Quintiliano
Nome orixinal | (la) Marcus Fabius Quintilianus |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | c. 35 Calahorra, España |
Morte | c. 96 (60/61 anos) Roma, Italia |
Actividade | |
Ocupación | pedagogo, avogado, mestre, poeta, retórico, escritor |
Período de tempo | Imperio Romano |
Profesores | Remmius Palaemon (en) , Domício Afer (pt) e Marco Servílio Noniano (pt) |
Alumnos | Publio Cornelio Tácito, Plinio o Novo e Juvenal (pt) |
Obra | |
Obras destacables | |
Descrito pola fonte | Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft Biblioteca dixital BEIC Real'nyj slovar' klassicheskih drevnostej po Ljubkeru |
Marco Fabio Quintiliano, en latín Marcus Fabius Quintilianus, nado en Calagurris, actual Calahorra, circa 39 e finado en Roma, c. 95, foi un retórico e pedagogo hispanorromano.
Traxectoria
Naceu en Calagurris Nassica, actual Calahorra, preto de Logroño, na provincia hispanorromana da Tarraconense, foi discípulo do orador Gnaeus Domitius. Fixo os seus primeiros estudos en Roma, onde o seu pai, supostamente, exercía a profesión de rétor ou avogado; alí adquire unha cultura xeral moi completa seguindo as leccións de Remio Palemón e Servilio Nonanio en literatura e de Domicio Afer en elocuencia. Regresa a Hispania no ano 61 cando Nerón nomea a Galba gobernador da Tarraconense. Durante sete anos, é profesor de elocuencia e avogado.
Volve a Roma no ano 68 tras o asasinato de Nerón, cando Galba é proclamado emperador, e desenvolve unha brillante e recoñecida carreira de vinte anos como avogado e profesor de retórica na Roma de Vespasiano, o cal nomeou a Quintiliano mestre oficial de retórica. Tito e Domiciano. Abriu unha escola pública de retórica que obtivo un grande éxito e que lle fixo gañar arredor de cen mil sestercios ao ano. Foille encomendada a educación dos sobriños de Domiciano e os fillos da emperatriz Domitila.
A súa fama provén, porén, de ser o mellor profesor de retórica do mundo antigo xunto a Isócrates. Nesta materia acadou un prestixio tal que o nomearon profesor oficial da materia con retribución pública. Era amigo do científico Plinio o Vello, o escritor romano Plinio o Mozo foi alumno seu e talvez mesmo o historiador Tácito. Tras consumir eses vinte anos como avogado e profesor, retirouse o ano 89 para dedicarse a escribir rodeado de honores (os ornamenta, os consularia e a laticlavia [1]). O fin da súa vida está sinalado cunha serie de dramas familiares: o mesmo ano do seu retiro, 89, perdeu a súa muller, que tiña 19 anos; no 90, o seu fillo primoxénito, que contaba cinco; en 95, o segundo, con dez.
Escribiu primeiro un diálogo que se perdeu en que expón a súa propia posición sobre a crecente corrupción da arte da elocuencia (De causis corruptae eloquentiae) e, pouco antes de falecer, divulgou a súa obra maior: De institutione oratoria. Son espurias dúas coleccións de declamacións que se lle atribúen (Maiores e Minores). Morreu probabelmente pouco antes do asasinato do emperador Domiciano, no ano 95. Con Quintiliano establecese o papel de mestre-alumno, el asignaba un alto valor ás aptitudes naturais dos nenos. Na súa opinión, a torpeza e a incapacidade son fenómenos raros.
Obra
A súa fama provén da súa Institutio oratoria (c. 95), unha obra enciclopédica que recolle todo canto cómpre para formar un orador, en doce volumes. Como modelo supremo propón a Cicerón. Nos dous primeiros libros, Quintiliano trata a educación elemental e os métodos para a formación básica no campo da Retórica. Dedica os nove libros seguintes aos fundamentos e técnicas da oratoria. O Libro X é o máis coñecido; nel aconsella a lectura como elemento fundamental na formación dun orador e contén un famoso estudo sobre as persoas que escribiron en grego e latín. O último libro presenta o conxunto de calidades que debe reunir quen se dedique á Oratoria, tanto no tocante ao carácter como á conduta.
A obra defende a formación íntegra do orador como ser humano e como home público e presenta unha orixinalidade notábel cun estilo ciceroniano lúcido e brillante; exerceu unha grande influencia sobre a teoría pedagóxica que sustenta o Humanismo e o Renacemento.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Quintiliano |
- Política e cultura so os Flavios Arquivado 29 de xuño de 2022 en Wayback Machine. — arteHistoria (2001)
- Institutio oratoria: texto orixinal latino, concordancias e lista de frecuencia
- Instituciones oratorias: tradución ó castelán de Ignacio Rodríguez e Pedro Sandier (1916), vol. IArquivado 03 de abril de 2010 en Wayback Machine.
- Instituciones oratorias: tradución ó castelán de Ignacio Rodríguez e Pedro Sandier (1916), vol. IIArquivado 25 de setembro de 2010 en Wayback Machine.