Trancho
Trancho / trancha / espadín Sprattus sprattus | |||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Sprattus sprattus | |||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||
Sprattus sprattus (Linnaeus, 1858) [1] |
O trancho,[2][3][4][5][6] trancha [2][3][4][5] ou espadín,[2][3][4][5] Sprattus sprattus (Linnaeus 1758), é un peixe mariño da familia dos clupeidos, da orde dos clupeiformes.
Características
editarTrátase dun clupeido pequeno moi similar á sardiña, pero máis pequeno e comprimido; alcanza tamaños medios duns 12 cm (máximo de 16 cm).[7]
O opérculo é liso, sen estrías.[5][7]
As escamas son agudas entre as aletas ventrais e a anal, coas puntas ergueitas e dirixidas cara a atrás, de xeito que forman unha quilla de escudetes na zona ventral.[4][5][7]
Posúe unha única aleta dorsal, alta e ocupando unha posicíón moi posterior (circunstancia esta que o diferencia dos demais clupeidos de Galicia) sustentada por 15 a 19 raios brandos. A aleta anal é un pouco máis longa que a dorsal e máis baixa que esta última, e con 12 a 21 raios brandos. As aletas pelvianas, pequenas, teñen 7 raios.[5]
A boca é relativamente grande (chega posteriormente ata o nivel do primeiro terzo do ollo), e co maxilar inferior que supera lixeiramente ao superior. Non ten dentes, o ben estes son pequenos e pouco numerosos, situados en ambos os maxilares, na lingua e nos ósos palatinos (nunca no vómer).[5]
A coloración é azulada na rexión ventral e prateada nos flancos e no ventre.[5]
Hábitat e bioloxía
editarDistribúese pola costa europea do Atlántico entre os 66º N e os 30º N, desde Escandinavia e o golfo de Botnia ata o estreito de Xibraltar, entrando no Mediterráneo, chegando ata o mar Negro.[8] Existen grandes poboacións nos fiordes, nas costas de Dinamarca e no mar Báltico.[7]
É unha especie gregaria e peláxica que habita en fondos menores aos 200 m,[5]. Resiste augas con salinidade reducida e pode penetrar no interior das rías e nos esteiros.[9]
Reprodúcese desde xaneiro a xullo, en fondos de entre 10 e 20 m, e as femias producen de 6 000 a 14 000 ovos, peláxicos, que eclosionan ao cabo duns 7 días. As larvas cando nacen miden de 3 a 4 mm, e son moi semellantes ás do arenque. Cando teñen un ano miden uns 10 cm.[7]
Aliméntase de zooplancto, en particular de copépodos, e eles mesmos forman parte da dieta de numerosos especies de peixes depredadores. Teñen unha lonxevidade de 5 a 6 anos.[7]
Importancia pesqueira e comercial
editarNas zonas máis nórdicas péscanse con artes de arrastre, e as capturas flutúan considerablemente de ano en ano pero, como na súa maior parte están formadas por peixes dun a dous anos. Unha estación reprodutora pobre reflíctese rapidamente na produción pesqueira. Emprégase na industria conserveira, afumado e enlatado en aceite, comercializándose cos equívocos nomes de "sardiñas norueguesas", "anchoas" e, afumado, co de "Kielersprot", ao que son moi afeccionadas as xentes do norte.
Cando as capturas son abundantes, grandes cantidades procésanse para fabricar aceite e fariña de peixe. As capturas europeas anuais oscilan entre as 200 000 e as case 400 000 toneladas.[7]
En Galicia péscase escasamente, mesturado coa sardiña, con artes de cerco. Consómese como as sardiñas (fritido, marinado, en conserva etc).
Presenza en Galicia
editarA primeira cita do trancho nas nosas augas foi a de Cornide, en 1788, denominando á especie como Clupea alosa. Xa no século XX, de Buen rexístraa en Vigo en 1927, como Clupea sprattus, e en 1935, como Sprattella sprattus. Lozano y Rey cítaa en 1947 en Pontevedra e Vigo, como Clupea sprattus; e con este mesmo nome a anotan Navarro nas Cíes, Anadón (1950) e Oliver (1950) e Arté (1956), entre outros. Xa como Sprattus sprattus rexístrana López Veiga (1976), López-Jamar (1977), Álvarez et al. (1983), Fariña et al,, en 1983, en fondos da plataforma continental de menos de 200 m, desde a desembocadura do Miño ata Fisterra e, en 1984, Ferreiro e Labarta rexistran a súa desova na ría de Vigo.[10]
Notas
editar- ↑ Sprattus sprattus en FishBase.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Dicionario da RAG". Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2013. Consultado o 06 de agosto de 2013.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Ríos Panisse, M. C. (1977), pp. 217-218.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Rodrígues Solórzano et al. (1983, p. 61.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 5,8 Rodríguez Villanueva et al. (1999), pp. 32-33.
- ↑ Lahuerta e Vázquez (2000), p. 164.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 Muus et al. (1998), pp. 91-92.
- ↑ Ver mapa de distribución en FishBase.
- ↑ "Marine Species". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 06 de agosto de 2013.
- ↑ Solórzano et al. (1988), p. 18.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Trancho |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Trancho |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Trancho |
Bibliografía
editar- Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8, p. 190.
- Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
- Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
- Ríos Panisse, M. C. (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I Invertebrados y peces. Santiago: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.
- Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
- Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
- Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.
- Xunta de Galicia (1999): Guía do consumidor de peixe fresco. Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Sprattus sprattus (Linnaeus, 1758) en FishBase (en inglés). Contén informacións, imaxes e mapa de distribución.