Saltar ao contido

GP2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «GP2 Series»)
Logotipo da competición GP2 Series

GP2 Series (GP2, para abreviar) é unha competición automobilística creada en 2005 para substituír o ata entón "trampolín" da Fórmula 1, a Fórmula 3000. Deseñada para facer carreiras igualadas entre os equipos e un adestramento ideal para a vida na Fórmula 1, a GP2 obriga os equipos a usar o mesmo chasis, o mesmo motor e os mesmos pneumáticos, para que se demostre a habilidade do piloto.

O monopraza

[editar | editar a fonte]
Christian Bakkerud na tempada 2008, no circuíto de Bahrain

Todos os equipos usan o mesmo monopraza, cun chasis de Dallara empuxado por un motor V8 de Renault e pneumáticos Bridgestone.

A especificación de 2006 do chasis do coche de GP2 foi deseñada por Dallara. O coche de GP2 de 2006 leva un alerón traseiro biplano, aínda que se usou o triplano de 2005 na carreira de Mónaco. Reforzáronse as pinzas superior e inferior, como as suspensións verticais dianteira e traseira.

O motor V8 de catro litros levaba melloras cartográficas e de software deseñadas para mellorar o rendemento de consumo de combustible. Os motores producían en torno a 580 CV.

A caixa de cambios foi manufacturada por GearTek e ten unha bóveda de oito posicións con corpo de trinquete e actualizacións do software, do mesmo xeito que un novo eixo transversak que fixa o sistema deseñado para mellorar o cambio de marchas.

Bridgestone é o único subministrador de pneumáticos para GP2 e son do tipo Bridgestone Potenza. Na tempada 2005, estaban estriados, pero na tempada 2006, cambiáronse polos pneumáticos lisos ou "slick".

Bridgestone fornece tres compostos para as carreiras en seco (brando, medio e duro) e unha especificación de mollado. A elección dos pneumáticos de carreira é unha decisión mutua entre o fabricante e os organizadores da GP2 antes de cada evento.

Brembo fornece un novo desenvolvemento de freos monobloque calibrados de disco que son exclusivos da GP2.

O coche tamén leva melloras de refrixeración, un novo radiador da auga, un radiador de condutos, un intercambiador de calor aceite/auga (intercooler), un degazer modificado do aceite, novos condutos de auga e aceite e un novo intercambiador de calor para os freos.

Rendemento

[editar | editar a fonte]

De acordo coas investigacións e os test de pretempada, o modelo de 2005 podía ir de 0 a 200 km/h en 6,7 segundos. O coche ten unha velocidade máxima de 320 km/h, o que significa que non é o coche máis rápido de carreiras, non máis rápido que os modelos de Fórmula 1, Champ Car World Series e Indy Car. Predíxose que os coches serían, e son, 10 segundos máis lentos que os de Fórmula 1.

Fin de semana

[editar | editar a fonte]
Marcus Ericcson, gañador de GP2 en Spa na tempada de 2012

O venres teñen 30 minutos de adestramentos libres e outros 30 minutos de clasificación. A sesión de clasificación decide a orde da grella para a carreira do sábado, que ten unha lonxitude de 180 quilómetros.

Durante a carreira do sábado, cada piloto ten que realizar polo menos unha parada en boxes e cambiar como mínimo dous pneumáticos.

O domingo (excepto en Mónaco) é un "sprint" de 120 quilómetros. A grella decídese co resultado do sábado, invertendo as primeiras oito posicións; xa que logo, o piloto que gañase a carreira sae na oitava posición, e quen quedase oitavo, sairía na pole.

Sistema de puntuación

[editar | editar a fonte]
  • Pole para as carreiras do sábado: 2 puntos
  • Carreira do sábado: 10-8-6-5-4-3-2-1 puntos para os oito primeiros.
  • Carreira do domingo: 6-5-4-3-2-1 puntos para os seis primeiros.
  • Volta rápida: 1 punto en cada carreira (2 na tempada 2005). O piloto que obteña a volta rápida debe percorrer polo menos o 90 % das voltas de carreira.

A tempada 2005 de GP2 Series foi a primeira da categoría, sucedendo a extinta Fórmula 3000. Arden International gañou o último título de F3000 e empezou a nova categoría como un dos favoritos.

A tempada 2005 empezou o 23 de abril na fin de semana do Gran Premio de San Marino no Circuíto de Imola en Imola, Italia. Os test de pretempada serviron para decidir os números inaugurais dos coches, os equipos iSport International e HiTech Racing demostraron ser os máis competitivos. Hitech fundouno o campión do mundo de Fórmula 1 Nelson Piquet para axudar o seu fillo no camiño cara á Fórmula 1.

O campionato durou 23 carreiras, dúas carreiras en cada fin de semana excepto no Gran Premio de Mónaco que se só disputou unha. O campionato gañouno o alemán Nico Rosberg, que foi fichado polo equipo WilliamsF1 para a seguinte tempada.

Despois de que o anterior campión se fose ao equipo Williams de F1 e o segundo, Heikki Kovalainen, marchase como probador ao equipo Renault F1, Nelson Piquet Jr., co equipo Piquet Sports, era o máximo favorito ao título. Os coches do equipo ART Grand Prix de Alexandre Prémat e Lewis Hamilton tamén partían con boas opcións, xa que ART era o campión vixente.

Por primeira vez, a tempada empezou cun calendario separado do calendario da Tempada 2006 de Fórmula 1. Empezou no Circuíto Ricardo Tormo de Cheste (Comunidade Valenciana) o 8 de abril, e gañou a carreira Piquet Jr.

Piquet tomou unha primeira vantaxe, antes de que Lewis Hamilton fose na súa procura. Logo dun campionato trepidante durante 20 carreiras, Hamilton proclamouse campión na penúltima carreira no Autodromo Nazionale Monza en Monza (Italia) e celebrouno cunha segunda praza na 21ª e última proba.

A tempada 2007 de GP2 Series comezou no Circuíto Internacional de Bahrain o 13 de abril e terminou no Circuíto Ricardo Tormo o 30 de setembro. Houbo 11 grandes premios e 21 carreiras (11 longas e 10 curtas). Gañou este campionato o alemán Timo Glock, seguido de preto por Lucas di Grassi. O campionato decidiuse na derradeira rolda, na que Glock se proclamou campión nunha nefasta fin de semana para di Grassi. O campionato de equipos foi para iSport International.

Luca Filippi na competición de 2008, no circuíto de Valencia

A tempada 2008 de GP2 Series comezou no Circuíto de Cataluña o 26 de abril e rematou no Autodromo Nazionale Monza de Monza (Italia) o 14 de setembro. Houbo 10 datas e 20 carreiras (10 longas e 10 curtas). O gañador desta tempada foi Giorgio Pantano, que gañou unha tempada marcada pola igualdade dos pilotos punteiros, xa que os cinco primeiros pilotos da clasificación estaban só en 15 puntos de diferenza; concretamente, o 2º e o 5º da clasificación separábanse só catro puntos. Algo parecido pasou no campionato de equipos, que foi para Barwa Campos Team con oito puntos sobre iSport International e 11 puntos sobre Piquet Sports.

A tempada 2009 de GP2 Series foi a quinta edición da competición principal de GP2. O gañador desta tempada foi Nico Hulkenberg, dominador a partir da metade da competición. A 25 puntos terminou Vitaly Petrov, cunha destacada actuación de Romain Grosjean, que quedou cuarto malia non disputar a metade da tempada ao irse á Fórmula 1.

Na tempada 2010 de GP2 Series resultou gañador Pastor Maldonado, quen marcou ese ano o récord de maior número de vitorias nunha mesma tempada con seis, superando pilotos como Lewis Hamilton, Giorgio Pantano, Nico Rosberg, Timo Glock e Nico Hülkenberg, que estiveron só un ano nesta categoría. Pastor Maldonado coroouse campión de GP2 Series, logo de tres anos nos que os seus resultados non foron nada bos, no Circuíto de Monza, faltando dúas datas para finalizar a tempada. O mexicano Sergio Pérez foi subcampión.

Na grella da tempada 2011 de GP2 Series cómpre salientar pilotos como Romain Grosjean, Giedo van der Garde e Jules Bianchi. Despois dun ciclo de tres anos, nesta tempada introduciuse un novo chasis, o Dallara GP2/11, fabricado polo construtor italiano Dallara.​ o subministrador do campionato pasa de Bridgestone a Pirelli para o período 2011-2013,​ usando os mesmos pneumáticos que a Fórmula 1.​ Esta tempada tamén viu dous novos equipos: Carlin e Team Air Asia.​ O 27 de agosto de 2011, Romain Grosjean convertíase en matematicamente campión da GP2 2011 cando aínda faltaban tres carreiras puntuables, cun terceiro posto na carreira de Bélxica (Spa). Barwa Addax coroouse como campión de equipos.

A tempada de 2012 tivo doce datas, das cales once foron en paralelo ao Campionato Mundial de F1 e outra tivo lugar de xeito independente en Bahrain. A tempada comezou o 24 de marzo en Malaisia econcluíu en Singapur o 23 de setembro. Davide Valsecchi (DAMS) gañou o título por 25 puntos fronte ao Arden de Luiz Razia, e foi terceiro o Lotus GP de Esteban Gutiérrez.

Nesta tempada, o equipo Lazarus substituíu o Super Nova Racing utilizando a denominación "Venezuela GP Lazarus", e o Lotus ART foi rebautizado como "Lotus Grand Prix".

A tempada de 2013 tivo 11 carreiras, todas elas en paralelo ao Campionato Mundial de Fórmula 1. Comezou o 23 de marzo en Malaisia econcluíu en Abu Dhabi o 3 de novembro.

Fabio Leimer gañou o título co equipo Racing Engineering, con 201 puntos e tres vitorias. Sam Bird, conducindo para o equipo Russian Time, acabou segundo.

Na tempada de 2014 houbo 11 carreiras, todas elas coincidenets coas da Fórmula 1. Comezou o 5 de abril en Bahrain e rematou en Abu Dhabi o 23 de novembro

Jolyon Palmer gañou o título no circuíto ruso de Sochi co equipo DAMS. Stoffel Vandoorne, con ART Grand Prix, acabou segundo en Abu Dhabi.

Na tempada de 2015 tiveron lugar tamén 11 carreiras, coincidentes coa Fórmula 1 e coa carreira final do Campionato do Mundo de Resistencia nas Seis Horas de Bahrain. Comezou en Bahrain o 18 de abril e acabou en Abu Dhabi o 29 de novembro.

Quedou en primeiro posto Stoffel Vandoorne, e Alexander Rossi, no equipo Racing Engineering, acabou segundo.

As 11 carreiras da tempada de 2016 comezaron en España o 14 de maio e acabaron en Abu Dhabi o 27 de novembro.

Pierre Gasly resultou gañador, co equipo Prema Racing (que gañou o campionato de equipos na súa primeira tempada). Antonio Giovinazzi, do mesmo equipo, acabou segundo.

Este ano, GP2 Series cambiou o seu nome para se converter en Fórmula 2.

Dereitos de televisión

[editar | editar a fonte]

Os dereitos de televisión son propiedade de FOM, do mesmo xeito que os da Fórmula 1.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]