Virus do dengue
Virus do dengue | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Unha micrografía de microscopio electrónico de transmisión de virións do virus do dengue (o conxunto de puntos escuros do centro) | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
|
O virus do dengue (dengue virus, DENV) é o causante da enfermidade do dengue. É un virus de ARN monocatenario de febra positiva transmitido por mosquitos, pertencente á familia Flaviviridae, xénero Flavivirus.[1][2] Atopáronse cinco serotipos deste virus,[3][4] todos os cales poden causar o espectro completo da enfermidade.[1] Non obstante, os científicos están decatándose de que a súa comprensión do virus dengue pode ser bastante simplista, xa que un novo estudo mostra que en vez de grupos antixénicos distintos parece haber un continuo.[5] Este mesmo estudo identificou 47 cepas do virus do dengue.[6] Ademais, a coinfección cos virus Zika e do chikungunya e a falta de probas de detección rápidas para eles complican máis o asunto nas infeccións no mundo real.
A enfermidade
editar- Artigo principal: Dengue (enfermidade).
O virus do dengue causa a enfermidade do dengue. As formas graves desta enfermidade denomínanse febre hemorráxica do dengue e síndrome do shock do dengue.[7] O dengue é propio de climas tropicais e subtropicais de todo o mundo, principalmente en áreas urbanas e semiurbanas.[8] As persoas de todas as idades están expostas a picaduras de mosquitos infectados e poden contraer o dengue. A enfermidade dáse principalmente durante a estación chuviosa en áreas con gran cantidade de mosquitos infectados.[9] Só os mosquitos infectados e femias transmiten o virus do dengue.[8][10] O período de incubación é de 3 a 14 días.[10] O período de enfermidade é de 3 a 7 días.[11] As persoas que teñen o dengue non son contaxiosas.[9] Os signos e síntomas poden incluír dor de cabeza grave; dor retroorbital; dor muscular, das articulacións e óseo; erupcións maculares ou maculopapulares, e manifestacións hemorráxicas menores, como petequias, equimoses, púrpura, epistaxe, sangrado de xenxivas, hematuria ou un resultado positivo na proba do torniquete.[12]
Evolución
editarBaseándose na análise da proteína da envoltura distínguense polo menos catro xenotipos (do 1 ao 4). En 2013 informouse do descubrimento dun quinto serotipo.[3] A taxa de substitución de nucleótidos para este virus foi estimado nun 6,5·10−4 por nucleótido e por ano, unha taxa similar á doutros virus de ARN. O xenotipo americano africano crese que evolucionou entre 1907 e 1949. Este período inclúe a Primeira e Segunda guerras mundiais, que estiveron asociadas cun considerable movemento de poboacións e alteracións ambientais, factores que se sabe promocionan a evolución de novas especies virais transmitidas por vectores.
Ciclo vital
editarAta hai uns poucos centos de anos, o virus do dengue era transmitido en ciclos selváticos en África e Asia entre mosquitos do xénero Aedes e primates non humanos con raras aparicións nas poboacións humanas.[13][14] Porén, o espallamento global do virus do dengue seguiu a súa saída do ciclo selvático e o seu ciclo vital primario agora implica exclusivamente a transmisión entre os humanos e os mosquitos Aedes.[15] A transmisión vertical de mosquito a mosquito foi observada nalgunhas especies de vectores.[16]
Descubrimentos recentes suxiren que, como o virus infecta células humanas, os procesos homeostáticos do hóspede como a autofaxia e a resposta ao estrés do RE, sen mencionar a apoptose, son desencadeados de forma dependente do tipo de célula infectada.[17] A activación da autofaxia e o estrés do RE durante a infección potencia a reprodución do virus.[18] [19]
Xenoma
editarO xenoma do DENV ten unhas 11 000 bases no seu ARN monocatenario de febra de sentido positivo ((+)ssRNA) que codifica as tres proteínas estruturais (proteína C da cápside, proteína de membrana M, proteína da envoltura E) e sete proteínas non estruturais (NS1, NS2a, NS2b, NS3, NS4a, NS4b, NS5).[4] Tamén inclúe curtas rexións non codificante tanto no extremo 5' coma no 3'.[1][20]
Estruturas
editarProteína E
editarA proteína E (de envoltura) do DENV, que se encontra en forma de dímero na superficie da partícula viral madura, é importante na adhesión inicial desta partícula á célula hóspede. Cada monómero de proteína E comprende tres ectodominios, de ED1 a ED3, e un segmento transmembrana. O ED2 inclúe a interface de dimerización, dous sitios de gicosilación, e o péptido de fusión coa membrana celular. O ED3 é un segmento polipeptídico continuo; o seu pregamento é compacto e de tipo inmunoglobulina.[21][22] O virus do dengue é transmitido por un mosquito do xénero Aedes. Varias moléculas que interaccionan coa proteína E viral (non integrina atrapante de ICAM3,[23] CD209,[24] Rab 5,[25] GRP 78,[26] e o receptor da manosa [27]) son importantes factores que median na adhesión na entrada viral.[22] A forma de membrana da proteína ribosómica SA pode tamén estar implicada na adhesión.[28] Os dominios recombinantes da proteína E son utilizados como antíxenos ben definidos na detección serolóxica dos anticorpos dirixidos contra o virus do dengue e como inmunóxenos en vacinas candidatas.[29][30][31]
Proteína prM/M
editarA proteína prM (de membrana) do DENV, que é importante na formación e maduración da partícula viral, consta de sete febras β antiparalelas estabilizadas polas pontes disulfuro.[22]
A cuberta glicoproteica do virión maduro do DENV consta de 180 copias de cada unha das prorteínas E e M. O virión inmaturo empeza coas proteínas E e prM constituíndo 90 heterodímeros que forman a parte externa inzada de espículas da partícula viral. Esta partícula viral inmatura evaxínase dentro do retículo endoplasmático e finalmente viaxa pola vía secretora ao aparato de Golgi. A medida que o virión pasa a través da rede trans-Golgi está exposto a un pH baixo. Este ambiente ácido causa un cambio conformacional na proteína E que se disocia da proteína prM e causa que forme os homodímeros E. Estes homodímeros sitúanse planos sobre a superficie viral dándolle ao virión maduro unha aparencia lisa. Durante esta maduración o péptido pr é clivado do péptido M pola protease do hóspede furina. A proteína M despois actúa como unha proteína transmembrana baixo a cuberta da proteína E do virión maduro. O péptido pr permanece asociado coa proteína E ata que a partícula viral é liberada no ambiente extracelular. Este péptido pr actúa como unha caparuza, que cobre o bucle de fusión hidrófobo da proteína E ata que a partícula viral saíu da célula.[22]
Proteína NS3
editarA NS3 do DENV é unha serina protease e tamén unha ARN helicase e RTPase/NTPase. O dominio de protease consta de seis febras β dispostas en dous barrís β formados polos residuos 1 a 180 da proteína. A tríade catalítica (His-51, Asp-75 e Ser-135), encóntrase entre estes dous barrís β, e a actividade é dependente da presenza do cofactor NS2B. Este cofactor enrólase arredor do dominio de protease NS3 e pasa a formar parte do seu sitio activo. Os residuos NS3 restantes (do 180 ao 618), forman os tres subdominios da helicase DENV. Unha folla β paralela de seis febras rodeada por catro hélices α constitúe os subdominios I e II, e o subdominio III está composto por 4 hélices α rodeadas por tres hélices α máis curtas e dúas febras β antiparalelas.[22]
Proteína NS5
editarA proteína NS5 do DENV é un péptido de 900 residuos co dominio de metiltransferase no seu extremo N-terminal (residuos 1 ao 296) e a ARN polimerase ARN dependente (RdRp) no seu extremo C-terminal (residuos 320 a 900). O dominio de metiltransferase consiste nun sándwich α/β/β flanqueado por subdominios N- e C-terminais. A RdRp do DENV é similar a outras RdRps que conteñen os subdominios palma, dedo e polgar e un motivo GDD para a incorporación de nucleótidos.[22]
Complexos entre a proteína E e os anticorpos neutralizantes
editarA obtención das estruturas cristalinas dos complexos entre os anticorpos e os ectodominios (sE) da proteína E viral ou o seu dominio 3 (ED3) axudou a comprender as bases moleculares do recoñecemento do virus e da súa neutralización. Algúns dos epítopos son parcial ou totalmente inaccesibles na estrutura coñecida do virión maduro. Asúmese, por tanto, que os anticorpos correspondentes se unen a conformacións alternas ou transicionais do virus a 37 °C.
- O anticorpo E111 murino neutraliza o DENV1. Os seus frgmentos Fab e scFv foron cristalizados en complexo co dominio ED3 do DENV1. O seu epítopo está localizado nas febras β C e C' do ED3, e no bucle interposto.[32]
- O anticorpo murino 1A1D-2 neutraliza fortemente o DENV1, DENV2 e DENV3. o seu fragmento Fab foi cristalizado en complexo co dominio ED3 do DENV2. O seu epítopo abrangue as febras β A e G do ED3.[33]
- O anticorpo murino 2H12 ten reaccións cruzadas cos outros catro serotipos do DENV. Neutralia os virus correspondentes, excepto o DENV2. O seu fragmento Fab foi cristalizado en complexo cos dominios ED3 do DENV1, DENV3 e DENV4. O seu epítopo está localizado no buicle conservado AB de ED3.[34]
- O anticorpo murino 4E11 neutraliza os catro serotipos do DENV con diversa eficacia. O seu fragmento scFv foi cristalizado en complexo co dominio ED3 dos catro serotipos do DENV. O seu epítopo abrangue as febras β A e G do ED3 como tamén o epítopo de 1A1D-2.[35][36] A estrutura a unha resolución de 2.0 Å permitiu analizar o papel das moléculas de auga dentro das interfaces de proteínas e os papeis das hipermutacións somáticas fóra desas interfaces nas interaccións e recoñecementos cruzados.[37]
- O anticorpo de chimpancé 5H2 neutraliza potentemente o DENV4. O seu fragmento Fab foi cristalizado en complexo coas proteína sE do DENV4. O seu epítopo está incluído no dominio 1 (ED1) da proteína E.[38]
- Os anticorpos humanos Ede1-C10, Ede2-A11 e Ede2-B7 neutralizan potentemente os catro serotipos do DENV. Os seus fragmentos Fab ou scFv foron cristalizados en complexo coa proteína sE do DENV2. Os determinantes de recoñecemento destes anticorpos están nun sitio invariable nos serotipos na interface do dímero E e inclúen as cadeas laterais do bucle de fusión E e as dúas cadeas laterais de glicano conservadas.[39]
Mecanismo da infección
editar- A proteína E da envoltura do DENV únese a un receptor celular. A natureza exacta do receptor celular non foi completamente dilucidada.
- O DENV sofre endocitose. A acidificación do endosoma orixina un cambio conformacional en E, expoñendo unha secuencia de ‘péptido de fusión’ que facilita a fusión da envoltura coa súa membrana endosómica, liberando a cápside do virión no citoplasma.
- A perda da cuberta prodúcese no citoplasma.
- A maquinaria traducional do hóspede (ribosomas) traduce o ácido nucleico de tipo (+)ssRNA do virus nun só polipéptido.
- As proteinases celulares e virais cortan o polipéptido en 10 proteínas (E, M, C e 7 proteínas non estruturais/encimáticas) mentres están incrustadas na membrana do retículo endoplasmático (RE).
- Unha vez que se sintetiza a ARN polimerase ARN dependente funcional pode comezar a replicación do ARN. A síntese é asimétrica, fabricándose dez veces máis da febra de sentido positivo que da de negativo.
- A ensamblaxe ocorre nas membranas intracelulares que se invaxinan no RE (formando a envoltura viral a partir da membrana do RE). A subseguinte evaxinación a partir do RE a través do Golgi e en vesículas permite a maduración por medio de modificacións postraducionais, como a glicosilación e rearranxos transformacionais polo pH.
- A saída do virus da célula ocorre por exocitose.[40]
Gravidade da doenza
editar- Artigos principais: Potenciación dependente de anticorpo e Dengue (enfermidade).
Hai múltiples razóns polas cales algunhas persoas sofren unha forma máis grave do dengue, como a febre hemorráxica do dengue. As diferentes cepas do virus interaccionan con persoas con diferentes fondos inmunitarios, o que leva a que se produzan complexas interaccións. Entre as posibles causas están resposts inmunes serotípicas cruzadas, por medio dun mecanismo coñecido como potenciación dependente de anticorpo, que ocorre cando unha persoa que foi previamente infectada co dengue se infecta por segunda, terceira ou cuarta vez. Os anticorpos previos contra a capa vella do virus do dengue interfiren despois coa resposta inmune coa cepa da infección seguinte, conducindo paradoxalmente a que sexan captados e entren na célula máis virus.[41]
Interacción co sistema inmune
editar- Artigo principal: Sistema inmunitario innato.
Nos últimos anos fixéronse moitos estudos sobre os flavivirus, especialmente sobre a habilidade do virus do dengue de inhibir a resposta inmune innata durante a infección.[42][43] De feito, o virus do dengue ten moitas proteínas non estruturais que permiten a inhibición de varios mediadores da resposta do sistema inmunitario innato. Estas proteínas actúan en dous niveis:
Inhibición da sinalización por interferón bloqueando o transdutor de sinais
editarNS4B é unha pequena proteína hidrofóbica localizada en asociación co retículo endoplasmático. Pode bloquear a fosforilación de STAT1 despois da indución polos interferóns de tipo I alfa e beta. De feito, a actividade da Tyk2 quinase decrece coa infección polo virus do dengue, polo que a fosforilación de STAT1 diminúe tamén.[44] Por tanto, a resposta do sistema inmunitario innato pode ser bloqueada. Así, non hai produción de ISG. NS2A e o cofactor NS4A poden tamén intervir na inhibición de STAT1.[45]
NS5: a presenza desta proteína de 105 kDa ten como resultado a inactivación de STAT2 (por medio da transdución de sinais da resposta ao interferón) cando se expresa soa.[46] Cando a NS5 é clivada con NS4B por unha protease (NS2B3) pode degradar STAT2. De feito, despois da clivaxe de NS5 pola protease, hai unha asociación da ligase E3 con STAT2, e a ligase E3 ten como branco STAT2 para a degradación.[47][48]
Inhibición da resposta do interferón de tipo I
editarO complexo da protease NS2B3-b é un núcleo proteolítico consistente nos últimos 40 aminoácidos de NS2B e os primeiros 180 aminoácidos de NS3. A clivaxe do precursor NS2B3 activa o complexo da protease.[49]
Este complexo protease permite a inhibición da produción do interferón de tipo I ao reducir a actividade do promotor IFN-beta: os estudos mostraron que o complexo da protease NS2B3 está implicado na inhibición da fosforilación de IRF3.[50] Un estudo recente mostra que o complexo da protease NS2B3 inhibe (por clivaxe) a proteína MITA que permite a activación de IRF3.[51]
Proteína D7 da saliva de Aedes aegypti
editarO virus do dengue é transmitido polos mosquitos da especie Aedes aegypti. A. aegypti produce saliva que contén unhas cen proteínas distintas, incluíndo a familia de proteínas D7.[52] A saliva de A. aegypti transmite o virus do dengue, e críase que potenciaba a súa acción no corpo. Pensábase que a saliva facía que o virus se espallase máis rápido debido ao debilitamento da resposta inmunitaria do seu hóspede. Porén, un estudo recente atopou que a proteína D7 dificulta a transmisión do virus ás células do hóspede.[52]
As respostas inmunitarias dos anticorpos, que están tratando de loitar contra o virus, en realidade incrementan a transmisión e fan que a infección sexa peor. Atopáronse que os niveis de proteína D7 era máis prevalente nas glándulas salivares dos mosquitos infectados polo virus do dengue en comparación cos non infectados.[52] A D7 da saliva do mosquito axuda no proceso de alimentación do animal. Malia o que se cría previamente, a D7 pode modular a célula hóspede e actúa contra o virus para impedir a infección do virus.[52] Desafortunadamente, as proteínas D7 provocan respostas inmunitarias, que elevan os niveis de anticorpos anti-D7. Estes anticorpos inhiben a función das proteínas D7, o cal potencia a transmisión do virus do dengue.
Vacina
editarActualmente só hai unha vacina para o dengue aprobada en tres países: Brasil, México e Filipinas. Hai varias vacinas en proceso ded desenvolvemento por grupos de investigación públicos e privados.[53] O desenvolvemento dunha vacina do dengue é todo un reto. Ao ter o virus catro serotipos que poden causar a doenza, a vacina debe inmunizar contra todos eles para ser efectiva.[3] A vacinación contra un só serotipo podería orixinar o shock hemorráxico do dengue cando o individuo se infecta por segunda vez con outro serotipo debido ao fenómeno da potenciación dependente de anticorpo. Cando un individuo se infecta co virus do dengue, o sistema inmunitario produce anticorpos con reactividade cruzada que proporcionan inmunidade para un determinado serotipo. Porén, estes anticorpos son incapaces de neutralizar outros serotipos despois dunha reinfección e, en realidade, incrementan a replicación viral. Cando os macrófagos fagocitan o virus ‘neutralizado’, o virus pode replicarse dentro do macrófago, causando a enfermidade. Estes anticorpos con reactividade cruzada non efectivos facilitan o acceso do virus aos macrófagos, o cal induce unha forma da enfermidade máis grave (o dengue hemorráxico ou a síndrfome de shock do dengue). Un problema común ao que se enfrontan en rexións endémicas do dengue é a infección das nais xestantes por dengue; despois de daren á luz, os seus fillos portan a inmunidade recibida das súas nais e son susceptibles á febre hemorráxica se son infectados con calquera dos outros tres serotipos.[54] En 2012 había unha vacina en ensaio en fase III e empezara a planificación para o uso desta vacina e a vixilancia da súa efectividade.[55]
En 2009 Sanofi-Pasteur empezou a construír unhas novas instalacións en Neuville-sur-Saône, un barrio periférico de Lión (Francia). Esta unidade produce unha vacina de 4 serotipos para facer ensaios en fase III. En setembro de 2014 Sanofi-Pasteur CEO fixo públicos os primeiros resultados do estudo de eficacia do ensaio en fase III en América latina. A eficacia por serotipo (ST) variaba amplamente, desde o 42,3% para o ST2, o 50,3% para o ST1, o 74,0% para o ST3 e o 77,7% para o ST4. A análise completa dos datos a partir do estudo en fase III en América latina e Caribe estaba previsto que sería revisada por expertos externos antes de ser publicada en revistas científicas. Os resultados primarios serían presentados na xuntanza anual da Sociedade Americana de Medicina Tropical e Hixiene, a celebrar en novembro de 2014 en Nova Orleáns.[56]
Porén, en setembro de 2012 anunciouse que unha das vacinas non tivera bos resultados nos ensaios clínicos.[3]
A finais de 2015 e inicios de 2016, rexistrouse en varios países a primeira vacina do dengue, Dengvaxia (CYD-TDV) de Sanofi Pasteur, para uso en individuos de 9 a 45 anos que vivan en áreas endémicas.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Rodenhuis-Zybert, Izabela A.; Wilschut, Jan; Smit, Jolanda M. (agosto de 2010). "Dengue virus life cycle: viral and host factors modulating infectivity". Cellular and Molecular Life Sciences 67 (16): 2773–2786. ISSN 1420-682X. PMID 20372965. doi:10.1007/s00018-010-0357-z.
- ↑ WHO (2009). Dengue Guidelines for Diagnosis, Treatment, Prevention and Control (PDF). World Health Organization. ISBN 92-4-154787-1.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Normile, D (outubro de 2013). "Tropical medicine. Surprising new dengue virus throws a spanner in disease control efforts". Science 342 (6157): 415. Bibcode:2013Sci...342..415N. PMID 24159024. doi:10.1126/science.342.6157.415.
- ↑ 4,0 4,1 Dwivedi, V. D., Tripathi, I. P., Tripathi, R. C., Bharadwaj, S., & Mishra, S. K. (2017). Genomics, proteomics and evolution of dengue virus. Briefings in functional genomics.16(4): 217–227, https://doi.org/10.1093/bfgp/elw040
- ↑ "A new understanding of dengue virus". ScienceDaily. 18 de setembro de 2015. Consultado o 7 de maio de 2016.
- ↑ "A Second Time Dengue Infection Can be Life-Threatening Says Research". NDTV (United Kingdom). 18 de setembro de 2015. Consultado o 2016-05-07.
- ↑ Wiatrek, Melissa. Dengue Fever. http://www.austincc.edu/microbio/2993p/df.htm Arquivado 26 de xullo de 2018 en Wayback Machine.
- ↑ 8,0 8,1 World Health Oraganization. Dengue and severe dengue. Abril de 2017. http://www.who.int/mediacentre/factsheets/fs117/en/
- ↑ 9,0 9,1 DISTRICT OF COLUMBIA DEPARTMENT OF HEALTH. Dengue Fever Factsheet. https://doh.dc.gov/sites/default/files/dc/sites/doh/publication/attachments/Dengue_Fever.pdf
- ↑ 10,0 10,1 Better Health. Dengue virus disease. https://www.betterhealth.vic.gov.au/health/conditionsandtreatments/Dengue-virus-disease?viewAsPdf=true
- ↑ Centers for Disease Control and Prevention. Epidemiology. https://www.cdc.gov/dengue/epidemiology/
- ↑ Centers for Disease Control and Prevention. Dengue. https://wwwnc.cdc.gov/travel/yellowbook/2016/infectious-diseases-related-to-travel/dengue Arquivado 19 de maio de 2017 en Wayback Machine.
- ↑ "Dengue virus". Pathogen Information (PathInfo). Virginia Bioinformatics Institute, Virginia Tech. Arquivado dende o orixinal o 30 de agosto de 2010. Consultado o 18 de xaneiro de 2018.
- ↑ Holmes, EC; Twiddy, SS (maio de 2003). "The origin, emergence and evolutionary genetics of dengue virus.". Infection, Genetics and Evolution 3 (1): 19–28. PMID 12797969. doi:10.1016/s1567-1348(03)00004-2.
- ↑ Halstead, SB (1988). "Pathogenesis of dengue: challenges to molecular biology.". Science 239 (4839): 476–481. Bibcode:1988Sci...239..476H. PMID 3277268. doi:10.1126/science.3277268. Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2019. Consultado o 23 de febreiro de 2013.
- ↑ Haddow, AD; Guzman, H; Popov, VL; Wood, TG; Widen, SG; Haddow, AD; Tesh, RB; Weaver, SC (Jun 5, 2013). "First isolation of Aedes flavivirus in the Western Hemisphere and evidence of vertical transmission in the mosquito Aedes (Stegomyia) albopictus (Diptera: Culicidae).". Virology 440 (2): 134–9. PMID 23582303. doi:10.1016/j.virol.2012.12.008.
- ↑ Ghosh Roy S, Sadigh B, Datan E, Lockshin RA, Zakeri Z (2014). "Regulation of cell survival and death during Flavivirus infections". World Journal of Biological Chemistry 5 (2): 93–105. PMC 4050121. PMID 24921001. doi:10.4331/wjbc.v5.i2.93.
- ↑ Datan E, Roy SG, Germain G, Zali N, McLean JE, Harbajan S, Lockshin RA, Zakeri Z (2016). "Dengue-induced autophagy, virus replication and protection from cell death require ER stress (PERK) pathway activation". Cell Death and Disease 7 (e2127). PMC 4823927. PMID 26938301. doi:10.1038/cddis.2015.409.
- ↑ McLean JE, Wudzinka A, Datan E, Quaglino D, Zakeri Z (2011). "Flavivirus NS4A-induced autophagy protects cells against death and enhances virus replication". Journal of Biological Chemistry 286 (25): 22147–22159. PMC 3121359. PMID 21511946. doi:10.1074/jbc.M11o.192500.
- ↑ Hanley, K.A.; Weaver, S.C., eds. (2010). Frontiers in Dengue Virus Research. Caister Academic. ISBN 978-1-904455-50-9.
- ↑ Modis, Y; Ogata, S; Clements, D; Harrison, SC (Jun 2003). "A ligand-binding pocket in the dengue virus envelope glycoprotein". Proc Natl Acad Sci USA 100 (12): 6986–6991. PMC 165817. PMID 12759475. doi:10.1073/pnas.0832193100.
- ↑ 22,0 22,1 22,2 22,3 22,4 22,5 Perera R, Kuhn RJ (agosto de 2008). "Structural proteomics of dengue virus". Current Opinion in Microbiology 11 (4): 369–77. PMC 2581888. PMID 18644250. doi:10.1016/j.mib.2008.06.004.
- ↑ Tassaneetrithep B, Burgess TH, Granelli-Piperno A, et al. (abril de 2003). "DC-SIGN (CD209) mediates dengue virus infection of human dendritic cells". J. Exp. Med. 197 (7): 823–9. PMC 2193896. PMID 12682107. doi:10.1084/jem.20021840.
- ↑ Krishnan MN, Sukumaran B, Pal U, et al. (maio de 2007). "Rab 5 is required for the cellular entry of dengue and West Nile viruses". J. Virol. 81 (9): 4881–5. PMC 1900185. PMID 17301152. doi:10.1128/JVI.02210-06.
- ↑ Jindadamrongwech, S.; Thepparit, C.; Smith, D. R. (maio de 2004). "Identification of GRP 78 (BiP) as a liver cell expressed receptor element for dengue virus serotype 2". Archives of Virology 149 (5): 915–927. ISSN 0304-8608. PMID 15098107. doi:10.1007/s00705-003-0263-x.
- ↑ Miller JL, de Wet BJ, deWet BJ, et al. (febreiro de 2008). "The mannose receptor mediates dengue virus infection of macrophages". PLoS Pathog. 4 (2): e17. PMC 2233670. PMID 18266465. doi:10.1371/journal.ppat.0040017.
- ↑ Zidane, N; Ould-Abeih, MB; Petit-Topin, I; Bedouelle, H (Dec 2012). "The folded and disordered domains of human ribosomal protein SA have both idiosyncratic and shared functions as membrane receptors". Biosci Rep 33 (1): 113–124. PMC 4098866. PMID 23137297. doi:10.1042/BSR20120103.
- ↑ Zidane, N; Dussart, P; Bremand, L; Bedouelle, H (Jul 2013). "Cross-reactivities between human IgMs and the four serotypes of dengue virus as probed with artificial homodimers of domain-III from the envelope proteins". BMC Infect Dis 13: 302. PMC 3701519. PMID 23815496. doi:10.1186/1471-2334-13-302.
- ↑ Zidane, N; Dussart, P; Bremand, L; Villani, ME; Bedouelle, H (Jun 2013). "Thermodynamic stability of domain III from the envelope protein of flaviviruses and its improvement by molecular design". Protein Eng Des Sel 26 (6): 389–399. PMID 23479674. doi:10.1093/protein/gzt010.
- ↑ Brandler, S; Ruffie, C; Najburg, V; Frenkiel, MP; Bedouelle, H; Desprès, P; Tangy, F (Sep 2010). "Pediatric measles vaccine expressing a dengue tetravalent antigen elicits neutralizing antibodies against all four dengue viruses". Vaccine 28 (41): 6730–6739. PMID 20688034. doi:10.1016/j.vaccine.2010.07.073.
- ↑ Austin, SK; Dowd, KA; Shrestha, B; Nelson, CA; Edeling, MA; Johnson, S; Pierson, TC; Diamond, MS; Fremont, DH (2012). "Structural basis of differential neutralization of DENV-1 genotypes by an antibody that recognizes a cryptic epitope". PLoS Pathog 8 (10): e1002930. PMC 3464233. PMID 23055922. doi:10.1371/journal.ppat.1002930.
- ↑ Lok, SM; Kostyuchenko, V; Nybakken, GE; Holdaway, HA; Battisti, AJ; Sukupolvi-Petty, S; Sedlak, D; Fremont, DH; Chipman, PR; Roehrig, JT; Diamond, MS; Kuhn, RJ; Rossmann, MG (Mar 2008). "Binding of a neutralizing antibody to dengue virus alters the arrangement of surface glycoproteins". Nat Struct Mol Biol 15 (3): 312–317. PMID 18264114. doi:10.1038/nsmb.1382.
- ↑ Midgley, CM; Flanagan, A; Tran, HB; Dejnirattisai, W; Chawansuntati, K; Jumnainsong, A; Wongwiwat, W; Duangchinda, T; Mongkolsapaya, J; Grimes, JM; Screaton, GR (maio de 2012). "Structural analysis of a dengue cross-reactive antibody complexed with envelope domain III reveals the molecular basis of cross-reactivity". J Immunol 188 (10): 4971–4979. PMC 3364712. PMID 22491255. doi:10.4049/jimmunol.1200227.
- ↑ Lisova, O; Hardy, F; Petit, V; Bedouelle, H (Sep 2007). "Mapping to completeness and transplantation of a group-specific, discontinuous, neutralizing epitope in the envelope protein of dengue virus". J Gen Virol 88 (9): 2387–2397. PMID 17698647. doi:10.1099/vir.0.83028-0.
- ↑ Cockburn, JJ; Navarro Sanchez, ME; Fretes, N; Urvoas, A; Staropoli, I; Kikuti, CM; Coffey, LL; Arenzana Seisdedos, F; Bedouelle, H; Rey, FA (Feb 2012). "Mechanism of dengue virus broad cross-neutralization by a monoclonal antibody". Structure 20 (2): 303–314. PMID 22285214. doi:10.1016/j.str.2012.01.001.
- ↑ Lisova, O; Belkadi, L; Bedouelle, Hugues (Apr 2014). "Direct and indirect interactions in the recognition between a cross-neutralizing antibody and the four serotypes of dengue virus". J Mol Recognit 27 (4): 205–214. PMID 24591178. doi:10.1002/jmr.2352.
- ↑ Cockburn, JJ; Navarro Sanchez, ME; Goncalvez, AP; Zaitseva, E; Stura, EA; Kikuti, CM; Duquerroy, S; Dussart, P; Chernomordik, LK; Lai, CJ; Rey, FA (Feb 2012). "Structural insights into the neutralization mechanism of a higher primate antibody against dengue virus". EMBO J 31 (3): 767–779. PMC 3273384. PMID 22139356. doi:10.1038/emboj.2011.439.
- ↑ Rouvinski, A; Guardado-Calvo, P; Barba-Spaeth, G; Duquerroy, S; Vaney, MC; Kikuti, CM; Navarro Sanchez, ME; Dejnirattisai, W; Wongwiwat, W; Haouz, A; Girard-Blanc, C; Petres, S; Shepard, WE; Desprès, P; Arenzana-Seisdedos, F; Dussart, P; Mongkolsapaya, J; Screaton, GR; Rey, FA (Apr 2015). "Recognition determinants of broadly neutralizing human antibodies against dengue viruses". Nature 520 (7545): 109–113. PMID 25581790. doi:10.1038/nature14130.
- ↑ Acheson, Nicholas H. (2011). Fundamentals of Molecular Virology, 2nd ed. Wiley.
- ↑ Dejnirattisai W, Jumnainsong A, Onsirisakul N, et al. (maio de 2010). "Cross-reacting antibodies enhance dengue virus infection in humans". Science 328 (5979): 745–8. Bibcode:2010Sci...328..745D. PMID 20448183. doi:10.1126/science.1185181.
- ↑ Diamond MS (setembro de 2009). "Mechanisms of evasion of the type I interferon antiviral response by flaviviruses". J. Interferon Cytokine Res. 29 (9): 521–30. PMID 19694536. doi:10.1089/jir.2009.0069.
- ↑ Jones M, Davidson A, Hibbert L, et al. (maio de 2005). "Dengue virus inhibits alpha interferon signaling by reducing STAT2 expression". J. Virol. 79 (9): 5414–20. PMC 1082737. PMID 15827155. doi:10.1128/JVI.79.9.5414-5420.2005.
- ↑ Ho LJ, Hung LF, Weng CY, et al. (xuño de 2005). "Dengue virus type 2 antagonizes IFN-alpha but not IFN-gamma antiviral effect via down-regulating Tyk2-STAT signaling in the human dendritic cell". Journal of Immunology 174 (12): 8163–72. PMID 15944325. doi:10.4049/jimmunol.174.12.8163.
- ↑ Munoz-Jordan, J. L.; Sanchez-Burgos, G. G.; Laurent-Rolle, M.; Garcia-Sastre, A. (novembro de 2003). "Inhibition of interferon signaling by dengue virus". Proceedings of the National Academy of Sciences 100 (24): 14333–14338. Bibcode:2003PNAS..10014333M. ISSN 0027-8424. PMC 283592. PMID 14612562. doi:10.1073/pnas.2335168100.
- ↑ Ashour, J.; Laurent-Rolle, M.; Shi, P.-Y.; Garcia-Sastre, A. (xuño de 2009). "NS5 of Dengue Virus Mediates STAT2 Binding and Degradation". Journal of Virology 83 (11): 5408–5418. ISSN 0022-538X. PMC 2681973. PMID 19279106. doi:10.1128/JVI.02188-08.
- ↑ Mazzon, Michela; Jones, Meleri; Davidson, Andrew; Chain, Benjamin; Jacobs, Michael (outubro de 2009). "Dengue Virus NS5 Inhibits Interferon‐α Signaling by Blocking Signal Transducer and Activator of Transcription 2 Phosphorylation". The Journal of Infectious Diseases 200 (8): 1261–1270. ISSN 0022-1899. PMID 19754307. doi:10.1086/605847.
- ↑ Morrison, Juliet; Aguirre, Sebastian; Fernandez-Sesma, Ana (marzo de 2012). "Innate Immunity Evasion by Dengue Virus". Viruses 4 (12): 397–413. ISSN 1999-4915. PMC 3347034. PMID 22590678. doi:10.3390/v4030397.
- ↑ Yusof, Rohana; Clum, Stephen; Wetzel, Mary; Murthy, H. M. Krishna; Padmanabhan., R. (abril de 2000). "Purified NS2B/NS3 Serine Protease of Dengue Virus Type 2 Exhibits Cofactor NS2B Dependence for Cleavage of Substrates with Dibasic Amino Acids in Vitro". Journal of Biological Chemistry 275 (14): 9963–9969. ISSN 0021-9258. PMID 10744671. doi:10.1074/jbc.275.14.9963. Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2019. Consultado o 18 de xaneiro de 2018.
- ↑ Rodriguez-Madoz, J. R.; Belicha-Villanueva, A.; Bernal-Rubio, D.; Ashour, J.; Ayllon, J.; Fernandez-Sesma, A. (outubro de 2010). "Inhibition of the Type I Interferon Response in Human Dendritic Cells by Dengue Virus Infection Requires a Catalytically Active NS2B3 Complex". Journal of Virology 84 (19): 9760–9774. ISSN 0022-538X. PMC 2937777. PMID 20660196. doi:10.1128/JVI.01051-10.
- ↑ Yu, Chia-Yi; Chang, Tsung-Hsien; Liang, Jian-Jong; Chiang, Ruei-Lin; Lee, Yi-Ling; Liao, Ching-Len; Lin, Yi-Ling (xuño de 2012). Diamond, Michael S., ed. "Dengue Virus Targets the Adaptor Protein MITA to Subvert Host Innate Immunity". PLoS Pathogens 8 (6): e1002780. ISSN 1553-7374. PMC 3386177. PMID 22761576. doi:10.1371/journal.ppat.1002780.
- ↑ 52,0 52,1 52,2 52,3 Conway, Michael; Londono-Renteria, Berlin (15 de setembro de 2016). "Aedes aegypti D7 Saliva Protein Inhibits Dengue Virus Infection". Neglected Tropical Diseases (Public Library of Sciences) 10: e0004941. doi:10.1371/journal.pntd.0004941.
- ↑ Vaccine Development Arquivado 21 de agosto de 2019 en Wayback Machine., Dengue Vaccine Initiative, novembro de 2012, consultado o 5 de novembro de 2013
- ↑ Schmaljohn, Alan L.; McClain, David (1996). "Ch. 54: Alphaviruses (Togaviridae) and Flaviviruses (Flaviviridae)". En Baron S. Medical Microbiology (4th ed.). University of Texas Medical Branch at Galveston. ISBN 0-9631172-1-1. NBK7633.
- ↑ Torresi J, Tapia-Conyer R, Margolis H (2013). "Preparing for dengue vaccine introduction: recommendations from the 1st dengue v2V International Meeting". PLoS Negl Trop Dis 7 (9): e2261. PMC 3784468. PMID 24086776. doi:10.1371/journal.pntd.0002261.
- ↑ "Sanofi Pasteur Dengue Vaccine Aces Second Phase III Trial". GEN News Highlights. Genetic Engineering & Biotechnology News. 3 de setembro de 2014.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Estruturas de microscopía electrónica en 3D do virus do dengue de EM Data Bank(EMDB)
- "Brazil releases 'good' mosquitoes to fight dengue fever". BBC News Latin America & Caribbean. 24 de setembro 2014.