Saltar ao contido

Jorge García Santos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJorge García Santos
Biografía
Nacemento10 de agosto de 1957 Editar o valor en Wikidata
A Coruña, España Editar o valor en Wikidata
Morte15 de decembro de 2020 Editar o valor en Wikidata (63 anos)
Altura1,86 m.
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1975 Editar o valor en Wikidata - 1991 Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoPorteiro
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
  Deportivo da Coruña

Jorge García Santos, nado na Coruña o 10 de agosto de 1957 e finado na mesma cidade o 15 de decembro de 2020,[1] foi un futbolista galego, que xogaba de porteiro. Militou durante toda a súa carreira no Deportivo da Coruña, sendo o segundo gardameta que máis veces vestiu a camiseta do club, 322, só por detrás de Acuña (393).

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Nacido no barrio coruñés de Santa Margarida, comezou a xogar ao fútbol no equipo infantil do San Juan, pasando aos 11 anos ao Calasanz, onde tivo como adestrador ao padre Fidel.[2][1] Aos 14 anos ingresou no equipo xuvenil do Deportivo da Coruña, no que militou durante catro anos. A finais da tempada 1974/75, con 17 anos, comezou a ocupar a portería do Fabril adestrado por Rodrigo, facéndose rapidamente coa titularidade.[3] Xogou no filial durante as seguintes dúas campañas na Serie A, logrando o ascenso a Terceira División na 1976/77.[2][4]

Aínda que xa entrara anteriormente nalgunhas convocatorias, non foi ata a tempada 1977/78 cando subiu definitivamente ao primeiro equipo, trala saída de Ramón Canedo.[2][4] Suplente de Paco Buyo na súa primeira campaña, debutou co equipo na Segunda División o 23 de outubro de 1977, ante o Sabadell, aproveitando que o betanceiro fora convocado pola selección española sub-21.[2] Xogou só tres partidos máis esa tempada, todos eles na Copa do Rei.

Coa marcha de Buyo a Huesca na tempada 1978/79 para realizar o servizo militar, Jorge competiu con Manuel Guerrero polo posto de titular, xogando un total de 21 partidos. O retorno de Buyo na parte final da tempada levouno de novo ao banco, ata que en 1980 o Deportivo descendeu á Segunda División B e Buyo fichou polo Sevilla. Jorge fíxose entón coa titularidade nun equipo que recuperou a categoría inmediatamente, na campaña 1980/81, e continuou como dono indiscutible da portería de Riazor durante os seguintes dous anos en Segunda. Para a tempada 1983/84 o club incorporou a José Luis Montes, que se converteu nunha dura competencia para o gardameta coruñés durante tres anos, ata que este volveu ser indiscutible na 1986/87, xogando 43 partidos.

Entre as tempadas 1987/88 e 1989/90 perdeu protagonismo en favor do nigranés Fernando Iglesias, pero continuou sendo a primeira elección de Arsenio Iglesias para a portería. Na campaña 1990/91 viuse relegado á suplencia coa chegada de Yosu. Participou nos partidos da Copa do Rei e só en dous de liga, competición na que o Deportivo acabou segundo, ascendendo así á Primeira División despois de dúas décadas.

Foi a última tempada como futbolista de Jorge, que se retirou ao remate da mesma, despois de 20 anos na estrutura do Deportivo.[4] Deixou o club como o quinto futbolista con máis partidos oficiais da súa historia (322), sendo na actualidade o 12º, mentres que entre os porteiros só Acuña xogou máis partidos coa camiseta do equipo coruñés (393). É tamén o segundo xogador do Deportivo con máis partidos disputados na Copa do Rei (63), só por detrás de Fran (74).[4]

  1. 1,0 1,1 "Adiós a Jorge García, símbolo ochentero de la portería coruñesa". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de decembro de 2020. Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Jorge entra en juego". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de outubro de 1977. p. 27. 
  3. "Victoria del Fabril en La Estrada por 2-1". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de maio de 1975. p. 35. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 "O porteiro Jorge, un dos poucos 'One Club Man' deportivistas, falece aos 63 anos". Deportivo da Coruña. 15 de decembro de 2020. Consultado o 15 de xaneiro de 2023.