Sandiás
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | provincia de Ourense | ||||
Capital | Sandiás | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 1.134 (2023) (21,48 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 52,8 km² | ||||
Altitude | 630 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcaldesa | Concepción Méndez Gándara | ||||
Eleccións municipais en Sandiás | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 32... | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 32077 | ||||
Sitio web | sandias.es | ||||
Sandiás é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Limia. Segundo o IGE tiña no ano 2023 1.134 habitantes (1.749 habitantes en 1996, 1.584 en 2004, 1.307 habitantes en 2015, 1.170 habitantes en 2022). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «sandiao».
Situación
[editar | editar a fonte]O concello de Sandiás está situado no sueste da provincia de Ourense formando parte da comarca natural da Limia. Ten unha superficie de 53 km² e ocupa, en gran parte, as terras da desecada lagoa de Antela. Limita polo norte cos concellos de Allariz e Xunqueira de Ambía, polo sur co de Xinzo de Limia, polo leste con Xinzo de Limia e Sarreaus, e polo oeste con Vilar de Santos.
As principais vías de comunicación constitúenas a estrada nacional N-525 e a autovía A-52, que atravesan o concello en sentido noroeste-sueste.
A súa capital municipal dista da cidade de Ourense 33 km, 6 km da vila de Xinzo de Limia e 13 km da vila de Allariz.
Socioeconomía
[editar | editar a fonte]Este concello tiña no ano 2023 unha poboación de 1.134 habitantes distribuídos en 18 núcleos de poboación que se agrupan en tres parroquias: Couso de Limia, Piñeira de Arcos e Sandiás.[1][2][3]
É un municipio que se caracteriza por ser esencialmente agrícola, o seu principal cultivo é a pataca. Neste concello dáse unha clara contraposición entre a parte noroccidental, montañosa, dedicada á produción forestal, e as restantes, chans, dedicadas a cultivos agrícolas. Proba da súa orientación cara a cultivos agrícolas é o aproveitamento do 50% das terras labradas. O concello de Sandiás xunto co de Xinzo de Limia, abranguen o 88% do total da superficie comarcal dedicada ó cultivo da pataca por agricultores a título principal. As súas explotacións teñen maior tamaño cás que son habituais en Galicia debido ás grandes parcelas produto do desecamento da lagoa de Antela e á concentración parcelaria posterior. O nivel de mecanización é un dos máis altos de Galicia.
Nos derradeiros anos destaca a súa orientación cara á gandería intensiva coa construción de numerosas granxas pertencentes ó grupo empresarial COREN. É tamén coñecido pola industria extractiva de áridos, xa que a práctica totalidade das areeiras da Limia se sitúan neste concello. Esta area é moi apreciada para a construción e fornecen toda Galicia e o norte de Portugal.
Neste concello atópase o Centro Ecuestre de Antela, pertencente á Deputación de Ourense, onde se celebran competicións hípicas.
Historia
[editar | editar a fonte]Os primeiros sinais de poboación destas terras sitúannos nos poboados lacustres (palafitas) da lagoa de Antela, que foron estudados polo investigador Conde-Valvís nos anos 50. Conde-Valvís fálanos dos achados de tres poboados palafíticos de 58, 56, e 36 habitacións respectivamente cada un, coñecidas popularmente como ¨cortellos¨, que nos demostran a gran concentración de habitantes nesta zona. Estes poboados estarían situados no espazo que abrangue dende Sandiás ata Cortegada (dous deles fronte a Zadagós e a Cardeita).
Máis tarde, na Idade dos Metais, os poboados castrexos asentaríanse nos montes do Castro, preto de Sandiás, e no monte Pendón preto de Piñeira de Arcos.
Na romanización atravesaba o concello a Vía XVIII ou Vía Nova, unha das vías romanas de máis importancia do noroeste da península que unía as cidades de Bracara (Braga) e Asturica (Astorga), as cidades máis populosas do noroeste da Hispania.
Do paso desta vía quédannos os miliarios de Vilariño das Poldras e de Zadagós. O Itinerario de Antonino do século III fai mención da mansión Geminas, parada de postas e hospedaxe, que se situaría no actual Sandiás.
A proba da gran romanización da Limia sería a canalización da lagoa de Antela, a través dun emisario principal e dunha tupida rede de pequenas canalizacións das que aínda se poden observar os restos en forma de U na área recreativa da canle da lagoa.
Da invasión dos suevos e dos pobos xermánicos só quedan lembranzas na toponimia como no caso de Sandiás, un topónimo derivado dos invasores –vén do xermánico Sánd-ila– que significa ¨verdadeiro¨.
Na Idade Media son continuas as loitas entre Afonso VII de Castela e León e Afonso I de Portugal pola posesión do condado da Limia. Será seguramente no contexto das loitas fronteirizas do século XII cando se constrúa o castelo de Sandiás sobre o predio do antigo castro. Este castelo participou nas loitas pola separación de Portugal, nas continuas liortas nobiliarias, e o levantamento dos Irmandiños. Boa parte da súa función referíase ó control dos viaxeiros e mercadorías da encrucillada de camiños que era a Limia Alta.
Atravesaba o concello a Vía da Prata empregada polos peregrinos do sur de España e os procedentes do camiño portugués de Chaves e Vila Real.
Na Idade Moderna sufriu, coma toda a zona fronteiriza, as consecuencias das loitas con Portugal, e tivo que soportar as levas forzosas de homes para a guerra e contribuír ó sostemento das tropas na raia.
A finais do século XVII e no XVIII os fidalgos comezan a construír e a remodelar, a maioría dos pazos e casas grandes (O Penedo, O Telleiro, O Espido...). Os fidalgos, xunto co clero, desempeñaron un papel fundamental na sociedade campesiña galega dende comezos no século XVI ata o século XIX.
No século XVIII, a economía baseábase na agricultura. Tendo grande importancia o cultivo do liño que constitúe a base dunha importante industria téxtil artesá, formada por 54 tecedeiras e 7 xastres segundo o Catastro de Ensenada, que lles reportaba importantes ingresos ás familias labregas, non obstante, a introdución dos novos tecidos de algodón reduciu esta produción ó autoconsumo.
O señorío de Sandiás tivo numerosas transmisións destacando como posesión do conde de Benavente, avanzada da nobreza castelá sobre Galicia. Piñeira de Arcos foi sometida a xurisdición do conde de Maceda e Zadagós era xurisdición do bispo de Valladolid.
No primeiro terzo do século XX, tiveron unha forte implantación no concello o agrarismo e as ideas republicanas. En 1910 o político conservador Eduardo Cea Naharro agochou na súa casa desta localidade (Pazo do Telleiro Couso de Limia) ao conspirador monárquico Henrique Mitchell de Paiva Couceiro, que nos seguintes anos recrutou e mantivo a voluntarios portugueses armados pola raia seca para lanzar varios ataques contra a acabada de nacer primeira república portuguesa.
Xa na ditadura de Francisco Franco o feito máis salientable foi o desecamento da lagoa de Antela a partir da Lei de 27 de decembro de 1956, que supuxo unha das poucas actuacións de ordenamento agrícola do franquismo en Galicia, ademais dunha transformación radical na fisionomía do territorio e nas súas condicións ambientais.
Co gallo dos cincuenta anos do comezo das obras de desaugamento da lagoa de Antela (1958-2008), o Concello de Sandiás puxo en funcionamento a Casa da Lagoa (Centro de Interpretación da Lagoa de Antela). Neste centro preténdese dar a coñecer dunha forma didáctica a historia da lagoa de Antela, a través dun percorrido que abrangue dende a formación da antiga lagoa de Antela, o seu desecamento, ata a actualidade coa recuperación medioambiental das antigas areeiras.
En 2007 o concello publicou a revista A Torre do Castro, que cesou en 2014.
Demografía
[editar | editar a fonte]Censo total | 1.307 (2015) |
---|---|
Menores de 15 anos | 86 (6.58 %) |
Entre 15 e 64 anos | 692 (52.95 %) |
Maiores de 65 anos | 529 (40.47 %) |
Evolución da poboación de Sandiás Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
2.388 | 2.749 | 3.407 | 2.481 | 1.585 | 1.466 | 1.391 | 1.342 | 1.316 | 1.297 | 1.307 | 1.286 | 1.261 | 1.213 | 1.206 | 1.198 | 1.181 | 1.170 | |
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Sandiás.
-
Torre do Castro
-
Igrexa de Sandiás
-
Miliarios da Vía Nova ou Vía XVIII á altura de Vilariño das Poldras (Sandiás - Ourense). Un dos moitos que apareceron ó longo do antigo trazado da Vía Nova ou Vía XVIII.
-
Escudo na casa do concello.
-
Homenaxe á muller labrega.
Parroquias
[editar | editar a fonte]Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Sandiás | |
---|---|
Couso de Limia (Santa María) | Piñeira de Arcos (San Xoán) | Sandiás (Santo Estevo) |
Lugares de Sandiás
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Sandiás vexa: Lugares de Sandiás.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Página web del Instituto Nacional de Estadística español con los datos de referencia. Consultado o 3 de maio de 2019.
- ↑ Miralbes Bedera, Rosario; de Torres Luna, María Pilar; Rodríguez Martínez-Conde, Rafael (1979). Mapa de límites de las parroquias de Galicia. Santiago de Compostela: Imprenta Paredes. p. 61. ISBN 8460014142.
- ↑ de Torres Luna, María Pilar; Pérez Fariña, María Luisa; Santos Solla, José Manuel (1989). Municipios y parroquias de Galicia. Santiago de Compostela: Imprenta da Universidade de Santiago de Compostela. p. 113. ISBN 8471915294.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sandiás |