Éxtase de Santa Tareixa
Éxtase de Santa Tareixa (Transverberación de Santa Tareixa) | |
---|---|
Artista | Gian Lorenzo Bernini |
Data | 1647 - 1652 |
Técnica | talla |
Dimensións | 350 cm × cm |
Localización | Igrexa de Santa María della Vittoria, Italia (Roma) |
A Éxtase de Santa Tareixa de Ávila (tamén coñecida como Transverberación de Santa Tareixa) é unha escultura de mármore e bronce dourado de Gian Lorenzo Bernini, feita entre 1647 e 1652 e situada na igrexa de Santa Maria della Vittoria, en Roma, na capela de Cornaro.
Contexto histórico
[editar | editar a fonte]En 1647, nun momento en que, co pontificado de Inocencio X, a extraordinaria carreira artística de Bernini estaba a sofrer algún contratempo, o cardeal Federico Cornaro confiou ás súas calidades de arquitecto e escultor a creación da capela da súa familia sita na parte esquerda do transepto da igrexa de Santa Maria della Vittoria, en Roma.
Bernini, ao executar o traballo, buscou o seu desquite profesional pola lene actitude que o novo pontífice mostrou cara a el e tentou facer o máis significativo exemplo da arte barroca que o seu maxín puido imaxinar como arquitecto e escultor. Levou a cabo a obra entre 1647 e 1652 e unha vez rematado, cunha certa falsa modestia, Bernini definiuno como o seu "traballo menos malo" (polo tanto, o mellor dos seus logros).[1] Así, o documentou o propio Filippo Baldinucci, na biografía do artista:
"o propio Bernini adoitaba dicir [que era] a máis fermosa obras creada pola súa man"
Descrición
[editar | editar a fonte]Unha das ideas principais da arte barroca é o gusto pola "teatralidade": a representación espectacular e, ás veces, até enfática dos acontecementos. Neste traballo, Bernini, usando a súa experiencia directa como organizador de espectáculos teatrais, transforma o espazo da capela nun teatro, nun sentido non metafórico senón literal.
Para iso, amplía a profundidade do transepto; logo, abrindo unha fiestra de vidro amarelo sobre a parede traseira, deseñada para permanecer oculta polo tímpano do altar, obtendo unha fonte de luz na que feixe de raios de luz en bronce dourado sobre o grupo. Estes raios caen dende enriba como un reflector dando un sentido realista á escena que semella captar un instante, transitorio e inestable o que reforza a sensación de provisionalidade do evento.[2] Pódese imaxinar facilmente como este efecto, na penumbra da igrexa, habería parecer espectacular.
Mesmo a frecha orixinal portada polo anxo, hoxe substituída por un simple dardo, fora realizada cun raio dourado que tentaba representar o lume do "grande amor de Deus", como dicía a propia santa Tareixa na súa autobiografía.
A elegante edícula barroca, feita con mármores policromados, na que Bernini sitúa a escena da Transverberación de Santa Tareixa, actúa como un proscenio do teatro: amosa a figura da muller santa que se atopa semideitada nunha nube vapososa que a leva -coma se houber unha máquina oculta funcionando no teatro- ao ceo. A transformación da capela en teatro conséguese por mor da construción, nos dous lados do escenario-altar, de pequenos palcos nos que aparecen os bustos retratados dos distintos personaxes da familia Cornaro. O acontecemento privado da éxtase da santa convértese así nun acontecemento público ao que os nobres espectadores non expresan estupor pola situación mística que contemplan senón un certo desencanto, ou mesmo, aburrimento, como acontece a miúdo no teatro. Igualmente, están a intercambiar comentarios sobre o espectáculo que se lles ofrece.[3]
Mais esa escenificación da éxtase non tiña como destino a familia dos clientes, comitentes, senón os fieis que se achegan ao altar-escenario da capela. Aquí demostra todo o seu dominio como escultor, capaz de traballar en mármore coma se fose cera, con extrema atención aos detalles. O amplo e vaporoso vestido da santa, caído de xeito desordenado sobre o corpo, é unha obra mestra do virtuosismo técnico, debido a que o mármore perde toda rixidez e a escultura semella querer manifestar a primacía da representación do movemento. Sobre esa cuestión, Ernst Gombrich comentou o seguinte:[4]
«Mesmo o tratamento das roupaxes é completamente novidoso en Bernini. En troques de facer que as pregas caian ao xeito clásico, retórceos e xíraos para acentua-lo efecto dramático e dinámico do conxunto. Pronto toda Europa íao imitar».
A representación das éxtases místicas dos santos e as súas visións do divino representa un dos temas máis queridos da arte barroca: os santos "axudan cos ollos cara ao ceo" -seguindo as recomendacións dos xesuítas sobre as funcións pedagóxicas da arte sacra- a sentir emocionalmente, co sangue e coa carne, o que significa a inspiración mística que leva á comunicación con Cristo e que é a prerrogativa da devoción máis profunda. Tamén neste respecto, a representación do éxtase, a obra creada por Bernini na capela de Cornaro, estará destinada a crear escola e ser tomada como modelo incontables veces na historia da arte sacra.
A iconografía da Transverberación de Santa Tareixa, que atopa o seu prototipo na "Aparición de Cristo a Santa Margarida de Cortona" de Giovanni Lanfranco (1622),[5] está inspirado directamente nunha famosa pasaxe dos escritos da santa, no cal ela describe unha das súas moitas experiencias de experiencia celestial:
«13. Quiso el Señor que viese aquí algunas veces esta visión: veía un ángel cabe mí hacia el lado izquierdo, en forma corporal, lo que no suelo ver sino por maravilla; aunque muchas veces se me representan ángeles, es sin verlos, sino como la visión pasada que dije primero. En esta visión quiso el Señor le viese así: no era grande, sino pequeño, hermoso mucho, el rostro tan encendido que parecía de los ángeles muy subidos que parecen todos se abrasan. Deben ser los que llaman querubines, que los hombres no me los dicen; mas bien veo que en el cielo hay tanta diferencia de unos ángeles a otros y de otros a otros, que no lo sabría decir. Veíale en las manos un dardo de oro largo, y al fin del hierro me parecía tener un poco de fuego. Este me parecía meter por el corazón algunas veces y que me llegaba a las entrañas. Al sacarle, me parecía las llevaba consigo, y me dejaba toda abrasada en amor grande de Dios. Era tan grande el dolor, que me hacía dar aquellos quejidos, y tan excesiva la suavidad que me pone este grandísimo dolor, que no hay desear que se quite, ni se contenta el alma con menos que Dios. No es dolor corporal sino espiritual, aunque no deja de participar el cuerpo algo, y aun harto. Es un requiebro tan suave que pasa entre el alma y Dios, que suplico yo a su bondad lo dé a gustar a quien pensare que miento»[6]
Bernini representou en mármore, case literalmente, o relato ofrecido pola santa cunha composición que amosa o corpo abandonado da santa e cunha faciana doce que se volve cara ao ceo, cos ollos semipechados e os beizos entreabertos para xemer mentres un querubín coa aparencia dun pícaro sostendo un dardo, símbolo do amor de Deus, retira a roupa da santa para golpeala no corazón. É salientábel o contraste entre a suave e delicada presenza do anxo (que nos fai pensar máis nun Eros da mitoloxía grega que nunha entidade espiritual cristiá) e na roupa da santa con pregas moi marcadas.[2]
Interpretación psicanalítica
[editar | editar a fonte]A interpretación que os eruditos psicanalíticos como Marie Bonaparte deron (a partir dos relatos da transverberación deixada por santa Tareixa) á experiencia da éxtase mística en termos dunha certa pulsión erótica que se expresa sublimándose no desmaio da inspiración espiritual, levou á crítica a destacar, nesta obra de Bernini, a beleza sensual e ambigua dos protagonistas, confirmando así a posibilidade dunha lectura en termos psicanalíticos. O psicólogo italiano Enzo Bonaventura refírese a Cupido, destacando, a nivel simbólico, unha relación entre a figuración grega e a transfiguración relixiosa na arte cristiá.[7] Para probar a súa lexitimidade, só é necesario recordar as palabras de Renan durante unha viaxe a Roma, perante este mesmo grupo estatuario: "Si c'est cela l'extase mystique, je connais bien des femmes qui l'ont éprouvée".[8] Con todo, poderíase mencionar tamén ao conde de Brosses[9] , ao marqués de Sade [10] ou ao escritor Veuillot.
Xunto con esta interpretación que considera a experiencia de Tareixa, e a escultura que a retrata, en termos do que (para usar unha expresión de Georges Bataille) se pode chamar "erotismo sagrado",[11][12] debemos, no entanto, observar que o afondamento da biografía do artista napolitano axuda a aclarar a súa relixiosidade; unha relixiosidade que naquela época da súa vida (cando tiña uns cincuenta anos) foi reforzada pola práctica dos exercicios espirituais de Ignacio de Loyola, realizados baixo a dirección dos xesuítas, aos que asistiu.
A lectura da vida de santa Tareixa probablemente non debía ser un feito ocasional, limitado a pasaxes individuais, quizais indicadas polo cliente, senón que, algúns eruditos tamén observan na Transverberación a semellanza con outras experiencias místicas, como a da santa xenovesa Caterina Fieschi Adorno.
A extraordinaria calidade estética e o intenso dramatismo do grupo de mármore deben, xa que logo, estar ligados á investigación espiritual persoal de Bernini, ao seu compromiso de descubrir por si mesmo e despois mostrar a toda a comunidade dos fieis, o sentido dese amor expresado cara ao Redentor, que se exemplifica na vida dos santos.
A influencia da obra de Bernini foi enorme non só entre os seus contemporáneos, senón tamén entre moitos artistas posteriores. O famoso compositor Pietro Mascagni, por exemplo, compuxo en 1923 unha visión lírica para orquestra titulada Contemplando la santa Teresa del Bernini, unha pequena peza de só catro minutos de duración.[13]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Crico & Di Teodoro (2012), p. 1275
- ↑ 2,0 2,1 Cocchi, A. "Cappella Cornaro ed Estasi di santa Teresa". www.geometriefluide.com/. Consultado o 04-042019.
- ↑ Ferrari (1991), p. 41
- ↑ Gombrich (1997), pp. 438-440
- ↑ Lollobrigida & Mosca (2002), p. 77
- ↑ Santa Tareixa, Autobiografia, XXIX, 13
- ↑ Bonaventura (1938)
- ↑ Tradución libre: "Se iso é unha éxtase mística, eu coñezo ben de mulleres que o teñen probado".
- ↑ Brosses:
«Se questo è amore divino, io lo conosco bene!»
Se isto é amor divino, coñézoo eu ben - ↑ Beltramme (2010):
«Si stenta a credere che si tratti di una santa»
É difícil crer que se trate dunha santa - ↑ Bruguès (1994), p. 347
- ↑ Bataille:
«E la sensibilità religiosa che unisce strettamente desiderio e paura, piacere intenso e angoscia»
«É a sensibilidade relixiosa que une desexo e medo, pracer intenso e angustia» - ↑ Randel (1996), p. 560
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Éxtase de Santa Tareixa |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Beltramme, Ilaria (2010). 101 cose da fare a Roma almeno una volta nella vita (epub) (en italiano). Roma: Newton Compton editori. ISBN 978-88-541-2318-2.
- Bonaventura, Enzo (1938). La psicoanalisi (en italiano). Milán: Arnoldo Mondadori Editore.
- Boucher, Bruce (1998). Italian baroque sculpture (en inglés). Nova York: Thames and Hudson. ISBN 978-0500203071.
- Bruguès, Jean-Louis (1994). Dizionario di morale cattolica (en italiano). Boloña: Edizioni Studio Domenicano. ISBN 88-7094-164-7.
- Cricco, Giorgio; Di Teodoro, Francesco (2012). Il Cricco Di Teodoro, Itinerario nell’arte, Dal Barocco al Postimpressionismo. col. Itinerario nell'arte (en italiano). Boloña: Zanichelli. ISBN 978-8808141637.
- Ferrari, Oreste (1991). Bernini. col. Art Dossier, nº 57 (en italiano). Florencia: Giunti. ISBN 88-09-76153-7.
- Gombrich, Ernst H (1997). La storia dell'arte (en italiano). Milán: Leonardo Arte.
- Lollobrigida, C.; Mosca, A. (2002). Biografia, in Lanfranco a Roma (en italiano). Milán: Electa.
- Randel, Don Michael (1996). The Harvard Biographical Dictionary of Music. col. Harvard University Press Reference Library, nº 6 (en inglés). Belknap Press of Harvard University Press. ISBN 0-674-37299-9.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- El libro de la vida, de Santa Tareixa