Vicente Risco
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Vicente Martínez Risco e Agüero, nado en Ourense o 30 de setembro[1] de 1884 e finado na mesma cidade o 30 de abril de 1963, foi un intelectual galego do século XX. Membro da xeración Nós, é considerado un dos meirandes teóricos do nacionalismo galego.[2]
Nome orixinal | Vicente Martínez Risco e Agüero |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 30 de setembro de 1884 Ourense, España |
Morte | 30 de abril de 1963 Ourense, España |
Causa da morte | cancro |
Lugar de sepultura | Allariz |
Relixión | católica |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | Intelectual, político, escritor, xornalista |
Partido político | Irmandades da Fala Partido Galeguista Partido Nazonalista Republicán de Ourense Dereita Galeguista |
Membro de | |
Xénero artístico | novela, ensaio, narrativa, teatro |
Participou en | |
17 de novembro de 1918 | I Asemblea Nacionalista |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | María del Carmen Fernández Gómez |
Fillos | Carmen (†1926), Antón (1926), M.ª Jesús (1933) e M.ª Cruz Martínez-Risco Fernández (1943) |
Premios | |
| |
Constitúe unha das figuras máis importantes e complexas da historia da literatura galega. Procedente dunha familia acomodada e de alto nivel cultural, asentou as bases do nacionalismo galego e renovou a narrativa galega do primeiro terzo do século XX.
Traxectoria
editarPrimeiros anos
editarFillo dun funcionario da Facenda, Risco foi un rapaz de saúde delicada e amigo da infancia de Ramón Otero Pedrayo. En 1899 rematou o bacharelato. Estudou Dereito por libre na Universidade de Santiago de Compostela, licenciouse en 1906 e ingresou no corpo de funcionarios de Facenda, con destino en Ourense.
Neses anos participou no faladoiro que dirixía Marcelo Macías na Comisión de Monumentos, no cal se xuntaban intelectuais como Xulio Alonso Cuevillas ou Arturo Vázquez Núñez, quen van influír na vocación literaria de Risco. As lecturas dos decadentistas franceses e ingleses puxérono en contacto co ocultismo e o orientalismo. Amais, estudou o budismo e mesmo se afiliou ao teosofismo. Admirador de Rabindranath Tagore, darao a coñecer nos círculos ourensáns.
En 1910 Risco entrou na redacción do xornal local El Miño. Nel escribiu artigos filosóficos e de actualidade cos pseudónimos de Rajú Sahib e Polichinela e literarios co seu propio nome (V.R.).[3]
En febreiro de 1912 coñeceu a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e gabou un dos seus discursos en El Miño, pero Risco mantíñase aínda lonxe do movemento galeguista.
En 1913 marchou a Madrid para estudar maxisterio. Alí foi alumno de José Ortega y Gasset, tratou a Ramón Gómez de la Serna e a Luis de Hoyos Sáinz, e volveu ao catolicismo. No Ateneo de Madrid ofreceu unha conferencia sobre Rabindranath Tagore, quen acababa de ser galardoado co Premio Nobel de Literatura.
En 1916, rematados os seus estudos, volveu a Ourense como catedrático de Historia da Escola Normal. En 1917 fundou con Arturo Noguerol a revista literaria La Centuria, que se convertería nun antecedente da revista Nós pola xente que colaboraba nela.
Descubrimento do galeguismo
editarA fins de 1917, Vicente Risco entra nas Irmandades da Fala baixo a influencia de Antón Losada Diéguez. O 18 de decembro de 1917 pronunciou o primeiro discurso en galego, nun acto de apoio a Francesc Cambó. Na campaña das eleccións parlamentarias de 1918, Risco e o grupo de Ourense participaron en numerosos mitins no distrito de Celanova. Malia non acadaren bos resultados, a experiencia serviulle a Risco como estímulo. En xullo de 1918 saíu o último dos sete números de La Centuria e Risco comezou a colaborar n´A Nosa Terra. Esforzouse por darlle un novo pulo á literatura galega, con artigos sobre Arthur Rimbaud, Paul Verlaine, Guillaume Apollinaire ou Omar Khayyam.
En pouco tempo Risco converteuse no teórico e líder do nacionalismo galego, e en novembro de 1918 tivo unha actuación destacada na I Asemblea Nacionalista.
En 1920 publicou Teoría do nacionalismo galego, considerado o texto fundacional do nacionalismo galego. En 1918 publicara un artigo co mesmo nome en que xa aparecían esbozadas as ideas do libro. Recolleu o legado de Manuel Murguía, de quen publicaría unha biografía en 1933, e combinouno co irracionalismo filosófico, o determinismo xeográfico, o neotradicionalismo e a etnografía. Definiu a nación como un feito natural baseado na terra, na raza, na lingua, na organización social, na mentalidade e no sentimento. Tamén afirmou a pertenza de Galicia á civilización atlántica e céltica.
En 1920 tamén apareceu a revista Nós, herdeira de La Centuria, que vén renovar a literatura galega. Risco escribiu máis de 100 colaboracións para ela ata o seu peche en xullo de 1936, co seu nome, coas súas iniciais ou baixo o pseudónimo de Speradan Namaquizos [4]. Risco tamén dirixe a sección de etnografía do Seminario de Estudos Galegos.
Na III Asemblea Nacionalista, en abril de 1921, Risco aceptou a colaboración puntual coa esquerda para evitar o esgazamento do PG. Nesta asemblea foi comisionado para a elaboración dun Plan pedagóxico pr'a galeguización d'as escolas[5], base para unha proxectada galeguización do ensino.[6]
Risco apoiou inicialmente a ditadura de Primo de Rivera porque a consideraba unha oportunidade para desmontar o sistema caciquil. Aceptou un posto de deputado provincial en Ourense pensando na posible instauración dunha mancomunidade como en Cataluña.
Trala ruptura coas Irmandades da Fala da Coruña e A Nosa Terra, Risco escribiu para Rexurdimento, o órgano da Irmandade Nazonalista Galega. Porén, ao pouco tempo retomou as súas colaboracións en ANT, sobre temas culturais. Só en 1928 volveu escribir sobre política para pedir a volta ao sistema parlamentario.
O 23 de febreiro de 1929 ingresou na Real Academia Galega, por proposta de Murguía, Eladio Rodríguez González e Manuel Lugrís Freire. O seu discurso de ingreso, Un caso de lycantropía (o home lobo),[7] desenvolve o caso de Manuel Blanco Romasanta, o lobishome de Allariz, e a licantropía en Galicia. Foi respondido por Ramón Cabanillas.
En abril de 1930 marchou a Berlín para seguir un curso de etnografía na Universidade de Berlín. Os catro meses que pasa en Alemaña marcaron a súa ideoloxía cara a un pensamento máis conservador e católico, Risco escribiu a crónica do seu periplo europeo para ANT, que posteriormente recollería no libro Mitteleuropa (1934).[8] Durante a súa estadía en Berlín, asistiu tamén a unha conferencia ofrecida por Tagore. Porén, ficou desencantado pola súa presenza, co que o seu anterior fervor polo poeta bengalí tornouse en evidente desprezo. Durante a conferencia, Risco fixo un debuxo rápido do escritor que sería logo incluído no libro.
Segunda República
editarNa VI Asemblea Nacionalista, Risco amosouse partidario da conversión das Irmandades da Fala nun partido político. De cara ás Eleccións a Cortes Constituíntes de 1931 en Galicia fundou con Ramón Otero Pedrayo o Partido Nazonalista Republicán de Ourense. Otero Pedrayo obtivo a acta, pero Risco, con 19.615 votos, quedou fóra das Cortes. En consecuencia, comezou a perder influencia no seo do galeguismo en favor de Pedrayo e Castelao.
En abril de 1931 foi nomeado cronista da cidade de Ourense pola primeira corporación municipal da Segunda República Española. Porén, non chegou a exercer por se afastar da República.[9] O 25 de outubro de 1931 encabezou un grupo de galeguistas que publicaron un manifesto de afirmación católica, contra o que consideraban unha persecución da Igrexa católica polo réxime republicano.
Malia ser elixido membro do Consello Executivo na I Asemblea do Partido Galeguista, estivo en conflito permanente co partido. Isto debeuse á súa falta de interese pola política activa, ao seu escaso entusiasmo pola democracia e ao seu rexeitamento a colaborar coa esquerda.
En 1933 publicou Nós, os inadaptados, que amosa a súa concepción cíclica e espiritual da historia. En 1934 publicou Mitteleuropa, que recollía as súas impresións da viaxe por Europa e apoiaba o auxe do nazismo.
En xaneiro de 1935 publicara un artigo en Heraldo de Galicia en que facía un chamamento para reconquistar Galicia para Deus. Nun enfrontamento aberto coa executiva do seu partido, non asistiu á IV Asemblea do PG de Monforte de Lemos, que ratificou os acordos coa esquerda. Trala Asemblea Extraordinaria de Compostela de febreiro de 1936, na que o PG se sumou á Fronte Popular, Risco uniuse ao grupo de galeguistas que en maio de 1935 creara Dereita Galeguista de Pontevedra e marchou do PG para dirixir este partido.
O 13 de xuño de 1936, co comezo da campaña polo Estatuto de Autonomía de Galicia, Risco participou na redacción dun dos anteproxectos non considerados e mesmo fixo campaña activa a prol do si. Porén, deixou claro que non lle gustaba a situación política, xa que a consideraba un perigo para a Igrexa Católica.
Cando se produciu o Golpe de Estado, Risco calou ante o asasinato ou encarceramento de moitos dos seus amigos e compañeiros galeguistas. O 30 de agosto de 1936, Risco participou na reposición solemne do crucifixo na Escola Normal de Ourense, un acto organizado polas autoridades franquistas, como director desta. Dende 1937 dirixiu Misión, cofundado con Otero Pedrayo. En 1938 comezou a colaborar con La Región con artigos a prol do bando sublevado. Consumouse así o que os seus antigos compañeiros no exilio consideraron "unha traizón aos ideais galeguistas". Castelao deixouno simbolizado en Sempre en Galiza: "dicía Risco, cando Risco era alguén".
Franquismo
editarEn 1940 publicou o traballo etnográfico El fin del mundo en la tradición popular gallega e en 1944 o libro Historia de los judíos desde la destrucción del Templo. Residiu un tempo en Pamplona, onde colabora con El Pueblo Navarro. En 1945 trasladouse a Madrid. Colaborou con El Español, Pueblo e La Estafeta Literaria e publicou en 1947 Satanás. Biografía del Diablo. Volveu a Ourense en 1948.
Grazas ao esforzo dos seus amigos galeguistas, Otero Pedrayo e Francisco Fernández del Riego, Risco volve escribir en galego no seu estudo de etnografía para a Historia de Galiza dirixido por Otero Pedrayo en 1962. Traduciu a novela de Camilo José Cela A familia de Pascual Duarte en 1951 e en 1957 escribiu o relato Sursumcorda. Porén, empregou o castelán no número 2 de Grial e no resto da súa produción literaria. Entre esta, destacou La puerta de paja, finalista do Premio Nadal 1952 e publicada o ano seguinte con grande éxito de crítica. Escribiu tamén La tiara de Saitaphernes, Gamalandafa e La verídica historia del niño de dos cabezas de Promonta, que quedaron inéditas por falta de editores interesados.
Risco xubilouse en 1954, pero continuou a publicar traballos de etnografía na prensa galega. En 1961 publicou Leria, escolma de textos de antes da guerra civil española.
Logo de varios meses de ter diagnosticado o cancro, Risco morreu o 30 de abril de 1963 na súa cama de Ourense, uns días despois de que o goberno franquista lle concedese a Medalla de Afonso X.
Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no 1981.
Ideoloxía
editarInfluído por G. K. Chesterton[10], Léon Bloy[11] René Guénon,[12] Karl Marx no económico,[13] e Mircea Eliade o pensamento político de Risco baseábase na crítica na crítica romántica á modernidade, ao cartesianismo,[14] ao Progreso,[15] á Ilustración,[16] á Revolución francesa,[17] ao capitalismo e ao maquinismo, considerados como decadencia e abandono das formas de vida máis puras e lexítimas. Ao mesmo tempo, exaltaba a irracionalidade, o misticismo e a relixiosidade popular, por iso rexeitará a literatura realista. Avogaba polo antiparlamentarismo durante a Restauración borbónica en España. Tamén desprezaba a civilización mediterránea e defendía o celtismo e atlantismo. Louvaba Portugal e, en especial, Irlanda, polo catolicismo e pola loita vitoriosa contra o imperialismo inglés.
A Galicia verdadeira, para Risco, era a tradicional, a labrega e mariñeira, a que gardaba a esencia da raza e o sentimento relixioso da Terra, mitificadora dos tempos pasados.
Defendía a Idade Media, que na súa opinión estaba chea de tópicos negativos creados pola Ilustración e a Revolución francesa.[18]
Renegaba do Contrato social de Rousseau, afirmando que "representa a substitución dos grupos humanos naturais (tribo, clan, familia) por agrupacións artificiais ou cidades".[19]
Influenciado por Oswald Spengler, rexeitaba a visión progresista de Historia e entendía que esta é cíclica e que a civilización occidental está en decadencia,[20] no Kali Yuga hindú.[21]
O europeo moderno, o filisteo, é un home dexenerado na domesticidade... Perdeu sensibilidade e vontade; É falso, hipócrita, covarde; presenta todos os síntomas dunha mala conciencia. Vítima do máis poderoso e irresistible dos tiranos, creouse unha psicoloxía de servo (...); A súa característica é a mesquindade, a pobreza de espírito, o instinto gregario. Só así poderemos resistir a férrea disciplina que nos impón o Estado moderno. Só así se poden arrastrar tantos millóns de homes a unha carnicería tan horrible, tan vergoñenta como aquela gran guerra do século XX, unha magnífica festa de sangue ofrecida ao novo Deus, o monstro superorgánico...[22]
Malia que nas súas primeiras obras se axudou das correntes estéticas do momento, criticaba que non deixaban crear unha cultura propia e que limitaban a individualidade dos escritores. Porén, difundía esas correntes entre autores novos, como Manuel Antonio. Concibía o catolicismo como unha das bases da identidade galega. A súa procura de Deus levouno a un espiritualismo relacionado coas tradicións orientais como o hinduísmo.[23]
Vicente Risco tamén amosou tendencias racistas que se foron tornando antisemitas conforme a súa influencia no galeguismo ía minguando.[24]
Vida persoal
editarEn maio de 1922 casou con María del Carmen Fernández Gómez, procedente da pequena burguesía de Allariz, e filla do expresidente da Deputación de Ourense, Manuel Fernández[25]. En 1923 tiveron a súa primeira filla, que morreu en 1926, e ese ano naceu o seu fillo Antón.
Obra literaria
editarA totalidade da obra literaria de Risco é un trasunto do seu pensamento filosófico e político. O primeiro texto literario foi o relato breve Do caso que lle aconteceu ó Dr. Alveiros, centrado no tema do esoterismo e a maxia.
As seguintes obras de Risco baséanse nas lendas e tradicións populares, O lobo da xente (1925)[26] e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán (1925). De 1926 é o cadro dramático A Coutada centrado no sentimento da terra e a volta ás orixes.[27] En 1927 publicou en Nós algúns capítulos dunha novela que non remataría, Os europeos en Abrantes, unha sátira contra algunhas personalidades coñecidas da intelectualidade de Ourense.
Posteriormente publicou a súa única novela, O porco de pé, na cal amosa a súa concepción espiritual da historia, contraria ao materialismo e ao mundo moderno.
De 1928 é a obra de teatro O bufón de El-Rei
Obra (selección)
editarEn galego
editar- Narrativa
“ | O souto onde andaba o Ánxel era pecho e sombrizo, cuberto o chan de herba verde entre a que medraban gamóns, estraloques, póutegas e chouparros, flora das terras húmidas... | ” |
—O lobo da xente. Lar, A Coruña, 1925.[28] |
- Do caso que ll'aconteceu ó doutor Alveiros. "Terra A Nosa!". A Coruña, 1919. Traducida ao catalán (publicada conxuntamente con El porc dempeus).[29]
- O lobo da xente. Lar. A Coruña, 1925.[26]
- A velliña vella, Céltiga. Bos Aires, 1925.
- A trabe de ouro e a trabe de alquitrán. Lar. A Coruña, 1925.
- A Coutada. Lar. A Coruña, 1926.[27]
- Os europeos en Abrantes. Epopeia en prosa, in rev. Nós, nº 39, 40. 1927. Traducida ao catalán (publicada conxuntamente con El porc dempeus).[30]
- O porco de pé. Nós. A Coruña, 1928.[31] Traducido ao castelán[32] e ao catalán.[30]
- Dedalus en Compostela. Nós, nº 67. 1929.
- O señor feudal, in rev. Nós, nª 74. 1930.
- Teatro
- O bufón d'El-Rei. Drama en catro pasos, Nós. A Coruña, 1928.
- Ensaio
- Teoría do nazonalismo galego. A Nosa Terra. A Coruña, 1918.
- Teoría d'o nacionalismo galego. La Región. Ourense, 1920.
- O programa do nazonalismo. A Nosa Terra, 1931.
- "Nós, os inadaptados", in rev. Nós, nº 115, 1933.[33]
- Mitteleuropa. Impresiós d'unha viaxe. Nós. Santiago, 1934.
- Nacionalismo galego. Alento: Boletín de Estudos Polítecos. Santiago-Noia, 1934-1935.
- Leria. Galaxia. Vigo, 1961.
- Doutrina e Ritual da Moi Nobre Orde Galega do Sancto Graal, edición póstuma de Joaquim Ventura, Xunta de Galicia - Centro Ramón Piñeiro, 1998.[34]
- Etnografía
- Etnografía e folkore de Melide, in VV.AA., Terra de Melide. Seminario de Estudos Galegos. Santiago, 1933.
- Etnografía: Cultura espiritual, in VV.AA., Historia de Galiza, t. I. Bos Aires, 1962.
En castelán
editar- Narrativa
- El enviado. Mi Tierra. Ourense, 1911.
- La puerta de paja. Planeta. Barcelona, 1953.[35]
- Ensaio
- Elementos de metodología de la Historia. Nós. A Coruña, 1928.
- O problema político de Galiza (El problema político de Galicia). Ciap. Madrid, 1930. Tradución ao galego de Isaac Alonso Estraviz (SEPT, 1976).
- Psicología del librepensador. Ourense, 1937.
- Satanás, historia del diablo. Libros y Revistas. Madrid, 1947.
- Libro de las "Horas". Tanco. Ourense, 1961 (artigos publicados no xornal La Región).
- Mitología cristiana. Editora Nacional. Madrid, 1963.
- Orden y caos. Exégesis de los mitos. Madrid, 1963.
- Las tinieblas de Occidente: Ensayo de una valoración de la civilización europea. Sotelo Blanco. Santiago, 1990.[36]
- Historia
- Historia de los judíos desde la destrucción del templo. Barcelona, 1944.
- Historia de Galicia. Manuales Galaxia. Editorial Galaxia, 1952.
- La Historia de Oriente contada con sencillez. Escelicer. Cádiz, 1955.
- Xeografía
- Geografía General del Reino de Galicia (Tomo V, provincia de Ourense; 1928)
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes de Vicente Risco.
-
Entrada dos poetas no SEG en 1926 en Santiago. Están, entre outros: Florentino López Cuevillas, Victoriano Taibo, Risco, Gonzalo López Abente, Cabeza de León, Antón Villar Ponte, Xosé Filgueira Valverde, Castelao, Otero Pedrayo, Lugrís, Leandro Carré e Jaime Vidal Rey.
-
O SEG nas Ruínas de San Domingos en 1928. De pé: Pedrayo, Losada, Cuevillas, Risco, Carballo Calero, Filgueira, García Paz, Pintos, Fraguas e Osorio-Tafall. Sentados: Parga Pondal, Moralejo Laso, Carro, Cabeza de León, Arias Sanjurjo, Álvarez Limeses e Novás. Véxase, tamén, o reverso, escrito por F.B.B.
-
Ingreso de Otero Pedrayo na RAG o 9-12-1929. Con Lugrís; Rafael Pérez; Eladio Rodríguez; Estrada Catoyra; Carré; Vicente Risco e Ángel del Castillo.
-
1929. De pé: César Otero, José Berguer, Pardo, Liste Mourenza, Abelaira, Salvador Mosteiro, Manuel Cabanillas, Calviño Domínguez e A. Villar Ponte. Sentados: Laureano Alonso, Eladio Rodríguez, Otero Pedrayo, Risco, Ángel del Castillo e Rafael González Villar.
-
SEG en 1934: Entre outros: Otero Pedrayo, Iglesias Vilarelle, Parga Pondal, Ferreiro Panadeiro, Fernández Osorio, Fernández Cochón, Vicente Risco, González García-Paz, Antón Taboada Roca, Paulino Pedret, Xesús Carro, Antón Fraguas, Xohán Ledo, Isla Couto, Ferreirós Espinosa, López Cuevillas e Ramos Colemán
-
O SEG en 1936: Xesús Carro, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Luís Iglesias Iglesias, Sebastián González García-Paz, Felipe Cordero Carrete, Salustiano Portela Pazos, Paulino Pedret, Jaime Vidal Rey, Antón Iglesias Vilarelle, Manuel Díaz Rozas, Alfonso Vázquez Martínez, Xosé Filgueira Valverde, Xulio Francisco Ogando, Ramón Sobrino Buhigas, Anxelo Ramos Colemán, Isidro Parga Pondal, Florentino López Cuevillas e Xoán López Durá
Notas
editar- ↑ Unha primeira achega a Vicente Risco, Fundación Vicente Risco.
- ↑ "Beramendi: «Risco é o maior teórico do nacionalismo galego»". La Voz de Galicia. 16/1/2001. Arquivado dende o orixinal o 04/10/2018. Consultado o 03/10/2018.
- ↑ usc.es (ed.). "Autores galegos na BUSC. Risco, Vicente, 1884-1963". Consultado o 21 de maio de 2021.
- ↑ Luis Alonso Girgado (dir.): Posío (Ourense 1945-1946), ed. facsímile do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, Santiago 1995, px. 212.
- ↑ Fernández Fernández, Xosé (2009). "Planos e informe de Vicente Risco para a galeguización e a renovación da escola." (PDF). Sarmiento: Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación (13): 167–180.
- ↑ "Galeguización das escolas (Materia pendente)". AC Alexandre Bóveda. 2018-10-24. Consultado o 2022-08-04.
- ↑ Risco, V. (1971). Un caso de lycantropía (o home lobo). Real Academia Galega.
- ↑ Rodríguez-González, Olivia (2006). "Viajeros gallegos por Europa. Los diarios de Castelao y Vicente Risco". Revista de filología románica (extra 4).
- ↑ "Ourense permanece sin cronista oficial desde el año 2009, fecha de la muerte de López Morais". Faro de Vigo (en castelán). 2 de maio de 2018.
- ↑ "Mitología cristiana" Obras completas tomo 6, Galaxia, Xunta de Galicia, 1994 p.374
- ↑ "Orden y caos" Obras completas tomo 6, Galaxia, Xunta de Galicia, 1994 p.515
- ↑ "Orden y caos" Obras completas tomo 6, Galaxia, Xunta de Galicia, 1994 p.509
- ↑ "Las tinieblas de Occidente" Obras completas tomo 6, Galaxia, Xunta de Galicia, 1994 p.88
- ↑ "Las tinieblas de Occidente" Obras completas tomo 6, Galaxia, Xunta de Galicia, 1994 p.49
- ↑ "Las tinieblas de Occidente" Obras completas tomo 6, Galaxia, Xunta de Galicia, 1994 p.56
- ↑ "Las tinieblas de Occidente" Obras completas tomo 6, Galaxia, Xunta de Galicia, 1994 p.49
- ↑ "Las tinieblas de Occidente" Obras completas tomo 6, Galaxia, Xunta de Galicia, 1994 pp.51-53
- ↑ "Las tinieblas de Occidente" Obras completas tomo 6, Galaxia, Xunta de Galicia, 1994 p.43
- ↑ "Las tinieblas de Occidente" Obras completas tomo 6, Galaxia, Xunta de Galicia, 1994 p.20
- ↑ "Elementos de metodologia de la historia." Obras completas tomo 7, Galaxia, Xunta de Galicia, 1994 pp. 347-349
- ↑ "Elementos de metodologia de la historia." Obras completas tomo 7, Galaxia, Xunta de Galicia, 1994 p. 338
- ↑ "Las tinieblas de Occidente" Obras completas tomo 6, Galaxia, Xunta de Galicia, 1994 p.82
- ↑ "Mitología cristiana" Obras completas tomo 6, Galaxia, Xunta de Galicia, 1994 p.422
- ↑ Álvarez Chillida, Gonzalo (2002). "Razas y judíos en el nacionalismo gallego. El antisemitismo de Vicente Risco". El antisemitismo en España: la imagen del judío, 1812-2002 (en castelán). Madrid: Marcial Pons, Ediciones de Historia. p. 255. ISBN 84-95379-44-9.
- ↑ La Región, 1 de xuño de 2022.
- ↑ 26,0 26,1 Iglesias, Xabier (5/9/2012). "O lobo da xente". OslibrosdeAnxelCasal.blogspot.com.
- ↑ 27,0 27,1 Iglesias, Xabier (2/1/2018). "A Coutada". OslibrosdeAnxelCasal.blogspot.com.
- ↑ Alonso Girgado. Antoloxía do conto galego do século XX, pp. 35-43. Galaxia. Vigo. ISBN 978-84-8288-865-1.
- ↑ "El cas que va passar al doctor Alveiros". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 21 de marzo de 2018. Consultado o 2019-07-08.
- ↑ 30,0 30,1 "El porc dempeus". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 21 de marzo de 2018. Consultado o 2019-07-08.
- ↑ En 2021 a Editorial Galaxia publicou: O porco de pé (Ed. Ilustrada), 234 páxs., ISBN 978-84-9151-734-4. Edición de Raquel Vila-Amado e Tomán González Ahola.
- ↑ "El cerdo de pie". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 21 de marzo de 2018. Consultado o 2019-07-08.
- ↑ Risco, Vicente (25/7/1933). "Nós, os inadaptados". Nós (revista) (115): 115–123.
- ↑ Vicente Risco (1998). Doutrina e Ritual da Moi Nobre Orde Galega do Sancto Graal (PDF). CRPIH - Xunta de Galicia.
- ↑ En 2004 foi incluída na Biblioteca Gallega de Autores en Castellano de La Voz de Galicia
- ↑ Edición póstuma de Manuel Outeiriño sobre orixinal da primeira década do século XX.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Vicente Risco |
A Galicitas posúe citas sobre: Vicente Risco |
Bibliografía
editar- "Martínez-Risco Agüero, Vicente". Dicionario biográfico de Galicia 2. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 290.
- Bangueses Vázquez, Mercedes (2010). Ilustradores galegos de preguerra (1880-1936). IEV. pp. 230–241. ISBN 978-84-89599-44-4.
- Beramendi, X. (1981). Vicente Risco no nacionalismo galego (2 vol,s.) . Santiago de Compostela: Edicións do Cerne.
- Beramendi, X.; González Reboredo, X.M.; Tarrío, A. (2005). "Risco, Vicente". Gran Enciclopedia Galega. ISBN 84-87804-88-8.
- Bobillo , Francisco (1981). Nacionalismo gallego: la ideología de Vicente Risco (en castelán). Akal. ISBN 84-7339-590-5.
- Carballo Calero, R. (1975) [1963]. Historia da literatura galega contemporánea. Galaxia. p. 631-647. ISBN 84-7154-227-7.
- Casares Mouriño, Carlos (1981). Vicente Risco. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-7154-386-8.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-53). Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) II. Bibliófilos Gallegos. p. 391.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 269. ISBN 84-7492-465-0.
- Lugrís Pérez, Ramón (1963). Vicente Risco na cultura galega. Editorial Galaxia.
- Martínez-Risco e Agüero, Vicente (25/7/1933). "Nós, os inadaptados". Nós (revista) (115): 115–123.
- Otero Pedrayo, R. (1972). "A novelística de Vicente Risco". Grial: revista galega de cultura (37): 257–265. ISSN 0017-4181.
- Pena, Xosé Ramón (2016). Historia da literatura galega. III. De 1916 a 1936. Xerais. ISBN 978-84-9121-107-5.
- Risco, Antón (1978). Pensamento de Vicente Risco. Lugo: Alvarellos Editora. ISBN 84-85311-12-4. Arquivado dende o orixinal (bilingüe) o 19 de setembro de 2019. Consultado o 03 de outubro de 2018.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da Literatura Galega. Autores I. Editorial Galaxia. p. 504-508. ISBN 84-8288-019-5.
- VV.AA. (outubro-novembro-decembro, 1984) Tomo XXII. Número 86 (monográfico) Grial: revista galega de cultura. Galaxia.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Fundación Vicente Risco
- Ficha de Vicente Risco na Biblioteca Virtual Galega.
- "Vicente Martínez-Risco y Agüero". Real Academia Galega.
- Gurriarán, Ricardo. "Vicente Risco". Álbum da JAE do Consello da Cultura Galega.
Predecesor: Emilio Vázquez Pardo |
Cronista de Ourense 1931 |
Sucesor: Ramón Otero Pedrayo |