Mario Monti
Mario Monti, nado en Varese o 19 de marzo de 1943, é un economista e político italiano, foi primeiro ministro dese país, cargo ao que renunciou o 21 de decembro de 2012.
Traxectoria
editarFormación e vida académica
editarDespois de estudar o bacharelato en Milán, en 1965 licenciouse en económicas na Universidade Comercial Luigi Bocconi da mesma cidade. A finais da década dos sesenta marchou estudar aos Estados Unidos, e en concreto á Universidade Yale, onde aprendeu do Premio Nobel de Economía James Tobin.[1]. No ano 1969 volveu a Italia, onde se fixo cargo dunha praza de profesor de economía na Universidade de Trento. Ao curso seguinte pasou á Universidade de Turín[2], onde impartiu docencia durante quince anos, ata que en 1985 conseguiu a praza de profesor de economía política na Universidade Bocconi de Milán. Nesta universidade, onde el fora estudante, converteuse ademais no director do Istituto di Economia Politica.
Na década dos oitenta e dos noventa, Monti desenvolveu un labor académico asesorando os órganos políticos italianos e producindo diversos estudos académicos nos campos da inflación, o sistema crediticio e financeiro ou a débeda pública, entre outros eidos. Ademais, conseguiu o cargo de reitor da Universidade Bocconi en 1989, que desempeñou ata 1994, ano en que pasou a ser o presidente da mesma, posto de honra no que sucedeu o ex-presidente da república italiana, Giovanni Spadolini, logo do seu falecemento, e que mantivo durante as dúas décadas seguintes.
A etapa europea
editarSe ben Monti non participara anteriormente na política partidaria italiana, nese mesmo 1994 foi escollido polo goberno de Silvio Berlusconi para representar a Italia na Comisión Europea que dirixía o luxemburgués Jacques Santer, a canda a radical Emma Bonino. Nesa comisión Santer, Monti recibiu o comisariado de mercado interno, servizos financeiros, fiscalidade e unión alfandegueira. Cinco anos despois, en 1999, e xa cando o mandato da Comisión expiraba, o equipo Santer dimitiu en bloque logo do escándalo vencellado a prácticas corruptas e erros administrativos por parte dalgúns comisarios, e Monti fíxoo tamén.
Porén, Monti non deixou de traballar na Comisión. Cando se forma o equipo que dirixía o tamén italiano Romano Prodi, o primeiro ministro socialdemócrata Massimo D'Alema volveuno escoller como representante italiano. Nesta etapa na Comisión Prodi ocupouse da carteira de Competencia, unha das carteiras chave en política económica. Neste período é Monti lanzou o proceso contra Microsoft, por violar as leis anticompetencia coa distribución gratuíta do navegador Internet Explorer, e cando bloqueou o acordo de fusión entre as eléctricas General Electric e Honeywell, por considerala contraria ás regras antitrust dado que lles ía proporcionar a estas empresas unha posición demasiado dominante no mercado.
En 2004 a Comisión de Prodi toca á súa fin, pero Berlusconi, que é de novo primeiro ministro, decidiu non designalo como comisario europeo. O primeiro ministro italiano propuxo a Rocco Buttiglione, pero este foi rexeitado polos demais países polas súas opinións polémicas sobre a homosexualidade e as mulleres, e finalmente a praza de Monti acabouna ocupando Franco Frattini.
Volta á actividade científica
editarAbandonada a política europea, Monti regresou á actividade académica como economista. Monti é partidario da liberalización dos mercados e do rigor no control das contas públicas[3]. Un dos resultados máis importantes na súa actividade científica é o modelo de Klein-Monti, que describe o comportamento dun banco en réxime de monopolio, e que lle valeu entre outros méritos o premio Nobel de Economía ao seu coautor Lawrence Klein. En 2004 participou da creación e dirixiu o think tank Bruegel, unha plataforma de inspiración europeísta con sede en Bruxelas e posteriormente foi o copresidente da Comisión Trilateral en representación da economía europea, un lobby fundado en 1973 por David Rockefeller[4] En 2011 era membro do comité executivo da Trilateral, e membro tamén do comité directivo do Grupo Bilderberg[5].
En 2005 converteuse en asesor internacional do grupo financeiro Goldman Sachs e membro do Research Advisory Council del Goldman Sachs Global Market Institute[6][7]. Tamén é asesor da Coca Cola Company.
En 2010 escribiu un libro branco sobre o futuro do mercado único europeo baixo o encargo do presidente da Comisión Europea, José Manuel Durão Barroso, onde avogaba por medidas que intensificasen o sistema de mercado único[8], mentres que en paralelo adoptaba posicións federalistas en Europa, tendentes á redución do poder dos estados membros e a unha maior descentralización.
O regreso á primeira liña política
editarO 9 de novembro de 2011, en plena crise política e económica en Italia, foi nomeado senador vitalicio polo presidente da República Giorgio Napolitano grazas aos seus méritos no eido científico e social[9][10]. Este nomeamento permitiulle acceder ás cámaras, co que lle abría as portas ao nomeamento como primeiro ministro no caso de que o titular do cargo, Silvio Berlusconi, se vise obrigado a dimitir para reconducir a presión da débeda sobre Italia. O domingo 13 de novembro foi nomeado primeiro ministro, que recadou o apoio das cámaras.
Dous días máis tarde, Monti presentaba o seu gabinete de ministros, onde non figuraban políticos e si empresariado e profesorado universitario sen experiencia previa na política.
Obras
editar- Problemi di economia monetaria (editor), 1969.
- Gli obiettivi delle banche, i tassi di interesse e la politica monetaria, 1970.
- Analisi degli effetti monetari e finanziari delle politiche di bilancio regionale e locali. Un rapporto metodologico, 1974.
- Per un'analisi mensile della politica monetaria e finanziaria italiana, 1974.
- Ricerca sul sistema creditizio, I, Quadro generale, con Tommaso Padoa-Schioppa, 1976.
- Che cosa si produce come e per chi. Manuale italiano di microeconomia, con Onorato Castellino, Mario Deaglio, Elsa Fornero, Sergio Ricossa e Giorgio Rota, 1978.
- Il sistema creditizio e finanziario italiano. Relazione della Commissione di studio istituita dal Ministro del tesoro', 1982.
- L'Italia e la Repubblica federale di Germania in cammino verso l'unione economica e monetaria europea, con Franco Bruni, 1989.
- Il governo dell'economia e della moneta. Contributi per un'Italia europea, 1970-1992, 1992.
- Il mercato unico e l'Europa di domani. Rapporto della Commissione europea, 1997.
- Intervista sull'Italia in Europa, 1998.
Galardóns
editar- Comendador da Orde ao mérito da República italiana (1992)
- Cabaleiro da Gran Cruz da Orde ao mérito da República italiana (2004)
Notas
editar- ↑ CLIFT, J. Super Mario and the Temple of Learning, FMI, 2005
- ↑ CIATTAGLIA, A. La Torino del prof Monti un decennio a Economia Arquivado 13 de novembro de 2011 en Wayback Machine., La Stampa, 11/11/2011.
- ↑ Mario Monti, ANSA, 9/11/2011.
- ↑ The Trilateral Commission Arquivado 13 de xullo de 2014 en Wayback Machine., Lista de membros en 2011, web da Comisión Trilateral.
- ↑ Steering committee Arquivado 09 de novembro de 2011 en Wayback Machine., web do Grupo Bilderberg.
- ↑ Goldman Sachs, Monti nell, Il Corriere della Sera, 14/12/2005.
- ↑ Mario Monti, web oficial da Comisión Europea.
- ↑ MONTI, M. Una nuova strategia per il mercato unico: al servizio dell'economia e della società europea, Comisión Europea, 9/12/2010.
- ↑ Mario Monti senatore a vita, per molti è investitura[Ligazón morta], AGI-Agenzia Giornalistica Italia, 9/11/2011.
- ↑ Il Presidente Napolitano nomina Mario Monti senatore a vita, web da Presidencia da República, 10/11/2011.