Museo Provincial de Lugo
Museo Provincial de Lugo | |
---|---|
Museo provincial de Lugo. | |
País | Galiza |
Cidade | Lugo |
Tipo | Arqueolóxico, histórico, cultural |
Administrador | Deputación de Lugo |
Construción | 1932 |
Inauguración | 1934 |
Na rede | |
http://redemuseisticalugo.org | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
O Museo Provincial de Lugo foi fundado pola Deputación de Lugo no ano 1934. A idea de crear un museo provincial xurdiu en 1932 coa proposta de reunir e protexer os bens do patrimonio cultural lucense, até daquela esparexidos ao longo da provincia en coleccións privadas. Atópase no centro da cidade, na praza da Soidade.
Historia e características
[editar | editar a fonte]A primeira sede do museo estableceuse no Pazo de San Marcos (baixo a dirección de Luis López-Martí Núñez), e contaba con varias salas nas que se expoñían diferentes materiais arqueolóxicos, históricos e artísticos. En 1957, decidiuse mudar a localización do museo, xa que o continuo incremento de fondos fixeran pequeno o espazo adicado ás exposicións. O lugar elixido foi o antigo convento de San Francisco, remodelado e ampliado polo arquitecto vigués Manuel Gómez Román, quen se inspirou na estrutura dos Pazos galegos para o deseño do novo edificio. Das dependencias do convento conserva a cociña, o refectorio (ámbolos dous do século XVIII) e mailo claustro (do século XV).
O 1 de marzo de 1962 o Museo Provincial de Lugo foi declarado Ben de Interese Cultural. En 1983 o material etnográfico que posuía o Museo trasladouse ó Museo etnográfico e histórico de San Paio de Narla (Friol), que se constituíu así na sección de etnografía do Museo Provincial de Lugo. A montaxe desta sección realizouna o arqueólogo Felipe Arias Vilas.
En 1997 o museo ampliouse de novo, segundo un proxecto do arquitecto Antonio González Trigo. Esta ampliación inaugurárona os Duques de Lugo o 16 de xaneiro de 1997.
Fondos
[editar | editar a fonte]Os fondos do Museo distribúense en 28 salas repartidas en dúas plantas.
- Refectorio, cociña e claustro do convento de San Francisco.
- No refectorio expóñense distintas maquetas de construcións tradicionais galegas (casas, pallozas etc.).
- Na cociña, con diverso mobiliario propio dunha cociña tradicional, destaca a lareira de cantería.
- O claustro xa fora declarado Ben de Interese Cultural en 1931; nel exponse unha ampla mostra de aras e estelas romanas, sartegos e laudas sepulcrais medievais, escudos heráldicos e distintas esculturas relixiosas, así como unha completa colección de reloxos de sol (sendo o máis antigo un de 1685). Mostra tamén catro pezas dun baldaquino procedente da igrexa de Santa Mariña de Fragas (Campo Lameiro, Pontevedra).
- Salas de arte sacra: expoñen cadros de pintura relixiosa dos séculos XV ó XX, esculturas, cruces procesionais e diversos obxectos relixiosos.
- Salas dos mosaicos de Dédalo e Pasífae [1]. Nun espazo polo que se accede á sala de exposicións temporais do Museo expóñense dous mosaicos romanos procedentes das escavacións realizadas na rúa Armañá (Lugo). Un deles representa o mito de Dédalo, construtor do labirinto, e Pasífae, esposa do rei Minos, e o outro consta de motivos florais xeométricos. Nun lateral desta sala pódese ver a estela funeraria de Crecente, dos séculos I-II d.C.[2]
- Sala de Prehistoria e Arqueoloxía: expón numerosos obxectos atopados nas escavacións arqueolóxicas realizadas na provincia, nun abano temporal que vai desde a prehistoria ata a romanización. Entre eles destacan os torques de Burela, de Viveiro ou de Mondoñedo, o carneiro alado de Ribadeo[3] e a Tabula hospitalis do Courel.[4] O 24 de outubro de 2013 ás 10 horas os representantes dos herdeiros de Álvaro Gil acudiron ao Museo para facer cumprir a sentenza que obriga á devolución das pezas da colección marchando con 40 destas pezas.[5] En xuño de 2014 a Deputación de Lugo anunciou que ía mercar a colección de ourivaría de Álvaro Gil para devolvela ó Museo Provincial. A Deputación pensaba mercar estas pezas por un total de 2 964 000 euros.[6] Finalmente esta compra foi realizada o 10 de febreiro de 2015 por 2 346 200 €, ós que hai que engadir outros 600.000 € que tamén se aboaron ós herdeiros de Álvaro Gil en concepto de gastos xudiciais.[7]
- Salas de arte galega: nun total de 17 salas expóñense pinturas e esculturas de artistas galegos dos séculos XIX e XX, como Pérez Villamil, Sotomayor, Serafín Avendaño, Castelao, Tino Grandío, Colmeiro, Xesús Corredoyra, Xulia Minguillón, Prieto Nespereira, Bonome, Picallo, Asorey etc. Mostra tamén obras de vangarda como as de Maruja Mallo, Avelenda, Sucasas, Blas Lourés, Ramón Conde, Acisclo Manzano etc.
Outros aspectos do Museo
[editar | editar a fonte]O Museo conta cun xardín no que se expoñen esculturas modernistas e, nos soportais, réplicas de relevos especialmente interesantes cuxos orixinais consérvanse ben no Museo Provincial, ben no Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo. Conta tamén cunha ampla sala na que se montan exposicións temporais.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Réplica do relevo visigótico de San Nicolao de Saamasas (Lugo)
-
Réplica do Crismón de Quiroga (Lugo)
-
Estela de Crecente.
-
Baldaquino de Santa Mariña de Fragas (Campo Lameiro, Pontevedra)
-
Claustro do convento de San Francisco, hoxe parte do Museo
-
Sartego dobre procedente de Santa María de Zolle, Guntín (s. IX-X)
-
Aras romanas
-
Colección de reloxos de sol
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ficha do mosaico.
- ↑ Ficha da estela funeraria de Crecente.
- ↑ Ficha do carneiro alado de Ribadeo.
- ↑ Tabula Hospitalis
- ↑ Gago, Manuel. capitulocero, ed. "Un drama para o noso patrimonio: hoxe leváronse o tesouro de Álvaro Gil do Museo de Lugo". Consultado o 24 de outubro de 2013.
- ↑ "A colección de Álvaro Gil volve a casa sendo patrimonio de todos os lucenses". Arquivado dende o orixinal o 04 de xaneiro de 2015. Consultado o 12 de agosto de 2017.
- ↑ A Deputación de Lugo aforra preto de cinco millóns co acordo asinado este mediodía cos herdeiros de Álvaro Gil para a adquisición da colección de ourivería prerromana Arquivado 11 de febreiro de 2015 en Wayback Machine. na páxina web da Deputación de Lugo
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Museo Provincial de Lugo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Boletín do Museo Provincial de Lugo, tomo 10 (Lugo) 2001/2002.
- Reigosa, Antonio (coord.) (2007). Cartafol do museo