Francisco Vázquez Vázquez
Francisco José Vázquez Vázquez, nado na Coruña o 9 de abril de 1946, é un político galego. Foi alcalde da Coruña durante 23 anos, entre 1983 e 2006. Dende ese ano e até 2011 foi o embaixador español no Vaticano.
Traxectoria
editarEstudou Dereito en Madrid. É avogado e inspector de Traballo en excedencia. En 1975 ingresou no PSOE e na UGT na clandestinidade [1]. En febreiro de 1977, no Congreso Constituínte do PSOE en Galicia, foi elixido Secretario Xeral, e formou parte do primeiro Comité Federal do PSOE na democracia. Foi Secretario Xeral do PSdeG-PSOE en tres ocasións, e presentouse á presidencia da Xunta de Galicia nas primeiras eleccións autonómicas. Como deputado no Parlamento de Galicia encabezou a oposición ao establecemento da capitalidade en Santiago propoñendo que A Coruña fose a sede das institucións autonómicas
En maio de 1983 gañou as eleccións locais na Coruña con maioría absoluta e foi elixido alcalde. Foi reelixido novamente con maioría absoluta en 1987, 1991, 1995, 1999 e 2003, sendo o único alcalde dunha cidade galega, ata Abel Caballero en Vigo no 2015, en rebasa-lo 50 % dos votos, o cal ocorreu nas convocatorias de 1987 a 1999. Ata 2019, cando Caballero se alzou cun 67 % dos votos e 20 concelleiros en Vigo, tivo os mellores rexistros nunha urbe galega cun 59 % e 18 concelleiros en 1991 e un 56 % e 17 concelleiros en 1999.
Foi varias veces elixido cabeza de lista do PSOE pola provincia da Coruña, e ocupou o cargo de senador durante varias lexislaturas. Participou na redacción do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 e presidiu a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) entre 1991 e 1995 e novamente entre 2003 e 2006.
Do seu paso pola alcaldía da Coruña destacan:
- As obras do Paseo Marítimo, ao que se lle puxo o seu nome trala súa marcha da alcaldía
- A rede de Museos Científicos Coruñeses
- A construción do Palacio da Ópera, o PALEXCO, o Coliseum e o Fórum Metropolitano
- Parques como os de San Pedro, Bens ou San Diego
- Barrios coma Os Rosales, Paseo das Pontes, Matogrande ou Novo Mesoiro
- A creación da Orquestra Sinfónica de Galicia, da Universidade da Coruña e a Planta de Tratamento de Residuos de Nostián
- A consecución das obras do Porto Exterior
Deixou a alcaldía o 10 de febreiro de 2006, cando o goberno español o nomeou embaixador no Vaticano[2], cargo que mantivo até abril de 2011.
Controversias
editarDe carácter conservador e constantemente enfrontado ao nacionalismo galego, mantivo sempre posturas de seu, independentes das oficiais do seu partido. Republicano e socialdemócrata, confésase católico practicante e respectuoso coa monarquía. Destacou pola súa longa batalla polo topónimo castelán da cidade e a súa feroz oposición ao uso oficial exclusivo do nome galego "A Coruña", en contra da Lei de Normalización Lingüística de Galicia.
Algunhas das súas decisións causaron polémica, en especial na súa última época á fronte de María Pita. Entre elas estiveron a derruba do asilo de Adelaida Muro, a instalación de amarres deportivos na dársena da Mariña, a concesión da farmacia de Durmideiras, as terrazas da praza de María Pita ou a instalación dunha bandeira española na Coraza do Orzán tras o desfile das Forzas Armadas de 2005, o que provocou o rexeitamento frontal do nacionalismo local.
Tamén reclamou a capitalidade da comunidade autónoma para A Coruña e mesmo unha diocese para a cidade, independente da compostelá.
Recoñecementos
editarFoi condecorado, entre outras,[3] con:
- Cabaleiro da Gran Cruz da Orde de Pío IX.
- Orde do Imperio Británico[4].
- Gran Cruz da Orde de Isabel a Católica[5].
- Gran Cruz da Orde de Malta.
- Cabaleiro da Gran Cruz da Sagrada Orde Militar Constantiniana de San Jorge.
- Gran Cruz Fidélitas.
- Gran Cruz da Orde do Mérito Civil.
- Gran Cruz da Orde de Afonso X o Sabio.
- Gran Cruz do Mérito Militar.
- Gran Cruz do Mérito Naval.
- Orde do Mérito Constitucional.
- Gran Cruz da Orde Real do príncipe Danilo I (Montenegro).
- Medalla de Ouro da Coruña.
- Gran mestre de honor da Orde de Cabaleiros de María Pita.
- Fillo Predilecto da Coruña.
- Premio Fernández Latorre 2009[6].
Predecesor: Joaquín López Menéndez |
Alcalde da Coruña 1983 – 2006 |
Sucesor: Javier Losada |
Predecesor: José Luis Rodríguez Pardo |
Secretario Xeral do PSdeG-PSOE 1980 – 1982 |
Sucesor: Antonio Rodríguez Rodríguez |
Predecesor: Antolín Sánchez Presedo |
Secretario Xeral do PSdeG-PSOE 1994 – 1998 |
Sucesor: Emilio Pérez Touriño |
Predecesor: Tomás Rodríguez Bolaños |
Presidente da FEMP 1991 – 1995 |
Sucesor: Rita Barberá |
Predecesor: Rita Barberá |
Presidente da FEMP 2003 – 2006 |
Sucesor: Heliodoro Gallego |
Notas
editar- ↑ La mayoría de los candidatos ocupa ahora cargos públicos
- ↑ Zapatero nombra al alcalde de A Coruña nuevo embajador ante el Vaticano
- ↑ Francisco Vázquez recibe la cruz de la Orden de Malta, 12/4/2011. La Opinión A Coruña.
- ↑ La reina de Inglaterra nombra a Francisco Vázquez caballero del Imperio Británico
- ↑ Aznar impondrá a Francisco Vázquez la Gran Cruz de Isabel la Católica ABC, 08/10/2003 (en castelán).
- ↑ "Premios Fernández Latorre". Arquivado dende o orixinal o 21 de xuño de 2012. Consultado o 20 de maio de 2012.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Francisco Vázquez Vázquez |
Bibliografía
editar- Monge, Manuel (2003). A Coruña de Paco Vázquez. Vigo: A Nosa Terra. ISBN 84-95350-22-X.
- Pita, Luís; Carbajo, Primitivo (1993). Paco Vázquez. A pegada dun príncipe. Vigo: Xerais. ISBN 84-7507-699-8.
Outros artigos
editar- Eleccións municipais na Coruña
- Lista de deputados galegos no Congreso desde a Transición
- Lista de senadores galegos desde a Transición