Saltar ao contido

María Antonina Sanjurjo Aranaz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaMaría Antonina Sanjurjo Aranaz

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento6 de xullo de 1910 Editar o valor en Wikidata
Santiago de Compostela, España Editar o valor en Wikidata
Morte31 de outubro de 1939 Editar o valor en Wikidata (29 anos)
Vigo, España Editar o valor en Wikidata
Causa da mortetuberculose Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónxogadora de hóckey Editar o valor en Wikidata
Deportehóckey sobre herba Editar o valor en Wikidata
Familia
PaiManuel Sanjurjo Otero Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteÁlbum de Mulleres Editar o valor en Wikidata

María Antonina Sanjurjo Aranaz, nada en Santiago de Compostela o 6 de xullo de 1910 e finada en Vigo o 31 de outubro de 1939, foi unha pioneira do deporte galego, xogadora de hóckey sobre herba, fundadora en 1932 do Atlántida Hockey Club de Vigo e considerada “nai” do hóckey sobre herba en Galicia.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

A familia Sanjurjo

[editar | editar a fonte]

A familia Sanjurjo era coñecida en Vigo. O avó de Antonina, Antonio Sanjurjo Badía, foi un empresario establecido en Vigo, inventor do primeiro submarino galego, que tamén participou na política local. Antonio Sanjurjo tivo dúas fillas (Ramona e Carmen) e tres fillos (Antonio, Manuel e Fernando). Antonio, enxeñeiro naval fíxose cargo das empresas Sanjurjo en Vigo e Manuel (o pai de Antonina) encargouse da empresa de autobuses A Rexional, fundada polo seu pai e radicada en Santiago de Compostela. Manuel Sanjurjo casou e trasladouse a Santiago de Compostela. Cando uns anos despois morreu o seu irmán Antonio, vendeu A Rexional e regresou a Vigo coa súa familia para facerse cargo das empresas do seu pai.[1]

Antonina, filla de Manuel Sanjurjo Otero e María Aranaz Elices foi a segunda de trece irmáns (Manuel, María Antonina, Concepción, María del Carmen, Ramona, Teresa, Filomena, Margarita, Fernando, María Milagros, María Jesús, María Pilar e Dolores) e Vigo foi a cidade onde medrou.[1][2]

Cando residía nos Estados Unidos, onde viaxou para ampliar os seus estudos, enfermou de tuberculose, véndose na obriga de regresar a Vigo, onde morreu o 31 de outubro de 1939 aos vinte e nove anos.[3][4]

Formación académica e carreira profesional

[editar | editar a fonte]

María Antonina estudou Peritaxe Mercantil en Vigo, obtendo o título na Escola Profesional de Comercio en 1929. En 1930 titulouse como profesora mercantil na escola de Altos Estudos Mercantís da Coruña. Posteriormente marchou a Madrid para continuar os seus estudos e no curso 1931-1932 instalouse na Residencia de Señoritas. Matriculouse na Facultade de Dereito da Universidade Central e na Escola de Altos Estudos Mercantís de Madrid, cursando varias materias de Dereito e graduándose na especialidade Actuarial. Xa de volta en Vigo, durante o curso 1932-1933 exerceu como profesora axudante da Cátedra de Xeografía na Escola Profesional de Comercio de Vigo.[4][5]

Grazas á súa vinculación coa Residencia de Señoritas, que mantivo unha estreita relación con universidades americanas, o curso 1934-1935 María Antonina recibiu unha bolsa de estudos para o Smith College de Northampton (Massachusetts, Estados Unidos), pensionada pola Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas.[4][6]

No curso seguinte, 1935-1936, obtivo unha bolsa na Clark University, onde estudou Xeografía e obtivo o título de "máster". Mentres realizaba a súa tese, durante os cursos 1936 e 1938 traballou de instrutora no New Jersey College for Women, onde lograra a cátedra de español. En 1938 doutorouse coa investigación An Approach To The Colonial Evaluation Of The French West Indies And French Guiana, no departamento de Xeografía da Universidade de Clark.[3][4]

María Antonina Sanjurjo deixou constancia da súa experiencia nos Estados Unidos nun artigo publicado no Faro de Vigo titulado "Las Universidades norteamericanas. Crónica de una señorita viguesa" (Faro de Vigo, 11 de marzo de 1935).[7]

Compromiso político

[editar | editar a fonte]

O seu compromiso con Galicia levouna a asinar un manifesto de mulleres universitarias solicitando o voto para o Partido Galeguista[2]. A nota de prensa publicada no Faro de Vigo o 27 de xuño de 1931 co título Un manifiesto de las mujeres universitarias solicitaba o voto para a candidatura galeguista, porque, entre outros motivos, argumentaba: "(...) é no Estatuto Galego que estes tres deputados defenderán no Parlamento onde por vez primeira a muller é colocada en igual plano que o home en orde a privilexios e dereitos". Nesta nota tamén deixábase ver o apoio ao voto feminino. No ano 1933 María Antonina afiliouse ao Partido Galeguista, actuando como bibliotecaria do grupo de Vigo.[5]

O Atlántida Hockey Club

[editar | editar a fonte]

Na Residencia de Señoritas, que promocionaba a práctica do deporte entre as mulleres, María Antonina coñeceu o hóchey sobre herba e así comezou a compaxinar a súa formación académica coa súa paixón polo deporte. No verán de 1932 creou en Vigo o Atlántida Hockey Club, un equipo no que participaron xogadoras da cidade e arredores[8] e no que tamén colaboraron as súas irmás Carmela e Tere. Este equipo foi un dos mellores de Galicia e bateu dúas veces ao Campión de España, o "Club de Campo" de Madrid.[9]

As xogadoras dos primeiros anos que apareceron na prensa foron: Margarita Alonso, María Antonina Sanjurjo, Gloria López, María Teresa Casabuena, Rosita Canellas, Lolita Santoro, Gloria Tapias, Tata Morais, Quinocha de Haz, Luz Vizcaíno, Carmela Sanjurjo (capitá), Margarita Tapias, Teresa Jáudenes, Minucha Tapias, Margarita Pardo, Nini Pérez Riveiro, Chicha Aymeric e Tere Sanjurjo.[5]

En 1933 Antonina foi nomeada tesoureira da xunta directiva da acabada de crear Federación de Hóckey de Galicia e nas seguintes eleccións foi nomeada Presidenta de Honra polo seu labor de "incansable propagandista do deporte do stick", como recolle a prensa da época (El Pueblo Gallego, 25 de novembro de 1933)[4]

Ese mesmo ano, Sanjurjo pronunciou unha histórica conferencia, organizada polos "Amigos del Arte", defendendo a práctica deportiva por parte das mulleres, na que sinalou:[5]

"Na participación dos deportes desaparecen moitos prexuízos sociais. Non hai cursis nin elegantes, nin aristócratas ni plebeos, senón simplemente educación e bos ou malos deportistas"

Dous días despois da súa morte, El Pueblo Gallego publicou unha nota necrolóxica onde sinalaba "(...) o deporte galego tiña en María Antonina un firme paladín. Ela foi a iniciadora do hóckey en Galicia, que soubo conducir ata as máis altas esferas"[4]

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]
  • A novela Amor de tango de María Xosé Queizán (Edicións Xerais de Galicia, 1992) inclúe a María Antonina Sanjurjo nun fragmento do texto (p. 100-101).[10]
  • En 2010, O Consello da Muller de Vigo propuxo vinte e sete nomes de mulleres con influencia en diferentes ámbitos da vida viguesa para incluír na historia de Vigo. Entre elas figura María Antonina Sanjurjo Aranaz, como "motor fundamental para que as mulleres de Vigo se adiantaran a todas as de Galicia e tamén aos homes na práctica do hockey sobre herba"[11]
  1. 1,0 1,1 "Ramona Sanjurjo Aranaz y los inicios del Opus Dei en Vigo. Un mar sin orillas" (en castelán). Consultado o 2021-01-04. 
  2. 2,0 2,1 Rodríguez Rodríguez, Anaír. Pioneiras 2 : galegas que abriron camiño (1ª edición: febreiro de 2019 ed.). Vigo. ISBN 978-84-9121-464-9. OCLC 1135271442. 
  3. 3,0 3,1 López Villar, Cristina. "María Antonina Sanjurjo". Álbum de Galicia. CCG. Consultado o 2021-01-04. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Marco, Aurora Marco López (D.L. 2015). Elas. A Coruña: A Xanela. ISBN 978-84-944734-0-1. OCLC 948795561. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 López Villar, Cristina,. Pioneiras do deporte en Galicia. A Coruña. ISBN 978-84-9812-313-5. OCLC 1055237171. 
  6. Vázquez Ramil, Raquel. (D.L. 2012). Mujeres y educación en la España contemporánea : la Institución Libre de Enseñanza y la Residencia de Señoritas de Madrid. Tres Cantos, Madrid: Akal. ISBN 978-84-460-3642-5. 
  7. "María Antonina  Sanjurjo Aranaz". Álbum de Mulleres. CCG. Consultado o 2021-01-10. 
  8. "Historia de las pioneras del deporte gallego". abc (en castelán). 2018-03-19. Consultado o 2021-01-10. 
  9. Marco, Aurora. (2007). Dicionario de mulleres galegas : [das orixes a 1975]. [Vigo]: A Nosa Terra. ISBN 978-84-8341-146-9. OCLC 803920844. 
  10. "María Antonina  Sanjurjo Aranaz". Álbum de Mulleres. CCG. Consultado o 2021-01-10. 
  11. "El Consello da Muller propone a 27 mujeres para incluir en la historia de Vigo". La Voz de Galicia (en castelán). 2010-12-21. Consultado o 2021-01-10. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]