Mergullón real
O mergullón real[2][3][4] (Podiceps auritus) é unha especie de ave podicipediforme da familia Podicipedidae propia de Eurasia e Norteamérica. En Galicia é un invernante raro.[3]
Mergullón real | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Plumaxe nupcial | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Vulnerable[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Podiceps auritus (Linnaeus, 1758) | |||||||||||||||
Distribución do mergullón real
Área de cría. Área de invernada. |
Descrición
editarTrátase dun mergullón cun corpo repoludo. Mide entre 31 e 38 cm de longo, cunha envergadura alar de 59 a 65 cm,[5] e pesa arredor de 400 g. En verán é inconfundible, tanto o macho coma a femia teñen a cabeza negra, cun píleo plano e dous penachos nos laterais de cor amarela alaranxada en forma de cuña, que parten dos ollos cara a atrás. Tamén a plumaxe das súas meixelas negras sobresae en forma de cuña. O seu pescozo, peito e flancos son de cor castaña avermellada. O seu dorso e parte superior das ás son negras, mentres que o seu ventre e a parte inferior das súas ás son brancos, aínda que quedan ocultos cando nadan. O seu ollo é de cor encarnada intensa, e ten o peteiro negro, longo e bicudo, coa punta branca. En inverno a súa plumaxe pasa a ser de cor gris escura nas partes superiores, coas meixelas e as partes inferiores brancas, incluída a parte frontal do pescozo.
Taxonomía e etimoloxía
editarO mergullón real foi descrito cientificamente por Carl von Linné en 1758 na décima edición da súa obra Systema naturae, co nome de Colymbus auritus,[6] que significa 'movella con orellas'. Posteriormente foi trasladado ao xénero Podiceps, creado por John Latham en 1787,[7] aínda que clasificado como o resto da súa familia xunto coas movellas en Colymbiformes. Ata o século XX non se separaron os mergullóns na súa propia orde, Podicipediformes. Recoñécense dúas subespecies de mergullón real:[8]
- P. a. auritus, (Linnaeus, 1758) - vive en Eurasia;
- P. a. cornutus, (Gmelin, 1789) - presente en Norteamérica.
A etimoloxía tanto do nome do xénero coma do da especie é latina. Podiceps procede da combinación das palabras podex/podicis que significa 'ano' e pes que significa 'pé',[9] en referencia á posición moi traseira das súas patas. Pola súa parte, auritus, que procede de auris (orella), significa 'con orellas', en alusión á forma da plumaxe da súa cabeza en época de cría.
Distribución e hábitat
editarO mergullón real cría nos lagos do norte de Eurasia e Norteamérica. En inverno migra ás costas do Atlántico e Pacífico norte. En Europa chega ás costas do norte da Península Ibérica, incluída Galicia[3], en Asia chega ás costas chinesas á altura de Taiwán e en Norteamérica ata o Caribe mexicano; ademais de a zonas do norte do Mediterráneo e mar Negro e o sur do Caspio. Na época invernal establécese xeralmente en augas costeiras abeiradas e estuarios lamacentos, e con menos frecuencia en augas interiores.
Comportamento
editarA súa voz é un trilo agudo, rápido, tipo asubío. En verán adoita ser silencioso.
Aniña de abril a xullo, poñendo catro ou cinco ovos sobre un montón de herbas suxeitas a talos de gramíneas altas.
Aliméntase de peixes pequenos, aos que captura mergullándose. Tamén come, en verán, insectos e crustáceos actuáticos.
Notas
editar- ↑ BirdLife International (2012). "Podiceps auritus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2014.3 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 4 de marzo de 2015.
- ↑ Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
- ↑ "mergullón real". TERGAL. Consultado o 17 de abril de 2024.
- ↑ Mark Beaman, Steve Madge (1998). Guía de las aves de Europa, norte de África y próximo oriente. Ed. Omega, p. 39. ISBN 8428209464.
- ↑ Caroli Linnæi. Systema naturæ per regna tria naturæ, secundum classses, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis Editio decima reformata 1758, Holmiæ, Impensis direct. Laurentii Salvii (Salvius publ.) p. 135.
- ↑ Peterson, A. P. Zoonomen. Zoological Nomenclature Resource - Podicepediformes
- ↑ Frank Gill e David Donsker. Grebes, flamingos & tropicbirds. IOC World Bird List versión 5.1.
- ↑ Ficha de Podiceps cristatus Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine. na Guía interactiva de aves ibéricas. E.T.S.I. de Montes, Forestal y del Medio Natural - Universidade Politécnica de Madrid.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Hume, Rob (2002). Guía de campo de las aves de España y Europa. Ediciones Omega. ISBN 84-282-1317-8.
Ligazóns externas
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mergullón real |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Mergullón real |