Saltar ao contido

Deserto do Sáhara

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Sahara»)

Modelo:Xeografía físicaDeserto do Sáhara
(ar) الصحراء الكُبرى Editar o valor en Wikidata
Imaxe
Tipodeserto Editar o valor en Wikidata
Ecorexión (WWF)Atlantic coastal desert (en) Traducir, North Saharan steppe and woodlands (en) Traducir, deserto do Sara (pt) Traducir, South Saharan steppe and woodlands (en) Traducir, West Saharan montane xeric woodlands (en) Traducir, Tibesti-Jebel Uweinat montane xeric woodlands (en) Traducir e Tanezrouft (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Localización
ContinenteÁfrica Editar o valor en Wikidata
División administrativaAlxeria, Chad, Exipto, Marrocos, Libia, Malí, Sudán, Tunisia e Mauritania Editar o valor en Wikidata
Mapa
 23°05′N 12°37′L / 23.08, 12.61
Características
Dimensións1.800 (ancho) × 4.800 (lonxitude) km
Punto máis baixoDepressão de Qattara (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata  (−13.300 cm Editar o valor en Wikidata )
Punto máis altoEmi Koussi Editar o valor en Wikidata  (3.455 m Editar o valor en Wikidata )
AtravesaAlxeria, Chad, Exipto, Marrocos, Tunisia, Mauritania, Níxer, Malí, Sudán e Francia Editar o valor en Wikidata
Superficie9.200.000 km² Editar o valor en Wikidata
Medicións
Climahot desert climate (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Imaxe de satélite do deserto do Sáhara.

O deserto do Sáhara[1] (en árabe الصحراء الكبرى‎, aṣ-Ṣaḥrāʾ al-Kubrā, que significa o Gran Deserto) é o segundo maior deserto do mundo (despois do da Antártida), localizado no norte de África, cunha área total de 9 065 000 km2, sendo apenas un pouco menor que a de Europa (10 400 000 km2).

O nome Sáhara é unha transliteración do árabe صحراء, (Sahhra) que á súa vez é a tradución da palabra tuareg teneriwe ('os desertos', de onde lle vén o nome ó deserto do Teneré). Viven preto de 2,5 millóns de persoas na área do Sáhara, distribuídas por Mauritania, Marrocos, Sáhara Occidental, Libia, Exipto, Malí, o Níxer, Alxeria, Tunisia, o Sudán e o Chad.

As fronteiras do Sáhara son: o océano Atlántico ao oeste, as montañas do Atlas e o mar Mediterráneo ao norte, o mar Vermello ao leste e o val do río Níxer ao sur.

O Sáhara divide o continente africano en dous: África Norte e Subsahariana. A fronteira sahariana ao sur é marcada por unha faixa semiárida de sabana chamada Sahel, e ao sur de Sahel encóntrase a rexión chamada o Sudán.

Os seres humanos viviron na extremidade do deserto durante case 500 000 anos. Durante a última Idade do xeo, o deserto do Sáhara foi (como o leste africano en xeral) máis húmido do que é agora. Fósiles de dinosauros foron encontrados alí. O Sáhara moderno, xeralmente, está exento de vexetación excepto no val do río Nilo, nuns poucos oasis e nalgunhas montañas dispersas.

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Pastores tuaregs nómades a carón dun pozo.
Meseta pedregosa en al-Mahbes (Sáhara Occidental). Os pedregais son a paisaxe máis habitual no Sáhara.
O Sáhara na rexión de Adrar, Mauritania.
Vista do uadi Melhah en Mauritania.

O Sáhara cobre gran parte de Alxeria, Chad, Exipto, Libia, Malí, Mauritania, Marrocos, Níxer, Sáhara Occidental, Sudán e Tunisia. É unha das tres provincias fisiográficas (rexións cunha xeomorfoloxía específica) nas que se divide África.

Os accidentes xeográficos do deserto foron modelados polo vento (erosión eólica) o polas choivas ocasionais, e inclúense as dunas de area e os campos de dunas (ergs), mesetas pedregosas (hamadas), chairas de grava (regs), vales secos (uadis), lagoas salgadas estacionais (shatts ou chotts)[2] ou formas de modelaxe máis peculiares como a Estrutura Richat en Mauritania.

Diversas montañas extremadamente áridas e varias cadeas montañosas érguense no deserto, sendo moitas delas de orixe volcánica. Algunhas delas son as Montañas de Aïr, o Ahaggar, o cordal do Atlas, o Tibesti co Emi Koussi, que cos seus 3.415 m é o pico máis elevado do Sáhara, o macizo Adrar dos Ifoghas ou os outeiros a carón do Mar Vermello.

A meirande parte dos ríos e regatos do Sáhara son estacionais ou intermitentes, habendo algunhas excepcións como o Nilo, que cruza o deserto dende o seu nacemento en África central até a súa desembocadura no mar Mediterráneo. Os acuíferos subterráneos agroman á superficie ocasionalmente formando oasis, entre os que destacan Bahariya, Ghardaïa, Timimoun, Kufra, Farafra ou o Oasis de Faiyum.

A parte central do Sáhara é extremadamente árida e practicamente carente de vexetación. Os extremos norte e sur do deserto, xunto coas terras altas, é onde se poden atopar áreas de pasto espalladas e arbustos pequenos, mentres que as árbores e os arbustos máis altos atópanse nos uadis, porque é onde se acumula máis humidade.

Límites xeográficos

[editar | editar a fonte]

Polo norte, o Sáhara chega até o mar Mediterráneo en Exipto e nalgunhas partes de Libia, mais na rexión de Cirenaica (Libia) e no Magreb, o deserto fai fronteira coas ecorrexións de bosque mediterráneo de África do Norte, que teñen un clima mediterráneo que se caracteriza por unha estación de choivas no inverno.

De acordo cos criterios botánicos de Frank White[3] e o xeógrafo Robert Capot-Rey (1953),[4][5] o extremo norte do Sáhara correspóndese co límite norte de maduración da palmeira datileira (Phoenix dactylifera), e o límite sur do esparto (Stipa tenacissima), unha herba da familia das poáceas típica do clima mediterráneo do Magreb e da Península Ibérica. O límite norte, segundo criterios climáticos, corresponderíase coa isohieta dos 100 mm de precipitación anual.[6]

Polo sur, o Sáhara está limitado polo Sahel, un cinto de terras áridas que se estenden de leste ao longo de todo o continente, e que presenta unha vexetación de praderías, sabanas e matogueiras tropicais e subtropicais cunha estación de choivas de verán. O extremo sur do Sáhara viría indicado botanicamente polo límite sur da Cornulaca monacantha, un membro da subfamilia das Salsoloideae da familia Amaranthaceae e tolerante ás secas. O límite norte do cram-cram (Cenchrus biflorus), outra poácea típica do Sahel, é outro indicador botánico usado para determinar o extremo sur do deserto.[4] Segundo os criterios climáticos, o extremo sur corresponderíase coa isohieta dos 150 mm de precipitación anual, aínda que hai que ter en conta este valor como unha media a longo prazo, xa que as precipitacións varían enormemente dun ano a outro.

Tormenta de area sahariana sobre o océano Atlántico.

O Sáhara ten un dos climas máis duros do mundo. O vento predominante do nordés fai que a area se eleve e se formen tormentas de area e remuíños.[7] Só se ten constancia dunha nevarada no deserto do Sáhara, e foi durante a noite do 18 de febreiro de 1979 nunha zona do sur de Alxeria.[8]

As tormentas de area poden cubrir grandes distancias. No verán poden mesmo atravesar o océano Atlántico. En xullo de 2020 notificouse unha tormenta que trasladou unha columna de po de gran tamaño, a maior dende que existen rexistros, alcumada Godzilla, que levou o po sahariano a América.[9] A mecánica destes fenómenos consiste en fortes ventos preto da superficie e tormentas eléctricas, que fan ascender grandes cantidades de partículas de po na masa de aire quente. Pode flotar días ou semanas, dependendo da secura, velocidade e turbulencia do aire. Despois, os ventos da troposfera arrastran o po para o Caribe e para os Estados Unidos.

Precipitacións

[editar | editar a fonte]
Dunas de area no Erg Chebbi, en Marrocos.

O Sáhara é unha rexión climática divisoria, xa que a zona de converxencia intertropical que se move de sur ó norte, non vai máis aló do centro do Sáhara e, consecuentemente non porta choiva ningunha. De xeito similar, as choivas invernais do norte de África non chegan tan ó sur como para achegar precipitación ó centro do deserto. Polo tanto, no medio do Sáhara raramente chove, e cando o fai pode acontecer en calquera estación, mentres que ó norte a choiva é máis abondosa e concéntrase no inverno. A isohieta dos 100 litros de choiva anual limita a extensión do deserto. Na parte central, a choiva anual sitúase por baixo dos 25 litros anuais e na parte leste do deserto é menor de 5 litros. A aridez está agravada pola grande irregularidade nas precipitacións (80% de variación e anos nos que non se rexistra precipitación ningunha), e en caso de treboadas intensa, pódense producir inundacións e corrementos de terra.

Observouse que o límite do sur do Sáhara variou segundo a cantidade de choiva recollida, que foi mudando entre os anos 1980 e 1990. Como resultado da seca do Sahel, a fronteira sur do deserto trasladouse uns 130 quilómetros ó sur durante este período.[10] Indicios recentes indican que o Sáhara e as rexións circundantes están nun proceso de reversión da desertización por causa dun aumento das precipitacións. Os satélites artificiais amosan unha redución da extensión do Sahel entre o 1982 e o 2002, tanto no Sáhara Oriental como no Sáhara Occidental. Esta tendencia ten sido observada ó longo de 20 anos polo científico do clima Stefan Kröpelin, e tradúcese nun aumento das zonas de pastoreo e na floración das árbores e arbustos.[11]

A única vez que nevou nas zonas saharianas de baixa altura e que se teña coñecemento, foi o 18 de febreiro de 1979 na cidade de Ghardaïa, ó sur de Alxeria.[12] Porén, a neve desapareceu en poucas horas.[13]

Nas serras do Sáhara, a neve non é tan excepcional e acostuma nevar con certa regularidade. Aínda que a humidade relativa é baixa nun ambiente tan árido, a humidade absoluta é suficientemente alta para que se produza a condensación cando o aire topa cunha montaña. No inverno, a temperatura baixa dabondo no Tahat (3.003 m), o pico máis alto do Ahaggar, para recibir neve cada tres anos de media. Tamén se cre que as inaccesíbeis montañas do Tibesti reciben neve por riba dos 2500 m cada sete anos.[14][15]

Temperaturas

[editar | editar a fonte]

Pola súa situación tropical, a situación continental e en xeral pola baixa altitude, rexístranse as temperaturas máis elevadas de todo o planeta (56 °C en Libia). A temperatura media anual supera os 30 °C. No mesmo día, rexistrouse unha variación dende -0.5 °C até 37.5 °C. O Sáhara tamén é extremadamente ventoso, e os ventos quentes poden formar remuíños que aumentan a sensación de calor. A parte norte, máis preto da zona mediterránea, pode rexistrar temperaturas medias próximas ós 10 graos no inverno. Pola contra, no sur as temperaturas son máis homoxéneas. Nos macizos montañosos do Tassili e Hagaar que acadan os 3.000 metros de altitude, a temperatura diminúe 0'60 °C por cada 100 metros de altitude, aínda que a pluviometría non pasa dos 200 mm.

Paleoclimatoloxía

[editar | editar a fonte]
Fotografía de satélite da estrutura Richat, formada pola erosión.

O clima do Sáhara caracterizouse por unha enorme variación nos últimos cen mil anos, pasando de húmido a seco.[16] Durante a última glaciación, o Sáhara era aínda máis grande que na actualidade e estendíase moito máis ao sur.[17] A fin do período glacial trouxo máis auga ao Sáhara, aproximadamente entre o -8000 e o -6000. Unha das causas que se barallan para explicar este cambio e a aparición dunha depresión atmosférica que se formou no norte despois da fusión da capa de xeo que cubría Europa.

Unha vez que desapareceu a capa de xeo, o norte do Sáhara secou. Porén, a tendencia á seca no sur foi contrarrestada rapidamente polo monzón, que traía choiva máis ao norte que na actualidade. O monzón é causado polo quecemento do ar a nivel do chan durante o verán. O aire quente provoca a chegada de aire fresco e húmido do océano, que causa a choiva. Polo tanto, aínda que semelle contraditorio, o Sáhara era máis húmido cando recibía máis insolación no verán. Isto foi causado por unha inclinación máis forte do eixo da Terra que na actualidade, e o apse producíase no final de xullo.[18]

Cara ao ano -3400, o monzón vaise retirando cara ao sur até onde se sitúa hoxe en día aproximadamente,[19] provocando a progresiva desertización do Sáhara.[20] O Sáhara é hoxe en día tan seco como o era hai uns 13.000 anos. Estas condicións foron as responsábeis do que se deu a coñecer como a Sahara pump theory, unha teoría que explica a migración da flora e a fauna entre Europa e África a través dunha área que servía de ponte.

Até hai uns 2.000 anos, gran parte da área actualmente desértica do Sáhara era unha sabana, e aínda era máis fértil todo o territorio que ocupa o deserto actual hai un 8.000 anos, tal e como o demostran as pinturas rupestres de Tassili n'Ajjer, nas que se poden ver grupos de cazadores perseguindo unha fauna variada nunha zona que actualmente é unha área rochosa inhabitábel.

Do mesmo xeito, a existencia actual dunhas poucas decenas de crocodilos do deserto (unha subespecie do crocodilo do Nilo) nun oasis en Ennedi, sinala que en tempos relativamente próximos o actual uadi de Ennedi era un río importante que corría cara ao Nilo. Tamén se teñen atopado regos de antigos ríos que dende o Tibesti levaban auga directamente cara ao Mediterráneo. Estes antigos ríos puideron ser unha das primeiras rutas de difusión do ser humano na conca mediterránea.

Tamén no río Draa se teñen atopado pinturas rupestres que representan unha rica fauna prehistórica (crocodilos, hipopótamos etc.) que habitaba a zona hai poucos milenios. No actual deserto de Mauritania tamén se poden atopar vestixios de rutas de carros tirados por bois. A rexión de Fezzan (antiga Garamantica) foi habitada polos garamantes, que até hai pouco menos de 2.000 anos aínda se trasladaban en caravanas comerciais cara ao Mediterráneo utilizando carros tirados por bois.

As investigacións actuais indican que o actual deserto do Sáhara presenta importantes oscilacións climáticas durante períodos de 20.000 anos. Estes períodos serían dados por lixeiras inclinacións do eixo da Terra, alternándose deste xeito períodos húmidos e períodos de extrema aridez, como no momento actual. É importante destacar que a natural aridez do Sáhara actual vese potenciada pola acción do ser humano.

Poboación e linguas

[editar | editar a fonte]
Tuaregs.

As diferentes variantes do árabe son as linguas máis faladas no Sáhara, dende o océano Atlántico até o Mar Vermello. Actualmente viven no Sáhara uns 2,5 millóns de persoas, principalmente de Mauritania, Marrocos e Alxeria.

Os habitantes orixinarios do Sáhara son os bérberes e os tuaregs, que tamén falan linguas bérberes. Estes pobos foron islamizados a partir do século VII polos árabes.

Flora e fauna

[editar | editar a fonte]

Os dromedarios e as cabras son os animais domésticos máis frecuentes no Sáhara. Debido á súa resistencia, velocidade e adaptación ao deserto, o dromedario é o animal favorito e piar fundamental na vida dos pobos nómades que aínda viven nel.

Asemade, hai varias especies de escorpións, que nalgúns casos poden acadar os 10 cm de longo.

Manda de dromedarios no Guelta d'Archei, no nordés do Chad.

Entre as especies de raposo que se poden atopar no Sáhara inclúense o fénec, o raposo pálido e o raposo de Rüppell. Destaca o antílope addax como unha das especies mellor adaptadas ás duras condicións do deserto, xa que se cre que pode vivir preto dun ano sen beber. A gacela dorcas é outro dos animais que poden resistir durante moito tempo sen auga. Outras gacelas notábeis inclúen á gacela de Loder e á gacela dama.

Lago no oasis de Awbari, con árbores datileiras.

O guepardo do Sáhara vive Alxeria, Togo, Níxer, Malí, Benín e Burkina Faso. Trátase dunha subespecie de guepardo moi rara e ameazada, da que se estima que quedan só uns 250 exemplares adultos. Caracterízanse pola súa pelaxe pálida e evitan o sol dende abril até outubro, buscando refuxio en arbustos e acacias.[21][22] Outros animais que viven no Sáhara son os damáns, varias especies de serpes, lagartos, pequenas poboacións de licaón,[23] e avestruces. Tamén hai poboacións reducidas de crocodilo do deserto en Mauritania e na meseta de Ennedi no Chad.[24]

Estímase que no Sáhara hai preto de 500 especies de plantas, que é unha cifra extremadamente baixa se se ten en conta a enorme extensión que o deserto abrangue. As acacias, palmeiras, arbustos espiñentos e gramíneas que medran no Sáhara están adaptados ás condicións áridas e teñen un crecemento desacelerado. As follas son pequenas e frecuentemente coa forma de agulla, para evitar a perda de auga.

As actividades humanas no Sáhara adoitan desenvolverse en áreas con auga permanente ou onde a auga agroma á superficie con facilidade. Debido a isto, a presión local nos recursos naturais pode chegar a ser intensa. Recentemente se teñen levado a cabo proxectos nos desertos de Alxeria e Tunisia para irrigar a terra con auga procedente de acuíferos. Nos máis dos casos, isto comportou agravar aínda máis a degradación e a salinización da terra.

Vista de Mzab, unha cidade santa amurallada no Sáhara alxeriano.

Estímase que arredor do ano -95000 e antes do comezo da desertización do norte de África, a zona que actualmente é o Sudán central foi un foco importante de poboación que se expandiu e habitou o que hoxe é o deserto de Sáhara.

Polo -5000, os pobos que habitaban a rexión de Nubia, tiveron un papel moi activo na chamada "revolución agrícola", adoptando un estilo de vida sedentario e comezando a domesticación de diversos animais e plantas. Na arte rupestre sahariana atópanse numerosas representacións gandeiras e pastorais, que son indicio dun posíbel culto ó gando como o que aínda perdura no Sudán e noutras sociedades gandeiras de África.[25]

Os megálitos atopados en Nabta Playa son exemplos dos que posibelmente sexan os primeiros observatorios arqueoastronómicos do mundo, con preto de 2.000 anos máis de antigüidade que o monumento de Stonehenge.[26] A complexidade do conxunto de Nabta Playa indica un alto grao de desenvolvemento das sociedades que se asentaron en Nabta e no Imperio Antigo de Exipto.[27]

Cara ao -6000, os exipcios do período predinástico comezaron a desenvolver unha economía baseada na cría de gando e na edificación de grandes construcións. A subsistencia da súa sociedade dependía tamén da produción de cereais na ribeira do Nilo, en gran medida dependentes das enchentes do río. O tipo de gando principal era o bovino, caprino, ovino e porcino, e os obxectos de metal axiña empezan a substituír os de pedra. O curtido de peles, a produción de cerámica e tecidos eran comúns nesta época tamén. Tamén hai indicios que indican unha ocupación temperá do Faiyum no -6000. Puntas de frecha, coitelos e outros utensilios de caza e pesca son abondosos na zona.[28] Obxectos cerimoniais de enterro como cerámicas, xoias, equipos de caza e alimentos variados aparecen con frecuencia e parecen ser os precursores dos ritos de preservación exipcios posteriores.

Arredor do ano -3400, o Sáhara torna seco como na actualidade, principalmente debido a unha pronunciada redución das precipitacións e un aumento das temperaturas por mor dun cambio na órbita da Terra. Isto fixo do deserto unha barreira case impenetrábel para os seres humanos, ficando só algúns asentamentos espallados arredor de oasis e cun movementos comerciais ocasionais a través do deserto. Unha das excepcións a esta desertización deuse no val do Nilo.

Artigo principal: Historia do Sáhara Occidental.

Os fenicios foron un pobo de orixe semítica que habitaron na Fenicia, no norte da rexión hoxe coñecida como Líbano. Prosperaron entre o -1200 e -800 e fundaron colonias nas costas do mar Mediterráneo e durante longo tempo dominaron o comercio nas súas augas, así como se asentaron no norte do Sáhara, xunto cos habitantes da Antiga Libia, que son os antergos dos actuais pobos de fala bérber entre os que se inclúen os tuaregs do centro do Sáhara.

Tuaregs viaxando na caravana do sal Azalai.

O alfabeto fenicio semella ser o antecesor do alfabeto tifinagh, que aínda é empregado polos tuareg de fala bérber do centro do Sáhara.

Nalgún momento entre o -633 e -530, o explorador cartaxinés Hannón o Navegante reforzou algunhas colonias fenicias no Sáhara Occidental, pero as súas ruínas desapareceron sen deixar rastro.

Gregos e cartaxineses

[editar | editar a fonte]

En torno do 500 a.C., os gregos chegan ó deserto, establecendo puntos comerciais ó longo da costa oriental do Sáhara e xunto ó Mar Vermello. Tamén os cartaxineses exploraron a costa atlántica do deserto, mais a turbulencia das augas e a escaseza de mercados fixo que non se asentasen de xeito permanente máis ó sur do Marrocos actual. Por outra banda, as incursións dos pobos nómades bérberes eran unha preocupación constante para os pobos situados no bordo do deserto.

Civilización urbana

[editar | editar a fonte]
Mercado na principal praza de Ghardaïa (1971).

A civilización urbana dos garamantes xurdiu ó redor do 500 a.C. no corazón do Sáhara, nun val que hoxe se coñece como Wadi al-Ajal en Fezzan, Libia. Os garamantes acadaron un desenvolvemento alto e realizaron importante obras de enxeñaría facendo canalizacións para traer auga dende as montañas até os campos. Tiveron un gran crecemento de poboación e conquistaron os pobos veciños, facéndoos escravos e utilizándoos para ampliar as canalizacións de auga.

Tanto os gregos clásicos como os antigos romanos coñecían da existencia dos garamantes e considerábanos como nómades incivilizados. Con todo, facían comercio e con eles. Proba destes contactos é unha bañeira romana atopada nas ruínas de Garama, a antiga capital dos garamantes. Oito grandes vilas e outros importantes asentamentos foron atopados no antigo territorio dos garamantes. Crese que a civilización colapsou despois de esgotar a auga dispoñíbel nos acuíferos e non puido soster o esforzo para ampliar as canalizacións dende as montañas.[29]

Bérberes

[editar | editar a fonte]
Zaouïa na entrada de Taghirt, Alxeria.

Os pobos bérberes habitaron e aínda habitan gran parte do Sáhara. Os bérberes garamantes construíron un próspero imperio no corazón do deserto.[30] Os nómades tuaregs son descendentes dos bérberes e continúan vivindo en case todo o centro e occidente do deserto do Sáhara e o norte e centro do Sahel.

Conquista árabe e expansión do islam

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Comercio transahariano.
Representación dunha caravana transportando escravos a través do deserto.

Entre o século V e século VII, o norte do Sáhara estaba gobernado polo Imperio Bizantino. Cando a conquista musulmá do norte de África comezou a mediados do século VII e comezos do VIII, a influencia árabe e islámica expandiuse rapidamente polo Sáhara. Xa no ano 641 todo o Exipto estaba baixo dominio árabe. Isto intensificou o comerciou no deserto e os reinos do Sahel, especialmente o Imperio de Gana e o Imperio de Malí, enriquecéronse coa exportación de ouro e sal ó norte de África. Tanto dende os emiratos radicados no Mediterráneo como dende o propio Sáhara exportábanse cabalos, sal e outros bens. Este proceso converteu as comunidades illadas dos oasis en centros importantes de intercambio e comercio baixo o control dos imperios no bordo do deserto. Tamén era importante o comercio árabe de escravos. Estímase que entre os séculos X e XIX o tráfico de escravos ascendía a unhas 6.000 e 7.000 persoas cada ano.[31]

Home tuareg montado nun dromedario.

Este tráfico perdurou durante varios séculos até o desenvolvemento en Europa das carabelas, primeiro en Portugal e despois en toda Europa occidental, monopolizando o comercio marítimo arredor do deserto até Guinea. Isto fixo que o comercio sahariano ficase marxinado.

Imperio Otomán

[editar | editar a fonte]

A partir do século XVI, as zonas costeiras do bordo do Sáhara que se corresponden cos actuais países de Alxeria, Tunisia e Libia, así como o daquela semi-autónomo reino de Exipto, foron ocupados polo Imperio Otomán. Dende 1517, Exipto foi unha parte valiosa do Imperio e facilitou ós otománs o control do val do Nilo, o Mediterráneo oriental e o norte de África. A incorporación destes territorios ó Imperio Otomán posibilitou a liberdade de circulación de bens e persoas. O comercio local aproveitou as rutas comerciais do Imperio para obter especias, ouro e sede de Oriente, produtos manufacturados de Europa e escravos e ouro de África. O árabe seguiu a ser a lingua local e a cultura islámica foi moi reforzada.

Pola súa banda, o Sahel e as zonas do sur do Sáhara constituíronse ben como estados independentes, ben como áreas controladas polos clans tuaregs.

Colonización europea

[editar | editar a fonte]

A colonización europea no Sáhara comezou no século XIX. Francia conquistou a rexencia de Alxer dos otománs en 1830, e continuou expandíndose cara ao sur dende Alxeria e cara ao leste dende o Senegal e a conca superior do río Níxer, até incluír o que hoxe é Alxeria, o Chad, Malí, Mauritania, Marrocos (1912), Níxer e Tunisia (1881). O Imperio Colonial francés foi a entidade política dominante no Sáhara e estableceu rutas aéreas regulares que conectaron Europa e África.

Pola súa banda, o Exipto de Muhammad Ali e os seus sucesores conquistou Nubia entre 1820 e 1822, fundou Khartún en 1823 e conquistou Darfur en 1874. Posteriormente, tanto Exipto como Sudán pasaron a ser un protectorado británico en 1882. Como resultado da Guerra Mhadista, o Reino Unido e Exipto perderon o control do Sudán entre 1882 e 1898. Finalmente, foi novamente ocupado polas tropas británicas en 1898 e o Sudán converteuse nun condominio anglo-exipcio.

En 1874, España ocupa o que hoxe é o Sáhara Occidental, e en 1912, Italia captura parte do territorio coñecido como Libia en tempos dos otománs.

Co fin de promover a Igrexa católica no deserto, o papa Pío IX creou o cargo de delegado apostólico do Sáhara e Sudán en 1868. No século XIX, a súa xurisdición foi reorganizada dentro Vicariato Apostólico do Sáhara.

Descolonización do Sáhara

[editar | editar a fonte]
Arco de rocha natural no suroeste de Libia.
O Sáhara hoxe.

Exipto independizouse do Reino Unido en 1936, aínda que o Tratado anglo-exipcio de 1936 permitía ó Reino Unido gorecer tropas no país e manter o condominio anglo-exipcio no Sudán. Finalmente, as forzas militares británicas foron retiradas en 1954.

A meirande parte dos estados do Sáhara acadaron a independencia despois da segunda guerra mundial: Libia en 1951, Marrocos, Sudán e Tunisia en 1956, Chad, Malí, Mauritania e Níxer en 1960, e Alxeria en 1962. España retirouse do Sáhara Occidental en 1975, e foi dividido entre Mauritania e Marrocos. Mauritania abandonouno pouco despois en 1979, pero Marrocos segue a ocupar o territorio.

No período posterior á segunda guerra mundial, téñense levado a cabo experiencias para empregar os recursos naturais do deserto. Destacan os depósitos de petróleo e gas natural de Alxeria e Libia, e os de fosfatos en Marrocos e Sáhara Occidental.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para sahariano.
  2. Sahara desert, Informe científico do Fondo Mundial para a Natureza, [Consultado o 2 de agosto de 2013].]
  3. Wickens, Gerald E. (1998) Ecophysiology of Economic Plants in Arid and Semi-Arid Lands. Springer, Berlin. ISBN 978-3-540-52171-6
  4. 4,0 4,1 Grove, A.T., Nicole (1958, 2007). "The Ancient Erg of Hausaland, and Similar Formations on the South Side of the Sahara". The Geographical Journal 124 (4): 528–533. doi:10.2307/1790942. Consultado o 3 de agosto de 2013. 
  5. Bisson, J. (2003). Mythes et réalités d'un désert convoité: le Sahara. L'Harmattan. ISBN 2747550087. (en francés)
  6. Walton, Kenneth (2007). The Arid Zones. Aldine. ISBN 978-0-202-30928-6. 
  7. Oxfam Cool Planet - the Sahara Arquivado 12 de marzo de 2013 en Wayback Machine.. [Consultado o 3 de agosto de 2013]
  8. "Meteoroloxía /Neve no Sáhara. Jordi Carbó". Arquivado dende o orixinal o 05 de xuño de 2012. Consultado o 31 de xullo de 2013. 
  9. "Seguimiento vía satélite de una columna de polvo sahariano". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2020-07-25. 
  10. Ciesin.columbia.edu (ed.). "Expansion and contraction of the Sahara Desert between 1980 and 1990| Science 253: 299-301". Arquivado dende o orixinal o 22 de xuño de 2010. Consultado o 3 de agosto de 2013. 
  11. News.nationalgeographic.com (ed.). "Sahara Desert Greening Due to Climate Change?". Consultado o 3 de agosto de 2013. 
  12. "Think It's Cold Here? It Snowed On Sahara!". New York Times. Consultado o 3 de agosto de 2013. 
  13. "Snow Falls In The Sahara". The Spokesman-Review: Eastern Washington Edition. 19 de febreiro de 1979. Consultado o 3 de agosto de 2013. 
  14. Messerli, B. (1973). "Problems of Vertical and Horizontal Arrangement in the High Mountains of the Extreme Arid Zone". Arctic and Alpine Research 5 (3): 139–147. Consultado o 3 de agosto de 2013. 
  15. Kendrew, Wilfrid George. The Climates of the Continents. Oxford: The Clarendon press. p. 27. ISBN 9781406781724. 
  16. White, Kevin; David J. Mattingly (2006). "Ancient Lakes of the Sahara". American Scientist 94: 58–65. 
  17. Christopher Ehret. The Civilizations of Africa. University Press of Virginia, 2002.
  18. Claussen, Martin; Kubatzki, Claudia; Brovkin, Victor; Ganopolski, Andrey; Hoelzmann, Philipp; Pachur, Hans-Joachim (1999-07-15). "Simulation of an abrupt change in Saharan vegetation in the Mid-Holocene". Geophysical Research Letters (en inglés) 26 (14): 2037–2040. doi:10.1029/1999GL900494. Arquivado dende o orixinal o 13 de abril de 2020. Consultado o 21 de marzo de 2019. 
  19. Sahara's Abrupt Desertification Started by Changes in Earth's Orbit, Accelerated by Atmospheric and Vegetation Feedbacks, Science Daily, Science News, 12 de xullo de 1999.
  20. Kröpelin, S; Verschuren, Dirk; Lezine, Anne-Marie; Eggermont, Hilde; Cocquyt, Christine; Francus, Pierre; Cazet, Jean-Pierre; Fagot, Maureen; Rumes, Bob (2008-06-01). "Climate-Driven Ecosystem Succession in the Sahara: The Past 6000 Years". Science (New York, N.Y.) 320: 765–8. doi:10.1126/science.1154913. 
  21. BBC News (ed.). "Rare cheetah captured on camera". Consultado o 31 de xullo de 2013. 
  22. "The IUCN Red List of Threatened Species: Acinonyx jubatus ssp. hecki". Consultado o 31 de xullo de 2013. 
  23. McNutt, Tico. "Lycaon pictus". Consultado o 31 de xullo de 2013. 
  24. "Desert-Adapted Crocs Found in Africa", National Geographic News, 18 de xuño de 2002
  25. Anth.ucsb.edu (ed.). "History of Nubia". Consultado o 2 de agosto de 2013. 
  26. PlanetQuest: The History of Astronomy - Consultado o 2 de agosto de 2013
  27. Late Neolithic megalithic structures at Nabta Playa Arquivado 13 de febreiro de 2008 en Wayback Machine. de Fred Wendorf (1998).
  28. Fayum, Qarunian (Fayum B, about 6000–5000 BC?), Digital Egypt.
  29. Keys, David. 2004. Kingdom of the Sands. Archaeology. Volume 57 Number 2, marzo/abril de 2004. Abstract. Consultado o 13 de marzo de 2006.
  30. Mattingly et al. 2003. Archaeology of Fazzan, Volume 1
  31. Fage, J.D. A History of Africa. Routledge, 4th edition, 2001. páx. 256

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]