Saltar ao contido

A Texosa, Mañufe, Gondomar

ATexosa

Cruceiro do Lugar do Acordo na Texosa, Mañufe, Gondomar
ParroquiaMañufe
ConcelloGondomar
Coordenadas42°06′43″N 8°46′26″O / 42.111861111111, -8.7738055555556
Poboación68 hab. (2019)
editar datos en Wikidata ]

A Texosa é un lugar da parroquia de Mañufe, no concello de Gondomar, comarca do Val Miñor. Segundo o INE en 2019 tiña 68 persoas empadroadas (36 homes e 32 mulleres). Está situado a 0,8 km do centro da vila de Gondomar e a 130 metros de altitude sobre o nivel do mar.[1]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A Texosa é unha entidade de poboación de Mañufe, constituída por un conxunto de 62 vivendas[2]  nunha contorna paisaxística marcada pola presenza ao norte do Monte de Eiró[3] e a veciña entidade de Penalba, ao leste a zona urbanizada con casas unifamiliares que seguindo o Camiño do Fondo e as terras que fan estrema con Fontán,  baixa até o Lugar do Acordo e segue polas casas e terras de labor até a ribeira norte do río Miñor. Ao sur este río fai de linde acompañado por máis casas e terras de cultivo á beira do Camiño das Bragadas. Ao poñente, as antigas terras do morgado de Baludío para de alí subir contras os muro das escolas Hispano-Americanas Pro-Val Miñor que fan de límete coa parroquia de San Pedro da Ramallosa.

Dende o século XVII esta entidade estaba atravesada de leste a oeste pola Levada do Bravo que regaba as súas terras de cultivo. Dende o século XIX esa división transversal da entidade o fai a estrada Guillarei-Gondomar-A Ramallosa que a esa altura recibe o nome de Avenida de Portugal.

Na actualidade, na súas terras concéntranse varios servizos e industrias nas áreas metalúrxica, serradoiro, funerario e hostalería entre outros. Mantén unha pequena zona de terras de labor na marxe norte do río Miñor e fundamentalmente fica como zona residencial.

O seu territorio acolle dous dos monumentos civís máis importantes da comarca do Val Miñor como é o caso do Cruceiro de Mañufe no Lugar do Acordo e máis a Ponte de Mañufe, neste caso compartida co barrio da Ponte. A súa casa maior durante o Antigo Réxime foi a Casa Baludío sobre terras que foron propiedade do Mosteiro de Santa Baia de Donas, e sobre a que fundou morgado un membro da Casa de Ceta da Vila Real de Baiona.

Patrimonio

[editar | editar a fonte]
Cruz do Feirante ao Cruz Alta nas inmediación da Casa Baludío
A Fonte do Charro mantén a tradición de ir pola auga dos veciños da contorna.

Cruceiro do Acordo

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Cruceiro de Mañufe.

Coñecido como do Acordo ou de Mañufe, este cruceiro salienta polo seu peto de ánimas policromado e unha alegoría do pecado orixinal representada por unha serpe que gabea polo fuste. Non hai data acreditada da súa construción, pero sábese que entre os séculos XVI e XVIII ao pé deste monumento relixioso tiveron lugar as reunións do Partido do Miñor integrante da antiga provincia de Tui, durante o Antigo Réxime. A peza tivo varias reconstrucións  a última en 2017, quedando da orixinal só a base e parte do peto de ánimas. Trátase dun ben de interese patrimonial protexido polo Decreto 48/1999 do 18 de febreiro da Xunta de Galicia.

Ponte de Mañufe

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Ponte de Mañufe.

A Ponte de Mañufe é a máis antiga das existentes na comarca do Val Miñor. A obra ten unha  probable orixe romana e unha posterior reconstrución datada no ano 1140 segundo inscrición existente nun dos perpiaños dun chantón. Sitúase na actual estrada provincial PO-2035 ao seu paso polo río Miñor, e segue a ser a principal porta de entrada e saída á parroquia de Mañufe tanto do tráfico peonil como vehicular no século XXI. Une os lugares da Texosa (norte) e A Ponte (sur), na devandita parroquia situada no concello de Gondomar. Está catalogada como Ben de Interese Cultural dentro do espazo de protección delimitado no Decreto 48/1999 do 18 de febreiro da Xunta de Galicia.

Casa Baludío

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Casa Baludío.

A casa e terras de Baludío sitúanse na Texosa, parroquia de Mañufe, Gondomar. Foi unha casa grande galega con terras de labranza orixinariamente do mosteiro de Santa Baia de Donas. Sobre ela fundou morgado o capitán Álvaro Pérez de Ceta y Figueroa en 1623. Actualmente atópase en ruínas.

Outras pezas patrimoniais

[editar | editar a fonte]

A riqueza patrimonial da Texosa abrangue outras pezas menores pero que gardan valor etnográfico como as seguintes:

A Cruz do Feirante ou Cruz Alta.

[editar | editar a fonte]

Trátase dunha cruz monumental, catalogada como "cruz de mala morte" polo arquitecto Antonio Soliño Troncoso, pois lembra un accidente ou morte desgraciada. Consta dunha inscrición no pedestal que lembra o seguinte episodio: Aql MVRIO / ANTONIO JOSE / CARBALLIDO / PORTVGVES / AÑO D 1832. Segundo a tradición este home morreu esmagado por un carro de bois que ía dirección á antiga parroquia de San Pedro de Filgueiras, actualmente San Pedro da Ramallosa[4]

Atópase nun carreiro situado a cen metros das ruínas da Casa Baludío incrustada na fachada exterior dun muro de cachotería.

A Fonte do Charro.

[editar | editar a fonte]

Típica fonte de uso comunal sen data de creación. Reconstruída no ano 1992, segundo inscrición no muro de granito que sostén a billa e unha pía do mesmo material. Está situada no cruzamento do camiño que sobe a Penalba dente Texosa, mesmo a carón da estrada Guillarei - Gondomar - Ramallosa.

  1. "Parroquia de Mañufe". Concello de Gondomar. Consultado o 25/05/2020. 
  2. "Lugar de Texosa, Mañufe, Gondomar". idealista.com. Consultado o 11/06/2020. 
  3. Rodríguez Lemos, Anxo. "Toponimia de Gondomar". Concello de Gondomar. Arquivado dende o orixinal o 26/05/2020. Consultado o 11/06/2020. 
  4. Soliño Troncoso, Antonio; Chamorro Sanromán, Juan (2018). Percorrido polo patrimonio cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor. Instituto de Estudos Miñoranos. p. 95-96. ISBN 978-84-09-06595-0. 

Lugares e parroquias

[editar | editar a fonte]

Lugares de Mañufe

[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Mañufe no concello de Gondomar (Pontevedra)

O Barco | O Campo das Bestas | A Costa | Cristillón | A Cruz | Fontán | Galisteo | A Goldra | O Lameiro | A Moreira | Nande | Penalba | Piquetes | A Ponte | A Portavedra | Pousada | O Rapadouro | San Brais | San Sebastián | Santo André | Seidóns | A Sequiña | A Texosa | O Verdeal

Parroquias de Gondomar

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Gondomar

Borreiros (San Martiño) | Chaín (Santa María) | Couso (San Cristovo) | Donas (Santa Baia) | Gondomar (San Bieito) | Mañufe (San Vicente) | Morgadáns (Santiago) | Peitieiros (San Miguel) | Vilaza (Santa María) | Vincios (Santa Mariña)