Saltar ao contido

Guillermina I dos Países Baixos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 26 de novembro de 2024 ás 23:55 por Breogan2008 (conversa | contribucións)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)
Modelo:BiografíaGuillermina I dos Países Baixos

(1948) Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(nl) Wilhelmina Helena Pauline Marie Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento31 de agosto de 1880 Editar o valor en Wikidata
Palácio Noordeinde (Países Baixos) Editar o valor en Wikidata
Morte28 de novembro de 1962 Editar o valor en Wikidata (82 anos)
Het Loo, Países Baixos (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaIgrexa nova de Delft Editar o valor en Wikidata
Raíña dos Países Baixos
23 de novembro de 1890 – 4 de setembro de 1948
← Guillerme III dos Países BaixosXiana dos Países Baixos → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónIgrexa reformada neerlandesa Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmonarca Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1895 Editar o valor en Wikidata - 1962 Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloPrincesa dos Países Baixos
Príncipe de Orange-Nassau
Raíña dos Países Baixos Editar o valor en Wikidata
FamiliaCasa de Orange-Nassau Editar o valor en Wikidata
CónxuxeHendrik van Mecklenburg-Schwerin (1901–valor descoñecido) Editar o valor en Wikidata
FillosXiana dos Países Baixos Editar o valor en Wikidata
PaisGuillerme III dos Países Baixos Editar o valor en Wikidata  e Ema de Waldeck e Pyrmont Editar o valor en Wikidata
IrmánsAlexandre, Príncipe de Orange
Maurits van Oranje-Nassau
Príncipe Guilherme dos Países Baixos Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonte1001 Vrouwen uit de Nederlandse geschiedenis (en) Traducir, (sec:845)
1001 vrouwen in de 20ste eeuw (en) Traducir
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
WikiTree: Oranje-Nassau-9 Find a Grave: 10298 Editar o valor en Wikidata
A raíña Guillermina en 1890.
A raíña Guillermina en 1909.
Moeda neerlandesa de 1912 deseñada por J. C. Wienecke, co busto de Guillermina I no anverso

Guillermina Helena Paulina María de Orange-Nassau, nada na Haia o 31 de agosto de 1880 e finada en Apeldoorn o 28 de novembro de 1962, foi a raíña gobernante dos Países Baixos dende 1890 (en realidade dende a súa maioría de idade en 1898) ata 1948 e Raíña Nai co título de Princesa de 1948 a 1962.

Foi a Xefa do Estado dos Países Baixos durante máis de cincuenta anos, o reinado máis longo dun monarca dos Países Baixos. Durante o seu reinado producíronse varios acontecementos chave na historia neerlandesa e mundial: a primeira guerra mundial e a segunda guerra mundial, a gran crise económica neerlandesa de 1933 e o decaemento dos Países Baixos como imperio colonial. No exterior do seu país é lembrada polo seu importante papel durante a segunda guerra mundial, inspirando a resistencia neerlandesa e converténdose nunha sobranceira líder do goberno neerlandés no exilio.

Infancia e xuventude

[editar | editar a fonte]

Foi filla única do rei Guillerme III de Holanda e da súa segunda muller Emma de Waldeck-Pyrmont. A súa infancia caracterizouse por unha estreita relación cos seus proxenitores, especialmente co seu pai, que xa tiña 63 anos cando naceu a súa filla.

Guillerme III tivo tres fillos coa súa primeira muller, a Raíña Sofía de Wurtembeg. Porén, cando Guillermina naceu, o rei xa sobrevivira dous deles e só vivía o Príncipe Alexandre de Orange, que non tiña fillos. Porén, Guillermina foi a segunda na sucesión ó trono neerlandés dende que naceu. Cando Guillermina tiña 4 anos, o Príncipe Alexandre morreu e ela deveu a única posible herdeira real.

Guillerme III morreu o 23 de novembro de 1890 e aínda que a Princesa Guillermina se converteu inmediatamente na raíña de Holanda, foi a súa nai Emma quen gobernou como rexente. En 1895, Guillermina visitou a raíña Vitoria do Reino Unido, que anotou unha superficial entrada no seu diario: “A xove raíña (…) aínda ten o seu pelo solto. É esvelta e grácil e nunha primeira impresión parece unha cativa moi intelixente e disposta. Fala ben o inglés e sabe como se comportar de xeito encantador”.[1]

En 1901, Guillermina casou con Henrique, Duque de Mecklenburg-Schwerin. Aínda que se dixo que foi un matrimonio de estado sen apenas amor, parece que nos seus comezos Guillermina sentiu unha auténtica querenza por Henrique, a quen no lle prestaba o seu papel de príncipe consorte, que consideraba aburrido e unha simple formalidade decorativa, e que lle poñía na obriga de se someter á súa muller. Carecía de poder político efectivo nos Países Baixos, e Guillermina asegurouse de que esa situación permanecera.

Unha serie de embarazos infrutuosos tamén contribuíron a por en crise o seu matrimonio. Sábese que o Príncipe Henrique tivo varios fillos ilexítimos, o que agravou a situación. Porén, o nacemento da Princesa Xiana o 30 de abril de 1909 constituíu un alivio logo de oito anos de matrimonio.

Precavida e coidadosa, actuando dentro das limitacións do que agardaban do seu monarca os neerlandeses e os seus representantes electos, Guillermina amosou unha forte vontade e personalidade ó longo do seu reinado. Ditas virtudes proporcionáronlle gran popularidade cando, con 20 anos, a raíña ordenou un barco de guerra neerlandés en Suráfrica que rescatara a Paul Kruger, o presidente de Transvaal. Por mor desta acción, Guillermina atraeu a atención e o respecto internacional.

Guillermina sentía un profundo desagrado polo Reino Unido, que se anexionara as repúblicas surafricanas de Transvaal e o Estado Libre de Orange trala guerra dos Bóers. Os bóers eran os descendentes dos primeiros colonos neerlandeses que chegaran á rexión, e Guillermina sentía simpatía por eles.

A Raíña Guillermina tamén dispoñía dunha gran perspicacia empresarial e os seus investimentos convertérona nunha das mulleres máis ricas do mundo (incluso durante unha época se considerou que era a máis rica do mundo, mito herdado pola súa filla e neta). A familia real dos Países Baixos aínda segue sendo o investidor máis importante da Royal Dutch Shell, principal empresa petroleira do país e unha das maiores empresas petroleiras do mundo.

Antes do estoupido da primeira guerra mundial, Guillermina visitara ó Emperador Guillerme II de Alemaña, que segundo unha anécdota presumiu ante a raíña do seu poder dicindo: “Os meus gardas miden máis de 2 metros e os vosos só lles chegan ó ombreiro”. A raíña sorriu educadamente e respondeulle: “Certo, a Súa Maxestade, os seus gardas miden máis de 2 metros, pero cando abrimos os nosos diques a auga chega a máis de 3 metros.”[2]

Primeira guerra mundial

[editar | editar a fonte]
Guillermina e a súa filla Xiana sobre 1914.

Malia que os Países Baixos permaneceron neutrais durante a primeira guerra mundial, os considerables investimentos alemáns no país e os importantes tratados comerciais con Alemaña levaron ó Reino Unido a bloquea-los portos neerlandeses para debilita-la economía alemá. En resposta, o goberno neerlandés estreitou as súas ligazóns comerciais con Alemaña. Os alemáns dispoñían de queixo Edam nas súas racións.

Guillermina foi chamada tamén “raíña dos soldados”, mais como muller non podía ostenta-lo título de Comandante Supremo. A pesar desta limitación, a raíña tirou proveito de calquera oportunidade para avalia-las forzas armadas neerlandesas e expresar as súas opinións. Acotío aparecía sen previo aviso, desexando contempla-la realidade militar, non un espectáculo preparado. Apreciaba os seus soldados e amosouse en desacordo cos sucesivos gobernos neerlandeses, que continuamente aprobaban recortes nos orzamentos militares para aforrar gastos.

Durante a guerra foi tamén considerada coma a “raíña gardiá”. Malia as súas boas relacións con Alemaña, temía un ataque dos alemáns contra o seu país, especialmente nos comezos do conflito. Emporiso, os ataques á soberanía neerlandesa viñeron do Reino Unido e dos Estados Unidos, que co seu bloqueo comercial apresaron moitos barcos mercantes neerlandeses nun intento de entorpece-las subministracións de Alemaña. Por mor das continuas tensións entre os Países Baixos e as forzas Aliadas, os neerlandeses aferráronse a súa neutralidade.

Cara ó final do conflito espallouse o descontento civil, provocado pola revolta bolxevique en Rusia en 1917. Un líder socialista neerlandés chamado Troelstra tentou derruba-lo goberno e maila monarquía. Pero no canto de recorrer unha revolución violenta quería controla-lo “Tweede Kamer”, a cámara lexislativa do Parlamento, e esperaba conseguilo mediante eleccións, convencido de que a clase traballadora o apoiaría en masa. Con todo, a popularidade da Raíña Guillermina axudoulle a restaura-la confianza popular no goberno mediante unha serie de actos públicos e populistas. Moi cedo quedou claro que a revolución socialista iniciada en Rusia non se espallaría polos Países Baixos.

Logo do armisticio e o final da primeira guerra mundial, o emperador Guillerme II, que foi obrigado a renunciar ó seu trono, exiliouse nos Países Baixos, onde o goberno neerlandés lle ofreceu asilo político, debido en gran parte ós vencellos do emperador coa raíña Guillermina. Como resposta ós esforzos dos Aliados por xulgar a Guillerme, a raíña convocou ós embaixadores perante a súa presenza e leulle-los dereitos de asilo.[3]

Imaxe da Raíña Guillermina nun selo utilizado no período de entreguerras.

Período de entreguerras

[editar | editar a fonte]

Durante as décadas de 1920 e 1930, os Países Baixos emerxeron coma potencia industrial. Os enxeñeiros neerlandeses conseguiron gañar amplos terreos ó mar mediante o proxecto Zuiderzee. A finais de 1934 morreu o Príncipe Henrique, o cónxuxe de Guillermina, un ano especialmente complicado no que tamén morreu o seu pai, a raíña Emma de Waldeck e Pyrmont.

Durante este período e sobre todo durante a crise económica da década de 1930, o poder persoal de Guillermina acadou o seu apoxeo, con motivo sobre todo á elección de sucesivos gobernos monárquicos, dirixidos pola destacada figura do primeiro ministro Hendrik Colijn, do Partido Antirrevolucionario. Guillermina participou en moitos asuntos e problemas de Estado, ben directamente ou expresando a súa opinión en privado.

En 1939, o quinto e último goberno de Hendrik Colijn foi derrubado por unha moción de confianza logo de dous días dende a súa formación. Parece que a propia Raíña Guillermina estivo trala formación deste último goberno, que foi deseñado para se converter nun gabinete “real” extraparlamentario. A raíña amosábase moi escéptica co funcionamento do sistema parlamentario, e de forma encuberta e sutil tratou de manipulalo en máis dunha ocasión.

Durante esta época tamén preparou o matrimonio entre a súa filla Xiana e o conde Bernardo de Lippe-Biesterfeld, príncipe alemán perdera a meirande parte das súas posesións despois da primeira guerra mundial. Malia que ao principio a súa elección como consorte espertou suspicacias ante os rumores infundados das súas simpatías cara ó goberno nazi de Alemaña, co tempo o Príncipe Bernardo converteríase nunha das figuras máis populares da familia real neerlandesa.

Segunda guerra mundial

[editar | editar a fonte]

O 10 de maio de 1940, o exército de Alemaña invadiu os Países Baixos, e a Raíña Guillermina e a súa familia foron evacuados ó Reino Unido tres días despois. A Raíña Guillermina desexaba permanecer nos Países Baixos: pensara dirixirse á provincia de Zelandia no sur do país coas súas tropas para coordina-la resistencia na cidade de Breskens e ficar alí até a chegada de axuda, tal como fixo o rei Alberte I de Bélxica durante a primeira guerra mundial. Un cruceiro británico levaríaa primeiro á cidade da Haia, pero cando se atopaba a bordo, o capitán díxolle que era imposible achegarse á costa neerlandesa, xa que Zelandia estaba a ser bombardeada pola Luftwaffe e a situación era moi perigosa. Guillermina aceptou viaxar ó Reino Unido, onde esperaba volver tan cedo fora posible, mais demoráronse os seus plans. Durante un tempo estivo no Canadá, onde se refuxiaron varios membros da súa familia. Alí viviu en Rideau Hall, residencia do Gobernador Xeral canadense. Dise que estando alí chamou a atención polos seus costumes relativamente sinxelos. A raíña teimou en face-las compras en persoa, paseando polas rúas de Otava sen compaña e viaxando en transportes civís.[4]

Os exércitos neerlandeses terminaron rendéndose o 15 de maio de 1940. A Raíña Guillermina asumiu no seu exilio o liderado do goberno neerlandés exiliado, establecendo unha estrutura executiva e enviando unha mensaxe ao pobo neerlandés.

As relacións entre o goberno neerlandés no exilio e a raíña foron tensas, cun desagrado mutuo e varios desencontros a medida que avanzaba a guerra. Guillermina consideraba que a súa figura debía ser a máis destacada, debido á súa experiencia e coñecemento, así como a súa popularidade e respecto entre outros líderes mundiais. Por outra banda, naquela situación o goberno neerlandés carecía do poder do parlamento para apoiar as súas decisións e poucos recursos aos que acudir. A primeira crise xurdiu cando o primeiro ministro neerlandés no exilio, Dirk Jan de Geer, tentou establecer negociacións separadas cos nazis para conseguir un acordo de paz, pois cría que os Aliados non gañarían a guerra. Guillermina opúxose ás negociacións e finalmente conseguiu depor ao primeiro ministro co apoio do ministro Pieter Gerbrandy.

Estatua de Guillermina na Haia.

Durante a guerra, a fotografía da raíña foi un sinal de resistencia contra os alemáns. Como Winston Churchill, a Raíña Guillermina enviou mensaxes ao pobo neerlandés desde o exilio a través da emisora Radio Oranje.

A raíña considerou Adolf Hitler coma “o arquinimigo da humanidade”. As súas aparicións radiofónicas foron benvidas polos neerlandeses, que tiveron que as escoitar clandestinamente. Unha anécdota publicada no seu obituario en New York Times ilustra como era valorada polos seus súbditos durante este período: “Aínda que a celebración do aniversario da raíña foi prohibida polos nazis, a conmemoración celebrábase. Cando os fregueses da pequena cidade pesqueira de Hize erguían e cantaban versos do himno nacional neerlandés Het Wilhelmus no aniversario da raíña, a cidade tivo que pagar unha multa de 60.000 guilders.”[5]

Durante a guerra, a Raíña case resultou asasinada por unha bomba que acabou coas vidas de varios membros da súa garda e que danou seriamente a súa propiedade preto de South Mimms en Inglaterra. En 1944, a Raíña Guillermina converteuse na primeira muller que entrou na prestixiosa Orde da Xarreteira. Churchill describiuna como “o único home de verdade nos gobernos exiliados en Londres”.

A Raíña desenvolveu ideas durante a súa estancia en Inglaterra para anova-la vida social e política neerlandesa logo da liberación. Quería crear un gabinete real forte formado polos principais líderes da resistencia. Depuxera ó primeiro ministro De Geer coa aprobación dos demais políticos neerlandeses. Emporiso, pódese dicir que en xeral a Raíña “odiaba” os políticos, que consideraba afastados da realidade do pobo. Cando os Países Baixos foron liberados en 1945, sentiuse decepcionada ó comprobar que o poder político era novamente ocupado polas faccións políticas anteriores á guerra.

Co fin da segunda guerra mundial, a Raíña Guillermina tomou a decisión de non volver ó seu pazo e trasladouse a unha mansión na Haia, onde viviu durante oito meses e viaxou polo país para motiva-los seus súbditos, en ocasións utilizando bicicleta en troques dun coche. Porén, en 1947, namentres o país seguía a se recuperar dos danos sufridos durante a segunda guerra mundial, as revoltas nas colonias neerlandesas do Sueste Asiático provocaron duras críticas contra a raíña e a elite económica. A súa perda de popularidade e maila presión internacional levárona a abandona-las colonias e abdicar despois.

Derradeiros anos

[editar | editar a fonte]

O 4 de setembro de 1948, logo de reinar 58 anos e 50 días, a raíña Guillermina abdicou en favor da súa filla Xiana. Daquela asumiu o tratamento da “Súa Alteza Real a Princesa Guillermina de Holanda”. Tralo seu reinado, a influencia da monarquía neerlandesa comezou esmorecer, aínda que a súa popularidade se mantivo. Guillermina retirouse ó Palacio Het Loo, facendo poucas aparicións públicas até que o país foi devastado por unha grande inundación en 1953. Unha vez máis percorreu o país animando e motivando os neerlandeses.

Durante os seus derradeiros anos escribiu a súa autobiografía titulada Eenzaam, maar niet alleen (En solitario, pero non soa), na que opinaba sobre as cuestións que marcaron a súa vida, amosando as súas motivacións e uns fortes sentimentos relixiosos.

A Raíña Guillermina morreu ós 82 anos o 28 de novembro de 1962 e foi soterrada no panteón familiar da familia real neerlandesa na Nieuwe Kerk en Delft o 8 de decembro de 1962. O funeral foi, a súa petición, e contrariamente ó protocolo, completamente de branco, para expresar a súa crenza de que “a morte terrea é o comezo da vida eterna”.[6]

Se Guillermina non abdicase na súa filla denantes de morrer, reinaría 72 anos e 5 días, o que sería o segundo reinado máis longo de Europa (tras o de Lois XIV de Francia), o sexto máis prolongado do mundo e o máis longo dunha muller en toda a historia.

Predecesor:
Guillerme III
Raíña dos Países Baixos
1890 - 1948
Sucesor:
Xiana
  1. "Wilhelmina of Netherlands Dies" (UPI), New York Times, November 28, 1962. pp. A1-A39.
  2. "Caged no more," Time. 7 de decembro de 1962.
  3. "Worried Queen," Time. 27 de novembro de 1939.
  4. Hubbard, R.H.; Rideau Hall; McGill-Queen’s University Press; Montreal and London; 1977; p. 203
  5. "Wilhelmina of Netherlands" New York Times, p. A39.
  6. Wilhelmina; Eenzaam maar niet alleen; Uitgeverij W. ten Have; Amsterdam; 1959; p. 251

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]