Saltar ao contido

Poio

Modelo:Xeografía políticaPoio
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 42°26′27″N 8°42′05″O / 42.440833333333, -8.7013888888889
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
ProvinciaProvincia de Pontevedra Editar o valor en Wikidata
CapitalO Convento Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación17.297 (2023) Editar o valor en Wikidata (506,35 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie34,16 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porría de Pontevedra e Océano Atlántico Editar o valor en Wikidata
Altitude91 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcalde Editar o valor en WikidataLuciano Sobral Fernández Editar o valor en Wikidata
Eleccións municipais en Poio Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal36994 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Código INE36041 Editar o valor en Wikidata

Páxina webconcellopoio.gal Editar o valor en Wikidata

Poio (do latín podium, altura, montículo, fai referencia a un lugar elevado con boas vistas[1]) é un concello da comarca de Pontevedra, na provincia do mesmo nome. Segundo datos do IGE no ano 2015 tiña unha poboación total de 16.842 habitantes (homes: 8.326, mulleres: 8.516). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é poiense.

Sitúase na banda norte da ría de Pontevedra, pertencente ás denominadas Rías Baixas. Ten unha superficie de 34,17 km². Limita ó leste co concello de Pontevedra (límite natural marcado polo río Lérez), polo oeste cos concellos de Meaño, Meis e Sanxenxo, polo norte co concello de Meis e polo sur coa ría de Pontevedra. Destaca a presenza do monte Castrove que marca o límite natural co concello de Meis, o punto máis elevado do municipio con 613 metros de altitude. Na aba deste monte está o bosque de sequoias de Poio. Na ría de Pontevedra atópase a illa de Tambo, tamén pertencente ó concello de Poio.

Poboación

[editar | editar a fonte]
Censo total 2014 16.794 habitantes
Menores de 15 anos 2.715 (16.17 %)
Entre 15 e 64 anos 11.205 (66.72 %)
Maiores de 65 anos 2.874 (17.11 %)

Comunicacións

[editar | editar a fonte]

Polo concello de Poio pasa unha das estradas máis importantes da zona, a que comunica Pontevedra e A Lanzada, a PO-308. Tamén pasa o CG-4.8, parte da circunvalación de Pontevedra. Polo concello de Poio pasa nun pequeno tramo a PO-531.

As praias

[editar | editar a fonte]

O concello de Poio conta coas seguintes praias, todas elas enmarcadas na banda norte da ría de Pontevedra: Lourido, Polvorín, Cabeceira, Campelo, Pinela, Canteira, Chancelas, Chancelas Pequena, Ouriceira, Area da Barca, Covelo, Caeiro, Ladróns, Laño, Fonte Maior, Sinas, Raxó, Xiorto.

Dende o ano 2007 ata a actualidade, as praias de Cabeceira e Xiorto lograron a Bandeira Azul outorgada pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) da Unión Europea.

Características socio-económicas

[editar | editar a fonte]

A situación xeográfica do concello, limitando coa cidade de Pontevedra, fai que estea moi ligado tanto económica como socialmente á capital da provincia.

Nas últimas décadas o concello experimentou un notable e progresivo aumento de poboación, debido en gran medida á construción de zonas residenciais, dada a súa proximidade á cidade.

O turismo estase a converter nun importante piar económico do concello, o que fixo posible a constitución dunha completa rede hoteleira. Outros sectores económicos importantes son o marítimo-marisqueiro, conserveiro, madeireiro e téxtil.

Dende 2009, e logo de varias actuacións administrativas, en 2013 o concello comezou a tramitar a construción dun polígono industrial en Fragamoreira, que ocuparía unha extensión de 391.000 metros cadrados. Pasado un ano e ante a falta de demanda de solo empresarial, a empresa pública Xestur comunicou ó alcalde que anulaba o proxecto [2].

Política

[editar | editar a fonte]

Tralas eleccións municipais de 2007 a situación política do concello quedou así:

Eleccións municipais, 27 de maio de 2007
Partido Votos % Concelleiros
BNG 3313 38.82 % 7
PP 3271 38.32 % 7
PSdG 1507 17.66 % 3
IDP 314 3.68 % 0

O BNG e o PSdG acordaron gobernar en bipartito elixindo como alcalde a Luciano Sobral Fernández, do BNG.

Resultado das eleccións municipais do 22 de maio de 2011:

Eleccións municipais, 22 de maio de 2011
Partido Votos % Concelleiros
BNG 3796 42,89 % 8
PP 3486 39,39 % 7
PSdG 1225 13.84 % 2

De novo o BNG e o PSdG renovan a súa coalición de goberno con Luciano Sobral á fronte da corporación municipal.

2015: Eleccións municipais en Poio

2022: Dende as eleccións de 2019 formouse un goberno tripartito, formado polo BNG, o PSG e Avante Poio, volvendo a ocupar Luciano Sobral Fernández o cargo de alcalde, posto que leva desenvolvendo dende 1995 de xeito ininterrompido (máis de 25 anos).

Eido cultural

[editar | editar a fonte]

Patrimonio histórico e artístico

[editar | editar a fonte]
Mosteiro de Poio.
Hórreos en Combarro.

Mosteiro mercedario de Poio: destaca o Mosteiro de San Xoán de Poio que, segundo o documento máis antigo que se conserva, do ano 942, foi fundado no século VII por San Froitoso. Foi reconstruído durante o reinado do rei Bermudo III e acadou o seu momento de maior esplendor a partir do século XVI, con importantes modificacións no XVIII, en estilo barroco. Na horta do mosteiro érguese un hórreo de 17 liñas de tres pés e case 30 metros, o que o converte no hórreo de maior capacidade de Galicia[3]

Conxunto histórico-artístico de Combarro: un dos lugares máis visitados é o conxunto histórico-artístico de Combarro cos seus hórreos a carón do mar. A orixe de Combarro podería estar ligada a un castro, contando con algúns restos arqueolóxicos. En 1980 descubríronse na Ermida da Renda restos pertencentes a un poboado galaico-romano do século I a.C. coñecido como "A Sividá" (a cidade). Xa no século XVII figura Combarro nalgunhas cartografías marítimas europeas. En 1972 a vila foi declarada Conxunto de interese histórico-artístico polos seus hórreos e casas tradicionais mariñeiras.

Petróglifos: Poio conta cunha abondosa concentración de petróglifos gravados sobre rochas graníticas ó aire libre, pertencentes á Idade de Bronce (1800-600 a.C.). Con tamaños de ata 5 metros de longo, poden ser vistos na Caeira a Pedra Grande de Montecelo e a Laxe das Lebres ou en Samieira o Outeiro da Burata e o Monte Cruxeiro ou Curuxeiro. O petróglifo da Laxe das Picadas, atopado en Poio, está exposto no Museo de Pontevedra. As representacións son xeométricas ou ben naturalistas (cervos, figuras antropomórficas etc.). Construíuse un centro de interpretación arqueolóxica anexa ó Casal de Ferreirós (San Salvador de Poio), onde se explican e mostran reconstrucións dos petróglifos da área arqueolóxica da Caeira.[4]

Ruta dos muíños: o concello de Poio conta cunha ruta de sendeirismo que percorre as beiras do río Freiría, coñecida tamén como Ruta dos Muíños, na parroquia de Samieira, duns 10 km de lonxitude[5]. Esta ruta está formada por un total de 23 muíños en proceso de restauración. Os 23 muíños que constitúen esta ruta son: Muíño do Cubo de Abaixo, Cancela, Portas, Cego, Loriña, Barreiro, Balboa, Espiga, Esperón, Muiñeiro, Suárez, Cabezudo, Teselán, Correa, Catalina, Novo, Ponte, Xirome, Campelo, Canabales, Carballos, Santiaguiño e Muíño de Arriba.

Suposta casa natal de Colón: existe a crenza de que Cristovo Colón naceu na localidade de Portosanto, onde estaría a casa natal e unha cruz de pedra, na que na súa base se lía o nome "Juan Colón". A casa de Colón foi restaurada para converterse nunha Casa - Museo da Emigración.

Parque da Memoria: situado na Reiboa (A Seca), consiste nun proxecto impulsado polo Premio Nobel da Paz e fillo adoptivo do municipio, Adolfo Pérez Esquivel, e polo alcalde de Poio, Luciano Sobral Fernández. Trátase dun gran auditorio aberto á ría, co que se homenaxea ás persoas que sufriron o exilio e a emigración nos cinco continentes e se reivindica a paz mundial. O monumento é un complexo consistente de catro monólitos en pedra do país (dous deles dobres), que representan unha metáfora sobre a vida dos exiliados e o efecto de luces e sombras que proxectan as moles de entre tres e catro metros de altura. Ademais, conta con oito bloques, a modo de bancos, que teñen gravados textos redactados para a ocasión por varios premios Nobel da Paz: José Saramago, Rigoberta Menchú, Nelson Mandela, Gorbachev, Dalai Lama, Aung San Suu Kyi, Desmond Tutu. No centro, unha gran rosa dos ventos no chan cunha semente simbolizando ó universo. A semente, creada polo propio Pérez Esquivel, foi trasladada dende Arxentina e conta cun láser no interior, simbolizando os distintos meridianos e o son en morse, transmitindo a palabra PAZ.

  • Curro da Feira: miradoiro natural que permite contemplar unha panorámica da ría de Pontevedra.

Festas e celebracións

[editar | editar a fonte]

Festa dos maios: cada 1 de maio celébrase a tradicional Festa dos Maios, cun certame con premios en varias categorías e agasallo de dúas roscas a cada grupo participante. Os maios fanse de forma cónica, con armazón de varas e canas atadas con vimbios. Esta cuberta cóbrese de fiúncho e xestas na base. Sobre esta capa decórase empregando distintas flores, laranxas, pampullos, margaridas, xarros e camelias. Sobre a estrutura colócase unha coroa de flores. Ó redor do maio, nenos e nenas cantan coplas irónicas alternando as coplas co golpear duns paus ritmicamente. O maio acostuma ir acompañado dun barco realizado cos mesmos elementos.

Entroido: ademais das habituais pasarrúas celébrase unha festa en honra do Galo Fodorico (Arís) e o Galo Bruxo (Samieira).

Festival de Poesía Poïética: o segundo sábado do mes de abril celébrase o Festival de poesía contemporánea galega, con recitais de destacadas poetas galegas. Pasaron por el autoras como Ana Romaní, Lupe Gómez, Rosa Enríquez, Pilar Beiro, Andrea Núñez ou Lucía Aldao. Acompáñase doutras manifestacións artísticas, como performances e música.

Día das Letras Galegas: 17 de maio, en Raxó. Carreira Popular e sesións de contacontos e monicreques pola mañá no peirao. Pola tarde, acto da entrega do premio literario Xaime Isla Couto e conferencia sobre o homenaxeado no día das letras galegas a cargo dun persoeiro do eido da literatura.

Encontro de Gaiteiros Manuel Villanueva: primeira fin de semana de xuño. Relatorios a cargo de prestixiosos especialistas para o estudo da gaita galega no contexto do gaitas de fol do noroeste peninsular no que se analizan as distintas variantes morfolóxicas do instrumento por áreas xeográficas. Certame de Gaiteiros, a través do que se potencia e se difunde o repertorio da tradición gaitística de Poio e tamén se recupera a gaita tumbal con ronquillo de dixitación pechada que tivo presenza no municipio e mais en Pontevedra até a súa desaparición a mediados do século XX.

Virxe do Carme: 16 de xullo (Campelo e Combarro)

Corpus Cristi: elaboración de alfombras de flores.

San Xoán: 24 de xuño, festa local do concello. Son tradicionais tamén no concello as fogueiras de San Xoán o 23 de xuño.

Día da Patria: o 24 de xullo conmemórase o día da Patria Galega. Cada ano, un persoeiro galego ofrece unha conferencia sobre a historia do nacionalismo galego no salón de plenos da casa consistorial. Ó remate, agasállase ós asistentes cunha bandeira e un gaiteiro interpreta o himno.

Día de Galiza Mártir: 17 de agosto, ás 13 horas, ao pé do monumento a Alexandre Bóveda na Caeira. Hai unha homenaxe institucional e ofrenda floral. Asisten ó acto importantes persoeiros políticos e do eido da cultura de toda Galiza, así como os descendentes de Bóveda.

No ano 1942 en Buenos Aires, a Irmandade Galega impulsada por Castelao declarou o 17 de agosto Día dos Mártires Galegos. Fíxose así porque ese mesmo día de 1936 Alexandre Bóveda fora pasado polas armas neste monte da Caeira. Fora detido, acusado de traizón e condenado a morte por ser un dos creadores do Partido Galeguista, por colaborar na elaboración do proxecto do Estatuto de Autonomía de 1936 e por traballar en favor da liberdade, da convivencia democrática e do progreso de Galiza.

Nos últimos anos, o 17 de agosto é festivo local en Poio.

Rapa das bestas: a finais de agosto, no monte da Escusa (monte Castrove), apréixanse os cabalos salvaxes para marcalos e cortarlles as crinas.

Festa da Ameixa (Campelo): celébrase a última fin de semana de xullo, con degustación gastronómica, actuacións e concertos.

Festa do mar: na terceira semana de agosto. Inclúe o Encontro de embarcacións tradicionais, a Exposición Mare de artesanía (en Combarro) e degustación gastronómica de produtos do mar, así como diversas actuacións ó longo do día e concertos pola noite.

Magostos: ó longo do mes de San Martiño, celébranse numerosos magostos nas parroquias.

Festa de Reis: a tarde do 5 de xaneiro, festa infantil. Durante a festa faise a entrega dos premios da tarxeta de Nadal. A gañadora é a empregada polo Concello para felicitar as festas á veciñanza e ás institucións.

[editar | editar a fonte]
  • Árdelle o eixe,/ árdelle o carro,/ árdelle o eixe/ aos de Combarro [6].
  • Está San Xuán de Poio/ no médeo dos castiñeiros,/ pola súa porta pasa/ a danza dos mariñeiros.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
Vexa o artigo principal en: Galería de imaxes de Poio

Lugares de Poio

[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Poio vexa: Lugares de Poio.

Parroquias

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Poio

Combarro (San Roque) | Poio (San Salvador) | Poio (San Xoán) | Raxó (San Gregorio) | Samieira (Santa María)

  1. Cabeza Quiles, F: Toponimia de Galicia. Vigo. Editorial Galaxia. 2008, 703 páxs. ISBN 978-84-9865-892-1. Páx. 501.
  2. "Xestur advierte de que la demanda de suelo industrial en Fragamoreira es nula", en La Voz de Galicia, 29.10.2014.
  3. "Mosteiro de San Xoán de Poio". Turismo Rías Baixas. 
  4. "Casal de Ferreirós". Terras de Pontevedra. 
  5. "Ruta dos muíños de Samieira". Terras de Pontevedra. 
  6. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 269. San Roque de Combarro é parroquia do concello de Poio.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]