Saltar ao contido

Andorra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaAndorra
Imaxe

HimnoEl gran Carlemany Editar o valor en Wikidata

Lema«Virtus Unita Fortior» Editar o valor en Wikidata
Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 42°34′N 1°34′L / 42.56, 1.56
CapitalAndorra la Vella Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación85.101 (2023) Editar o valor en Wikidata (181,84 hab./km²)
Lingua oficiallingua catalá Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Diocese (Archpriestship of the Valleys of Andorra (en) Traducir) Editar o valor en Wikidata
Superficie468 km² Editar o valor en Wikidata
Auga0 % Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoComa Pedrosa (2.942 m) Editar o valor en Wikidata
Punto máis baixoRío Valira (840 m) Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Creación1278 Editar o valor en Wikidata
Día festivo
Organización política
Forma de gobernoparliamentary coprincipality (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
• Copríncipe francés Editar o valor en WikidataJoan Enric Vives i Sicília (2003–)
Emmanuel Macron (2017–) Editar o valor en Wikidata
Órgano executivoGovern d'Andorra (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
• Presidente Editar o valor en WikidataXavier Espot Zamora (2019–) Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoConsello Xeral de Andorra , (Escano: 28) Editar o valor en Wikidata
Membro de
PIB nominal3.325.145.407 $ (2021) Editar o valor en Wikidata
Moedaeuro Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
Dominio de primeiro nivel.ad Editar o valor en Wikidata
Prefixo telefónico+376 Editar o valor en Wikidata
Teléfono de emerxencia112, 110, 116 (pt) Traducir e 118 Editar o valor en Wikidata
Código de paísAD Editar o valor en Wikidata

Páxina webgovern.ad Editar o valor en Wikidata
BNE: XX450856

Andorra, oficialmente Principado de Andorra (en catalán: Principat d'Andorra), é un estado soberano sen saída ao mar, situado nos Pireneos entre España e Francia, limitando coa comunidade autónoma de Cataluña ao sur e cos departamentos franceses de Pireneos Orientais e Ariège ao norte. O Principado de Andorra é o sexto país máis pequeno de Europa cunha superficie de 468 km²[1] e unha poboación estimada de 88.815 habitantes en 2009.[2]. A súa capital é Andorra la Vella e a súa lingua oficial o catalán, aínda que tamén se falan de xeito común o castelán, o francés e o portugués.

O Principado foi fundado en 1278,[3] e a súa soberanía está compartida entre o Presidente da República Francesa e o Bispo de Urgell. É unha nación próspera debido sobre todo á súa industria turística, que serve a uns 10,2 millóns de visitantes ao ano, e polo seu status de paraíso fiscal. Non é membro da Unión Europea, aínda que o euro é a súa divisa de facto. Durante moito tempo pobre e illado, acadou unha notable prosperidade desde a segunda guerra mundial e hoxe os andorranos posúen a segunda esperanza de vida ao nacer máis alta do mundo con 85 anos.[4]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

A orixe da palabra Andorra é descoñecida, aínda que hai diversas teorías que tentan explicala. Unha primeira teoría suxire que Andorra podería derivar do árabe al-Darra, cuxo significado é "fraga", xa que cando os sarracenos invadiron parte da Península Ibérica, os vales dos Pireneos estaban formados por grandes extensións de fragas. Ademais outros pobos, de rexións tamén dominadas polos musulmáns, recibiron esta denominación.

Outras teorías suxiren que deriva do termo navarro Andurrial, que significa "terra cuberta de arbustos".[5] Doutra banda, a etimoloxía popular afirma que Carlomagno nomeara a rexión en referencia ao val bíblico canaanita de Endor[6] ou Andor,[7] onde os madianitas foran derrotados.

Artigo principal: Historia de Andorra.

Na Idade Media, os vales de Andorra pertencían ao condado de Urgell. Coa expansión deste condado cara ao sur (Mur, Àger, Ponts, Balaguer, Guissona, Agramunt etc.), onde había terreos máis fértiles, as zonas montañosas deixaron de ter interese para o conde. O bispado cedeu en feudo este territorio ao Vizcondado de Castellbó. Por medio de enlaces matrimoniais, os seus dominios pasaron a mans do condado de Foix. A partir de aquí, Andorra será un coseñorío: o bispo de Urgell e o conde de Foix. Durante o século XIII, asinaron os Pareatges, documentos que fixan os límites do poder de cada coseñor. O conde de Foix irá adquirindo poder (Bearn, Reino de Navarra e de aí o Reino de Francia). Desde entón, os xefes de Estado serán o Bispo de Urgell e o rei de Francia (hoxe, o presidente da República francesa).

Tal estrutura chegará ata os nosos días, o que permitiu que Andorra conserve a súa independencia (agás por un pequeno período de anexión directa a Francia por Napoleón) ata a actualidade. O único período histórico no cal Andorra non dependeu de ningún outro estado foron uns poucos días en 1934 nos cales o barón de Orange, un ruso chamado Boris de Skossyreff, coroouse rei de Andorra e, en apenas 9 días, proclamou unha constitución, un boletín oficial e varios decretos, ademais de declararlle a guerra ao copríncipe episcopal, o bispo de Urgell, que conseguiu botar ao "monarca" enviando a un grupo de gardas civís. A guerra civil española e a consecuente vitoria dos nacionalistas de Franco, ademais do estoupido da segunda guerra mundial e a invasión de Francia por parte dos alemáns de Hitler, deixaron a Andorra nunha difícil tesitura. Andorra foi amparada polo Goberno de Vichy dirixido polo Mariscal Petâin, pero cando este foi deposto polos nazis e Hitler ordenou a invasión de toda Francia, Andorra viviu un dos seus momentos máis escuros. Por unha banda das súas fronteiras o goberno totalitario de Hitler e pola outra a ditadura ultra-nacionalista de Francisco Franco. Debido á súa política de neutralidade pasou desapercibida durante estes conflitos. Con todo tivo que simpatizar forzadamente coas potencias fascistas para evitar unha invasión.

Simboloxía

[editar | editar a fonte]
Escudo de Andorra na Casa de la Vall

O escudo do Principado de Andorra, cuxo lema é "Virtus Unita Fortior" (A unión fai a forza) componse por catro casas (2 por cada Copríncipe).

  • Cuartel superior esquerdo: Mitra dourada cun báculo de ouro en dirección dunha barra na súa parte posterior sobre un campo de goles.
  • Cuartel inferior esquerdo: Catro barras de goles do condado de Barcelona sobre campo de ouro.
  • Cuartel superior dereito: Tres barras de goles do condado de Foix sobre campo de ouro.
  • Cuartel inferior dereito: Vacas do vizcondado de Bearn.
Artigo principal: Bandeira de Andorra.

A bandeira de Andorra adoptouse oficialmente en 1866, componse de tres franxas verticais en azul, amarelo e vermello. No centro móstrase o escudo de Andorra, para diferenciala das bandeiras de Moldova, o Chad e Romanía.

A letra do himno, titulado El gran Carlemany, escribiuna Joan Benlloch i Vivó e a música foi composta por Enric Marfany Bons. O himno adoptouse oficialmente en 1914 e interpretouse por primeira vez o 8 de setembro de 1921.

Goberno e política

[editar | editar a fonte]

Andorra é un co-principado parlamentario constitucional. A Constitución de Andorra aprobouse o 14 de marzo de 1993.

A xefatura do Estado recae nos copríncipes, o bispo de La Seu d'Urgell e o presidente da República Francesa (a República Francesa é a herdeira do Conde de Foix), representados respectivamente por Joan Enric Vives i Sicília (dende maio de 2003) e Emmanuel Macron.

O Consello Xeral (Consell General) é o órgano lexislativo e trátase dun parlamento unicameral de representación mixta e paritaria da poboación nacional e das sete parroquias, composto por 28 membros elixidos cada catro anos.

O Goberno é o órgano executivo. Actualmente está composto polo presidente do goberno, Xavier Espot, elixido polo Consello Xeral, e once ministros.

Os Comuns son órganos de representación e administración civil das parroquias, similares aos municipios.

Organización político-administrativa

[editar | editar a fonte]
Parroquias de Andorra

Andorra está dividida territorialmente en sete parroquias cuxa orde protocolaria é:

Á súa vez, as parroquias de Ordino, La Massana e Sant Julià de Lòria están divididas en quarts e a de Canillo en veïnats ("veciñanzas"). Ademais non se descarta a posibilidade de que El Pas de la Casa, que actualmente forma parte da parroquia de Encamp, constitúa algún día a oitava parroquia.

O sistema xudicial está composto pola Batllia de Andorra (Batllia d'Andorra), o Tribunal de Cortes (Tribunal de Corts), o Tribunal Superior de Xustiza de Andorra (Tribunal Superior de Justícia d'Andorra), o Consello Superior da Xustiza (Consell Superior da Justícia) e o Tribunal Constitucional (Tribunal Constitucional).

A Batllia de Andorra xulga, en primeira instancia, os delitos menores e contravencións penais así como os litixios civís e administrativos. O Tribunal de Cortes dirime, en primeira instancia, sobre os delitos maiores e, en apelación, os recursos contra as sentenzas ditadas polo Tribunal de Batlles. O Tribunal Superior de Xustiza de Andorra está composto por un presidente e oito maxistrados designados polo Consello Superior da Xustiza con competencias sobre asuntos civís, administrativos e penais. O Consello Superior da Xustiza, como órgano de representación, goberno e administración do poder xudicial, vea pola independencia e bo funcionamento da xustiza. Finalmente o Tribunal Constitucional é o encargado de interpretar a Constitución andorrana, así como decidir sobre a adecuación das restantes leis a esta, e componse de catro maxistrados.

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Mapa de Andorra.

A superficie de Andorra é de 468 km² e a súa poboación de 81.222 habitantes (ano 2006). A súa capital é Andorra la Vella que ten máis de 20.000 habitantes.

É un país montañoso, con 65 picos de máis de 2.500 m de altitude. A montaña máis alta é o pico de Comapedrosa con 2.946 m.

Dispón de grandes recursos hídricos: catro ríos (o Valira do Norte, o Valira de Oriente, o Madriu e o Gran Valira) e fontes de auga termal (na parroquia de Escaldes-Engordany).

O clima é o propio da montaña pirenaica: suave no verán e moi frío no inverno, con abundantes precipitacións ao longo de todo o ano.

Economía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Economía de Andorra.

O turismo, o sostén principal da pequena e podente economía de Andorra, estímase no 80% do PIB. 9 millóns de persoas visítana anualmente, atraídas polo status de paraíso fiscal de Andorra e polos seus hoteis de inverno e verán. A vantaxe comparativa de Andorra erosionouse recentemente mentres as economías das veciñas Francia e España abríronse, proporcionando unha dispoñibilidade máis ampla de bens e tarifas máis baixas.

O sector financeiro, co seu status de impostos, tamén contribúe substancialmente á economía. A produción agrícola está limitada - só o 2% da terra é arable- cultivándose tabaco na case totalidade dos seus campos e a maioría dos alimentos teñen que ser importados. A principal actividade gandeira é a crianza de ovellas. A manufactura consiste, principalmente, de cigarros, puros e mobles.

Andorra non é un membro total da Unión Europea, pero goza dunha relación especial con ela e é tratado como un membro da UE para o comercio en bens manufacturados (sen tarifas) e como non membro da UE para os produtos agrícolas. Andorra carece dunha moeda propia e usa as dos seus dous veciños. Antes de 1999, estas foron o franco francés e a peseta española, as cales foron substituídas por unha soa moeda, o euro. A diferenza doutros pequenos estados europeos que usan o euro, Andorra aínda non emite as súas propias moedas euro; en outubro de 2004, as negociacións entre Andorra e a UE comezaron sobre un acordo que permitiría a Andorra emitir as súas propias moedas.

Demografía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Demografía de Andorra.

Poboación

[editar | editar a fonte]

A poboación de Andorra era de 83.137 habitantes segundo o censo do ano 2007. A súa capital, Andorra la Vella, é o maior núcleo de poboación, con 24.574 habitantes.

Debido á súa bonanza económica, a poboación andorrana medrou considerablemente dende os anos 60 grazas á inmigración (principalmente de España e, en menor medida, de Portugal). Andorra contaba con 37.808 habitantes en 1981, 59.047 en 1991, 66.334 en 2001 e 81.222 no 2006.

Debido a unha política voluntaria de carácter restritivo para adquirir a nacionalidade, a poboación de nacionalidade andorrana constitúe unha minoría, sendo só o 36,6% do total. O grupo máis grande de estranxeiros é o dos españois (33,0%), composto por cataláns, casteláns e galegos principalmente, seguido polos portugueses (16,3%) e franceses (6,3%). O restante 7,8% está formado por individuos doutras nacionalidades[8]. No principado viven uns 5.000 galegos que fan aproximadamente o 6,17% da poboación, igualando case o número de franceses. A comunidade galega do país está formada principalmente por emigrantes dos concellos pontevedreses de Forcarei, Lalín, Silleda e A Estrada[9]. Os cidadáns que non dispoñen da nacionalidade andorrana, aínda sendo maioritarios no país, non teñen recoñecidos os dereitos básicos como o dereito a voto ou a plena participación en sindicatos (cuxos órganos executivos deben de estar dominados por nacionais andorranos); doutra banda, tampouco poden ser presidentes nin posuír máis do 33% do capital social dunha empresa privada[10].

Véxase tamén: Catalán en Andorra.
  Idioma Lingua nai Lingua de uso
Catalán 31,4% 43,8%
Castelán 35,9% 32,8%
Castelán e catalán 1,5% 2,7%
Portugués 14,7% 7,6%
Francés 7,8% 7,1%
Outros 8,7% 6,0%
Fonte: Goberno de Andorra. Enquisa de usos lingüísticos en Andorra - 2004

O idioma oficial do país é o catalán, lingua habitual do 43,8% da poboación. O castelán é a segunda lingua máis falada no Principado, cun 32,8% da poboación que a teñen como lingua habitual, mentres que o portugués o é para o 7,6% da poboación seguido polo francés, lingua habitual do 7,1%. Polo que fai ao galego en 2014 era a lingua materna do 1,4% da poboación e a lingua habitual do 0.5%, pero o 2,8% dos habitantes de Andorra afirman ter coñecementos de galego[11].

Con todo, o castelán é a lingua materna ou primeira lingua do 35,9% da poboación, mentres que o catalán o é para o 31,4%.

Artigo principal: Cultura de Andorra.

A Biblioteca Nacional e os Arquivos Nacionais de Andorra foron creados en 1974 e 1975 respectivamente, e localízanse na capital.

Ademais existen varios museos: a Casa Rull en Sispony; a Farga Rossell na Massana e o Centro de interpretación Andorra Románica en Pal; o museo Viladomat, o museo de Maquetas de Arte Románica e o museo do Perfume en Escaldes-Engordany; o museo de miniaturas de Nicolaï Siadristy, a Casa de Areny-Plandolit e o museo postal de Andorra en Ordino; o Museo Nacional do Automóbil en Encamp; a Casa de la Vall, cunha sección dedicada á filatelia e numismática, en Andorra la Vella; e o Museo do tabaco en Sant Julià de Lòria.[12]

Arquitectura

[editar | editar a fonte]

En Andorra encóntranse numerosos monumentos románicos. A igrexa de Santa Coloma, construída entre os séculos IX e X d.C é unha das poucas igrexas románicas do mundo con campanario cilíndrico, datado no século XII.

Literatura

[editar | editar a fonte]

A literatura andorrana ten a súa iniciación no século XVIII. Antoni Fiter i Rossell escribiu un libro sobre a historia, o goberno e os usos e costumes de Andorra chamado Digest manual de las valls neutras de Andorra en 1748. Esta obra tamén contén documentos de Carlomagno e Ludovico Pío. Actualmente, o orixinal consérvase na casa Fiter-Riba, de Ordino, aínda que existe unha copia no Armari de les set claus da Casa de la Vall e outra nos arquivos do Bispado de La Seu d'Urgell. Posteriormente, en 1763, o párroco Antoni Puig escribiu o Politar andorrà, obra onde se describen os privilexios do Principado e as atribucións das autoridades. O poeta catalán Jacinto Verdaguer inspirouse, en parte, co val de Setúria para a súa obra Canigó, publicada en 1886.

Como autores de literatura contemporánea pódense citar a Antoni Morell i Mora, Albert Salvadó i Miras, Teresa Colom i Pich e Albert Villaró i Boix participando algúns destes escritores na edición do 2007 da Feira do Libro de Frakfurt.[13] Así mesmo, o Goberno andorrano, xunto con editoriais catalás, convoca anualmente o Premi Carlemany e, desde o 2007, o Premi Ramon Llull.

O evento máis importante na vida cultural andorrana é o Festival internacional de jazz de Escaldes-Engordany, celebrado durante o mes de xullo, onde participaron intérpretes como Miles Davis, Fats Domino e B.B. King. No Auditorio Nacional de Andorra, achantado en Ordino, celébrase o Festival Internacional Narciso Yepes, dedicado á música clásica e ao jazz. Na capital, durante as noites das quintas feiras de xullo e agosto, realízase o Dijous de Rock,onde grupos locais e, puntualmente, españois, ofrecen concertos ao público asistente.

A Orquestra Nacional de Cambra d'Andorra, dirixida e fundada en 1992 polo violinista Gerard Claret, celebra un certame de canto con fama internacional, avalado por Montserrat Caballé, ademais de ter ofrecido concertos en España, Francia e Bélxica e participar regularmente nos ciclos do Palau de la Música Catalana. A música tradicional andorrana, relacionada coas outras rexións pirenaicas, conta con danzas características como a Marratxa. Valiosos materiais sobre o tema foron recolleitos pola folclorista Palmira Jaquetti i Isant.

No 2004 Andorra participou por primeira vez no Festival da Canción de Eurovisión representada por Marta Roure, cunha canción en catalán. A canción foi eliminada na semifinal, así como as composicións de 2005 (interpretada por Marian van de Wal), 2006 (interpretada por Jenny), 2007 (interpretada por Anonymous), 2008 (interpretada por Gisela) e 2009 (interpretada pola cantante danesa Susanne Georgi).

Festas
Data Nome en galego Nome local Notas
1 de xaneiro Aninovo Cap d'any
8 de setembro Virxe de Meritxell Mare de Déu de Meritxell Festa nacional de Andorra
14 de marzo Día da Constitución Diada da Constitució Aprobada o 14 de marzo de 1993
25 de decembro Nadal Nadal
  1. "Earth from Space: Snowy Pyrenees". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2022-03-04. 
  2. "World Gazetteer". Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2011. Consultado o 20 de xaneiro de 2010. 
  3. "Departament d'Estadística, Govern d'Andorra". Arquivado dende o orixinal o 02/04/2018. Consultado o 28/08/2018. 
  4. Why Andorrans live longer than everyone else?
  5. teu9pAoluOToQIDmnEtr_4Vtv_ZQ Placenames of the World, McFarland & Company
  6. Images of the Medieval Peasant. Freedman, Paul
  7. Estudis d'història da llengua catalá
  8. Estadísticas de población de Andorra. Arquivado 18 de novembro de 2008 en Wayback Machine. Ministerio de Xustiza e Interior de Andorra
  9. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 09 de febreiro de 2018. Consultado o 13 de xaneiro de 2019. 
  10. El País 01/08/1985, El País 27/10/1985, El País 09/05/1992, El País 14/07/2007
  11. Centre de Recerca Sociològica Institut d’Estudis Andorrans. Coneixements i usos lingüistics de la població d'Andorra 2014 (1995-2014). 
  12. "Musées d'Andorre" (PDF) (en francés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16-07-2011. Consultado o 14-02-2009. 
  13. "Andorra acuerda participar en la Feria de Francfort1xornal=El País". 2 de febreiro de 2007. Consultado o 28 de outubro de 2024. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]