Saltar ao contido

Lingua

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Idioma»)

Unha lingua é un sistema de signos lingüísticos incluíndo tamén sons, acenos e símbolos escritos que permite a comunicación entre os individuos dunha comunidade lingüística. Unha definición lingüística da lingua precisa que é un sistema de signos dobremente articulados, é dicir, que a construción do sentido faise a dous niveis de articulación. Atópase primeiramente o das entidades significantes, morfemas, lexemas, monemas, formando os enunciados, e logo o das unidades distintivas de sentido (os fonemas), formando as unidades significantes. Estes dous niveis de articulación determinan os primeiros niveis da descrición lingüística: fonoloxía, morfoloxía e sintaxe. André Martinet precisa que a orde de descrición é de xeito necesario inversa á orde de percepción ou uso da lingua: a descrición comeza polo segundo nivel de articulación (fonemas) para ir cara ao primeiro (a combinatoria das unidades significantes).

Distínguese en xeral a lingua (sistema de signos) e a linguaxe (facultade humana posta en acción por medio de tal sistema). Distínguese de igual xeito, tras Ferdinand de Saussure, a lingua e a palabra (é dicir, o uso efectivo do sistema da lingua polos locutores).

Niveis e rexistros de lingua

[editar | editar a fonte]

Nunha lingua podemos distinguir

  • Variedades diacrónicas ou históricas, condicionadas polo tempo.
  • Variedades diatópicas: variantes da lingua no espazo (falares ou dialectos xeográficos).
  • Variedades diastráticas: variacións na lingua segundo a clase social (dialectos sociais).
  • Variedades diafásicas: variacións segundo a situación comunicativa do falante (tamén variantes funcionais, estilos de lingua ou rexistros). Os factores que determinan as diferenzas lingüísticas entre os rexistros son basicamente os catro factores que podemos diferenciar nunha situación comunicativa: o tema, a canle, a intención, e o nivel de formalidade.

Conflito lingüístico

[editar | editar a fonte]

Denomínase conflito lingüístico á tensión que se produce entre dúas linguas no interior dun territorio por asumir un maior número de funcións sociais e de falantes. Unha situación de conflito non permanece estable por tempo indefinido, senón que tende a resolverse por unha das seguintes vías:

  • A substitución lingüística. Este proceso consiste no abandono da lingua propia da comunidade e a asimilación á lingua dominante. O proceso conta con tres fases: monolingüismo na lingua propia; bilingüismo social, é dicir, uso diglósico da lingua propia e a lingua importada, tendo esta última os usos máis prestixiosos; por último, abandono da lingua propia, asimilándose completamente á lingua importada.
  • Normalización lingüística. Este proceso consiste na recuperación de usos e funcións sociais para unha lingua que está nunha situación de subordinación. Normalizar consiste en definir e aplicar un conxunto de medidas de tipo político, xurídico, social e lingüístico, que teñen como finalidade a restitución da lingua en todos os ámbitos para que teña un desenvolvemento normal como medio de comunicación dentro da súa propia comunidade de falantes.

Existen casos en que se produce unha simple coexistencia entre dous grupos lingüísticos, polo que non se manifesta o conflito. Isto ocorre cando a desigualdade lingüística vai acompañada dunha estrutura social “pechada”.

A lingua constitúe nesta sociedade un elemento de distinción de clase, un “status simbol”, un indicador simbólico da posición social. Deste xeito os falantes da lingua dominante non teñen ningún problema para desenvolver a súa vida sen necesidade de recorrer á lingua dominada, mentres que os falantes da lingua dominada ven restrinxido o seu desenvolvemento social. Desde a perspectiva dos individuos que queren ascender socialmente a resposta a esta situación é a asimilación, ou sexa a perda da propia identidade cultural e lingüística.

Lingua minoritarias

[editar | editar a fonte]

Lingua minoritaria é aquela lingua que conta cun número reducido de falantes nun determinado territorio. Non confundir con lingua minorizada.

Linguas minorizadas

[editar | editar a fonte]

Lingua minorizada é aquela lingua á que se lle negan as condicións para poder desenvolverse con normalidade. Atópase nunha situación de inferioridade ao ver restrinxidos os seus usos públicos (medios de comunicación, administración de Xustiza, vida comercial, publicidade, ensino, burocracia, liturxia etc.) e privados.

Graos de vitalidade

[editar | editar a fonte]

A vitalidade das linguas minorizadas presenta distintos graos:

  • Linguas en proceso de normalización. Son as que estás a recuperar ámbitos sociais de uso. É o caso do francés no Quebec.
  • Linguas en proceso de substitución. Son as que perden progresivamente ámbitos de uso e falantes. Por esta situación pasa o occitano en Francia ou a maioría das linguas aborixes en Australia.
  • Linguas extinguidas. Son as que non teñen uso e que non contan con falantes con competencia lingüística nelas. Neste caso están o dálmata ou o hitita.
  • Pódese contemplar outro tipo de linguas minorizadas. Son as que están vivindo simultaneamente procesos de normalización e substitución, isto é, gañan ámbitos de uso nunca antes desenvolvidos, mais perden falantes e debilítase o seu uso en contextos que lles foron exclusivos. Tal é o caso do galego.

Tipos de linguas minorizadas

[editar | editar a fonte]

Se temos en conta o status atopamos tres tipos de linguas minorizadas ou non normalizadas:

O 26 de setembro celébrase o Día Europeo das Linguas, celebración organizada pola Unión Europea desde o 2001 co obxectivo de poñer en valor a diversidade lingüística da UE e promover a aprendizaxe de idiomas entre os cidadáns europeos [1] [2].

Linguas oficiais, nacionais e internacionais

[editar | editar a fonte]

O termo lingua oficial indica o status de determinada lingua como instrumento de relación entre o estado e os seus cidadáns. O status de oficial non é inamovible, xa que está exposto a flutuacións segundo varíen as circunstancias sociopolíticas.

Lingua nacional é aquela usada e creada por un pobo ao longo da súa historia. Non hai relación unívoca entre as dúas categorías, xa que a lingua oficial non sempre é a nacional (como ocorre co francés no Líbano), e a lingua nacional non sempre é a oficial (o romanche en Suíza).

As necesidades de comunicación entre individuos de linguas nacionais distintas provocaron ao longo do tempo que certas modalidades lingüísticas alcanzasen o estado de linguas internacionais. Son aquelas aprendidas como segundas linguas por un amplo número de persoas que as utilizan ao se dirixiren a falantes doutros territorios lingüísticos. Entre outras, alcanzaron o status de linguas internacionais o latín desde a Antigüidade ata a Idade Media, o francés no século XVIII e o inglés a partir do século XIX. A internacionalidade dunha lingua é en certa maneira independente do volume total demográfico de individuos que a usan como primeira lingua e ten máis que ver co poder político e económico do Estado que a sustenta. Así, a lingua demograficamente máis importante do mundo, o chinés mandarín, ten polo de agora pouco valor como lingua internacional.

Outras modalidades lingüísticas creadas de maneira máis ou menos planificada para serviren de medio de comunicación a persoas de comunidades lingüísticas distintas son:

  • Os sabires. Trátase de falares mixtos formados con elementos procedentes de varias linguas nacionais e utilizados en contextos comuncacionais moi limitados. É o que ocorre coa lingua dos comerciantes nas costas de África oriental, mestura de árabe e francés, ou co portuñol, mestura do portugués e español nas áreas fronteirizas do Brasil.
  • Os pidgin. Trátase de variedades do sabir máis elaboradas, con total coherencia gramatical e usada en calquera contexto comunicacional.
  • Os crioulos. Denominación que recibe un pidgin cando se converte en lingua principal dunha colectividade e incluso soporte dunha cultura escrita. Así ocorreu co crioulo das Antillas (mestura do francés e linguas africanas) e co crioulo de Cabo Verde (cruzamento dos falares nativos co portugués).
  • As linguas artificiais. Creacións de laboratorio realizadas por lingüistas como propostas de lingua universal para substituír as linguas nacionais. Entre as múltiples linguas artificiais aparecidas desde o século XIX destaca, pola difusión alcanzada, o esperanto.
  1. "O galego súmase á celebración do Día Europeo das Linguas", en La Voz de Galicia 26.09.2015.
  2. "Celebra connosco o Día Europeo das Linguas!". Consultado o 2022-11-20. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]