Saltar ao contido

Antofilita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Antofilita
Fórmula química(Mg,Fe)7Si8O22(OH)2
ClaseInosilicatos
SubclaseVIII / F
Sistema cristalinoOrtorómbico, dipiramidal
CorBranca, gris verdoso, verde, marrón, verde-marrón
BrilloVítreo a anacarado
Dureza5,5 a 6 (escala de Mohs)
RaiaBranca agrisada
Densidade3,67 g/cm3

A antofilita é un mineral anfíbolo,[1] un silicato de ferro e magnesio que se atopa en rochas metamórficas.

Describiuse por primeira vez en 1801.[2] Tamén pode ser denominado antogramita.

É un mineral polimorfo coa cummingtonita, coa súa mesma fórmula química, mais cun sistema cristalino monoclínico.

Ambiente de formación

[editar | editar a fonte]

A antofilita prodúcese comunmente por metamorfismo rexional de rochas ultrabásicas,[3] normalmente como mineral secundario por alteración do olivino. É frecuente polo tanto en gneises e xistos cristalinos ricos en magnesio, así como tamén pode aparecer en rochas sedimentarias ricas en magnesio como son as dolomías.

Minerais normalmente asociados son o talco, cordierita e flogopita.

Localización e uso

[editar | editar a fonte]

É un mineral común nos xistos de Kongsberg (Noruega), nos do sur de Groenlandia e nos de Pensilvania (EUA).

Ás veces preséntase en formas fibrosas que poden ser usadas como asbesto na industria, con moitos usos a pesar do seu potencial perigo para a saúde. Normalmente úsanse outros asbestos menos malsáns, mais o de antofilita é o mellor como cemento refractario.

Aínda que os exemplares de antofilita illados e grandes son moi estraños, os agregados en xeoda deste mineral son moi apreciados por coleccionistas.

  1. Hawthorne, Frank C., and Roberta Oberti (2006), On the classification of amphiboles: Canadian Mineralogist: 44(1): 1-21.
  2. Schumacher,C.F.(1801): Versuch eines verzeichnisses der in den Dänisch-Nordischen Staaten sich findenden einfachen Mineralien. Kopenhagen, p.96
  3. Veblen, D.R. (1980) Anthophyllite asbestos: microstructure, intergrown sheet silicates, and mechanism of fiber formation. American Mineralogist: 65: 1075-1086.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]