Saltar ao contido

Anhidrita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Anhidrita
Fórmula químicaCaSO4
ClaseSulfatos
Sistema cristalinoOrtorrómbico
CorDe incoloro a azulado ou violeta. Tamén branco ou rosado.
BrilloVítreo a perlado nas caras de exfoliación
Dureza3,5 (escala de Mohs)
FracturaConcoidea
Exfoliación[010] Perfecta, [100] Perfecta, [001] Boa
RaiaBranca
Densidade3,90 g/cm³

A anhidrita é un mineral composto de sulfato de calcio anhidro (CaSO4). Está formada por un 41,2 % de CaO e un 58,8 % de SO3. É moi común nos depósitos de sal, sendo moi raro encontrala ben cristalizada. Cando se expón á acción da auga, a anhidrita absórbea e vólvese sulfato de calcio hidratado (CaSO4•2H2O), isto é, xeso.

Ten aplicación na construción na fabricación do cemento, ademais de empregarse para certos fertilizantes ou a fabricación do ácido sulfúrico. A variedade azulada, chamada vulpinito (de Vulpino, en Italia) emprégase como pedra ornamental.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

A verba anhidrita provén do grego e significa "sen auga". Fai referencia á ausencia de auga na cristalización do mineral, por contraposición ao xeso (hidratado). O nome púxollo A.G. Werner, xeólogo alemán que descubriu este en 1804.

Cristalografía

[editar | editar a fonte]

A anhidrita cristaliza no sistema ortorrómbico, na clase bipiramidal rómbica (2/m 2/m 2/m ou mmm). O seu grupo espacial é o Amma, o que indica que a cela unidade da anhidrita está centrada nas bases. As dimensións da cela unidade da anhidrita son: a = 6,95, b = 6,96, c = 6,21 Å ; Z = 4. Na natureza, a anhidrita se presenta en forma compacta coa textura do mármore, ou tamén en agregados granulares ou nodulares. Pouco frecuentemente se poden atopar cristais aciculares ben formados.

Formación

[editar | editar a fonte]

Nos depósitos de sal, a anhidrita ten unha orixe sedimentaria evaporítica. Fórmase a partir de disolucións acuosas de sulfato de calcio cun exceso de sodio ou de clorato de potasio, se a temperatura supera os 40 °C. Noutro caso, fórmanse cristais de xeso. Este xeito de formación da anhidrita é un dos que se empregan para obtela artificialmente. Tamén se pode formar a partir do xeso, por perda das moléculas de auga.

É, pois, moi frecuente encontrala anhidrita nos depósitos de sal ao lado de xeso. De feito, a anhidrita descubriuse en 1804 nunha mina de sal en Tirol, Austria. A anhidrita adoita ocupar as zonas máis profundas do depósito, xa que na superficie, a auga transfórmaa en xeso.

Ás veces, a anhidrita pode atoparse en filóns metálicos, asociada con calcita, halita, pirita e sulfitos como galena, calcopirita e molibdenita.

Depósitos

[editar | editar a fonte]

Hai depósito de anhidrita repartidos por todo o mundo. En España, os máis importantes encóntranse en Cabezón de la Sal (Cantabria), nas concas do Texo e do Ebro e as formacións de Súria e Cardona (Barcelona) e de Alins (Lleida). Na serra de Los Ángeles, en Huelva, hai un banco de anhidrita de tons azulados con manchas verdosas.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]