Lenda da muller cerva
A lenda da muller cerva, tamén coñecida como a lenda da corza branca, localízase no concello lucense de Cervantes pero ten paralelos noutras linguas.
A lenda foi recollida por Manuel Murguía xa en 1885[1] aínda que obvia o detalle da cor branca característica desta cerva. O antropólogo Manuel Amor Meilán ampliou os detalles da lenda en 1928[2]. Forma parte da colección de Lendas tradicionais galegas[3] de Carré Alvarellos baixo o nome de A doncela cerva.
Lenda
[editar | editar a fonte]Conta a lenda que no castelo de Doiras, un lugar da parroquia de Vilarello vivía o señor de Froias (ou Froiaz, ou Froyás) e os seus dous fillos: Aldara e Egas, mentres que nun castelo veciño vivía outro nobre chamado Aras, que estaba namorado de Aldara e ía casar con ela, enlace no que concordaban os pais de ámbolos dous mozos. Pero un día Aldara desapareceu e ninguén foi quen de atopala, por moito que o pai, o irmán e o noivo, xunto a tódolos servidores do castelo, a buscaran por canto sitio hai. Nunca máis se soubo nada de Aldara e deuse por feito que sairía soa do castelo e que sería atacada e comesta polos osos, os lobos ou os xabarís.
Pasaron os anos e a lembranza da doncela foise esvaecendo da memoria de todos. Ata que un día Egas saíu de cacería e atopouse nun claro cunha fermosa cerva branca. Armou rapidamente a súa bésta e cun certeiro disparo abateu o animal. Como non podía cargar el só coa peza, decideu cortarlle unha das pata dianteiras e regresou ó castelo co trofeo no zurrón, tras memorizar o lugar para volver con algúns criados que lle axudaran a cargar co animal.
Cando chegou ó castelo quixo mostrar a peza ó pai, cheo de orgullo, e abreu o saco no que a traía, pero todos observaron, aterrorizados, que o que saco contiña era un brazo humano, rematado nunha man branca e delicada. O terror aumentou cando comprobaron que a man locía un anel que axiña recoñeceron como pertencente á irmá desaparecida, Aldara. Loxicamente, acodiron todos inmediatamente ó lugar onde Egas deixara o resto do corpo da cerva, pero o que atoparon foi o cadáver de Aldara, co seu vestido branco, atravesado pola seta do seu irmán, comprobando que lle faltaba un brazo.
Cabe supor que algunha fada ou mouro lle botara un encanto e a transformou en cerva. Ó morrer, cesou o encantamento e recuperou a forma humana.
Comentarios
[editar | editar a fonte]Cabe destacar a referencia á cor branca da pel do animal na lenda tradicional. Bouza Brey considera que esta cor, inhabitual nos cervos, é de mal agoiro, e lembra que na Limia se aparece un lobo branco sobre un penedo agoirando a morte dalgunha persoa do lugar, ouveando máis forte do normal.[4]
Mariño Ferro interpreta que a lenda reflicte unha relación incestuosa:
"A tradución dos numerosos símbolos que a lenda pon en xogo permiten descubrir que o relato trata dunha relación incestuosa"
Bouza Brey relaciona esta lenda cun romance derivado das lendas artúricas e do que existen variantes castelás. No romance, coñecido pola súa primeira estrofa: "Tres hijuelos había el rey", un dos tres fillos do rei converteuse en cervo de pé branco tras a maldición que botou o pai contra os tres. Un dos cabaleiros da Táboa Redonda, sir Lancelot (ou Lanzarote) foi requirido por unha dama para que, de querer casar con ela, lle dese como dote "aquel cervo de pé branco". Lancelot saíu na súa busca ata que deu cun ermitán, a quen lle preguntou onde podía atopar o tal cervo. Quedou asombrado cando o ermitán lle contou que o cervo estaba protexido por sete leóns (para evitar que o desencantaran) e que xa mataran a sete condes e numerosa cabalaría, advertíndoo de que a muller que lle pediu esta prenda non lle quería dar a vida. Lancelot tomou nota do aviso e decideu non volver onda ela.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ En Galicia 1885, 162, 2.
- ↑ Geografía General del Reino de Galicia, o volume IV, correspondente a Lugo, 1928, pp. 296-297.
- ↑ Publicadas en portugués polo Museo de Etnografía e História de Porto, co título As Lendas tradizonaes galegas e en castelán en 1977.
- ↑ Bouza Brey tamén cita a este respecto a cerva branca de San Nennoch, á que ninguén pode dar caza e que agoira ós maridos que a ven na noite de vodas morrerán esa mesma noite; e o deus brasileiro Anhangá que toma forma de cervo branco e mata os cazadores que dean caza a animais en vías de parto.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- BOUZA-BREY, Fermín: "El tema romancesco del ciervo del pie blanco en la novelística popular gallega", en Cuadernos de Estudios Gallegos fasc. LV, 1963 (tomado de Etnografía y Folklore de Galicia, tomo I, Xerais, Vigo 1982, 241-263).
- CARRÉ ALVARELLOS, Leandro: Las leyendas tradicionales gallegas, Espasa Calpe-Colección Austral, Madrid 1977 (4ª ed, 1983), pp. 119-120.
- MARIÑO FERRO, José Ramón e GONZÁLEZ REBOREDO, Xosé María: Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza, Nigratrea, Vigo 2010, s. v. cervo, 87-88.
- Gran Enciclopedia Galega, Lugo 2003, s. v. Doiras, castelo de.
- Secretos de Galicia' III, La Voz de Galicia 2022, 60-61.