Alejandro Chao
Alejandro Chao Fernández, nado en Vigo e finado en Madrid o 8 de febreiro de 1894, foi un xornalista e editor galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 1835 Vigo, España |
Morte | 8 de febreiro de 1894 (58/59 anos) Madrid, España |
Lugar de sepultura | cemiterio de San Justo de Madrid |
Actividade | |
Ocupación | xornalista, editor |
Familia | |
Pai | José María Chao Rodríguez |
Irmáns | Eduardo Chao |
Descrito pola fonte | Ensayo de un catálogo de periodistas españoles del siglo XIX (1903-1904), (sec:Chao (Alejandro), p.99) |
Traxectoria
editarFillo de José María Chao Rodríguez. En 1856 fundou, en colaboración co seu cuñado José Ramón Fernández, o periódico La Oliva. Trasladouse a Cuba en 1859, fixou a súa residencia na Habana en 1864 onde creou un centro de publicacións, que máis tarde se converteu en librería e imprenta. En 1868 fundou, con Francisco de Armas Martínez, a revista El Ateneo. Despois publicou sucesivamente os semanarios El moro Muza, D.Juanípero e Juan Palomo, e o diario político La Legalidad. Tamén exercía de correspondente en Cuba de El Heraldo Gallego.
Creou na Habana a empresa editorial La Propaganda Literaria, na que se editaron obras como Follas novas (1880), de Rosalía de Castro, Aires da miña terra (1880), de Manuel Curros Enríquez, e a curiosa Menestra de tipos populares de Galicia/copiados al natural por F. Guisasola, salpimentada por varios distinguidos escritores del país (Madrid, 1879).[1] Tamén publicou a Carta geográfica estadística de la isla de Cuba, de González de las Peñas, e outras obras de educación, agricultura, administración e literatura. Contribuíu coa súa axuda económica á impresión da Historia de Galicia de Manuel Murguía. Culminou o seu labor co establecemento dunha sucursal en Madrid para publicar La Ilustración Gallega y Asturiana. Sostivo a revista a pesar do déficit que lle produciu e protexeu a Luís Taboada, a quen nomeou o seu administrador para que puidese vivir en Madrid. Pouco despois, enfermou na Habana e regresou a Madrid, onde morreu en 1894.
Casou con Josefa Sedano e foi pai de Blanca Chao Sedano.
Notas
editar- ↑ Martínez, X.: "Alejandro Chao, o editor e amigo de Rosalía de Castro" Arquivado 01 de abril de 2017 en Wayback Machine. Faro de Vigo, 5/12/2013.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Alejandro Chao |
Bibliografía
editar- Vilanova Rodríguez, Alberto: "Chao Fernández, Alejandro" in Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada
- "Chao Fernández, Alexandre" in Dicionario biográfico de Galicia, t. 1. p. 248.
Outros artigos
editar- Eduardo Chao (irmán)