Saltar ao contido

Fallas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Fallas de Valencia»)
Este artigo trata sobre a festa valenciana, para o artigo sobre a fractura de dúas rochas véxase Falla.
Falla da Praza do Concello de Valencia do ano 2019.

As Fallas (en valenciano: Falles) son unhas festas dunha semana de duración que se celebran durante o mes de marzo, na honra a San Xosé, na cidade de Valencia. Tamén se celebran, inspiradas nas da capital valenciana, noutras localidades da Comunidade Valenciana. Están declaradas Festas de Interese Turístico Internacional, e no ano 2016, a Unesco incluíunas na súa Lista Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.

As Fallas.

No catalán medieval, a verba falla servía para nomear os fachos que se colocaban no alto das torres de vixilancia. Deriva do latín facula. No Llibre dels Fets (a primeira das catro grandes crónicas de Xaime I, cítase que as tropas do Rei Xaime, levaban falles para alumear.

Caracterízanse fundamentalmente porque se plantan nas rúas monumentos ou esculturas, denominadas fallas, tradicionalmente, de madeira e cartón, aínda que hoxe en día fanse polo xeral de polistireno e madeira. Estes monumentos han de estar plantados antes do día 15 de marzo pola mañá (nit de la Plantà) queimándose catro días despois, a noite do día de Sant Josep á medianoite (nit de la Cremà).

As festas son orixinarias da cidade de Valencia, pero hoxe en día celébranse en moitos pobos do País Valenciano (por exemplo Alzira, Benicarló ou Gandia) e mesmo noutros países (coma na Arxentina).

A festa dunha cidade

[editar | editar a fonte]
Falla da Praza do Ajuntament 2008.

As Fallas son unha festa cunha arraigada tradición na cidade de Valencia e poboacións circundantes. Actualmente, esta festividade converteuse nun atractivo turístico moi importante.

As súas orixes son realmente sinxelos, unha simple queima de refugallos dos talleres de carpintaría. Pero a inventiva do pobo valenciano foi aglutinando tódolos trazos propios da súa cultura e historia.

Poderíase dicir que son os entroidos da cidade de Valencia, onde toda a picaresca e crítica envórcase nos monumentos (de tal xeito que, ao queimalos, elimínanse os problemas e males), tamén nesta festa únense varios aspectos que definen unha cultura, eles son o lume, a música, a pólvora e a rúa.

Case en cada rúa da cidade hai un Casal Faller, que durante todo o exercicio procura fontes de ingreso para poder pagar a festa e o seu propio monumento. Amais, normalmente cada comisión consta tamén dunha comisión infantil, formada unicamente por nenos, que tamén prantan a súa propia falla. As fallas infantís miden, como máximo, 3 metros de diámetro e están compostas por figuras de estética máis próxima ao mundo dos nenos e xeralmente non mostran temas críticos.

Dende o 15 de marzo até o 19 de marzo os días e noites en Valencia son unha festa continua. Pero xa dende o 1 de marzo fanse mascletaes, espectáculo de petardos e fogos artificiais, no que se obteñen composicións musicais a través do ruído dos canóns de pólvora. Estes espectáculos teñen lugar na Praza do Concello, no centro da cidade, ás 14:00 horas. Algunhas comisións falleira] disparan mascletaes xunto os seus casals durante a semana falleira.

O total de fallas (386 en 2007) clasifícanse en categorías ordenadas por orzamento (Especial, Primeira [A,B], Segunda [A,B], Terceira [A,B,C],..., Sétima C), e dentro de cada categoría organízase un concurso no que se elixe a mellor falla. Para iso valóranse as diferentes calidades: monumentalidade, risco, temática, colorido etc. Tamén se elixe ao ninot indultat (o boneco indultado) que se salvará da fogueira. Estes premios non supoñen ningunha recompensa material, só a satisfacción do premio obtido, que se indicará cunha bandeirola na falla até o día da cremà. Aínda que os premios son un orgullo para as comisións de tódalas categorías, a protagonista nos medios de comunicación é a Sección Especial. Nesta participan as fallas máis caras da cidade, con custos que xa superaron os 720.000 euros. Diñeiro que se recada entre os falleiros de cada falla e doutros elementos por exemplo: premios recibidos, exposicións na rúa (rúas decoradas e/ou iluminadas), visitas polo recinto interior da falla ou a venda de lotarías. Nos últimos anos os patrocinadores comerciais cobraron grande importancia na economía das comisións falleiras que, sobre todo nas categorías máis importantes (Especial e RbD), constitúen a principal fonte de financiamento dos monumentos falleiros.

Aínda que o obxectivo das comisións é construír as fallas para a festa de Sant Josep, durante o resto do ano en cada casal realízanse actos festivos, culturais e sociais de todo tipo, que fan das comisións falleiras un dos principais eixos da vida asociativa e do armazón social de Valencia e os demais municipios onde se celebra esta festa.

Por último dicir, que as festas falleiras non se entenden sen bunyols (bolos de vento) e llepolia (delicia), típico manxar do País Valenciano.

As fallas coma monumentos

[editar | editar a fonte]

Habitualmente teñen carácter satírico sobre temas de actualidade. As fallas adoitan constar dunha figura ou composición central de varios metros de altura, as máis grandes pudendo superar os 30 metros (exactamente a Falla Nou Campanar 2007, con 32 metros, foi a máis alta e voluminosa da historia) rodeadas de numerosas figuras de cartón pedra (material que nos últimos anos está a ser substituído por outros máis modernos como o polistireno expandido, máis lixeiro e moldeábel, aínda tamén máis tóxico), sostidas por unha armazón de madeira. Inclúen letreiros escritos en valenciano explicando o significado de cada escenografía, sempre con sentido crítico e satírico.

Os artistas e artesáns, escultores, pintores e outros moitos profesionais dedícanse durante meses a construír monumentos que as diferentes comisións (en Valencia hai 386) contratan. As Fallas instálanse na rúa o 15 de marzo pola noite, o día de La Plantà (vén do verbo: plantar, non esquezamos a tradición agrícola deste pobo). Ultimamente, e dadas as dimensións dalgunhas fallas, o acto da plantà adiántase varias semanas (en 2008, Nou Campanar comezou a súa plantà o 27 de febreiro) sendo necesaria a axuda de guindastres. O acto no que se queima a falla denomínase a cremà (queima).

Como complemento aos letreiros, algunhas comisións editan un llibret (folleto) no que se explica mediante versos satíricos o contido da falla. Este xénero iniciouse no século XIX co autor Bernat i Baldoví, e experimentou o seu máximo auxe nos anos 50 e 60 do século XX, grazas a autores como Emili Panach ou José Bea Esquerdo.

As mascletàs

[editar | editar a fonte]
Mascletà.

Exactamente ás 2 do mediodía hai a mascletà en cada barrio. A principal atracción é a Mascletà municipal na Plaça de l'Ajuntament onde os pirotécnicos compiten pola honra de facer a derradeira Mascletà o 19 de marzo, día de Sant Josep. As dúas en punto o reloxo sona e a Fallera Major aclama dende o balcón do Concello:

Senyor pirotècnic, pot començar la mascletà!

("Señor Pirotécnico, pode comezar a Mascletà!")... e a Mascletà comeza.

Son as preferidas polos valencianos e menos entendidas polos visitantes. Para entendelas é necesario estar próximos ao lugar onde se estouran, xa que non é cuestión de ver, senón de sentir e ouvir. Se te deixas levar polo ruído e o estrondo consegues unhas sensacións similares á audición dun concerto, conseguindo que o estrondo che envolva, e todo isto en cuestión de escasos minutos (5-7).

Basicamente componse de material terrestre e dun principio e final aéreo. No entanto estas composicións varían segundo o pirotécnico. Os petardos van unidos por mechas que están envolvidas en papel para que estas vaian máis rápidas. Segundo a variación das mechas, as cruces de varias filas, así como a distancia dos petardos, conseguen dar maior ou menor velocidade de disparo. Tamén acádanse diferentes efectos de sonoridade e sensación facendo que estouren no chan ou atados ás cordas que suxeitan as mechas.

As mascletàs teñen un orzamento aproximado entre 6.000 e 9.000 euros, no entanto algúns pirotécnicos poñen da súa parte para satisfacción do público. O pirotécnico que máis público atrae é V. Caballer.

Os castelos de fogos de artificio

[editar | editar a fonte]
La Cremà, no 2002

Els castells de focs artificials. Durante as festas falleiras, co Concello programa un Castell de Focs Artificials cada noite, que se dispara, dependendo do día, entre a 1:00 e a 1:30 horas na zona da Alameda xunto a antiga canle do río Turia.

O máis importante e espectacular dos castelos é o coñecido coma La Nit del Foc (A Noite do Lume) que se dispara a noite do 18 ao 19 de marzo (véspera do día grande da festa), onde miles de quilogramos de pólvora iluminan o ceo de Valencia, chegando a congregarse máis dun millón de persoas para presencialo.

Actividades falleiras

[editar | editar a fonte]

A pesar dos múltiples e variados actos que se realizan por toda a cidade, existen algúns que son fixos; estes organízaos a Xunta Central Falleira. Descríbense a continuación por orde cronolóxica.

  • La Crida

La Crida (a chamada) é o acto no que a Fallera Major da cidade, reúne nas portas da mesma a tódalas comisións falleiras e realiza unha chamada á iniciación dos festexos a todos os valencianos e a tódolos visitantes.

Realizase dende hai moitos anos nas Torres de Serrans, consideradas a porta da cidade. A Fallera Major fai un discurso de exaltación ao estilo falleiro no que se convida aos valencianos e a todo o mundo á festa das fallas, e que acostuma a rematar coa frase:

Valencians, fallers, visquen les falles i visca València

Cavalcada del Foc.

("Valencianos, falleiros, vivan as fallas e viva Valencia")

  • Cavalcada del Ninot
  • Cavalcada del Regne
  • Cavalcada del Foc

Cabalgada do Lume. De recente instauración (2005), é unha proposta da delegación de Promoción Exterior da Xunta Central Falleira e de l'Associació d'Estudis Fallers (ADEF) para recuperar a tradición festiva valenciana, que data dos anos trinta do século XX, e que rescata o costume de que as comparsas de diaños e carrozas do deus Plutón prendan as fallas. Por iso realízase o día 19 de marzo pola tarde, a partir das sete do serán, ao longo do Carrer Colom até a Porta de la Mar, coma preludio á cremà das Fallas. Nela participan colles de dimonis de toda o País Valenciano, constituíndo un auténtico e espectacular Correfoc no mesmo centro histórico de Valencia.

Setmana Fallera

[editar | editar a fonte]
Retoques durante la plantá.

A plantà. É o acto de erixir os monumentos falleiros, máis coñecidos polo nome xenérico de fallas. Pola mañá realízase sobre os de categoría infantil e pola noite o resto de monumentos, sendo o prazo para estas até a madrugada, momento en que se presentará o xurado para cualificalas. Tradicionalmente este acto realizábase nun só día; este feito aumentaba a competitividade das comisións así como acrecentaba a emoción, xa que o monumento, de non estar totalmente acabado, era descualificado.

O modo de elevar a parte principal do monumento, realizábase por medio dunha colla de persoas pertencentes a falla. A cal se erixía dunha vez, denominándose plantà al tombe. Actualmente algunhas comisións querendo desmarcarse un pouco da competitividade están a tentar retornar ás súas orixes realizando a plantá na súa antiga modalidade.

Recollida de premios. Neste día iniciase a recollida de premios das fallas infantís, sendo para o día seguinte a entrega do resto de categorías. Comezan os castells (espectáculos de fogos de artificio) na vella canle do río Turia (días 15, 16, 17 e 18).

Plaça de la Verge trala Ofrena

Neste día iníciase a ofrenda á Mare de Déu dels Desemparats (Virxe dos Desamparados), patroa da cidade de Valencia, na Praza da Virxe. A ofrenda realízase pola tarde até ben entrada a noite, continuándose ao día seguinte. Nun principio realizábase durante o día 18, pero debido ao gran número de comisións ampliouse a dous días, adiantándose esta ao día anterior. Nela, cada falleiro ofrece un ramo de flores co que se confecciona un espectacular tapiz a modo de manto que cobre o corpo da Virxe, cuxa estrutura de madeira permite ir entrelazando os ramos para formar impresionantes deseños. Isto, sumado aos 14 metros de altura da Virxe, dotan á ofrenda dunha gran vistosidade.

  • Día 18: A Nit del Foc. A Fallera Major de Valencia logo de presidir a ofrenda de flores clausura o acto sendo a última en desfilar ante a Virxe. A Nit del Foc é unha das manifestacións pirotécnicas nocturnas (o último Castell das festas) máis importantes da festa falleira que antigamente anunciaba o final dos festexos, e que dende hai anos trasladouse ao penúltimo día. É o espectáculo pirotécnico máis espectacular de tódalas fallas, cunha duración que adoita oscilar entre 30 e 40 minutos e onde se queiman 1200 kg de pólvora repartidos por todo tipo de carcasas de cores e son. Adoita ser o momento onde máis xente se reúne, chegándose a alcanzar facilmente máis dun millón de persoas.
Falla durante a Cremà.
  • Día 19 (san Xosé): A Cremà. A Cavalcada del Foc (Cabalgata do Lume) é unha cabalgata que anuncia a chegada do lume que queimará as fallas. Antigamente era o acto en que, tras retirar os ninots das fallas, levábanos en cabalgata até o Museu Faller (Museo Falleiro).

A Cremà é o acto de clausura das festas. Consiste na queima dos monumentos falleiros plantados nas rúas de Valencia o día 15 de marzo. O acto vén precedido por un castelo de fogos artificiais, prendido pola Fallera Major e o President de la Comisiò. En primeiro lugar, ao redor das dez da noite, procédese a cremà do monumento infantil fóra de falla gañadora do primeiro premio da sección especial, que se queima ás dez e media. Posteriormente quéimase o monumento principal ás doce da noite e ás doce e media procédese a quéimaa do primeiro premio da Sección Especial desta categoría. Por último, á unha da madrugada quéimase o monumento falleiro da praza do Concello que está fóra de concurso. O resto de fallas quéimanse grazas ao corpo de Bombeiros de Valencia, que é o único organismo encargado de apagar as cinzas das Fallas valencianas de toda a provincia. É por iso, que esa noite, hai fallas que se queiman case ao amencer.

Os falleiros e as falleiras desfilando.

No valenciano medieval, a palabra falla servía para nomear os fachos que se colocaban no alto das torres de vixilancia. Deriva do latín facula (facho). No Llibre dels Fets, cítase que as tropas do rei Jaume I levaban fallas para alumarse.

Este termo utilizábase tanto para os fachos que iluminaban as tendas de campaña como as que se utilizaban para alumar unha festa. Máis adiante faise referencia a este termo para referirse ás fogueiras e luminarias que se acendían en vésperas de festas extraordinarias e patronais.

A véspera de Sant Josep acendíanse fogueiras para anunciar a súa festividade, recibindo esa práctica ritual o nome de falla.

A versión máis popular da orixe das fallas, segundo o Marqués de Cruïlles, é foron iniciadas polo gremio de carpinteiros que queimaban na véspera do día do seu patrón Sant Josep unha fogueira purificadora, labras e trastes vellos facendo limpeza dos talleres antes de entrar a primavera.

Existen outros autores que tentan atopar unha orixe máis antiga á festa, defendendo que o culto ao lume é un ritual de tradición pagá e que as fallas non son máis que unha versión deste arcaico ritual que anuncia a entrada da primavera e trata de propiciar a fertilidade.

No século XVIII algunhas das fallas que se acendían en Valencia non eran meras fogueiras senón monumentos satíricos e burlóns nos que se expuñan á vergoña pública e queimábanse simbolicamente persoas e situacións da vida real.[1] Hai diferentes hipóteses sobre o comezo da festa fallera. Polo que hoxe pódese saber os albores das fallas remóntanse a principios do século XVIII. Unha destas teorías, a máis probábel, explica que os carpinteiros valencianos, ao final de cada inverno, facían queimar os seus "parots" (estruturas das que colgaban os candís que lles daban luz) posto que coa chegada da primavera, e ao facerse os días máis longos, xa non eran necesarios. Co paso do tempo, e por mediación da Igrexa, fíxose coincidir a data de queima destes parots coa véspera da festividade do patrón dos carpinteiros, Sant Josep.

A tradición foi someténdose a cambios co paso do tempo. A ese parot fóronselle engadindo roupas para que adoptase fisionomía humana. Tamén se empezaban a incorporar carteis alusivos a algún personaxe coñecido do barrio. Dotóuselle así dun contido satírico e burlesco para chamar a atención aos veciños. Ademais, os nenos ían de casa en casa pedindo "unha estoreta velleta" (unha alfombra vella), que se converteu nun canto popular para recoller todo tipo de móbeis e utensilios vellos para queimalos nunha fogueira xunto co parot. Estes parots foron os primeiros ninots. Co paso do tempo incorporouse a xente do barrio ao proceso de confección dos catafalcos, e naceron monumentos que incorporaban varias figuras.

Até comezos do século XX as fallas eran caixóns altos con tres ou catro bonecos de cera vestidos con roupas de tea, até que os artesáns incorporaron un novo procedemento: a reprodución de moldes en cartón pedra. A creación das fallas foi evolucionando até a actualidade, onde a maioría de monumentos están compostos de polistireno expandido (poliexpán), cortiza branda facilmente moldeábel con serras de calor que lle achega máis brillo á peza. Así a arte das fallas xerou monumentos de maiores dimensións con remates que superan os 30 metros de altura.

Hoxe as fallas moven preto dun millón de turistas anualmente. Plántanse 385 monumentos na cidade de Valencia e máis de 250 no resto da provincia. O Gremi d´Artistes Fallers subsiste como entidade encargada de ensinar o antigo oficio de produción de monumentos falleiros. A Xunta Central Falleira é a entidade que organiza a festa e mantena viva durante todo o exercicio falleiro.

Clasificación de fallas e galardóns

[editar | editar a fonte]
Detalle da Falla de Nou Campanar 2006. Gañadora da Sección Especial dese ano.

A sección Especial agrupa ás comisións falleiras que plantan as fallas que teñen máis orzamento da cidade de Valencia e que compiten polo que se pode considerar como o premio á mellor falla de cada ano da cidade. Adóitase considerar como a primeira división no mundo das fallas. No ano 2008 houbo un total de 14 fallas nesta Sección Especial, mentres que o número de monumentos plantados na Cidade é de case 400. Esta sección creouse por primeira vez en 1942 e naquel ano só tres comisións tomaron parte na categoría, as de Barcas, Reina-Paz e Praça del Mercat, hoxe en día ningunha das tres pertence a esta sección. A máis antiga nesta sección é a de Na Jordana que suma 55 participacións nesta sección en 2008, séguenlle de preto Convent Jerusalem con 52, a Praça del Pilar con 49 e a Praça de la Mercè con 44.

Outros galardóns

[editar | editar a fonte]

O resto das comisións de Valencia compiten en categorías inferiores a esta que van desde a Sección Primeira A, Primeira B até a sétima C, a máis baixa de todas as seccións en 2007. Á súa vez os monumentos grandes compiten entre eles, mentres que os monumentos infantís loitan polo premio á mellor falla infantil. Estes monumentos tamén están clasificados en diferentes categorías ou seccións.

A falla que planta o Ajuntament de Valencia na Plaça de l'Ajuntament é a única que non compite por ningún galardón xa que participa fóra de concurso da festa falleira.

Cada unha das seccións nas que quedan divididas tódolos monumentos que se plantan na cidade de Valencia optan a lograr o primeiro premio da sección na que compiten. Pero á marxe deste premio á totalidade da Falla tamén outórganse outros premios coma o premio do enxeño e graza que non ten porque coincidir có de mellor monumento da sección ou o premio ao mellor llibret de falla.

Nos últimos anos tomou importancia o premio á mellor iluminación, nos que as rúas da demarcación falleira de cada casal, aluméanse con luces multicolores. Hai fallas que atraen unha grande afluencia de público grazas á súa iluminación, hai que destacar a falla de Sueca - Literat Azorín, que é a gañadora do premio de iluminación dos últimos 14 anos, e que todos os anos ten unha grande afluencia de público para ver as súas impresionantes luces.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]