Alexitimia
Este artigo é orfo, xa que carece doutros artigos que apunten cara a el. Por favor, engade ligazóns a esta páxina desde outros artigos relacionados con este. |
A alexitimia é a desorde neurolóxica que consiste na incapacidade do suxeito para identificar as emocións propias e, consecuentemente, a imposibilidade de darlles expresión verbal. A palabra provén do grego, onde a indica ausencia, lexis é palabra, e timia, emoción.
Un dos principais síntomas é a confusión entre sensacións e sentimentos, e gran dificultade de expresar os sentimentos a través de palabras. Actualmente, o método máis utilizado para diagnosticar e cualificar a alexitimia é a Escala de Alexitimia de Toronto (Toronto Alexithymia Scale ou TAS-20).
Trátase dun trastorno moi estendido entre a poboación: afecta a unha de cada sete persoas. En particular, a alexitimia maniféstase no 85% dos afectados por trastornos do espectro autista.[1][2]
Os neurólogos observaron anomalías nunha zona cerebral coa función de vincular o crisol das emocións coa zona que toma coñecemento destas emocións, as analiza e as formula. Os alexitímicos, en lugar de mostrar unha actividade cerebral adaptada á intensidade emotiva da situación, como é o caso normal, manifestan unha actividade ou demasiado débil ou demasiado intensa, que perturba a apreciación xusta da experiencia emocional.
Definición
editarA alexitimia pode describirse como a dificultade para verbalizar estados afectivos e diferencialos de sensacións corporais; falta de capacidade introspectiva, e tendencia ao conformismo social e ás condutas de acción fronte a situacións conflitivas (R. Sivak, 1997). A alexitimia, é inicialmente observada en pacientes con trastornos psicosomáticos, na actualidade relaciónase con toxicomanías, trastornos da conduta alimentaría, psicopatías e estrés postraumático, e constitúe un factor de vulnerabilidade somática fronte a situacións de sobrecarga psíquica. Na década dos 1970, P. Sifneos e J. Nemiah, observaron en pacientes psicosomáticos unha dificultade para expresar os seus estados afectivos con palabras, así como para diferenciar sensacións corporais de afectos. Considerárono unha perturbación cognitivo–afectiva, que denominaron alexitimia, que significa literalmente “ausencia [ou incapacidade] de verbalización de afectos”. Refírese a un estilo cognitivo caracterizado pola inhabilidade para verbalizar sentimentos e discriminalos, polo que o suxeito presenta unha tendencia á acción fronte a situacións conflitivas.
Causas
editarA alexitimia caracterízase por unha deficiente 'mentalización' das emocións: as sensacións corporais aparecen escasa ou nulamente asociadas a estados mentais. É verosímil que as súas causas haxa de buscalas nos primeiros anos da infancia. Un neno pequeno, que non posúe aínda estados mentais xerarquizados e asociados a conceptos ou palabras, aborda o mundo das emocións por intermedio do seu corpo. Nun estado posterior, os sentimentos de desexo ou de cólera maniféstanse tamén mediante sensacións somáticas. Máis tarde, chega a idade na que resulta necesario ordenar ese conxunto de sensacións orgánicas nun todo coherente, aprender que os outros experimentan cousas parecidas e encontrar un código común para identificalas, tanto nun mesmo como nos demais, para poder converterse nun ser social e reflexivo. Os pais desempeñan un papel importante nesta evolución canalizando coas súas palabras as sensacións físicas cara á mentalización, isto é, cara á adscrición de etiquetas a esas sensacións, que servirán para identificalas e comunicalas. Estes intercambios lingüísticos é probable que sexan determinantes para a formación de amplos repertorios de sensacións asociadas a palabras ou a pensamentos.
No cerebro infantil, a información pasa desde os centros de percepción das emocións (o sistema límbico) até os centros de categorización, de reflexión, de linguaxe e de percepción auditiva (a codia).
Se os pais, por unha razón calquera (depresión, personalidade fráxil, inestabilidade emocional ou incluso alexitimia) non lle dan ao neno suficientes indicacións verbais sobre as emocións que experimenta, este pode encontrarse falto de palabras, reflexo da pobreza de sentimentos identificados.
É probable que máis adiante se refira sistematicamente ás súas sensacións corporais, sen lograr que a sensación teña acceso ao nivel dos estados mentais, do córtex, da linguaxe.
Existe a alexitimia primaria ou fisiolóxica que se presenta por causas somaáicas, é dicir, unha alteración xenética (é hereditaria).
Notas
editar- ↑ Hill E, Berthoz S, Frith U (2004). "Brief report: cognitive processing of own emotions in individuals with autistic spectrum disorder and in their relatives". Journal of Autism and Developmental Disorders 34 (2): 229–235.
- ↑ Paula-Pérez, I; Alexitimia y síndrome de Asperger, Rev Neurol. 2010 Mar 3;50 Suppl 3:S85-90