Un labirinto[1] (do latín labyrinthus, e á súa vez do grego λαβύρινθος labýrinzos) é un lugar formado por camiños ou corredores e encrucilladas, intencionadamente complexo para dificultar a orientación e saída a quen se interne nel.

Labirinto no petróglifo de Outeiro de Cribo (Meis)
Cretan estilo Advento labirinto feito con 2500 tealights queimada no Centro de Meditación Cristiá e Espiritualidade da Diocese de Limburg, na Igrexa da Santa Cruz, en Frankfurt am Main-Bornheim
Un dos dous labirintos presentes nos petróglifos de Mogor (Marín).

Clasificación ou tipos de labirintos

editar

Os labirintos de forma cadrada ou rectangular son os máis antigos que existen; a primeira representación coñecida dun labirinto deste tipo atópase nunha táboa de Pilo e nun selo nas tumbas do antigo Exipto. Os labirintos de forma redonda ou circular, apareceron a finais do século VII a. C. na Italia etrusca; máis tarde aparecen nas moedas de Cnosos, a finais do século III, e pénsase que eran usadas como mapa do famoso Labirinto de Creta[Cómpre referencia].

 
Mapa de Xericó no século XIV, na Biblia Farhi de Elisha ben Avraham Crescas.

Os labirintos clasifícanse principalmente en dous grandes grupos segundo a relación entre o centro e a saída do mesmo, diferenciando o labirinto clásico ou univiario do labirinto de mazes.

O labirinto clásico fai percorrer todo o espazo para chegar ao centro mediante unha única vía, sen posibilidade de tomar camiños alternativos e sen bifurcacións, cunha soa porta de saída, que é a mesma pola que se entra ao labirinto. Polo feito de ter un só camiño a seguir a medida que se avanza dentro del, é imposible perderse no seu interior.

Os labirintos de mazes inclúen un camiño correcto e un ou varios incorrectos, que levan ou non á saída do mesmo. Os mazes comezaron a ser usados nos xardíns de sebes en Inglaterra no século XII, xa que eran o lugar propicio para unha cita amorosa; logo fóronse estendendo progresivamente por toda Europa, especialmente en Francia e Italia. Destacan neste sentido, os xardíns labirínticos de Andre le Notre en Versalles e o de Caboni, na Vila Pisani (Italia).

Por outro lado, pódense categorizar os labirintos segundo a forma en que foi construído:

  • Labirinto clásico ou cretense: De tipo univiario, de forma ovoide e cun deseño moi sinxelo.
  • Labirinto romano: De tipo univiario, nun principio era de forma cadrada, dividido en catro cuadrantes arredor do centro; máis tarde conformábase de círculos concéntricos, coa mesma subdivisión de cuadrantes ou zonas enmarcando o centro do labirinto.
  • Labirinto barroco: De tipo mazes, con varias vías mortas ou camiños sen saída.
  • Labirinto manierista: Labirinto con estrutura arbórea, cunha bifurcación en forma de Y ao final dun corredor.
  • Labirinto rizoma: Labirinto de ramificacións infindas.
  • Labirinto de Hampton Court.
  • Labirinto de Stolp.
  • Labirintos Medievais: De tipo univiario pero de deseño complicado, eran típicos na decoración do chan das catedrais.
  • Labirinto de Boughton Green.
  • Labirinto de Altjessnitz.
  • Labirinto ruso (tamén chamados Cidade de Troia).
  • Labirintos modernos: Aquel labirinto onde todos os corredores que o conforman están interconectados entre si e non posúe camiños de "circuíto pechado", que son os que regresan ao punto de partida.

Labirinto de Creta

editar
Artigo principal: Labirinto de Creta.

Segundo a mitoloxía grega o labirinto foi deseñado polo inventor Dédalo por encargo do rei Minos de Creta para manter preso o seu fillo Minotauro (monstro metade home, metade touro), que acabou morto por Teseo, quen se internou nos corredores soltando atrás un fío que lle dera a princesa Ariadna, irmá do monstro).

 
Dédalo no labirinto, de Rubens, Museo de Belas Artes da Coruña.

Nunca se chegou a identificar a situación do labirinto do Minotauro, se ben en Cnosos foron atopadas moedas do século -III co símbolo do labirinto. O formato típico durante este período é un circuíto en 7 coñecido coma "labirinto clásico".

Palacio de Cnosos

editar
Artigo principal: Palacio de Cnosos.

Outro elemento da formación do mito do Labirinto puido ser que o palacio de Cnosos —a casa do labrys ou hacha dupla— era un complexo de habitacións e corredores, e que os invasores atenienses tiveron dificultade para encontrar e matar o rei cando o tomaron.

Un espazo aberto diante do palacio estaba ocupado por unha pista de baile cun deseño labiríntico que servía para guiar aos que bailaban unha danza erótica da primavera.

A orixe dese deseño, chamado tamén labirinto, parece ser o labirinto tradicional de arbustos que se utilizaba para atraer ás charrelas cara a un dos seus machos, engaiolado na cerca central, con reclamos de alimento, queixas amorosas e desafíos; e os bailaríns imitarían a danza de amor extática e renqueante das charrelas macho, cuxo destino era que o cazador as golpease na cabeza.

O labirinto do que escaparon Dédalo e o seu fillo Ícaro podería ser o piso de mosaico no que estaba debuxado e que tiñan que seguir na danza da charrela ritual.

Danzas labirínticas en Palestina

editar

En Palestina esa cerimonia, chamada a Pesach ("renqueante") realizábase aínda, segundo San Xerome, en Beth-Hoglah (o templo do Coxo), onde os devotos bailaban en espiral. Beth-Hoglah identifícase coa «era de Atad», na que se choraba a morte do rengo rei Jacob, cuxo nome podería significar Yah Akeb (o deus do talón). O profeta Xeremías advirte aos xudeus que non deben tomar parte neses ritos orxiásticos cananeos, e cita: «A charrela recolle poliños que non pariu».

Labirinto e a morte do rei

editar

Segundo o escritor e historiador inglés Robert Graves, a idea do labirinto está relacionada co sistema monárquico da prehistoria: o mellor dos homes dunha tribo era elixido rei, tendo poder absoluto sobre o grupo, pero era asasinado despois dun período de tempo. Só o heroe excepcional —un Dédalo ou un Teseo— volvía vivo do labirinto.

Neste contexto, ten grande importancia o descubrimento na década de 1950 nas proximidades de Bossiney (Cornualla) dun labirinto cretense tallado na superficie dunha rocha. A barranca onde Renton Green descubriu o labirinto é unha das últimas guaridas do corvo chova de Cornualla, que segundo a lenda acolle a alma do rei Artur que perturbou o Inferno, e co que o labirinto de Bosinney está intimamente vencellado na lenda.

Danzas na Bretaña

editar

Unha danza labiríntica puido ser levada a Bretaña desde o Mediterráneo oriental por agricultores neolíticos hai uns 5.000 anos. Os exemplos coñecidos máis antigos son rudos petróglifos de pedra, análogos aos británicos feitos no céspede, existentes na zona «Beaker B» de Escandinavia e o nordeste de Rusia, así como desde Siria até Irlanda, sen esquecer a grande existencia de petróglifos de Galicia.

 
Labirinto trojeborg ("cidade de Troia), labrado nunha pedra procedente de Visby (Suecia).

As danzas en espiral, nas que a mocidade xiraba en espiral cara a un centro para afastarse despois, seguían sendo moi populares no século XIX.

Labirintos "Cidade de Troia"

editar

Os labirintos ingleses feitos no céspede son coñecidos coma «cidade de Troia» (en Gales caer-droia). Probablemente os romanos os chamaban así polo seu Xogo de Troia, unha danza labiríntica executada por mozos aristócratas en honra do antepasado de Augusto, o troiano Eneas. Segundo Plinio tamén a bailaban os nenos na campiña italiana.

Os dous deseños principais son o clásico e o medieval, e malia existiren numerosas variacións, a forma básica é facilmente recoñecible.

 
Labirinto no xardín francés do Pazo de Castrelos.

Interpretacións modernas do labirinto grego

editar

En tempos recentes o mito do labirinto foi transformado nunha obra teatral por Ilinka Crvenkovska, na que explora as nocións das habilidades do home para controlar o seu propio destino.

O escritor arxentino Jorge Luis Borges utilizou decote o concepto do labirinto nos seus contos. Outros autores inspirados polos labirintos foron Umberto Eco (en O nome da rosa) ou Agustín Fernández Paz (en O centro do labirinto).

 
Labirinto de Pontevedra, de Robert Morris.

Construción de labirintos modernos

editar

Nos últimos anos houbo un rexurdimento do interese pola simboloxía do labirinto, o que se viu reflectido na construción dos labirintos do Parque Willen (Milton Keynes), a catedral Grace de San Francisco e o Parque Tapton de Chesterfield.

 
Labirinto nunha azotea do Hospital Álvaro Cunqueiro.

En Galiza, posiblemente o labirinto máis coñecido sexa o dos xardíns do pazo de Oca (A Estrada). En 1999 Robert Morris construíu na illa das Esculturas de Pontevedra o Labirinto de Pontevedra, que recrea a Pedra do Labirinto, dos petróglifos de Mogor.

Significados culturais

editar
 
Labirinto no Parque arqueolóxico de Campo Lameiro.

O significado cultural e a interpretación do labirinto como símbolo é moi rico. Na prehistoria os labirintos debuxados no chan poderían servir coma trampas para os espíritos malevolentes ou quizais coma rotas definidas (coreografías) para danzas rituais.

En varias culturas o labirinto tamén é asociado a ritos de iniciación que implican a superación dalgunha proba.

Durante a época medieval o labirinto teocéntrico simbolizaba o duro camiño até Deus cunha soa entrada (o nacemento) e un centro claramente definido (Deus).

No Renacemento os labirintos perden o centro: a persoa no labirinto é o centro, un reflexo do ensino humanista antropocéntrico.

Na actualidade os labirintos móvense a diferentes estratos da realidade: Internet, cos seus característicos hipertextos, é un bo exemplo. Tamén son aplicados en múltiples videoxogos.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para labirinto.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Kerényi, Károly, En el laberinto (en castelán), traducido por Brigitte Kiemann e María Cóndor. Editorial Siruela: Madrid, 2006. ISBN 84-7844-973-6
  • Rivera Dorado, Miguel, Laberintos de la Antigüedad. Alianza Editorial: Madrid, 1995. ISBN 84-206-9437-1
  • Santarcangeli, Paolo, El Libro de los Laberintos. Historia de un mito y de un símbolo. (en castelán), prólogo de Umberto Eco, traducido por Cesar Palma. Editorial Siruela: Madrid, 2002. ISBN 84-7844-646-X
  • Méndez, Marcos, El laberinto, historia y mito. Alba Editorial: Barcelona, 2009.

Ligazóns externas

editar