos de América, coa colaboración dunha coalición internacional, invadiron Afganistán, cuxo goberno dera apoio a forzas de Al Qaida.[16] Particularmente importante foi o apoio paquistaní, que tralos atentados aliñouse cos Estados Unidos, cedendo bases para a guerra en Afganistán e arrestando a máis de 600 sospeitosos de colaborar con al-Qaeda.[17]

Resposta internacional

[editar | editar a fonte]

Tralo 11-S, numerosos gobernos aprobaron leis antiterroristas ou endureceron as xa existentes, particularmente de cara ó terrorismo islámico. Entre eles estiveron o Reino Unido, a India, Australia, Francia, Alemaña, Indonesia, China, Canadá, Rusia, Paquistán, Xordania, Mauricio, Uganda e Cimbabue[18]. Unha consecuencia de ditas medidas foi a conxelación de contas bancarias asociadas a Al Qaida[19] .

Os servizos de seguridade e intelixencia de varios países (Italia, Malaisia, Indonesia, Filipinas...) arrestaron tralos atentados a persoas relacionadas con células varias de Al Qaida.[20][21]

Ditas medidas foron obxecto de críticas, que as ven coma un atentado ás liberdades individuais, como un recorte de dereitos e, en xeral, como un aumento da inxerencia do Estado na intimidade dos cidadáns.

Particularmente coñecido é o campo de detención de Guantánamo, base estadounidense en Cuba, onde se atopan numerosos prisioneiros capturados como "combatentes ilegais". Dito centro, criticado por Amnistía Internacional, a Unión Europea, a ONU e numerosas organizacións máis, foi reiteradamente denunciado como unha violación dos Dereitos Humanos.

Soldados da 10ª División de Montaña do Exército estadounidense en Afganistán

Guerra de Afganistán

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Guerra de Afganistán de 2001.

O primeiro paso dado polos EUA na Guerra contra o Terrorismo foi a invasión de Afganistán o 7 de outubro de 2001 por forzas da OTAN e a Alianza do Norte con apoio das Nacións Unidas, ante a negativa do gobernante réxime talibán de entregar a Osama bin Laden, que supostamente refuxiárase nese país.

O 13 de novembro de 2001, a capital Cabul foi tomada pola Alianza do Norte e o goberno quedou en mans de EUA/OTAN e a Alianza do Norte. Dende entón Al Qaida e os Talibán uníronse e reorganizáronse como guerrilla insurxente. Bin Laden non puido ser capturado.

Un grupo de marines estadounidenses disponse a entrar nun dos palacios de Saddam Hussein en Bagdad o 9 de abril de 2003

Guerra de Iraq de 2003

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Invasión de Iraq de 2003.

O segundo paso da Guerra contra o Terrorismo dos EUA foi a invasión de Iraq o 20 de marzo de 2003. Esta acción militar foi realizada por Estados Unidos, Gran Bretaña, España, Italia e outros países aliados, sen autorización das Nacións Unidas. Estados Unidos sostivo que a invasión era indispensable debido a que Iraq tiña en posesión armas de destrución masiva ocultas. A invasión desencadenou unha cruenta guerra, con centos de miles de mortos, e causou o derrocamento do goberno encabezado por Saddam Hussein o 9 de abril de 2003. Unha vez controlado o país, non se atoparon armas de destrución masiva. Estados Unidos sostivo entón que a razón da invasión debíase a que existían informacións dos servizos de intelixencia que permitían supor que Saddam Hussein mantiña relacións secretas con Al Qaida.

Dende entón varios grupos iraquís opositores á invasión organizaron un movemento de resistencia que se ten mostrado moi activo na realización de ataques contra obxectivos militares. Paralelamente, logo da invasión, Al Qaida tamén se istalou en Iraq, onde realiza fundamentalmente atentados de natureza terrorista.

Homenaxes

[editar | editar a fonte]
O World Trade Center en decembro de 2005

Celebráronse diversas cerimonias conmemorativas en honor das vítimas dos atentados. Unha chama eterna foi acendida polo Alcalde no primeiro aniversario do atentado. No Pentágono xa existe o America's Heroes Memorial (Homenaxe ós Heroes de América) dende setembro de 2002, cando se terminaron as obras de reparación, aínda que a visita ó mesmo é restrinxida.

Esta prevista a construción dun monumento ó voo 93 de United Airlines chamado "Crescent of Embrace" (abrazo de medialúa), fonte de controversia polas súas similitudes con símbolos islámicos, o que fixo que se tivese que redeseñar.

Manhattan visto dende Nova Jersey en 2004

A construción do National September 11 Memorial & Museum empezou en marzo de 2006. O deseño do mesmo, foi un Reflexo de Ausencia de Michael Arad. O memorial foi inaugurado en 2011 e o museo se agarda estea terminado en 2012.

Moitos monumentos máis construíronse ou se están a construír por todo o mundo.[22]. Ademais, numerosos familiares de vítimas fundaron organizacións benéficas en honor dos mortos.

A fundación Wikimedia abriu tamén un wiki dedicado ós atentados [23], que foi pechado o 15 de setembro de 2006.

En primeiro plano o monumento, feito con entullo, situado en Jersey City (Nova Jersey, Estados Unidos), e detrás os edificios en Manhattan entre os que se alzaban as torres xemelgas (fotografía tomada en xullo de 2007).
  1. Vítimas (en inglés).
  2. Clarín.com, ed. (2001). "Terroristas suicidas de clase media e alto grao de instrución". Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2007. Consultado o 16 de novembro de 2006. 
  3. "El contraataque: el vicepresidente cree que sería un atentado de Bin Laden Arquivado 11 de outubro de 2007 en Wayback Machine., Clarín, 13 de outubro de 2001] (en castelán).
  4. Comisión 9/11 (en inglés).
  5. Csmonitor (en inglés).
  6. Global Security (en inglés).
  7. Canine Nation, ed. (15 de setembro de 2001). "PICTURE GALLERY: The World Trade Center's Heroic Rescue Dogs". Arquivado dende o orixinal o 02-09-2006. Consultado o 18-09-2006. 
  8. Barrett, Devlin (23 de decembro 2003). CBS News, ed. "9/11 Fund Deadline Passes". Consultado o 08-09-2006. 
  9. Glynn, Simone A (7 de maio de 2003). "Effect of a National Disaster on Blood Supply and Safety: The September 11 Experience". Journal of the American Medical Association 289 (17). Consultado o 08-09-2006. 
  10. CNN, ed. (17 de setembro de 2001). "Hate crime reports up in wake of terrorist attacks". Arquivado dende o orixinal o 27 de novembro de 2005. Consultado o 08-09-2006. 
  11. Pooley, Eric. Time, ed. "Mayor of the World". Time 2001 Person of the Year. Arquivado dende o orixinal o 09-02-2002. Consultado o 08-09-2006. 
  12. U.S. Congress, ed. (18 de setembro de 2001). "Authorization for Use of Military Force". Public Law 107-40 [S. J. RES. 23]. Consultado o 08-09-2006. 
  13. VandeHei, Jim; Dan Eggen (5 de xaneiro de 2006). The Washington Post, ed. "Cheney Cites Justifications For Domestic Eavesdropping". Consultado o 08-09-2006. 
  14. September11News.com (ed.). "International Reaction". Consultado o 2006-09-08. 
  15. Le Monde, ed. (13 de setembro de 2001). "Artigo na hemeroteca de Le Monde". Consultado o 15-10-2006. 
  16. United Nations, ed. (10 de novembro de 2001). "Remarks by the President to the United Nations General Assembly". USUN Press Release #162. Arquivado dende o orixinal o 04-01-2007. Consultado o 08-09-2006. 
  17. Khan, Aamer Ahmed (4 de maio de 2005). BBC, ed. "Pakistan and the 'key al-Qaeda' man". Arquivado dende o orixinal o 16 de decembro de 2021. 
  18. Hamilton, Stuart (18-24 de agosto de 2002). "September 11th, the Internet, and the effects on information provision in Libraries" (pdf). 68th IFLA Council and Conference. Consultado o 08-09-2006. 
  19. "G8 counter-terrorism cooperation since September 11th backgrounder". Site Internet du Sommet du G8 d'Evian. Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2006. Consultado o 2006-09-14. 
  20. Walsh, Courtney C (7 de marzo de 2002). "Italian police explore Al Qaeda links in cyanide plot". Christian Science Monitor. Consultado o 08-09-2006. 
  21. "SE Asia unites to smash militant cells". CNN. 8 de maio de 2002. Consultado o 08-09-2006. 
  22. "911 Memorials List". List of 911 and World Trade Center Memorials Across U.S. and the World. Arquivado dende o orixinal o 09-03-2017. Consultado o 08-09-2006. 
  23. "In_Memoriam". Arquivado dende o orixinal o 13 de abril de 2003. Consultado o 13 de abril de 2003. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]