Saltar ao contido

Legolas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 9 de decembro de 2022 ás 22:49 por Breogan2008 (conversa | contribucións) (Véxase tamén)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)
Legolas
Personaxe de O Señor dos Aneis

Debuxo de Legolas (fan art).
Creador(es) J. R. R. Tolkien
Información
Raza Elfo sinda
Sexo Masculino
Familia Thranduil (pai)
Residencia Bosque Escuro (Terra Media)
Perfil en IMDb

Legolas é un personaxe ficticio do legendarium de J. R. R. Tolkien que aparece n'O Señor dos Aneis. É un elfo do Bosque Escuro e un dos nove membros da Irmandade do Anel.

Aparicións

[editar | editar a fonte]

Literatura

[editar | editar a fonte]

Legolas era o fillo de Thranduil, monarca dos Elfos Silvanos do Reino do Bosque, no Bosque Escuro do Norte, que aparece como "o Rei Elfo" n'O Hobbit. Malia vivir entre eles, estar exposto aos seus costumes e considerarse un máis deles, Legolas non era un dos Elfos do Bosque. Seu pai Thranduil proviña de Lindon e ambos eran en realidade Sindar, ou "Elfos Grises". O Reino do Bosque, de poboación maioritariamente Silvana, estaba gobernado por unha pequena minoría de Sindar, con Thranduil á cabeza.

Legolas aparece por primeira vez n' A Irmandade do Anel, no Consello de Elrond en Valfendido, a onde fora como mensaxeiro de seu pai para falar sobre a fuxida de Gollum da vixilancia á que o tiñan sometido os Elfos do Bosque. Legolas foi un dos elixidos para formar parte da compañía que pretendía destruír o Anel Único, e que permaneceu unida desde a súa partida de Valfendido até Amon Hen.

Cando a Irmandade se viu atrapada nunha treboada de neve mentres tentaba cruzar Caradhras, unha das Montañas Bretemosas, Legolas adiantouse para buscar o Sol, mentres Aragorn e máis Boromir abrían un carreiro na neve. Ao fracasar a tentativa de atravesar a cordilleira, Gandalf guiou a compañía nunha viaxe subterránea a través das minas de Moria, un antigo reino dos Ananos, malia o receo amosado por Legolas, entre outros. Porén, antes de chegaren a Moria, Legolas axudou a repeler un ataque dos lobos de Sauron en Acevedo. Unha vez en Moria, axudou a combater os Orcos e recoñeceu á "Ruína de Durin" como un dos Balrogs de Morgoth.

Cando, durante o seu enfrontamento co Balrog, Gandalf caeu no abismo de Khazad-dûm, Aragorn colleu as rendas da Irmandade e guiounos até o reino élfico de Lothlórien, o Bosque Dourado. Nun principio, Legolas fixo de voceiro da compañía, falando cos seus habitantes, os Galadhrim, aos que consideraba parentes próximos.

Dentro da Irmandade existira ao inicio unha fricción entre Legolas e o Anano Gimli, en parte por mor do ancestral conflito existente entre os Elfos e os Ananos desde a destrución do reino Sindarin de Doriath na Primeira Idade; e en parte polo feito de que Thranduil encarcerara unha vez a Glóin, o pai de Gimli (como se conta n' O Hobbit). Porén, Legolas e Gimli fixéronse amigos cando o segundo saudou con cortesía á raíña élfica Galadriel.

Os membros da Irmandade abandonaron Lothlórien logo de recibiren varios agasallos de Galadriel e Celeborn. A Legolas foille entregado un arco longo, e ao igual ca aos demais, unha capa élfica e pan de lembas. Durante a viaxe da Irmandade augas abaixo polo Río Anduin, Legolas abateu unha besta cruel dun frechazo.

Un señor dos elfos, tal e como os imaxinaba Tolkien.

N' As Dúas Torres, logo da morte de Boromir a mans de Orcos e de que estes capturasen a Meriadoc Brandigamo e Peregrin Tuc, Legolas, Aragorn, e Gimli emprenderon a misión de rescatar os hobbits. Legolas e os seus dous compañeiros topáronse co resucitado Gandalf e cos Rohirrim, loitaron na Batalla de Cornoburgo e presenciaron a caída de Saruman en Isengarda, onde se reuniron con Merri e Pipin. Na Batalla de Cornoburgo, Legolas e máis Gimli enfrontáronse nunha competición para ver quen mataba máis Orcos (gañou Gimli por un, corenta e dous a corenta e un, mais o verdadeiro resultado foi un maior respecto mutuo).

N' O Regreso do Rei, Legolas e Gimli acompañaron a Aragorn polos Carreiros dos Mortos, xunto coa Compañía Gris. Logo de Aragorn convocar os Mortos de Gradeparda para que loitasen ao seu carón, Legolas viu como estes puñan en fuga aos Corsarios de Umbar, que reuniran a súa frota en Pelargir. A profecía de Galadriel (que lle advertira que non se achegase ao mar, pois non sería quen de resistirse á súa chamada) cumpriuse: cando Legolas ouviu os chíos das gaivotas, comezou a experimentar o degoxo do mar, o desexo de partir cara a Valinor que durmía no interior de cada un dos Sindar. Loitou na Batalla dos Campos de Pelennor e ante a Porta Negra de Mordor, e presenciou a derrota de Sauron e o esborrallamento da Torre Escura Barad-dûr.

Após a destrución do Anel Único, Legolas ficou en Minas Tirith para a coroación de Aragorn e a súa voda con Arwen. Despois, Legolas e Gimli marcharon de viaxe xuntos ao bosque de Fangorn e a visitar as Cavernas Escintilantes de Aglarond, no Abismo de Helmo, como lle prometera Legolas a Gimli. Máis adiante, Legolas fundou unha colonia élfica en Ithilien e o tempo que permaneceu na Terra Media pasouno a restaurar as devastadas fragas daquelas terras, arrasadas pola guerra.

Dise no Libro Vermello da Marca Occidental (comezado por Bilbo Bulseiro, continuado por Frodo Bulseiro e seica rematado por Samsagaz Gamllí), que logo da morte de Aragorn no ano 120 da Cuarta Idade, Legolas construíu un barco gris e abandonou a Terra Media para atravesar o Gran Mar cara a Valinor, e que probabelmente Gimli o acompañou.

Adaptacións

[editar | editar a fonte]
Orlando Bloom interpretou a Legolas na triloxía de Peter Jackson.

Na versión animada d' O Seños dos Aneis de Ralph Bakshi de 1978, a voz de Legolas era a de Anthony Daniels (que interpretou o androide C-3PO na saga de Star Wars). Neste filme substitúe a Glorfindel na secuencia da "Fuxida ao Vao" d'A Irmandade do Anel; coñece a Aragorn e os hobbits no seu camiño a Valfendido, e monta a Frodo no seu cabalo antes de ser perseguido polos Nazgûl até o vao de Bruinen. Aquí responde ante Elrond e non se lle identifica explicitamente como Elfo do Bosque.

Na adaptación d' O Señor dos Aneis da BBC Radio 4 de 1981, foi David Collings quen puxo a voz de Legolas.

Na triloxía cinematográfica de Peter Jackson (2001-2003), Legolas foi interpretado por Orlando Bloom. Aquí represéntaselle como loitador imparábel, realizando unha serie de proezas e acrobacias físicas. Así, no ataque dos Orcos en Amon Hen, acoitela un deles nun ollo cunha frecha, arríncaa coa man e dispara a outro con ela. Tamén ensarta a outros dous cunha mesma frecha. Na Batalla do Abismo de Helmo, deslízase por unha escada montado nun escudo, disparando frechas entrementres, e ao chegar ao final dos chanzos propulsa o escudo cos pés e incrústallo a un Orco no pescozo. Na Batalla dos Campos de Pelennor, derruba un Olifante el só (para sorpresa e desgusto de Gimli). Porén, esta caracterización non se axusta aos libros, nos que non se describen en profundidade as accións en batalla de Legolas: á parte de abater a besta cruel, non intervén de maneira importante. Os creadores do filme afirmaron que a escena en que Legolas mata o Olifante foi incluída durante as tomas adicionais realizadas meses despois da rodaxe principal, para que fose protagonista dunha secuencia de acción importante: decatáranse de que na terceira parte da triloxía Legolas apenas tiña presenza, e amais recibiran unha resposta positiva coa escena de escada e o escudo.

Por mor dalgúns inconvenientes técnicos coas lentes de contacto de Bloom, a cor de ollos do Legolas cinematográfico muda en ocasións entre marrón, púrpura e azul.

Legolas non aparece na versión animada d' O Regreso do Rei de 1980.

Nomes e títulos

[editar | editar a fonte]

O nome Legolas é unha variante dialectal da forma pura Silvana Laeca-lass, que significa Follaverde (xa que logo, Follaverde non é o seu apelido, como se adoita crer, nin un sobrenome, como Escudo de Carballo, senón unha tradución do seu nome). Consta das palabras Sindarin laeg, verde, e golas, follaxe ou conxunto de follas (unha forma colectiva con prefixo de las(s), folla). En The Book of Lost Tales, onde se menciona un personaxe diferente co mesmo nome, dáse o equivalente en Quenya primitivo: Laiqualassë. Porén, como o Quenya experimentou un gran desenvolvemento desde que Tolkien concibira a lingua, para a data e publicación d' O Señor dos Aneis podería ter mudado completamente. Tolkien nunca ofreceu unha versión do nome en "Quenya desenvolvido".

Os únicos pobos aos que Tolkien deu apelidos son os Hobbits e os Homes de Prebe. Para os demais Homes e para os Elfos, Tolkien usaba a fórmula patronímica (fillo de). Desta maneira, en galego o nome completo sería "Legolas fillo de Thranduil". En Sindarin, sería Legolas Thranduilion, onde -ion quere dicir "fillo de". Esta última forma é usada na edición ampliada da adaptación cinematográfica d'A Irmandade do Anel: Haldir diríxese a Legolas deste xeito cando a Irmandade entra en Lothlórien buscando refuxio.

Concepto e creación

[editar | editar a fonte]

O nome Legolas Greenleaf (Follaverde en inglés) apareceu por primeira vez en The Fall of Gondolin, un dos relatos de "The Book of Lost Tales", arredor de 1917. Só se menciona unha vez, e non está relacionado co personaxe aquí tratado. Ao ser esta obra a primeira materialización da mitoloxía de Tolkien, e posto que cando escribiu O Señor dos Aneis gran parte dela mudara, con toda probabilidade non se trata do mesmo elfo, e non foi incluído na versión publicada do Silmarillion. Velaquí a tradución de tal fragmento:

Mais os outros, guiados por un tal Legolas Follaverde da casa da Árbore, que coñecía aquela chaira xa for de día ou na escuridade e podía ver na noite, apresuráronse a atravesar o val, malia todo o seu canzaso, e só se detiveron após unha longa marcha.[1]

O Legolas de Gondolin, ao que Tolkien probabelmente tería mudado o nome, ten unha etimoloxía diferente. O seu nome (Laiqalassë na súa forma pura) provén das palabras laica, verde, e lassë, folla, en Quenya primitivo (Qenya). Os nomes son moi similares, mais os personaxes eran diferentes: o Legolas de Gondolin era quizais un Noldor exiliado, da Casa (estirpe) da Árbore. Porén, na versión publicada d' O Silmarillion, cando se describe a fundación de Gondolin por parte de Turgon, afírmase que Turgon levou consigo un terzo do pobo gobernado por Fingolfin, e un número aínda maior dos Sindar. Por tanto non fica claro se o Legolas de Gondolin tiña ascendencia Noldorin ou Sindarin.

  1. The Book of Lost Tales: "The Fall of Gondolin"

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]