Alla Nazimova
Nome orixinal | (ru) Марем-Идес Левентон |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 3 de xuño de 1879 Ialta |
Morte | 13 de xullo de 1945 (66 anos) Os Ánxeles, Estados Unidos de América |
Causa da morte | doenza cardiovascular |
Lugar de sepultura | Forest Lawn Memorial Park |
Actividade | |
Ocupación | produtora, actriz de cinema, actriz, actriz de teatro, guionista, escritora, directora de cinema |
Período de actividade | 1916 - |
Familia | |
Parella | Glesca Marshall (1929–1945) Charles Bryant (1912–1925) |
Premios | |
Descrito pola fonte | New Encyclopedic Dictionary (en) Obálky knih, Nazimova, Alla (1878-1945), actress (en) |
|
Mariam Edez Adelaida Leventon (en ruso: Мириам Эдес Аделаида Левентон), nada en Ialta (Imperio Ruso) o 22 de maio de 1879 e finada nos Ánxeles o 13 de xullo de 1945, foi unha actriz, produtora e guionista ruso-estadounidense, coñecida como Alla Nazimova (en ruso: Алла Назимова) e tamén como Nazimova e Alia Nasimoff.[1][2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nazimova era filla de Yakov Leventon e Sonya Horowitz, familia de orixe xudía que vivía en Ialta (Crimea), entón parte do Imperio Ruso. Os seus pais separáronse e como consecuencia pasaba o tempo entre a escola, fogares alleos e parentes. Istro provocoulle unha alteración emocional que a rebelou contra a autoridade como medio de gañar a atención. Foi unha nena precoz, e aos sete anos tocaba o violín. De adolescente comezou a interesarse polo teatro e recibiu clases na academia de interpretación de Moscova, antes de entrar no Teatro da Arte de Moscova de Konstantin Stanislavski, co nome de Alla Nazimova. O seu nome artístico derivaba da combinación de Adelaida con Nadezhda Nazimova (a heroína da novela rusa Nenos das rúas), a quen ela admiraba.[3] Casou con Sergei Golovin, compañeiro actor, en 1889; non obstante, o matrimonio era «unicamente nominal», e nunca chegaron a divorciarse legalmente.[3]
A carreira teatral de Nazimova floreceu axiña e en 1903 xa era unha estrela en Moscova e San Petersburgo. Viaxou por Europa, actuando en Londres e Berlín, xunto ao seu amigo Pavel Orlenev,[3] actor e produtor. En 1905, ambos trasladáronse a Nova York e fundaron un teatro en lingua rusa no Lower East Side. A aventura non tivo éxito e Orlenev volveu a Rusia, aínda que Nazimova quedou en Nova York.
Asinou un contrato co produtor Henry Miller e debutou en Broadway en 1906 con éxito tanto de crítica como de público. Fíxose extremadamente popular con rapidez (un teatro recibiu o seu nome) e continuou a brillar en Broadway durante anos, con frecuencia actuando en obras de Henrik Ibsen e Anton Chekhov.
Nazimova debutou no cinema en 1916 grazas á notoriedade que conseguiu por unha obra de 35 minutos de duración de 1915 titulada War Brides que chamou a atención de Lewis J. Selznick. Nos anos seguintes rodou un gran número de filmes de moito éxito que lle proporcionaron uns ingresos considerables. En 1917, gañaba 30 000 dólares por filme, cun premio de 1000 dólares por cada día filmado, o que chegaba a supor 13 000 dólares por semana. Nesa época, a actriz Mary Pickford gañaba unicamente 3000 dólares semanais.[3]
En 1918, con 39 anos, Nazimova tiña bastante experiencia como para comezar a producir e escribir filmes en que tamén actuaba. Nas súas adaptacións de autores tan importantes como Oscar Wilde e Ibsen, desenvolveu as súas propias técnicas fílmicas, consideradas atrevidas para a época. Os seus proxectos, incluídos A Doll's House (1922), baseado na obra de Ibsen, e Salomé (1923), baseado nun traballo de Oscar Wilde, tiveron pouco éxito de público e perdeu con eles unha cantidade importante de diñeiro.
Contra 1925, xa non puido afrontar o investimento económico que supuña a produción cinematográfica, polo que deixou o cinema e volveu actuar en Broadway ata comezos da década de 1940, cando volveu traballar nuns poucos filmes, posiblemente por necesidades económicas. Dous destes papeis foron o da nai da personaxe de Robert Taylor en Escape (1940) e o da nai da personaxe de Tyrone Power en Blood and Sand.
A súa vida privada deu lugar a moitos rumores sobre festas estrafalarias e libertinas na súa mansión de Sunset Boulevard, coñecida como The Garden of Alla ("O xardín de Alla"), construída en 1919, e que en 1927 se converteu nun complexo de hotel e apartamentos. Nos anos posteriores ela continuou a vivir nunha das vivendas.[4] Nazimova viviu un matrimonio de conveniencia con Charles Bryant (1879-1948), pois ambos eran homosexuais.[5] un actor de Nova York, entre 1912 e 1925.[3][6]
Entre os anos 1917 e 1922, Nazimova tivo unha considerable influencia e poder en Hollywood.[3] Era extremadamente xenerosa coas actrices novas de talento e en ocasións mantivo relacións sentimentais con algunhas delas. Un exemplo notable foi Anna May Wong, que tivo o seu primeiro papel no filme The Red Lantern como extra aos catorce anos de idade. Axudou tamén a iniciar as carreiras das esposas de Rodolfo Valentino, Jean Acker e Natacha Rambova. Nazimova tivo unha relación sentimental con Acker,[7] mais debátese sobre se a súa amizade con Rambova chegou algunha vez a unha aventura amorosa. Houbo rumores sobre unha relación entre Nazimova e Rambova, que se menciona en Dark Lover, a biografía de Rodolfo Valentino escrita por Emily Leider, aínda que nunca chegaron a confirmarse. Nazimova quedou impresionada polo traballo de Rambova como directora artística, e Rambova deseñou os innovadores decorados das producións de Nazimova Camille e Salomé. Entre as que tiveron unha relación amorosa confirmada con Nazimova están Eva Le Gallienne, a directora Dorothy Arzner, a escritora Mercedes de Acosta e Dolly Wide, sobriña de Oscar Wilde.[8]
En 1927, nacionalizouse estadounidense. Nazimova viviu coa súa parella Glesca Marshall desde 1929 ata a súa morte en 1945. Amiga da actriz Edith Luckett e do seu marido, Loyal Davis, Nazimova foi a madriña da futura primeira dama Nancy Reagan.[9]
Aínda que sufriu un cancro de mama, Nazimova faleceu por unha trombose coronaria aos 66 anos en 1945,[10] no Hospital Good Samaritan dos Ánxeles, California,[6] e foi enterrada no cemiterio Forest Lawn Memorial Park de Glendale.[11]
A súa contribución á industria cinematográfica foi recoñecida coa concesión dunha estrela no Paseo da Fama de Hollywood.
Legado
[editar | editar a fonte]Nazimova foi retratada no cinema en varias ocasións. Dúas delas foron filmes biográficos sobre Rodolfo Valentino, The Legend of Valentino (1975), en que a interpretou Alicia Bond e Valentino (1977), en que foi interpretada por Leslie Caron. Tamén apareceu como personaxe en filmes como Return to Babylon (2008), sobre o cinema mudo de Hollywood, onde a interpretou Laura Harring.[12]
Filmografía
[editar | editar a fonte]Ano | Filme | Personaxe | Notas |
---|---|---|---|
1916 | War Brides | Joan | Filme perdido |
1918 | Revelation | Joline | |
Toys of Fate | Zorah/Hagah | ||
A Woman of France | |||
Eye for Eye | Hassouna | Tamén produtora e codirectora | |
1919 | Out of the Fog | Faith & Eve | Filme perdido |
The Red Lantern | Mahlee & Blanche Sackville | ||
The Brat | The Brat | Tamén produtora e guionista. Filme perdido | |
1920 | Stronger Than Death | Sigrid Fersen | Tamén produtora |
The Heart of a Child | Sally Snape | Tamén produtora. Filme perdido | |
Madame Peacock | Jane Gloring/Gloria Cromwell | Tamén produtora e guionista (adaptación) | |
Billions | Princess Triloff | Tamén guionista dos intertítulos e montadora. Filme perdida | |
1921 | Camille | Marguerite Gautier/Manon Lescaut in Daydream | |
1922 | A Doll's House | Nora Helmer | Tamén produtora e guionista. Filme perdido |
1923 | Salomé | Salomé | Tamén produtora |
1924 | Madonna of the Streets | Mary Carlson/Mary Ainsleigh | |
1925 | The Redeeming Sin | Joan | Filme perdido |
My Son | Ana Silva | Filme perdido | |
1940 | Escape | Emmy Ritter | |
1941 | Blood and Sand | Señora Angustias Gallardo | |
1944 | In Our Time | Zofya Orvid | |
The Bridge of San Luis Rey | Doña Maria – The Marquesa | ||
Since You Went Away | Zofia Koslowska |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ ""Alla Nazimova"" (en alemán). Arquivado dende o orixinal o 9 de xullo de 2011. Consultado o 27 de setembro de 2006.
auch: Alia Nasimoff (also: Alia Nasimoff)
- ↑ Golodnikov, Viktor (2022-07-13). "Un día como hoy, de 1945, moría la actriz y productora teatral rusa Alla Nazímova". Russia Beyond ES (en castelán). Consultado o 2022-07-13.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Mavromatis, Kally; Pringle, Glen (1999). ""Alla Nazimova - Silent Star of February 1999"" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de setembro de 2006. Consultado o 27 de setembro de 2006.
- ↑ Kally Mavromatis. "Alla Nazimova - Silent Star" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de setembro de 2006. Consultado o 20 de agosto de 2011.
- ↑ Harbin, Billy J.; Marra, Kim; Schanke, Robert A. (2005). The Gay and Lesbian Theatrical Legacy. University of Michigan Press. p. 299. ISBN 0472098586.
- ↑ 6,0 6,1 "Alla Nazimova Dies at 66". 1945. Arquivado dende o orixinal (JPG) o 11 de febreiro de 2007. Consultado o 27 de setembro de 2006.
- ↑ Fleming, E. J. (2004). The Fixers: Eddie Mannix, Howard Strickling, and the MGM Publicity Machine. McFarland & Company. p. 56. ISBN 0786420278.
- ↑ Theophano, Teresa (2002). Film Actors: Lesbian. glbtq.com. Arquivado dende o orixinal o 5 de agosto de 2011. Consultado o 20 de agosto de 2011.
- ↑ "First Lady Biography: Nancy Reagan". The National First Ladies Library (en inglés). 2005. Arquivado dende o orixinal o 09 de maio de 2012. Consultado o 27 de setembro de 2006.
Her godmother was the famous actress Alla Nazimova
- ↑ "Alla Nazimova". Consultado o 27 de setembro de 2006.
Her death on July 13, 1945 was attributed to coronary thrombosis.
- ↑ "Alla Nazimova en Find A Grave" (en inglés). Consultado o 20 de agosto de 2011.
- ↑ IMDb. "Return to Babylon (2008)" (en inglés). Consultado o 20 de agosto de 2011.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Alla Nazimova |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Golden, Eve (2001). Golden Images: 41 Essays on Silent Film Stars. Jefferson, North Carolina: McFarland & Company. ISBN 0-7864-0834-0.
- Lewton, Lucy Olga (1988). Alla Nazimova, My Aunt, Tragedienne: A Personal Memoir. Minuteman Press.
- Smith, Frederick James (September 1918). "Those Nazimova Eyes!" in Picture Play.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Alla Nazimova Society
- Alla Nazimova en Find a Grave (en inglés)
- Alla Nazimova Arquivado December 9, 2014, en Wayback Machine. at the Women Film Pioneers Project
- History of the Garden of Allah with photos Arquivado 02 de febreiro de 2022 en Wayback Machine.
- The Vanished Garden of Carnal Abandon
- Nazimova photo gallery NYP Library
- Photographs and literature on Alla Nazimova
- Nados en Crimea
- Nados no século XIX
- Finados en 1945
- Actores de cine de Rusia
- Actores de cine dos Estados Unidos de América
- Actores de teatro de Rusia
- Actores de teatro dos Estados Unidos de América
- Guionistas dos Estados Unidos de América
- Produtores de cine dos Estados Unidos de América
- Estadounidenses de ascendencia xudía
- Paseo da Fama de Hollywood