Saltar ao contido

Bartolomé Esteban Murillo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Murillo»)
Modelo:BiografíaBartolomé Esteban Murillo

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacementodecembro de 1617 Editar o valor en Wikidata
Sevilla, España Editar o valor en Wikidata
Morte3 de abril de 1682 Editar o valor en Wikidata (64 anos)
Sevilla, España Editar o valor en Wikidata
Causa da mortecaída de altura Editar o valor en Wikidata
RelixiónIgrexa católica Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoPintura Editar o valor en Wikidata
Lugar de traballo Sevilla
Cádiz
Madrid Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpintor Editar o valor en Wikidata
Xénero artísticoPintura relixiosa e pintura de xénero Editar o valor en Wikidata
MovementoPintura do Barroco Editar o valor en Wikidata
ProfesoresJuan del Castillo (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
AlumnosPedro Núñez de Villavicencio e Fernando Márquez Joya (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Influencias
Familia
CónxuxeBeatriz Cabrera y Villalobos Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteSvensk Uppslagsbok (pt) Traducir
Biblioteca dixital BEIC
Obálky knih, Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1006721 Musicbrainz: 19e59830-1707-4b1c-bb95-a59d69813136 Discogs: 2263492 Find a Grave: 7339005 Editar o valor en Wikidata

Bartolomé Esteban Murillo, nado en Sevilla o 31 de decembro de 1617 e finado na mesma cidade o 3 de abril de 1682 foi un pintor andaluz do Século de Ouro da pintura española.

Moi aprezado na súa época, con gran número de imitadores, Murillo foi esquecido durante séculos, considerado como un pintor amaneirado e melífluo. Porén, foi estimado polos savants británicos, e a mediados do século XX, Murillo regresou como un pintor de primeira categoría. Topicamente foi denominado o Rafael español.

Biografía

[editar | editar a fonte]
O esmoleiro, de Murillo, c. 1645. A cómoda posición da Monarquía Católica da España do Antigo Réxime, recibindo inmensas rendas de América que gasta nas guerras de Europa e nos luxos da corte, lonxe de buscar a modernización e o cambio social, valora a pobreza pola súa positiva dimensión teolóxica.

Bartolomé Esteban Murillo era fillo de Gaspar Esteban e María Pérez, persoas de acomodada posición[1]. Seu pai era un físico-barbeiro. Orfo desde pícaro, educado pola súa irmá, en 1619, Murillo entrou como aprendiz no obradoiro do pintor Juan del Castillo, co que tiña certo parentesco. Segundo o pintor e tratadista Antonio Palomino, Murillo efectuou unha viaxe a Madrid. Debeu ser moi curta, pois unha estadía maior por forza tería deixado trazas. Cóidase que a viaxe tería lugar ora antes de 1645, ora no período 1648-1650, etapa da que se carece de referencias súas en Sevilla. Outras fontes, falan tamén de que tería realizado unha viaxe a Italia. Mais como no caso anterior, todo está envolto en nebulosidades. Sábese, porén, con seguranza, que estivo na corte en 1658.

En 1645 casou con Beatriz Cabrera. O matrimonio tivo trece fillos, varios dos cales serviron a Igrexa. O pintor era confrade da Irmandade do Rosario na súa freguesía da Magdalena, unha confraría relixiosa e membro do gremio de pintores de San Lucas.

Xa arredor de 1800, Francisco Ceán Bermúdez distinguiu tres etapas estilísticas na produción murillesca: fría, cálida e vaporosa.

Sagrada Familia do paxariño, 1645-50, Museo do Prado.

Primeiro período

[editar | editar a fonte]

Viaxase ou non fóra de Sevilla, aínda que xa traballaba como pintor independente desde 1639, Murillo revélase como artista desde 1645. Nese ano recibe un encargo de once lenzos para o Claustro Chico do convento dos frades franciscanos da súa cidade natal. Murillo presenta figuras sagradas notabelmente humanizadas, con cores tostadas. A esa serie pertencen "A cociña dos anxos" (M. Louvre) ou "Morte de santa Clara" (M. Dresde).

Pola mesma época pinta a "Fuxida para Exipto" (M. Xénova, 1648) ; a "Sagrada Familia do paxariño" (M. Prado, 1645-50), reprducidísima en estampas populares, como trasunto modélico da familia cristiá, e portadora dos mellores valores da propaganda contrarreformista; a "Adoración dos pastores" (M. Prado). Neles, Murillo transforma a escenas sagradas en escenas da vida decote, ao igual que fixera Velázquez coas historias mitolóxicas, rebaixándoas ao nivel humano do espectador e fiel. Nesa primeira etapa inflúen no pintor os mestres italianos, comprendéndose aquí o mesmo José de RIbera, e, entre os españois, Alonso Cano, e, sobre todo, Francisco de Zurbarán (1598-1664), un extremeño asentado en Sevilla desde 1630, a petición do propio concello hispalense. Parte desa influencia tradúcese en cadros tenebristas.

Segundo período

[editar | editar a fonte]

A partir de mediados da década de 1650, a paleta de Murillo muda, as cores son máis ricas e os matices máis sutís. Dedica tamén atención ás paisaxes de fondo. Os expertos atribúen a influxo flamengo o cambio, especialmente ao Anton van Dyck da primeira época, e algo menos a Rubens. Desa etapa son a "Virxe con Neno en brazos" (Galería Pitti, 1650-60), "Santos Isidro e Leandro" (Cat. Sevilla, 16555-56 "Visión de santo Antonio" (Cat. Sevilla, 1655-56). Recibe os encargos de grandes series para os conventos sevillanos de santo Agostiño (ca. 1664), de Santa María a Branca (1665) e dos Capuchinos (1665-70).

A influencia dos flamengos traslúcese tamén nos seus retratos, faceta na que traballou menos, quizais por falla de comitentes, porén deben destacárense "O cóengo Miranda" (Col. Alba), "Cabaleiro con gola" (M. Prado") ou o propio autorretrato do pintor (National Gal., Londres, ca. 1672).

Nesta época, Murillo cofunda a Academia de Pintura de Sevilla en 1660, da que foi o primeiro director, xunto con Francisco de Herrera o Mozo, e traba trato con Juan de Valdés Leal, asentado na cidade desde 1656, aínda que o último é de trato áspero. En 1663, faleceu a súa dona.

Rapaces comendo pasteis, 1665-75, Alte Pinakothek, Múnic

Terceiro período

[editar | editar a fonte]

En 1670, Murillo e Valdés Leal son contratados para decorar o Hospital da Caridade, que reformara un arrepeso don Miguel de Mañara, ao que aínda Murillo dera clases de debuxo en 1643[2]. Murillo realiza unha serie de lenzos, nos que so o seu título se esconde un programa sobre as obras de misericordia, todo un tratado sobre a teoloxía tridentina e o Sermón da Montaña. A esa colección pertencen: "Multiplicación dos pans e dos peixes" "Santa Isabel de Portugal tratando os doentes"[3], "Moisés facendo xurdir auga da rocha" ou "San Xoán de Deus con o pobre". Estas obras supoñen a súa culminación artística.

Por estes anos, o pintor dedica a súa atención a infancia, a través de pinturas de nenos, preséntanos a Xesús e o Bautista na súa nenez. Son obras que cimentaron a popularidade de Murillo entre as masas. Unha serie pertence ao Museo do Prado: "Xesús e Xoán Bautista nenos" (1670), "O Divino Pastor".

Murillo non creou o tema da Inmaculada Concepción. Pictoricamente existen fermosas realización de José de Ribera ou Zurbarán, pero tamén era cultivado pola imaxinería (Gregorio Fernández, Alonso Cano), mais Murillo levouno a perfección. Nel, como se ten dito, o pintor glorifica a muller e, aínda repitindo tema, atopa sempre unha nota distintiva[4]. Son numerosas as teas. A máis famosa talvez sexa a "Inmaculada Soult" (1678), que levada polo mariscal Soult para Francia do sevillano convento das Venerables, acabou, devolta, no Museo do Prado, que posúe outras dúas.

Inmaculada Soult, 1678, Museo do Prado

Últimos anos

[editar | editar a fonte]

Nos últimos anos, Murillo tórnase o pintor da vida cotiá. A atención segue a ser a infancia, mais son agora, especialmente, pícaros, moinantes e mendigos, de ambos os dous sexos. Son temas que xa apareceran na súa paleta con anterioridade: o "Mozo mendigo", un pícaro catándose as pulgas, do Museo do Louvre, ou os "Rapaces comendo uvas e melón" (Alte Pinakothek, Múnic), datan de 1645-55. Hai quen o pon en relación coa epidemia de peste que bateu Sevilla en 1649. Agora torna ao tema, e faino con outra perspectiva, xa non hai tristeza, senón que trata o tema cunha dozura e amabilidade, que preludian o rococó. Son cadros como "Nenos xogando aos dados" (Viena), "A florista" (Dulwich Gal., Londres), "Nenos comendo melón" (Alte Pinacothek, Múnic), "Rapaz debruzado nun balcón" (National Gal., Londres), "A pequena froiteira" (Alte Pinacothek, Múnic). Veladamente trata un tema erótico co cadro "Mozas asomadas nunha xanela" (Nat. Gal. Washington, 1665-75), que tamén foi denominado "As galegas".

En 1681 Murillo mudouse a Cádiz para executar un retablo na igrexa dos Capuchinos daquela cidade. Traballando nunha estada, caeu e mancouse gravemente. Trasladado para Sevilla, faleceu o 3 de agosto de 1682, foi sepultado na desaparecida igrexa da Santa Cruz, xusto embaixo do "Descendemento" (1547) do flamengo Pedro de Campaña, o pintor que máis admiraba[5].

Discípulos

[editar | editar a fonte]
A galega da moeda, obra de Murillo ou anónima atribuíble a un dos seus seguidores (Museo do Prado).[6]

Aínda que Murillo tivo moitísimos admiradores, até o punto de que os pintores sevillanos posteriores fosen denominados "escola de Murillo", os seus discípulos recoñecidos son menos. Cómpre sinalar a Pedro Núñez de Villavicencio e a Cornelio Schut, entre os que mellor asimilaron a súa técnica.

  1. A. de la Banda, Murillo, in Gran Enciclopedia Rialp. Madrid. 1973, t. 16, s.v.
  2. Para este e outros aspectos da intervención de Murillo, cfr. Luís de Moura Sobral, Juan de Valdés Leal, pintor de Vanitas, in rev. Colóquio: Artes. Lisboa. 1977, páxs 43-57
  3. É corrente indicar a santa como sta. Isabel de Hungría, porén, razoadamente en contra, e defendendo que é sta. Isabel de Portugal, cfr. Julián Gállego, Visión y símbolos en la pintura española del Siglo de Oro. Madrid. Aguilar. 1972, páx. 199, nota 45
  4. Enrique Lafuente Ferrari, Historia de la Pintura española. Estella. Salvat-Alianza. 1971, páx. 74 infra
  5. Ernesto B. Rodríguez, in Rafael Causa & Ernesto B. Rodríguez, Murillo, Buenos Aires. Ed. Codex. 1964, sen paxinación
  6. "La gallega de la moneda". Museo del Prado (Museodelprado.es).

Selección de obras

[editar | editar a fonte]