Saltar ao contido

Aceite esencial

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un só aceite esencial pode estar composto por moitas substancias químicas complexas

Os aceites esenciais son mesturas de varias substancias químicas biosintetizadas polas plantas, que dan o aroma ou recendo característico a algunhas flores, árbores, froitos, herbas, especias, sementes e a certos extractos de orixe animal (almiscre, civeta, ámbar gris). Trátase de produtos químicos intensamente aromáticos, non graxos (polo que non se enresesan), volátiles por natureza (evapóranse axiña) e liviáns (pouco densos). Son insolubles en auga, levemente solubles en vinagre, e solubles en alcol, graxas, ceras e aceites vexetais. Oxídanse por exposición ao aire. Denomínanse "esenciais" porque levan a esencia da planta, pero non porque sexan esenciais para a vida (como un aminoácido ou un ácido graxo "esencial"). Aínda que se chamen "aceites", como son unha mestura de substancias, non son triglicéridos nin todos os seus compoñentes son lípidos. Extraéronse máis de 150 tipos, con cadanseu cheiro propio e virtudes curativas únicas. Proceden de plantas tan comúns como o perexil e tan exquisitas coma o xasmín. Para que dean o mellor de si, deben proceder de ingredientes naturais brutos e quedar o máis puro posible.

O termo esencias ou aceites esenciais aplícase ás substancias sintéticas semellantes preparadas a partir do alcatrán de carbón, e ás substancias semisintéticas preparadas a partir dos aceites naturais esenciais. O termo aceites esenciais puros emprégase para resaltar a diferenza entre os aceites naturais e os sintéticos.

As plantas elaboran os aceites esenciais co fin de protexerse das enfermidades, escorrentar insectos depredadores ou atraer insectos benéficos que contribúen á polinización.

Os aceites esenciais son característicos dos magnoliales, os laurales, os austrobaileyales, e os piperales, e tamén dalgunhas familias non emparentadas con estas ordes, como Myrtaceae, Rutaceae, as familias de apiales, Lamiaceae, Verbenaceae e Asteraceae.

Están presentes en distintas partes da planta:

Dentro dos tecidos vexetativos, atópanse en células esféricas ou diferentes cavidades ou canles no parénquima, e cando dan o cheiro ás flores, atópanse nas glándulas odoríferas, dende onde son liberados.

Nomenclatura

[editar | editar a fonte]

Denomínanse co mesmo nome da planta de orixe: aceite esencial de lavanda ou cantroxo, aceite esencial de limón etc.

Dalgunhas plantas extráese máis dun aceite esencial, nese caso o nome varía. Por exemplo, das flores da laranxeira extráense: por destilación, o nerolí; por destilación dos froitos recentemente formados, o petitgrain, e da casca ou cortiza dos froitos, o aceite esencial de laranxeira.

Nalgúns casos cómpre acudir á nomenclatura botánica para evitar confusións. Por exemplo, o aceite esencial de pau de rosa provén da planta Aniba roseadora, que non ten ningún parentesco coa roseira de xardín que coñecemos.

Obtención

[editar | editar a fonte]

Os aceites esenciais son moi inestables: volátiles, fráxiles, e alterables coa luz. Para obtelos da fonte natural, utilízanse principalmente dous métodos:

Son moi concentrados, polo que só se necesitan pequenas cantidades para lograr o efecto desexado (da orde dos miligramos).

Tamén pódense sintetizar en forma artificial, que é a maneira máis habitual de obtelos, debido a que a gran demanda destes produtos non chega a ser abastecida polas fontes naturais.

Estrutura química

[editar | editar a fonte]
Estrutura molecular do isopreno, a unidade química dos terpenoides, composto principal dos aceites esenciais

Están formados principalmente por terpenoides volátiles, formados por unidades de isopreno unidas en estruturas de 10 carbonos (monoterpenoides) e 15 carbonos (sesquiterpenoides). As substancias responsables do cheiro adoitan posuír na súa estrutura química grupos funcionais característicos: aldehidos, cetonas, ésteres etc.

Cada aceite intégrano polo menos 100 compostos químicos diferentes, clasificados como aldehidos, fenois, óxidos, ésteres, cetonas, alcois e terpenos. Tamén pode haber moitos compostos aínda por identificar.

Propiedades

[editar | editar a fonte]

Todos os aceites esenciais son antisépticos, mais cada un ten virtudes de seu, por exemplo poden ser analxésicos, funxicidas, diuréticos ou expectorantes. A reunión de compoñentes de cada aceite tamén actúa conxuntamente para dar ao aceite unha característica dominante. Pode ser como o da camomila, refrescante como o do pomelo, estimulante como o aromático de romeu ou calmante como o cravo.

No organismo, os aceites esenciais poden actuar de modo farmacolóxico, fisiolóxico e psicolóxico. Habitualmente producen efectos sobre diversos órganos (especialmente os órganos dos sentidos) e sobre diversas funcións do sistema nervioso.

Tamén son empregados en plantas para escorrentar os insectos herbívoros.

Aplicación

[editar | editar a fonte]
Ao aceite de lavanda úsase en aromaterapia para as feridas e queimaduras

O uso principal dos aceites esenciais é a perfumaría. Os fenois e terpenos dos aceites esenciais, fabrícanos as plantas para defenderse dos animais herbívoros. Actúan como mensaxeiros químicos. Os aceites esenciais mestúranse cos naturais da pel reforzando a nota de fondo... motivo polo cal cada pel confírelle a un mesmo perfume un cheiro senlleiro e diferente.

O clima tamén inflúe: no máis cálido ou húmido evapóranse con máis facilidade as notas altas, polo que acentúanse as de fondo, motivo polo cal as fragrancias semellan máis intensas no verán. En contacto coa epiderme, os perfumes, sofren alteracións aos 30 minutos seguintes (nota alta) e outra ao cabo dalgunhas horas (as notas media e baixa).

Tamén foron tradicionalmente empregados en botánica sistemática para establecer parentescos entre plantas, ao principio en forma indirecta (utilizando o cheiro como carácter), logo na súa forma química.

Tamén estáselles empregando como conservadores para alimentos, especialmente cárnicos. Polas súas propiedades insecticidas e acaricidas que posúen algúns aceites, prodúcense co fin de controlar algunhas pragas de maneira ecolóxica.

Outro uso é na terapia alternativa denominada aromaterapia. Por exemplo, o aceite de lavanda úsase para as feridas e queimaduras, e o aceite de xasmín utilízase como relaxante.

Precaucións

[editar | editar a fonte]
  • Cómpre sinalar que a maior parte dos aceites esenciais non poden aplicarse no seu estado puro directamente sobre a pel, xa que son altamente concentrados e poden queimar a pel.
  • Antes de aplicalos cómpre diluílos noutros aceites, coñecidos como aceites bases, ou en auga.
  • Preferentemente os aceites esenciais non deben ser inxeridos.
  • Non deben entrar en contacto cos ollos. No caso de facelo deben de lavarse os ollos con abundante auga, evitando tocarse coas mans.
  • Deben de usarse con moderación en mulleres embarazadas e nenos.
  • Non confundir os aceites esenciais cos aceites sintéticos, a súa calidade é moi inferior aos aceites esenciais e si son aplicados na pel causan queimaduras e alerxias.

Conservación

[editar | editar a fonte]

Os aceites esenciais sempre deben estar protexidos da luz e manterse nas botellas de vidro preferentemente de cor azul, xa que esta cor é específica para os aceites esenciais.

  • "Secondary Plant Compounds". En: Judd, W. S., Campbell, C. S., Kellogg, E. A., Stevens, P. F. e Donoghue, M. J. (2002). Plant Systematics: A Phylogenetic Approach. 2nd. ed. Sinauer Axxoc, Estados Unidos (capítulo 4 e referencias).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Enciclopedia Ilustrada de Remedios Naturais. Dr. C. Norman Shealy. España : Könemann, 1999. ISBN 3-8290-1714-6

Outros artigos

[editar | editar a fonte]
  1. Fonte: Proposta de definición do Servizo de Normalización Lingüística da USC