Saltar ao contido

Vodka

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Evolution Premium Vodka.

A ou o vodka[1][2][3][4] (wódka en polaco, водка en ruso) é unha augardente clara sen cor, nin cheiro. Xeralmente de gran fermentado, aínda que se chegou a obter da monda de pataca. É a augardente nacional de Rusia e Polonia.

Fóra de cantidades insignificantes de condimentos, a vodka consiste de auga e alcol (etanol). Contén un rango de alcol entre 35 e 70% en volume. A clásica vodka rusa ten uns 40 graos.

A orixe da vodka (e do seu nome) non están moi clara aínda, pero crese que tivo a súa orixe en Polonia ou Rusia. Sorprendentemente até hai pouco non houbo investigacións históricas sobre a vodka. Case toda a investigación sobre a vodka é sobre o seu consumo e a súa venda máis mesmo que sobre a súa fabricación.

Pódese destilar de calquera planta rica en amidón, tradicionalmente de gran como centeo (xeralmente considérase superior aos outros tipos de vodka) ou trigo, pero tamén de pataca e melaza.

A vodka prodúcese hoxe en todo o mundo. Hai moitos produtores estadounidenses, e mesmo xaponeses, como Suntory.

A vodka goza de gran popularidade e prestixio nos países escandinavos sendo a sueca Absolut e a finlandesa Finlandia, as marcas de vodka máis prestixiosas por moitos gourmets do vodka.

Vodka é un diminutivo da palabra eslava voda (= auga) (woda en polaco, водá en ruso), polo que significaría auguiña. O vocábulo está composto pola raíz vod- [auga] + -k- (sufixo diminutivo) + -a (sufixo que indica xénero feminino).[5][6][7]

O primeiro rexistro da palabra vodka data do Akta Grodzkie de 1405,[8] os documentos da corte do Palatinado de Sandomierz en Polonia.[8] Naquela época, a palabra wódka referíase a medicamentos e cosméticos, mentres que a bebida se denominaba gorzałka (do polaco antigo gorzeć, «queimar»), pola súa parte orixe da horilka (горілка) ucraína. A palabra vodka escrita en cirílico apareceu pola primeira vez en 1533, en referencia a unha bebida medicinal importada de Polonia a Rusia por mercadores do Rus de Kíiv.[8]

Hai que ter en conta que “vodka” fai referencia a unha realidade distinta nos países do leste, xa que serve para designar calquera bebida de alta graduación.[9]

Xeneralidades

[editar | editar a fonte]

A vodka debe a súa composición actual ao inventor da táboa periódica de elementos, Dmitri Mendeleiev. Precisamente el descubriu que a proporción ideal de auga/alcol para a vodka era de 40 º. Actualmente, recentes investigacións da firma Oval, produtora da vodka austríaca do mesmo número, chegaron á conclusión de que 42º eran unha proporción mesmo mellor.

A vodka producida en Rusia contiña 40 % de alcol e as de Polonia alcanzaban os 45 º de graduación alcohólica. Actualmente a graduación típica oscila entre 37,5% e 42% en vodkas ordinarias (até 70% nalgunhas especialidades rusas), polo que a súa achega calórica ao organismo por cada 100 mg (aproximadamente 100 ml) é de 315 kcal.

Os costumes para bebela difiren segundo o seu lugar de consumo. Nos países bálticos e de Europa oriental, a bebida é tomada soa e sen mesturar, servíndose en vasos ben fríos e acompañada acotío de comida. Nos países occidentais, é utilizada principalmente en combinados, aínda que o auxe das chamadas vodkas "premium" fai que cada vez sexa máis frecuente consumir vodka por si soa.

Orixinariamente a produción desta bebida era a partir dos produtos de agricultura locais máis baratos e abundantes como o trigo, millo, patacas, cana de azucre ou a combinación de calquera destes. O proceso consistía nunha filtración simple e rápida do fermento destes vexetais usando un filtro a base de carbón vexetal, en lugar dun caro e prolongado proceso de destilación. O líquido purificado era despois reducido, sen avellentarse até ser potabilizado mediante a adición de auga destilada para logo embotellalo. O resultado deste ciclo de elaboración era e segue sendo un produto incoloro e sen cheiros cunha graduación alcohólica elevada.

Descrición básica do proceso de elaboración

[editar | editar a fonte]

Preparación do caldo: móense os grans converténdoos en fariña, engádese auga e faise a mestura baixo presión. Durante a operación o amidón contido nos grans transfórmase nunha masa de xel e logo en azucre que, baixo o efecto do fermento, se transforma en alcol durante a fermentación. A fermentación dura preto de 40 horas e produce unha bebida bastante forte (cerca do 9 %) que se usa para destilar, con esta alta cantidade de alcol garántese a pureza do vodka producido.

Destilación: ten lugar nun sistema de destilación continua ou polo sistema "pot still" en alambiques illados (ou unha combinación de ambos), que ten de 2 a 5 alambiques; a altura dos alambiques (de aceiro inoxidable con partes de cobre) é de 20-40 metros no caso de grandes producións industriais. Os alambiques en pequenas destilerías co sistema "pot still" son de tamaño moito máis reducido. No primeiro alambique o alcol apártase da brasa: a brasa quentada vai desde arriba do alambique e atópase coa corrente de vapor quente desde abaixo, o alcol xunto con outros vapores sobe á parte superior do alambique. Os residuos da brasa -o bagazo- báixanse á parte inferior e úsanse para cebar o gando. Con axuda do segundo alambique -rectificadora o alcol aumenta a súa forza concentrando na parte superior do alambique. O número de veces que a bebida é destilada depende enormemente da marca e a calidade. As vodkas comúns son destiladas dúas veces, ou tres como máximo (p.e Smirnoff). No segmento superior do mercado atópanse vodkas destiladas 4 (Belvedere), 5 (Ciroc), 6 (Alpha Nobre), 8 (Russian Standard Imperia) e mesmo 9 veces (Jean Marc XO, que actualmente ostenta a marca).

A continuación a vodka é sometida a un proceso de filtración, cuxo obxecto é eliminar calquera tipo de impurezas que puidesen persistir. A filtración varía dunha destilería a outra, aínda que o método máis común é o uso de filtros de carbón orgánico, xeralmente de madeira de bidueiro ou maceira. Outros métodos inclúen a utilización de areas de cuarzo, metais preciosos ou mesmo diamantes. En ocasións a vodka é arrefriada a moi baixas temperaturas para provocar a solidificación de eventuais residuos.

A bebida final antes da mestura contén 96 % de alcol e carece case por completo de sabores e cheiros alleos aos propios do etanol. A calidade da auga é fundamental para o resultado final. A miúdo adóitase recorrer a augas provenientes de determinados glaciares, mananciais, lagos etc. O volume total de alcol adoita oscilar, como xa se mencionaba anteriormente, entre 37,5º e 42º para os vodkas occidentalizados e até 70º no caso dalgúns destilados rusos.

O proceso de produción da inmensa maioría das vodkas termina aquí. Porén en certos casos a vodka é infusionada con substancias aromáticas (un exemplo tradicional é o chamado zubrówka polonés, no que se deixa macerar un talo da coñecida como "herba do bisonte"); nunha minoría case anecdótica de casos (notablemente o Starka polonés) a vodka é envellecida en barrica.

A vodka é a bebida espirituosa máis consumida do mundo, e un ingrediente popular de copas e combinados de todo tipo. As marcas máis populares e exitosas son Smirnoff (propiedade do xigante británico Diageo), Absolut, Stolichnaya (propiedade da sociedade SPI e obxecto dun intricado litixio entre a devandita e o Estado ruso) e Eristoff.

Na primeira década do século XXI xurdiron novas tendencias en materia de vodka: por unha banda a aromatización da vodka con diversos sabores (cítricos, diversas froitas, vainilla, pementa, "bissongrass", pemento picante etc.), por outro, a aparición de vodkas de alta gama e prezos relativamente elevados, un novum no mundo da bebida branca. Neste grupo destacan Grey Goose (Francia), Belvedere (Polonia), Level (Suecia), Stolisnaya Elit (Rusia), Wyborowa Single Está (tamén coñecido como Wyborowa Exquisite, de Polonia), Russian Standard Platinum e Russian Standard Imperia, Kaufmann (Rusia), Ciroc (Francia), Citadelle (Francia), Kettle One (Holanda), Snow Queen (Casaquistán), Xellent (Suíza), Ultimat (Polonia), Diva (Inglaterra), Jean Marc XO (Francia), Oval (Austria), Alpha Nobre (Francia) etc.

  1. O DRAG non lle fixa o xénero e o Dicionario de alimentación e restauracióm asígnalle xénero ambiguo
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para vodka.
  3. VV. AA. (2012): Dicionario de alimentación e restauración, pax. 247. Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega. ISBN 978-84-453-5056-0
  4. O Dicionario Xerais da Lingua dálle xénero masculino e o Gran Dicionario Cumio feminino
  5. "Vodka (distilled liquer)". Encyclopædia Britannica Online. 
  6. "vodka". Online Etymology Dictionary. Consultado o 22 de novembro de 2008. 
  7. Etimoloxía da palabra "vodka" en Черных П. Я.: Историко-этимологический словарь современного русского языка. Москва, Русский язык-Медиа, 2004.
  8. 8,0 8,1 8,2 "History of vodka production, at the official page of Polish Spirit Industry Association (KRPS), 2007" (en polaco). Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2007. Consultado o 31 de xullo de 2016. 
  9. Cfr. Jackson, Michael. Guía internacional del bar. Aguardientes. Aperitivos. Tradución en castelán de Michael's Jackson Pocket Bar Book, 3ª ed., Barcelona, 1994, p. 96. Ad. v. “Vodka”.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Begg, Desmond (2000), Vodka : manual para sibaritas, Koln : B. Taschen Verlag.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]