Abdulrazak Gurnah
Nome orixinal | (en) Abdulrazak Gurnah (sw) Abdulrazak Gurnah (ar) عبد الرزاق سالم قرنح |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 20 de decembro de 1948 (75 anos) Zanzibar (Tanzania) |
Xuíz do Premio Booker | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Kent - Doutor en filosofía Universidade de Londres |
Actividade | |
Campo de traballo | Literatura pós-colonial (pt) , actividade literaria e edição (pt) |
Ocupación | novelista, editor colaborador, prosista, profesor universitario, escritor |
Período de actividade | 1987 - |
Empregador | Universidade Bayero (pt) (1980–1982) Universidade de Kent |
Membro de | Real Sociedade de Literatura (2006–) |
Xénero artístico | Prosa |
Representante | RCW Literary Agency (en) |
Participou en | |
2014 | Étonnants voyageurs |
Obra | |
Obras destacables
| |
Premios | |
Descrito pola fonte | Dictionary of African Biography, Obálky knih, Contemporary Authors (en) , (vol:153, p.134–136) |
Abdulrazak Gurnah, nado o 20 de decembro de 1948, é un novelista e profesor universitario británico de orixe tanzana. Naceu no Sultanato de Zanzíbar, pero trasladouse ao Reino Unido durante a década dos 60 como refuxiado da revolución de Zanzíbar.[1] Entre as súas novelas, destaca Paradise (1994), finalista dos premios Booker e Whitbread. En 2021, recibiu o Nobel de Literatura "pola súa exploración inflexible e compasiva dos efectos do colonialismo e do destino dos refuxiados no gume entre culturas e continentes".[2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Abdulrazak Gurnah naceu o 20 de decembro de 1948 no Sultanato de Zanzíbar.[3] Abandonou a illa, que chegaría a ser parte de Tanzania, aos 18 anos de idade, tras a revolución que destituíu á elite árabe.[1][4] Chegou ao Reino Unido en 1968 como refuxiado. De ascendencia árabe, o seu pai e tío eran empresarios procedentes do Iemen.[5]
Realizou os seus estudos universitarios no Christ Church College de Canterbury, que daquela pertencía á Universidade de Londres.[6] Posteriormente, trasladouse á Universidade de Kent, onde obtivo o seu doutoramento cunha tese titulada Criteria in the Criticism of West African Fiction ("Criterios para a crítica das obras de ficción de África occidental", 1982).[7]
Entre 1980 e 1983, impartiu docencia na Universidade Bayero de Kano, en Nixeria. Despois, foi profesor de Inglés e Literatura Poscolonial na Universidade de Kent, onde permaneceu até a súa xubilación en 2017. Na actualidade, é profesor emérito desta institución.
Malia recibir a apreciación da crítica, as súas novelas non acadaron gran popularidade, polo que moitas delas non se publicaron fóra do Reino Unido. Tras recibir o premio Nobel de Literatura en 2021, as editoriais tiveron problemas para satisfacer a demanda das súas obras.
Na actualidade, vive en Canterbury e posúe a cidadanía británica, aínda que se mantén vinculado a Tanzania. Está casado coa experta en literatura Denise de Caires Narain, de orixe güianesa.
Obra
[editar | editar a fonte]Para alén do seu traballo académico, Gurnah é escritor e novelista. A súa produción inclúe múltiples relatos curtos e ensaios, así como dez novelas.
Aínda que a súa lingua materna é o suahili, os seus textos están en inglés. Porén, o autor inclúe fragmentos de suahili, árabe e alemán nas súas obras. Neste sentido, tivo que loitar contra os seus editores, que preferían adaptar os termos foráneos ou empregar itálicas. Gurnah criticou estas prácticas, comúns no mundo editorial anglófono, como intentos de alienar ou facer exóticas as expresións estranxeiras.
Gurnah comezou a escribir cando tiña arredor de vinte anos, a causa da morriña. Empezou anotando os seus pensamentos nun diario, que medraron até converterse en longas reflexións sobre o fogar e historias de ficción sobre outras persoas. Así, a escrita fíxose un hábito que lle permitiu rexistrar e comprender as súas experiencias como refuxiado, a vida noutra terra e o sentimento de alleamento. Estas primeiras pezas formaron a base da súa primeira novela, Memory of Departure (1987), que compuxo mentres facía a súa tese. Nesta obra, recóllense xa algúns dos seus temas principais, como "o trauma do colonialismo, a guerra e o desprazamento".
A meirande parte dos seus libros están situados na costa do leste africano, e moitos dos seus protagonistas naceron en Zanzíbar.
Premios
[editar | editar a fonte]A súa novela Paradise (1994) foi finalista do premio Booker e do Whitbread, entre outros. By the Sea (2001) foi nominada ao Booker e finalista do premio literario do Los Angeles Times.
En 2006, Gurnah foi elixido membro da Royal Society of Literature. Ao ano seguinte, gañou o premio Témoin du Monde da Radio Internacional de Francia por By the Sea.
O 7 de outubro de 2021 foi galardoado co premio Nobel de Literatura, sendo o primeiro escritor negro en recibilo dende 1993, cando lle foi concedido a Toni Morrison. Do mesmo xeito, foi o primeiro escritor africano en gañar o Nobel dende Nadine Gordimer, en 1991.
Publicacións
[editar | editar a fonte]Novelas
[editar | editar a fonte]- Memory of Departure ("Lembranzas da partida", 1987)
- Pilgrims Way ("A vía do peregrino", 1988)
- Dottie (1990)
- Paradise ("Paraíso", 1994)
- Admiring Silence ("Admirar o silencio", 1996)
- By the Sea ("Polo mar", 2001)
- Desertion ("Deserción", 2005)
- The Last Gift ("O derradeiro agasallo", 2011)
- Gravel Heart ("Corazón de grava", 2017)
- Afterlives ("Vidas no alén", 2020)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Nobel Literature Prize 2021: Abdulrazak Gurnah named winner" (en inglés). 2021-10-07. Consultado o 2024-03-01.
- ↑ "The Nobel Prize in Literature 2021". NobelPrize.org (en inglés). Consultado o 2024-03-01.
- ↑ Loimeier 2016, p. 82-83.
- ↑ Flood 2021.
- ↑ Sweden, Sveriges Television AB, Stockholm. "Nobel 2020: Porträtten – Litteraturprisporträttet" (en sueco). Consultado o 2024-06-12.
- ↑ Hand 2012.
- ↑ King 2004, p. 336.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Flood, Alison (2021). "Abdulrazak Gurnah wins the 2021 Nobel prize in literature". The Guardian (en inglés).
- Hand, Felicity (2012). "Abdulrazak Gurnah (1948–)" (PDF). The Literary Encyclopedia (en inglés). Archived from the original on 19 de xuño de 2018. Consultado o 12 de xuño de 2024.
- King, Bruce (2004). The Oxford English Literary History (en inglés). Oxford University Press. ISBN 978-0-19-957538-1.
- Loimeier, Manfred (2016). "Gurnah, Abdulrazak". En Ruckaberle, Axel. Metzler Lexikon Weltliteratur: Band 2: G–M (en alemán). Springer. ISBN 978-3-476-00129-0.