Saltar ao contido

Arcosauros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 8 de novembro de 2023 ás 10:44 por Breogan2008 (conversa | contribucións) (Reemplazos con Replacer: «pterosaurios»)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)
Archosauria
Rango fósil: Triásico inferior - Presente

Os arcosauros viventes inclúen os crocodilos e aves.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Sauropsida
Subclase: Diapsida
Infraclase: Archosauromorpha
(sen clasif.): Archosauria
Cope, 1869
Clados

Os arcosauros (Archosauria, gr. 'réptiles dominantes') son un grupo de réptiles diápsidos que evolucionaron dos Archosauriformes durante o período Olenekiano (Triásico temperán). Tiveron un enorme éxito evolutivo e diversificáronse extraordinariamente durante o Mesozoico; os únicos representantes actuais do grupo son os crocodilos e mailas aves.

Características

[editar | editar a fonte]

Os arcosauros caracterízanse por unha compresión lateral dos dentes, por teren un corazón con catro cámaras e por unha tendencia á marcha bípede. Este derradeiro trazo é, talvez, o que máis modificou a anatomía dos arcosauros; así, as extremidades posteriores son moito máis longas e robustas cás anteriores e mantéñense verticalmente debaixo do corpo; ao mesmo tempo, o isquion e maila pube alongáronse para permitiren a inserción dos músculos das patas posteriores, o fémur ten unha cabeza lateral e a tibia faise longa e robusta, fusionándose ás veces cos ósos proximais do tarso; os dedos redúcense a tres longos e dirixidos cara a adiante e un dirixido cara a atrás.

A maioría dos primeiros arcosauros eran carnívoros, con dentes serrados e estreitos perfectos para manexar carne. O seu metabolismo parece que lles deu unha clara vantaxe sobre os terápsidos, os cales eran os seus contemporáneos nos áridos e monzónicos climas interiores do supercontinente Panxea. Así, mentres que no Permiano foron dominantes os sinápsidos, no Triásico o serían os saurópsidos.

Evolución

[editar | editar a fonte]

Hai principalmente dous grupos de arcosauros; os Ornithodira, que eran insignificantes durante o Triásico, pero que radiaron no Triásico tardío (dinosauros e pterosauros e os Crurotarsi, que eran o grupo predominante naqueles tempos, e incluían un gran número de grupos puramente triásicos coma os Rauisuchia, os Phytosauria e os herbívoros Aetosauria, así como os devanceiros dos crocodilos.

Un gran número destes grupos de arcosauros, sobre todo os grandes Crurotarsi, e os antigamente chamados Tecodontes (en libros nos que non se empregaba a cladística actual), extinguíronse hai 195 millóns de anos, durante a extinción masiva do Triásico-Xurásico. Os sobreviventes foron os dinosauros e pterosauros entre os Ornithodira, e os Sphenosuchia e Protosuchia así como os seus descendentes crocodilos entre os Crurotarsi. Os dinosauros dominaron a terra e máis tarde os pterosauros dominarían o ceo até o fin do Cretáceo, e os crocodilos os ríos e pantanos e algúns mesmo invadiron os mares (os Teleosauridae e os Metriorhynchidae).

Tal é a supremacía dos arcosauros durante o Mesozoico que non debería ser chamada a "era dos réptiles", senón máis ben a "era dos arcosauros".

A maioría destes grupos extinguíronse hai 65 millóns de anos, durante a extinción masiva do Cretáceo-Terciario. Os únicos grupos que sobreviviron e que persisten até o día de hoxe, son os dinosauros terópodos (concretamente as aves) e os crocodilianos, que inclúen aos modernos crocodilos, aligátores, caimáns e aos gaviais.

Tradicionalmente as aves separábanse do resto dos arcosauros; recentemente, segundo o método cladístico, soamente son válidos os grupos monofiléticos, e as aves por tanto son incluídas dentro da división Archosauria.

Filoxenia

[editar | editar a fonte]
Archosauria 
 Crurotarsi 

?Ctenosauriscidae

 Crocodylotarsi 

Ornithosuchidae

Phytosauria

 Suchia 

Prestosuchidae

 Rauisuchiformes 

Aetosauria

 Rauisuchia 

Rauisuchidae

 Paracrocodylomorpha 

Poposauridae

Crocodylomorpha (crocodilos e relaccionados)

 Avemetatarsalia 

Scleromochlus

 Ornithodira 
 Pterosauromorpha 

Pterosauria

 Dinosauromorpha 
 Dinosauriformes 
 Dinosauria 

Ornithischia

 Saurischia 

Aves

  • Benton, M. J. 2004), Vertebrate Paleontology, 3rd ed. Blackwell Science Ltd
  • Carroll, R. L. (988) Vertebrate Paleontology and Evolution, W. H. Freeman and Co. Nova York

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]